DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 20 de febreiro de 2026 Páx. 14429

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 30 de xaneiro de 2026, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa ao deslindamento dos montes veciñais en man común Valdecabrita e mais Os Feixós ou Os Terrois, no concello da Veiga.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Valdecabrita, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Baños, Corzos e Valdín, e mais o MVMC Os Feixós ou Os Terrois, pertencente á CMVMC de Corzos, no concello da Veiga, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 1.9.2025 a CMVMC de Baños, Corzos e Valdín presentou un escrito (REXEL 2025/2375221) en que solicita a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Corzos.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.

– Informe de deslindamento.

Segundo. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense do 30 de setembro de 2025 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Valdecabrita, pertencente á CMVMC de Baños, Corzos e Valdín, e mais o MVMC Os Feixós ou Os Terrois pertencente á CMVMC de Corzos, desde o vértice 1 (o situado máis ao NO) ata ao vértice 12 (o situado máis ao SE).

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. Esta resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 30 de setembro de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 1 de decembro de 2025:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Valdecabrita, pertencente á CMVMC de Baños, Corzos e Valdín, e mais o MVMC Os Feixós ou Os Terrois, pertencente á CMVMC de Corzos, no concello da Veiga.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 30 de xaneiro de 2026

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense