Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) de Covelo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Covelo, e mais o MVMC Auga Tallada pertencente á CMVMC das Laceiras, nos concellos de Melón e Carballeda de Avia, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 15.7.2025 a CMVMC de Covelo presentou un escrito (REXEL 2025/2015366) en que solicita a aprobación dun deslindamento coa CMVMC das Laceiras.
Coa solicitude achegou a seguinte documentación:
– Acta de deslindamento.
– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Melón.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.
– Memoria de deslindamento.
Segundo. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense do 19 de setembro de 2025 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC De Covelo, pertencente á CMVMC de Covelo, e mais o MVMC Auga Tallada, pertencente á CMVMC das Laceiras, desde o vértice 1 (o situado máis ao O) ata a o vértice 37 (o situado máis ao L).
Logo de analizar os vértices e a súa localización obsérvase que:
• Entre os vértices 5 e 19 a liña axústase á traza da liña intermunicipal vixente segundo o MTN do IXN, a cal marca o límite entre ambos os montes.
Neste sentido, o tramo en cuestión coincide coa representación dixital que del consta actualmente na base cartográfica do Rexistro dos MMVVMC.
• Entre os vértices 1 e 4, a liña revisada axústase a unha devasa separada uns 35 m (ao N) do límite oficial, o que deixaría situada, dentro do concello veciño, unha pequena franxa de terreos (duns 250 m de longo por 30 m de largo) do MVMC de Covelo.
• Entre os vértices 20 e 37, a liña revisada sepárase novamente da traza oficial da liña intermunicipal, axustándose sucesivamente a un muro e a un peche gandeiro; como resultado, sería o MVMC Auga Tallada o que, neste caso, pasaría a dispor dunha pequena franxa de terreos (duns 300 m de longo por 20-30 m de largo) dentro do concello veciño.
O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. Esta resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 19 de setembro de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 1 de decembro de 2025:
Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC de Covelo, pertencente á CMVMC de Covelo, e mais o MVMC Auga Tallada, pertencente á CMVMC das Laceiras, nos concellos de Melón e Carballeda de Avia.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 30 de xaneiro de 2026
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
