DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 26 de febreiro de 2026 Páx. 15239

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fai público o Acordo do 13 de febreiro de 2026 entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Consellería do Medio Rural polo que se encomendan a esta última determinados actos de xestión das listas para o nomeamento de persoal interino e a contratación temporal de persoal laboral de categorías, corpos ou escalas dedicados ás tarefas de prevención e defensa contra incendios forestais.

As consellerías de Facenda e Administración Pública e do Medio Rural asinaron o 13 de febreiro de 2026 un acordo para xestionar determinados actos de xestión das listas para o nomeamento de persoal interino e a contratación temporal de persoal laboral de categorías, corpos ou escalas dedicados ás tarefas de prevención e defensa contra incendios forestais.

Para xeral coñecemento, disponse a súa publicación como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026

Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal

ANEXO

Acordo do 13 de febreiro de 2026 entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Consellería do Medio Rural polo que se encomendan a esta última determinados actos de xestión das listas para o nomeamento de persoal interino e a contratación temporal de persoal laboral de categorías, corpos ou escalas dedicados ás tarefas de prevención e defensa contra incendios forestais

Co obxecto de acadar unha maior eficacia na xestión do persoal temporal correspondente aos corpos e escalas do persoal funcionario interino ou ás categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais que se especifican no anexo I deste acordo, encoméndanse desde o ano 2007 determinados actos de xestión das listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, á Consellería do Medio Rural.

Estas consellerías, dado o prazo de vixencia da encomenda acordada no ano 2024, e ao abeiro do disposto no artigo 11 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na disposición adicional primeira do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia,

ACORDAN:

Cláusula 1

Encomendarlle á Consellería do Medio Rural determinados actos de xestión das listas para o nomeamento de persoal interino e para a contratación temporal de persoal laboral das categorías, corpos e escalas que se especifican no anexo I, reguladas no Decreto 37/2006, do 2 de marzo, do persoal da Xunta de Galicia dedicado ás tarefas de prevención e defensa contra incendios forestais.

A encomenda abranguerá as seguintes actuacións e terán o alcance que en cada caso se sinala:

a) A organización e realización da proba física a que se deben someter as distintas persoas integrantes das listas.

b) A realización dos chamamentos para a cobertura temporal dos distintos postos de traballo dedicados ás tarefas de prevención e defensa contra incendios forestais adscritos ás categorías, corpos e escalas que constan no anexo I. Para estes efectos, utilizarase unha aplicación informática proporcionada pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal cando este chamamento se realice a través das listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

Cláusula 2

A encomenda de xestión non supón a cesión da titularidade das competencias.

Cláusula 3

A encomenda terá un prazo de vixencia de dous anos a partir da súa publicación. Este prazo poderá ser prorrogado por igual período, mediante acordo expreso das partes, que se publicará antes do remate do seu prazo de vixencia.

Disposición derradeira. Este acordo entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2026. Miguel Corgos López-Prado, conselleiro de Facenda e Administración Pública. María José Gómez Rodríguez, conselleira do Medio Rural

ANEXO I

Grupo

Subgrupo

Categoría

Corpo/Escala

Denominación

B

209U

Corpo de técnicos/as de carácter facultativo, escala técnica do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade bombeiro/a forestal xefe/a de brigada

C2

207S

Corpo de auxiliares de carácter técnico, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade de emisorista/vixilante/a fixo/a

C2

207T

Corpo de auxiliares de carácter técnico, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade bombeiro/a forestal-condutor/a de motobomba

C2

207U

Corpo de auxiliares de carácter técnico, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade bombeiro/a forestal

I

038

Técnico/a superior de defensa contra incendios forestais

II

039

Técnico/a forestal de defensa contra incendios forestais

III

100

Bombeiro/a forestal xefe/a de brigada

IV

032

Operador/a codificador/a de datos de defensa contra incendios forestais

IV

033

Bombeiro/a forestal condutor/a de motobomba

IV

037

Oficial/a de segunda mecánico/a de máquinas de defensa contra incendios forestais

V

10A

Vixilante móbil de defensa contra incendios forestais

V

10B

Vixilante fixo/a de defensa contra incendios forestais

V

10C

Emisorista de defensa contra incendios forestais. Escoitaincendios

V

014

Bombeiro/a forestal

V

14A

Bombeiro/a forestal condutor/a