O Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril), e o Decreto 136/2024, do 20 de maio (DOG núm. 101, do 27 de maio), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, determinan que esta, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, é o departamento encargado de xestionar as competencias que, en materia de protección civil, ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia.
A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, define no seu artigo 31 punto 3 que serán obxecto de plans especiais de protección civil, nos ámbitos territoriais que sexan precisos, as emerxencias producidas por inundacións, movementos sísmicos, riscos químicos, transporte de mercadorías perigosas, incendios forestais e todas aqueloutras que se determinen por parte dos órganos competentes. Os plans especiais de ámbito municipal ou supramunicipal integraranse nos plans de protección civil correspondentes.
O Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais na Comunidade Autónoma de Galicia, Peifoga, establece que aqueles municipios con todo ou parte do seu territorio en zonas de alto risco, ZAR, así como aqueles con índice de risco potencial alto ou moi alto, deberán redactar o plan de actuación municipal.
A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2, parágrafo f), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82), determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía de participación da cidadanía en diferentes materias tales como a protección civil, as emerxencias e a prevención de riscos.
Con todo, tendo en conta que o exercicio e desenvolvemento da competencia municipal sinalada no artigo 80.2.a) da citada Lei 5/1997, do 22 de xullo, implica para os concellos un grande esforzo, tanto en recursos humanos como materiais, a Xunta de Galicia atopa interese en colaborar cos concellos de Galicia para a elaboración, revisión e implantación dos plans de actuación municipal para o risco de incendios forestais.
No marco xurídico descrito, é necesario sinalar que a Xunta de Galicia ten, entre os seus obxectivos, potenciar e apoiar a prestación de servizos por parte dos municipios. Neste sentido, o Goberno da Xunta de Galicia, en concordancia cos principios de cooperación, interese público e responsabilidade, marcouse como obxectivo colaborar cos municipios para que teñan planificada a resposta ante emerxencias por incendios forestais no seu ámbito territorial, e así minimizar os danos en caso de materializarse este risco, e desta forma prestar servizos de calidade á cidadanía, optimizando os recursos económicos das administracións mediante fórmulas que permitan a xestión compartida na prestación dos servizos públicos.
Por tanto, esta orde exponse como unha medida que potencie a seguridade dos cidadáns, a través da elaboración, revisión e implantación dos plans de actuación municipal para o risco de incendios forestais.
Esta convocatoria tramítase como anticipada de gasto, de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 17 de outubro de 2025, na cal se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.
No exercicio destas competencias, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes quere establecer con esta orde un instrumento que, acomodándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, conforme os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados á mellora e ao equipamento dos concellos en tarefas de prevención de riscos en emerxencia e protección civil, de acordo cos principios recolleitos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 44/2024, do 14 de abril, polo que se nomean os titulares das consellerías da Xunta de Galicia, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e definicións
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2026, destinadas ao financiamento dos gastos que realicen os municipios cunha poboación inferior a 10.000 habitantes, na elaboración, revisión e implantación do Plan de actuación municipal para o risco de incendios forestais, código de procedemento PR460E.
2. En ningún caso será obxecto de subvención nesta convocatoria a elaboración, a revisión e a implantación de plans de actuación municipal para o risco de incendios forestais que non cumpran coas prescricións que para eles se establecen no Plan territorial de emerxencias de Galicia, Platerga, nin no Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais na Comunidade Autónoma de Galicia, Peifoga.
3. O procedemento de concesión destas subvencións, de acordo co establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tramítase mediante o rateo entre as entidades do importe global máximo destinado á subvención, segundo os criterios fixados no artigo 5 da orde.
Artigo 2. Financiamento
1. Esta orde finánciase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2026, a través do crédito consignado na aplicación 05.06.212A.460.3 dos orzamentos da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, por importe total de 330.000 €.
2. Existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
3. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2026.
4. Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.
5. Ao amparo desta normativa, o crédito previsto no punto 1 deste artigo e, por tanto, a concesión das subvencións queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2026 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.
Artigo 3. Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios os municipios galegos de menos de 10.000 habitantes que cumpran os seguintes requisitos:
1. Ter obriga de contar con Plan de actuación municipal ante o risco de incendios forestais, conforme se determina no plan Peifoga.
2. Ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2024 no Consello de Contas de Galicia.
Artigo 4. Actuacións e gastos subvencionables
1. Serán subvencionables os gastos en que incorran os concellos entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 1 de novembro de 2026, para a elaboración ou a revisión do Plan de actuación municipal para o risco de incendios, para aqueles concellos que teñan obriga de elaborar o plan. Para ese efecto, como anexo I a esta resolución, inclúese a relación daqueles municipios de menos de 10.000 habitantes que teñen obriga de contar con Plan de actuación municipal para o risco de incendios e non contan aínda con el, e no anexo II, aqueles municipios con menos de 10.000 habitantes que teñen Plan de actuación municipal para o risco de incendios homologado e deben revisalo.
Os gastos subvencionables serán os seguintes:
a) Os gastos relativos a servizos técnicos profesionais que respondan á elaboración ou revisión dos correspondentes plans de actuación municipal para o risco de incendios forestais, incluídos os gastos de implantación.
b) En caso de elaborar o plan con persoal propio do municipio, os gastos do devandito persoal na parte correspondente: salarios, soldos e cotizacións á Seguridade Social do persoal coa cualificación necesaria para a elaboración de plans de actuación municipal para o risco de incendios forestais.
2. Todos os gastos realizados deberán ser realizados e pagados polo solicitante entre o 1 de xaneiro e o 1 de novembro de 2026.
Artigo 5. Contía e intensidade da subvención
1. A contía da subvención a cada solicitante calcularase da seguinte forma:
a) Obter o sumatorio do número de solicitudes admitidas dos concellos do anexo I (concellos que non teñen Plan de actuación municipal ante incendios municipais homologado) máis o 40 % de solicitudes admitidas dos concellos do anexo II (concellos que teñen Plan de actuación municipal ante incendios forestais homologado).
b) O importe total da orde de axudas consignado no artigo 2.1 dividirase entre a cifra obtida na letra anterior.
c) Cada un dos municipios do anexo I recibirá o importe obtido na alínea b) e cada unha dos municipios do anexo II recibirá o 40 % do importe obtido na alínea b).
2. O importe das subvencións reguladas na presente orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente, ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos, ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.
3. Os municipios deberán participar con, polo menos, o 25 % do financiamento das actuacións obxecto da subvención, polo que o importe para pagar será como máximo o 75 % do custo total xustificado.
Artigo 6. Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo III) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidas pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. O prazo de presentación de solicitudes será de un mes e comezará a computarse transcorridos cinco (5) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a partir das 9.00 horas. No caso de que o día de inicio do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o día hábil seguinte, tamén ás 9.00 horas. O día de finalización do prazo poderán presentarse as solicitudes ata as 20.00 horas.
Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non existe día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación sen condicións das presentes bases reguladoras.
6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de inadmisión da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 7. Documentación complementaria
1. Os municipios interesados deberán anexar co anexo III da solicitude, debidamente cumprimentado, a seguinte documentación:
a) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa responsable da secretaría do municipio solicitante, no modelo do anexo IV, na cal se faga constar:
i. O acordo do órgano municipal competente do municipio polo cal se solicita a subvención para actuacións concretas que se pretenden desenvolver ao amparo desta orde e acéptanse as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.
Este acordo deberá estar adoptado antes o vencemento do prazo de presentación de solicitudes e nel constará expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde.
ii. A remisión da conta xeral do municipio ao Consello de Contas de Galicia, correspondente ao exercicio orzamentario de 2024, á cal fai referencia o artigo 3.2 desta orde.
No certificado quedará acreditado que esta remisión efectuouse antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de envío ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas en que non se faga constar esta data de remisión.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias anexadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaian a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Defectos na solicitude e outra documentación
1. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, que é o órgano competente para a instrución do procedemento, notificaralles aos municipios solicitantes os defectos emendables nas solicitudes e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daralles un prazo máximo e improrrogable de dez (10) días para emendar os erros ou omisións, coa indicación de que, de non facelo así, consideraranse desistidas da súa petición, tras a resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa consta en poder da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e non se producise desde o momento en que foi presentada ningunha variación que afecte o seu contido ou vixencia, non será necesario anexala de novo. Neste caso, o municipio solicitante indicará a data e o procedemento para os cales foron presentados ou emitidos, de ser o caso, sen prexuízo do previsto con carácter xeral no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior poderá requirir os municipios solicitantes para anexar cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a verificación correcta da solicitude ou para a súa tramitación e resolución.
Artigo 10. Instrución e resolución
1. Finalizado o prazo para a presentación das solicitudes, revisadas estas e a súa documentación e feitas as correccións necesarias, daqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan a documentación preceptiva, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior elevará proposta á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, quen resolverá.
2. A resolución notificaráselles a todas as entidades interesadas segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así mesmo, de conformidade co artigo 23.5 da mesma lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima as entidades interesadas para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.
3. Contra esta resolución, as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous (2) meses, ante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.
4. O prazo máximo para resolver e notificar os procedementos de subvención iniciados en virtude desta orde será de tres (3) meses contados desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. A non resolución no prazo establecido dará lugar ao silencio negativo do procedemento.
Artigo 11. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán crear, de oficio, o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 12. Aceptación
1. A entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez (10) días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.
2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.
Artigo 13. Xustificación e pagamento
1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez que se acredite debidamente o cumprimento do obxecto para o cal foi concedida mediante a presentación da certificación emitida e asinada pola persoa responsable da Secretaría do municipio, emitida no modelo do anexo V para o caso da contratación de servizos técnicos profesionais, e no modelo do anexo VI para o caso de elaborar o plan con persoal propio do municipio. Na certificación farase constar:
a) O acordo de aprobación polo órgano competente do municipio dos gastos totais soportados imputables á actuación subvencionada, no cal conste que se cumpriu a finalidade para a que foi concedida a subvención, que inclúa o importe dos gastos.
b) No suposto de contratación da elaboración do Plan de actuación municipal para o risco de incendios forestais, identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. No suposto de gastos de persoal propio, certificación que inclúa unha relación do persoal técnico implicado na elaboración do plan, detallando o nome e os apelidos do/da traballador/a, categoría profesional, número de afiliación á Seguridade Social, grupo de cotización, número de horas dedicadas ao proxecto, importe total imputado e datas de inicio e final do seu traballo.
c) Exemplar en soporte dixital do plan subvencionado.
d) Que, segundo o informe da intervención municipal, se tomou razón na contabilidade, en fase de recoñecemento da obriga, dos gastos correspondentes á execución das actuacións subvencionadas, en cumprimento das obrigas de publicidade establecidas no punto 10 do artigo 14 desta orde.
e) Que, segundo o informe da persoa secretaria do concello, a contratación do servizo se realizou consonte a normativa de contratación do sector público.
2. En vista desta documentación, o órgano competente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes expedirá unha certificación acreditativa do cumprimento polo municipio beneficiario, dentro dos prazos establecidos, dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras para proceder ao pagamento da subvención.
3. Cando o gasto debidamente xustificado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, mantendo constante a porcentaxe de financiamento establecido na resolución de concesión.
En ningún caso o menor custo de execución pode supoñer unha execución deficiente da actuación subvencionada e a entidade beneficiaria da subvención debe cumprir as condicións da concesión e a finalidade ou os obxectivos para os cales se concedeu a axuda.
4. A data límite para presentar a documentación xustificativa da subvención será o 1 de novembro de 2026.
Artigo 14. Obrigas dos municipios beneficiarios
Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao amparo desta orde quedan obrigadas a:
1. Cumprir co obxectivo de elaborar o plan seguindo a Guía para elaborar ao PAM para o risco de incendios forestais que está á disposición na web https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/es/plans-de-emerxencia, así como os criterios técnicos comúns que se indiquen na resolución de concesión da axuda para efectos de garantir a homoxeneidade, compatibilidade xeoespacial e integración da información no xeoportal de protección civil da Xunta de Galicia.
2. Remitir o plan subvencionado á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para homologar por parte da Comisión Galega de Protección Civil, con carácter previo á súa aprobación no Pleno do concello.
3. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade que fundamentou a concesión da subvención e o seu custo real, nos prazos e na forma establecidos nestas bases reguladoras e na demais normativa de aplicación.
4. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e executar a totalidade das actuacións que integran o proxecto presentado xunto coa solicitude que fundamentou a resolución de concesión, sen prexuízo das modificacións das características do proxecto subvencionado que o órgano competente poida autorizar conforme as prescricións da normativa de aplicación.
5. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa dos municipios e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas. Serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.
6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
8. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios.
9. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e prestar colaboración e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
10. Dar a publicidade adecuada do carácter público do financiamento das actuacións obxecto da subvención, de acordo co establecido no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos incluirase na portada do documento unha liña en que se indicará que foi financiado pola Xunta de Galicia.
11. Proceder ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora correspondentes, seguindo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:
a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.
b) Incumprimento da obriga de xustificar a efectividade dos pagamentos derivados da execución do proxecto subvencionado, nos termos establecidos no artigo 13 desta orde.
c) Se o custo efectivo final da actuación resulta inferior ao importe pagamento da subvención, procederá o reintegro proporcional. O eventual exceso de financiamento público calcularase tomando como referencia a proporción que a achega debe conseguir respecto ao custo total, de conformidade co previsto no artigo 5 destas bases reguladoras.
d) O incumprimento das normas e das condicións relativas á contratación, contidas nestas bases e demais normativa de aplicación.
e) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita Lei de subvencións de Galicia ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.
Artigo 15. Perda do dereito á cobranza da subvención e reintegro
1. Sen prexuízo de calquera outra causa que derive da normativa aplicable á subvención, constitúen causas de perda do dereito á cobranza da subvención ou, se é o caso, de reintegro das cantidades percibidas, as seguintes:
a) Non achegar a documentación xustificativa no tempo e/ou na forma ou a súa presentación insuficiente ou incompleta con respecto aos termos exixidos nestas bases reguladoras. A falta ou insuficiente xustificación implicará que non se teñan por realizados as actuacións subvencionadas nin o gasto, polo que a perda de dereito será total.
Compréndense neste suposto a inclusión de gastos que non corresponden ao proxecto subvencionado ou aqueles xustificados con documentos que non reflicten a realidade das operacións.
b) O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención, tanto nestas bases reguladoras como na normativa xeral de subvencións. En particular, e sen prexuízo doutros supostos aplicables, consideraranse incumprimentos das condicións establecidas os seguintes:
i. O recoñecemento da obriga dos gastos para a realización das actuacións subvencionadas fóra das datas límite fixadas no artigo 14.4 destas bases reguladoras.
ii. Calquera outra causa que poña de manifesto que a entidade non reunía os requisitos para ser beneficiaria destas subvencións ou a alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes.
iii. O incumprimento dos deberes establecidos nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos supostos establecidos no artigo 33 da esta Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo de calquera outro que resulte da normativa aplicable.
2. A perda do dereito ou o reintegro serán da totalidade da subvención.
3. O procedemento para declarar a orixe da perda do dereito de cobranza da subvención e para facer efectivo o reintegro a que refírese o punto anterior será establecer no título II da Lei 9/2007.
Artigo 16. Concorrencia de axudas e subvencións públicas
1. Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
2. Con todo, o importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, coas que é compatible, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, no seu caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.
Artigo 17. Alteración dos modelos normalizados
1. Non se aceptará ningún modelo normalizado que os municipios solicitantes ou beneficiarios deban presentar segundo as prescricións destas bases reguladoras, que conteña emendas ou riscadas.
2. Calquera observación ou aclaración que as persoas interesadas necesiten engadir con respecto ao contido dos modelos normalizados realizarase nun documento á parte.
3. O incumprimento desta norma podería dar lugar á inadmisión da solicitude, á perda do dereito á cobranza da subvención ou ao seu reintegro.
Artigo 18. Publicidade dos datos
1. Transmitirase á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida por esta, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións.
A cesión de datos de carácter persoal que, no seu caso, débase efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento da entidade beneficiaria.
2. A relación de subvencións concedidas publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (https://cpapx.xunta.gal/axudas-e-subvencions).
Artigo 19. Modificación
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Estas bases habilitan para autorizar as modificacións das actuacións subvencionadas atendendo os obxectivos e requisitos da orde e ao cumprimento da normativa de aplicación, en particular o establecido no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
A autorización para a modificación acordarase por resolución do órgano competente para a concesión destas axudas, sempre que non se cause prexuízo a terceiro.
3. Malia o anterior, e sen necesidade de instar procedemento de modificación de subvención, poderanse aceptar variacións nas partidas de gasto do proxecto subvencionado sempre que as variacións non superen en conxunto o 20 % do orzamento total, que non aumente o importe total do gasto aprobado e que non desvirtúen as características das actuacións e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión.
Artigo 20. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 21. Recursos contras as bases reguladoras e a convocatoria
Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:
1. Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias
Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde, de conformidade co previsto no artigo 3 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería (DOG núm. 117, do 18 de xuño).
Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento da orde
Autorízase a persoa responsable da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións, as instrucións, as aclaracións e as interpretacións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.
Disposición derradeira terceira. Lexislación aplicable
En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
ANEXO I
Concellos que deben elaborar o Plan de actuación municipal
ante o risco de incendios forestais
|
Provincia |
Código INE |
Concello |
|
A Coruña |
15001 |
Abegondo |
|
A Coruña |
15003 |
Aranga |
|
A Coruña |
15007 |
Baña, A |
|
A Coruña |
15013 |
Brión |
|
A Coruña |
15016 |
Camariñas |
|
A Coruña |
15020 |
Carnota |
|
A Coruña |
15021 |
Carral |
|
A Coruña |
15023 |
Cee |
|
A Coruña |
15024 |
Cerceda |
|
A Coruña |
15029 |
Coristanco |
|
A Coruña |
15032 |
Curtis |
|
A Coruña |
15033 |
Dodro |
|
A Coruña |
15034 |
Dumbría |
|
A Coruña |
15037 |
Fisterra |
|
A Coruña |
15040 |
Laxe |
|
A Coruña |
15042 |
Lousame |
|
A Coruña |
15043 |
Malpica de Bergantiños |
|
A Coruña |
15045 |
Mazaricos |
|
A Coruña |
15046 |
Melide |
|
A Coruña |
15047 |
Mesía |
|
A Coruña |
15050 |
Monfero |
|
A Coruña |
15052 |
Muxía |
|
A Coruña |
15055 |
Neda |
|
A Coruña |
15056 |
Negreira |
|
A Coruña |
15061 |
Ortigueira |
|
A Coruña |
15062 |
Outes |
|
A Coruña |
15064 |
Paderne |
|
A Coruña |
15065 |
Padrón |
|
A Coruña |
15067 |
Pobra do Caramiñal, A |
|
A Coruña |
15068 |
Ponteceso |
|
A Coruña |
15071 |
Porto do Son |
|
A Coruña |
15074 |
Rois |
|
A Coruña |
15077 |
Santa Comba |
|
A Coruña |
15079 |
Santiso |
|
A Coruña |
15080 |
Sobrado |
|
A Coruña |
15084 |
Tordoia |
|
A Coruña |
15087 |
Valdoviño |
|
A Coruña |
15088 |
Val do Dubra |
|
A Coruña |
15089 |
Vedra |
|
A Coruña |
15091 |
Vilarmaior |
|
A Coruña |
15092 |
Vimianzo |
|
A Coruña |
15093 |
Zas |
|
Lugo |
27005 |
Barreiros |
|
Lugo |
27008 |
Bóveda |
|
Lugo |
27009 |
Carballedo |
|
Lugo |
27012 |
Cervantes |
|
Lugo |
27016 |
Chantada |
|
Lugo |
27018 |
Fonsagrada, A |
|
Lugo |
27020 |
Friol |
|
Lugo |
27022 |
Guitiriz |
|
Lugo |
27030 |
Mondoñedo |
|
Lugo |
27032 |
Monterroso |
|
Lugo |
27034 |
Navia de Suarna |
|
Lugo |
27040 |
Palas de Rei |
|
Lugo |
27041 |
Pantón |
|
Lugo |
27050 |
Quiroga |
|
Lugo |
27051 |
Ribadeo |
|
Lugo |
27052 |
Ribas de Sil |
|
Lugo |
27055 |
Samos |
|
Lugo |
27058 |
Saviñao, O |
|
Lugo |
27060 |
Taboada |
|
Lugo |
27063 |
Valadouro, O |
|
Ourense |
32001 |
Allariz |
|
Ourense |
32005 |
Baltar |
|
Ourense |
32006 |
Bande |
|
Ourense |
32012 |
Blancos, Os |
|
Ourense |
32013 |
Boborás |
|
Ourense |
32014 |
Bola, A |
|
Ourense |
32015 |
Bolo, O |
|
Ourense |
32016 |
Calvos de Randín |
|
Ourense |
32017 |
Carballeda de Valdeorras |
|
Ourense |
32021 |
Castrelo do Val |
|
Ourense |
32023 |
Castro Caldelas |
|
Ourense |
32024 |
Celanova |
|
Ourense |
32025 |
Cenlle |
|
Ourense |
32026 |
Coles |
|
Ourense |
32028 |
Cualedro |
|
Ourense |
32030 |
Entrimo |
|
Ourense |
32031 |
Esgos |
|
Ourense |
32032 |
Xinzo de Limia |
|
Ourense |
32034 |
Gudiña, A |
|
Ourense |
32035 |
Irixo, O |
|
Ourense |
32036 |
Xunqueira de Ambía |
|
Ourense |
32037 |
Xunqueira de Espadanedo |
|
Ourense |
32038 |
Larouco |
|
Ourense |
32039 |
Laza |
|
Ourense |
32041 |
Lobeira |
|
Ourense |
32042 |
Lobios |
|
Ourense |
32043 |
Maceda |
|
Ourense |
32045 |
Maside |
|
Ourense |
32046 |
Melón |
|
Ourense |
32047 |
Merca, A |
|
Ourense |
32048 |
Mezquita, A |
|
Ourense |
32049 |
Montederramo |
|
Ourense |
32050 |
Monterrei |
|
Ourense |
32051 |
Muíños |
|
Ourense |
32052 |
Nogueira de Ramuín |
|
Ourense |
32053 |
Oímbra |
|
Ourense |
32056 |
Padrenda |
|
Ourense |
32058 |
Pereiro de Aguiar, O |
|
Ourense |
32059 |
Peroxa, A |
|
Ourense |
32060 |
Petín |
|
Ourense |
32061 |
Piñor |
|
Ourense |
32066 |
Quintela de Leirado |
|
Ourense |
32067 |
Rairiz de Veiga |
|
Ourense |
32071 |
Riós |
|
Ourense |
32073 |
Rubiá |
|
Ourense |
32076 |
San Cristovo de Cea |
|
Ourense |
32077 |
Sandiás |
|
Ourense |
32079 |
Taboadela |
|
Ourense |
32080 |
Teixeira, A |
|
Ourense |
32083 |
Veiga, A |
|
Ourense |
32084 |
Verea |
|
Ourense |
32086 |
Viana do Bolo |
|
Ourense |
32091 |
Vilardevós |
|
Pontevedra |
36001 |
Arbo |
|
Pontevedra |
36002 |
Barro |
|
Pontevedra |
36007 |
Campo Lameiro |
|
Pontevedra |
36009 |
Cañiza, A |
|
Pontevedra |
36010 |
Catoira |
|
Pontevedra |
36013 |
Covelo |
|
Pontevedra |
36014 |
Crecente |
|
Pontevedra |
36015 |
Cuntis |
|
Pontevedra |
36016 |
Dozón |
|
Pontevedra |
36018 |
Forcarei |
|
Pontevedra |
36019 |
Fornelos de Montes |
|
Pontevedra |
36020 |
Agolada |
|
Pontevedra |
36025 |
Lama, A |
|
Pontevedra |
36027 |
Meaño |
|
Pontevedra |
36028 |
Meis |
|
Pontevedra |
36031 |
Mondariz-Balneario |
|
Pontevedra |
36032 |
Moraña |
|
Pontevedra |
36034 |
Neves, As |
|
Pontevedra |
36036 |
Oia |
|
Pontevedra |
36037 |
Pazos de Borbén |
|
Pontevedra |
36040 |
Portas |
|
Pontevedra |
36043 |
Ponte Caldelas |
|
Pontevedra |
36044 |
Pontecesures |
|
Pontevedra |
36046 |
Ribadumia |
|
Pontevedra |
36047 |
Rodeiro |
|
Pontevedra |
36048 |
Rosal, O |
|
Pontevedra |
36052 |
Silleda |
|
Pontevedra |
36053 |
Soutomaior |
|
Pontevedra |
36056 |
Valga |
|
Pontevedra |
36058 |
Vilaboa |
|
Pontevedra |
36059 |
Vila de Cruces |
|
Pontevedra |
36901 |
Illa de Arousa, A |
|
Pontevedra |
36902 |
Cerdedo-Cotobade |
ANEXO II
Concellos que deben revisar o Plan de actuación municipal
ante o risco de incendios forestais
|
Provincia |
Código INE |
Concello |
|
A Coruña |
15004 |
Ares |
|
A Coruña |
15014 |
Cabana de Bergantiños |
|
A Coruña |
15022 |
Cedeira |
|
A Coruña |
15053 |
Muros |
|
A Coruña |
15069 |
Pontedeume |
|
A Coruña |
15083 |
Toques |
|
Lugo |
27006 |
Becerreá |
|
Lugo |
27015 |
Cospeito |
|
Lugo |
27023 |
Guntín |
|
Lugo |
27024 |
Incio, O |
|
Lugo |
27059 |
Sober |
|
Ourense |
32004 |
Avión |
|
Ourense |
32007 |
Baños de Molgas |
|
Ourense |
32018 |
Carballeda de Avia |
|
Ourense |
32027 |
Cortegada |
|
Ourense |
32029 |
Chandrexa de Queixa |
|
Ourense |
32033 |
Gomesende |
|
Ourense |
32044 |
Manzaneda |
|
Ourense |
32063 |
Pobra de Trives, A |
|
Ourense |
32069 |
Ribadavia |
|
Ourense |
32070 |
San Xoán de Río |
|
Ourense |
32089 |
Vilar de Barrio |
|
Ourense |
32092 |
Vilariño de Conso |
|
Pontevedra |
36005 |
Caldas de Reis |
|
Pontevedra |
36030 |
Mondariz |
|
Pontevedra |
36049 |
Salceda de Caselas |
