Na sesión que tivo lugar o día 10 de febreiro de 2026, o tribunal nomeado pola Resolución do 6 de outubro de 2025 (DOG núm. 197, do 13 de outubro), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso na escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade limpeza e cociña (AP), da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, convocado pola Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 16 de novembro de 2023 (DOG núm. 220, do 20 de novembro),
ACORDOU:
Primeiro. De conformidade coa base 2.1.1.1 da convocatoria e co acordo deste tribunal, do 5 de decembro 2025, polo que se establecen os criterios de corrección, valoración e superación do exercicio da fase de oposición, superarán o exercicio as persoas aspirantes que acaden un mínimo de vinte e tres (23) respostas correctas.
Subsidiariamente, de se dar o caso de que o número de aspirantes que superen este exercicio conforme o criterio previsto no parágrafo anterior sexa inferior a cento vinte e catro (124), que é o número resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, rebaixarase ao mínimo de dezaoito (18) o número de respostas correctas necesarias para superar este exercicio.
Asignaráselles unha valoración de 45 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte. O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 45 e os 90 puntos, proporcional ao número de respostas acertadas. Do mesmo xeito, asignaráselles a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.
Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela que marque a nota de corte establecida de acordo cos criterios anteriores se considerarán igualmente aprobadas.
Segundo. Realizada a corrección nas sesións celebradas entre o 28 de xaneiro e o 5 de febreiro de 2026, e de acordo coas normas e criterios anteriores, asígnaselles a valoración de 45 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada en dezaoito (18) respostas correctas.
O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 45 e os 90 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, as persoas aspirantes declaradas non aptas terán unha cualificación distribuída entre os 0 e os 44 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.
Acadaron a puntuación mínima de 45 puntos un total de 68 persoas aspirantes.
Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas á proba realizada o día 13 de decembro de 2025, correspondente ao primeiro exercicio da oposición para o ingreso na escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade limpeza e cociña (AP), da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal
Cuarto. De acordo co disposto na base 2.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Quinto. De conformidade coa base 2.1.1.2, respecto ao segundo exercicio, estarán exentas da súa realización as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, que posuían antes do día de finalización do prazo disposto na base 1.3 da convocatoria o Celga 2 ou o título equivalente debidamente homologado, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), e asignaránselles 10 puntos.
No que se refire á exención da proba da lingua galega, xunto con esta resolución, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración do Persoal publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, unha listaxe das persoas aspirantes que, por teren acreditado a posesión do Celga requirido en procesos selectivos anteriores, non teñen que presentar a documentación xustificativa da exención.
Sexto. De conformidade co disposto na base 3.13 da convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2026
Constantino Piñeiro Cajete
Presidente do tribunal
