De conformidade co disposto na Resolución do 20 de decembro de 2023 (DOG do 28 de decembro) pola que se aprobou a oferta de emprego público (OEP) do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos da Universidade de Vigo para o ano 2023, e a Resolución do 20 de decembro de 2024 (DOG do 27 de decembro) pola que se aprobou a oferta de emprego público (OEP) do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos da Universidade de Vigo para o ano 2024, e co fin de atender as necesidades de persoal técnico, de xestión e de administración e servizos desta universidade, de conformidade coas competencias atribuídas no artigo 3.2 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario en relación co seu artigo 91.1, así como nos estatutos da Universidade de Vigo, este reitorado convoca probas selectivas con suxeición ás seguintes
Bases
1. Normas xerais.
1.1. Convócase proceso selectivo de acceso libre, polo sistema de concurso-oposición, para cubrir dúas (2) prazas de persoal funcionario de carreira da Universidade de Vigo na escala técnica especialista de servizos xerais, da subescala condutor, do subgrupo C1.
O sistema de selección será o de concurso-oposición, que se desenvolverá conforme o disposto nestas bases e no anexo I.
1.2. Notificacións. De conformidade co establecido no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, toda a información relativa ao proceso selectivo que se lles deba notificar ás persoas participantes e interesadas se publicará no taboleiro electrónico de anuncios da Universidade de Vigo https://sede.uvigo.gal/public/bulletin/bulletin-index.xhtml. Con carácter unicamente informativo tamén se publicará na seguinte páxina electrónica: https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/convocatoria/public/tipo/convocatorias-pas
1.3. Para información e consultas, as persoas interesadas poden dirixirse por correo electrónico a consultapas@uvigo.gal e por teléfono ao número 986 81 37 62.
1.4. Con carácter previo á valoración dos méritos, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, en que se comprobará que posúen o nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua, exixido para a obtención do diploma de español como lingua estranxeira nivel B2, establecido no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, actualmente vixente. Cualificarase como apto ou non apto e será necesario obter a valoración de apto para poder realizar os exercicios da fase de oposición.
Eximiranse da realización desta proba os/as que presenten coa solicitude copia do diploma antes indicado ou do certificado de aptitude español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas, ou título de licenciado en Filoloxía Hispánica ou Románica ou outros títulos homologados, así como os aspirantes de nacionalidade distinta á española en cuxos países sexa o castelán lingua oficial ou cooficial, ou que obtivesen en España un título universitario. Así mesmo, estarán exentos de realizala os/as que acrediten teren superado unha proba equivalente nos últimos cinco anos ao formar parte dun proceso selectivo convocado por unha Administración pública.
1.5. A este proceso selectivo seranlle aplicables a Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario; o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre o Estatuto básico do empregado público; a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; os estatutos da Universidade de Vigo e as bases desta convocatoria.
2. Requisitos das persoas aspirantes.
Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata a toma de posesión como funcionarias de carreira os seguintes requisitos:
a) Ter nacionalidade española ou dalgún dos Estados membros da Unión Europea. Tamén poderán participar:
1º. Os cónxuxes de españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, nas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade que sexan dependentes.
2º. As persoas incluídas no ámbito de aplicación dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España en que sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.
As persoas aspirantes non residentes en España incluídas no ordinal 1º, así como as persoas estranxeiras incluídas no ordinal 2º, deberán achegar coa súa solicitude a documentación que acredite as condicións que se alegan.
Quen, non sendo español nin nacional dun Estado membro da Unión Europea, se encontre en España en situación de legalidade e sexa titular dun documento que o habilite para residir e poder acceder sen limitacións ao mercado laboral.
b) Idade: ter dezaseis anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa.
c) Titulación: estar en posesión do título de bacharel ou técnico, ou estar en condicións de obtelo na data de finalización do prazo de presentación de instancias. Así mesmo, observarase o disposto na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño (BOE do 17 de xuño), pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharel. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou homologación.
d) Capacitación para conducir: estar en posesión do permiso de conducir en vigor da clase D+E cun mínimo de 10 puntos, estar en posesión do certificado de aptitude profesional (CAP) en vigor, regulado no Real decreto 284/2021, do 20 de abril.
e) Taxas: aboar as taxas de participación consonte o establecido na base 3, números 5 a 7.
f) Capacidade: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.
g) Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública nin dos organismos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para desempeñar empregos ou cargos públicos por resolución xudicial. No caso de ser nacional doutro Estado, non encontrarse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ser sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.
h) Non pertencer como persoal funcionario de carreira a esta mesma escala e subescala.
3. Solicitudes.
3.1. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).
3.2. A presentación de solicitudes realizarase exclusivamente a través da sede electrónica da Universidade de Vigo, procedemento «SPAS-Proceso selectivo: condutor», dispoñible na sede, na epígrafe: «Procedementos e trámites», da sección PAS/PDI, no cal se disporá de información para realizar a inscrición.
Unha vez cuberto o formulario de solicitude e achegada a documentación preceptiva, deberá comprobarse a exactitude dos datos e dos documentos e premerase «Enviar». A continuación, poderá descargarse o xustificante de rexistro da solicitude. Ata este momento non se considerará que a solicitude está presentada validamente. Non se admitirán solicitudes presentadas por vías diferentes á fixada nesta base.
No caso de que se produza algunha incidencia técnica durante o proceso de inscrición, deberán dirixirse ao teléfono 986 81 36 00.
3.3. Xunto coa solicitude, as persoas aspirantes deberán acreditar as seguintes circunstancias nos arquivos que se indican, en formato pdf:
a) Acreditación da identidade e da idade: nun único arquivo denominado «Identidade».
b) Acreditación da titulación: nun único arquivo denominado «Titulación».
c) Acreditación do grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % nun único arquivo denominado «Discapacidade»; no caso de solicitar adaptacións de medios e tempo para a realización dos exercicios e neste mesmo arquivo, deberá achegarse o ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación competente do grao de discapacidade.
Non será preciso acreditar documentalmente as cuestións enumeradas nas alíneas a), b) e grao de discapacidade (alínea c), se a persoa interesada non manifesta no formulario de participación a súa oposición a que a Universidade as comprobe a través da plataforma de intermediación de datos das administracións públicas. No caso de que non sexa posible tal verificación, poderá requirírselle que achegue a documentación acreditativa en calquera momento.
d) Acreditación do pagamento da taxa ou da circunstancia alegada para a súa exención ou redución: nun único arquivo denominado «Taxas».
e) Acreditación de estar capacitado/a para conducir: nun único arquivo denominado «Permiso», nos termos indicados na base 2.d).
f) Nivel de coñecemento de lingua galega: nun único arquivo denominado «Galego», mediante o Celga 3 ou certificado validado consonte o establecido na Orde do 16 de xullo de 2017; noutro caso, deberá realizarse a proba de lingua galega prevista no anexo I.
g) Acreditación do diploma de español de nivel B2 (intermedio) ou superior: nun único arquivo denominado «Castelán»; realizarase de conformidade co establecido na base 1.4; de non ser así, seralles de aplicación o previsto na dita base.
A falta da acreditación das subalíneas a), d) e e) no prazo fixado na base 3.1. constituirá causa de exclusión do proceso.
3.4. Non se poderá presentar máis dunha solicitude; noutro caso, tomarase en consideración para todos os efectos unicamente a presentada en último lugar coa documentación que con ela se achegase, eliminando a/as solicitude/s e documentación que se presentasen antes.
3.5. Taxa: a taxa por dereitos de participación será de 33,13 euros e ingresaranse na conta da Universidade de Vigo con código IBAN ES14 2080 0501 1231 1000 0112; no concepto figurará o NIF ou NIE da persoa solicitante. O ingreso poderá efectuarse en calquera oficina de Abanca ou mediante transferencia bancaria á citada conta. No xustificante de ingreso deberán constar o importe, a data da operación, o NIF ou NIE da persoa aspirante e o concepto «Condutor», e debe achegarse coa solicitude participación.
3.6. Estarán exentas do pagamento desta taxa:
a) As persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %, acreditada segundo o indicado no número 3.3.c).
b) As persoas desempregadas que figuren inscritas como demandantes de emprego desde, polo menos, os tres meses inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria e que non perciban prestación ou subsidio por desemprego na data de presentación da solicitude de participación, acreditándoo mediante certificación expedida pola oficina de emprego relativa a ambas as circunstancias.
c) As persoas integrantes de familia numerosa de categoría especial, acreditándoo mediante o correspondente título expedido dentro do ano anterior á data de publicación no DOG da convocatoria.
d) As persoas que obtivesen o recoñecemento como vítimas por actos de terrorismo, os seus e as súas cónxuxes ou parellas de feito e os seus e as súas fillos e fillas.
e) As vítimas de violencia de xénero a que fai referencia a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e os seus fillos e fillas.
3.7. Terán dereito a unha bonificación do 50 % da taxa por dereitos de exame as familias numerosas de categoría xeral, que deberán acreditar na forma establecida na base 3.6.c).
3.8. O pagamento da taxa ou a xustificación da concorrencia dalgunha das causas de exención ou bonificación desta deberá facerse unicamente dentro do prazo de presentación de solicitudes; noutro caso, determinará a exclusión da persoa aspirante. Unicamente se poderá emendar o pagamento incompleto ou a falta de acreditación da exención ou bonificación e exclusivamente dentro do prazo establecido na base 4.2.
3.9. En ningún caso o pagamento da taxa ou a xustificación da concorrencia dalgunha das causas de exención total ou bonificación supoñerá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso selectivo.
3.10. So procederá a devolución dos dereitos de exame se o proceso selectivo non se realiza por causa imputable á Administración convocante ou en caso de renuncia da persoa aspirante a seguir participando no proceso, sempre que esta se produza durante o prazo de presentación de solicitudes.
3.11. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, as persoas aspirantes con discapacidade indicarán no formulario de solicitude as posibles adaptacións de tempo e/ou medios que consideren necesarias para a realización das probas e o seu motivo; deberá acreditarse na forma establecida na base 3.3.c), tendo en conta que o ditame médico deberá ser suficientemente explicativo para que o órgano de selección poida valorar a procedencia das adaptacións solicitadas; poderá presentarse dentro do prazo indicado na base 4.2.
3.12. Coa presentación da solicitude, a persoa aspirante declara que cumpre os requisitos de participación. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fixeron constar nas súas solicitudes e unicamente poderán demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 4.2; transcorrido este prazo, non se admitirá ningunha petición desta natureza.
3.13. En calquera momento, a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou copias debidamente compulsadas dos documentos que se correspondan coas copias simples presentadas.
4. Admisión de aspirantes.
4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o Reitorado anunciará no DOG a publicación, nos lugares indicados na base 1.2, da resolución pola cal se aprobe a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación das causas que motivaron a exclusión ou a omisión.
4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas dispoñerán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión, para o cal deberán utilizar o formulario dispoñible na sede electrónica https://sede.uvigo.gal/public/catalog-detail/1259161, denominado «SXER-Emenda e mellora da solicitude».
4.3. A estimación ou desestimación das peticións de emenda ou corrección entenderase implícita na resolución reitoral que aprobe a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que se publicará nos lugares indicados na base 4.1.
4.4. O feito de figuraren na relación de persoas admitidas non implicará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes que posúen os requisitos exixidos, de modo que a constatación de que non os posúen producirá o decaemento en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación.
5. Tribunal.
5.1. A composición do tribunal cualificador publicarase xunto coa relación provisional indicada na base 4.1 e terá a categoría terceira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño). Deberá actuar de acordo co disposto na LPACAP e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP).
5.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir, e notificaranllo á Xerencia da Universidade, cando concorran nelas as circunstancias previstas no artigo 23 da LRXSP, cando realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria, ou se colaboraren durante ese período con centros de preparación de opositores, de acordo co artigo 59.2 da LEPG.
A Presidencia realizaralles e solicitaralles ás restantes persoas integrantes do tribunal, así como ás persoas que actúen como persoal asesor especialista, unha declaración escrita expresa de que non están en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior. As persoas aspirantes poderán rexeitar os e as integrantes do tribunal cando concorra neles/as algunha das circunstancias sinaladas no parágrafo primeiro, conforme o establecido no artigo 24 da LRXSP.
5.3. O Reitorado publicará nos lugares indicados na base 1.2 a resolución pola que se nomean os novos integrantes do tribunal, que substituirán os que perdesen a súa condición.
5.4. Tras a convocatoria da Presidencia, o tribunal quedará constituído coa asistencia, presencial ou a distancia, da persoa que exerza a Presidencia e da que desempeñe a Secretaría, ou das súas substitutas, así como da metade, polo menos, dos seus membros titulares ou suplentes.
5.5. Corresponderalle ao tribunal a consideración, verificación e apreciación das incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento dos exercicios, e adoptará ao respecto as decisións que xulgue pertinentes.
5.6. Actuará de acordo co principio de transparencia. Nas actas das súas reunións e dos exercicios realizados deberá deixar constancia dos asuntos relevantes e de todo acordo que afecte a determinación das cualificacións outorgadas.
5.7. O tribunal poderá propoñerlle ao Reitorado a designación de asesores/as especialistas, que se limitarán a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas e que deberán posuír titulación de igual ou superior nivel á exixida en cada praza. A súa designación publicarase na páxina electrónica indicada na base 1.2 e seralle de aplicación o previsto en materia de abstención e recusación. Así mesmo, cando o número de aspirantes o faga conveniente, poderá solicitarlle á Xerencia a designación de persoal colaborador.
5.8. O tribunal adoptará as medidas necesarias para que, na realización dos exercicios, as persoas aspirantes con discapacidade gocen de condicións similares ás do resto das persoas aspirantes, establecendo as adaptacións posibles en tempo e medios a prol das persoas con discapacidade que o solicitasen na forma prevista na base 3.11.
5.9. O tribunal garantirá que os exercicios escritos que non deban ser lidos ante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade do/da autor/a e excluirá aquel/a que consigne nas follas de exame marcas ou signos que as singularicen.
5.10. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento de que algunha persoa aspirante non cumpre calquera dos requisitos exixidos nesta convocatoria, tras a audiencia da persoa interesada, deberá propoñerlle a súa exclusión ao órgano convocante. Igualmente, poderá requirir a acreditación da identidade en calquera momento.
5.11. Para os efectos de comunicacións, o tribunal terá a súa sede no Edificio Exeria e poderase dirixir a el polas canles sinaladas na base 1.3.
6. Desenvolvemento.
6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes empezará por aquelas cuxo primeiro apelido comece pola letra «M», de conformidade coa Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 22 de xaneiro de 2026 (DOG do 26 de xaneiro).
6.2. A resolución final deste proceso selectivo ditarase antes de que transcorran seis meses desde a constitución do tribunal, sen contar o mes de agosto.
6.3. O primeiro realizarase a partir do 1 de maio de 2026: o lugar, a data e a hora publicaranse nos lugares previstos na base 1.2 cun mes de antelación, onde tamén se publicará o anuncio dos sucesivos exercicios, neste caso cunha antelación mínima de dous días.
6.4. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento, no cal deberán acreditar a súa identidade, e serán excluídas do proceso selectivo as que non comparezan. Deberán obedecer as instrucións do tribunal e, de ser o caso, do persoal colaborador; en caso contrario, poderáselle impedir á persoa aspirante a continuación do proceso. O mesmo se aplicará a quen utilice dispositivos, materiais ou recursos de calquera tipo. Contra este acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.
6.5. As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización do exercicio polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación ou, eventualmente, nos primeiros días do puerperio, poderán comunicarllo ao tribunal por escrito xunto cun informe médico oficial. Esta comunicación deberá realizarse dentro dos cinco días seguintes ao do anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para que a Administración acceda aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.
O tribunal acordará se procede realizar a proba nun lugar alternativo e/ou aprazala, tendo en conta, ademais do alegado, os dereitos das demais persoas aspirantes a que o proceso se resolva nun prazo razoable e ás necesidades e aos intereses da Universidade. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas normas xerais.
6.6. No caso de que o tribunal acorde criterios de avaliación en desenvolvemento dos establecidos nesta convocatoria, publicaraos na páxina electrónica indicada na base 1.2.
6.7. Tras cada exercicio, as persoas aspirantes poderán levar os cuestionarios e, nas probas tipo test, o tribunal publicará as respostas correctas na páxina electrónica indicada na base 1.2.
6.8. Estará exento/a de realizar o exercicio de coñecemento da lingua galega quen acreditase que está en posesión do nivel de Celga 3 ou equivalente, validado polo órgano competente consonte coa Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG do 30 de xullo), pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega. A acreditación deberá realizarse unicamente dentro do prazo de presentación de solicitudes; quen non o faga, deberá realizar a proba de coñecementos (anexo I) e figurará nunha listaxe que se publicará coa relación provisional de persoas admitidas e excluídas, e poderá exercer o dereito de emenda no prazo previsto na base 4.2.
6.9. Quen supere o primeiro exercicio da fase de oposición deberá presentar no prazo de cinco días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación do acordo do tribunal coa cualificación definitiva, un índice detallado dos méritos alegados, xunto coa documentación que os acredite, unicamente a través da sede electrónica mediante o procedemento: «SPAS-Proceso selectivo: Condutor», dispoñible na sede, na epígrafe: «Fase concurso-entrega de méritos», en formato pdf.
A formación acreditarase mediante copia do título, diploma ou certificación correspondente, na cal consten todos os elementos necesarios ou susceptibles de valoración.
A experiencia na Universidade de Vigo será certificada, de oficio, por esta; a prestada noutras administracións será certificada polo órgano correspondente detallando a denominación do posto, as funcións e a duración.
6.10. Os méritos valoraranse por referencia á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e non se valorarán os que non se presenten suficientemente acreditados, nin os presentados fóra do prazo e do procedemento indicados no punto anterior.
6.11. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas; calquera proposta que o contraveña será nula de pleno dereito.
Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, cando se produzan renuncias, se incumpran os requisitos establecidos na convocatoria ou se dean outras circunstancias que o fagan necesario, o órgano convocante poderá requirir do tribunal unha relación complementaria das persoas aspirantes que superasen o proceso selectivo e que sigan as propostas.
7. Cualificación.
7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará público nos lugares previstos na base 1.2 un acordo coa relación de persoas aspirantes que os superasen, con indicación da puntuación obtida e do nome; contra este acordo poderase presentar unha reclamación no prazo de cinco días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa publicación.
7.2. Rematada a fase de oposición, o tribunal publicará a listaxe coa valoración provisional da fase de concurso dos aspirantes que a superasen, detallada para cada unha das epígrafes que se relacionan no anexo I, contra a cal se poderá reclamar no prazo de tres días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa publicación.
7.3. Resoltas as reclamacións, a Presidencia do tribunal publicará a relación coas persoas que superasen o proceso selectivo, ordenadas conforme a puntuación final obtida, e indicará as puntuacións definitivas da fase de concurso e de cada un dos exercicios da oposición. A continuación, elevaraa ao Reitorado, que ditará e publicará unha resolución na cal se poña fin ao proceso selectivo, nos lugares previstos na base 1.2.
7.4. As reclamacións e recursos que se formulen presentaranse unicamente a través da sede electrónica da Universidade de Vigo, mediante o procedemento: «SPAS-Reclamacións convocatorias PTXAS»; noutro caso, non se admitirán a trámite.
7.5. A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas en ambas as fases. No suposto de empate, acudirase por orde aos seguintes criterios:
a) Maior puntuación na fase de oposición.
b) Maior antigüidade na Universidade de Vigo na escala, subescala e/ou categoría correspondente.
c) Maior idade.
d) Orde alfabética a partir da letra resultante do sorteo anual realizado pola Comunidade Autónoma de Galicia, vixente na data de publicación da convocatoria.
7.6. Rematado o proceso selectivo, o tribunal valorará os méritos da fase de concurso e elaborará unha relación ordenada cos aspirantes de acordo coa normativa de elaboración de listas de espera da Universidade de Vigo. Esta lista utilizarase para atender exclusivamente as necesidades de persoal de carácter temporal que poidan xurdir.
8. Presentación de documentos e nomeamento de persoal funcionario de carreira.
8.1. Logo da publicación da resolución final, as persoas propostas dispoñerán dun prazo de quince días hábiles para presentaren, a través da sede electrónica, os seguintes documentos:
a) Copia do documento nacional de identidade e, de ser o caso, os documentos que acrediten as condicións alegadas, conforme a base 2.a).
b) Copia do título académico ou da certificación académica de acordo co establecido na base 2.c).
c) Copia dos documentos que acrediten a capacitación para conducir, de acordo co establecido na base 2.d).
d) Informe do Servizo Público de Saúde, acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que imposibilite o desempeño das correspondentes funcións. Quen fixese valer a súa condición de persoa con discapacidade, deberá acreditar a súa compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.
e) Declaración xurada ou promesa relativa ao establecido na base 2.g), utilizando o modelo que figura no anexo III.
8.2. Quen teña a condición de persoal funcionario de carreira ou de persoal laboral fixo de calquera Administración estará exento/a de xustificar as condicións e os requisitos xa probados para obter o seu anterior nomeamento e deberá presentar a certificación acreditativa do organismo a que pertenza.
8.3. Quen dentro do prazo fixado, excepto os casos de forza maior libremente apreciados, non presente a documentación ou do seu exame se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeada/o persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.
8.4. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos, procederase ao nomeamento como persoal funcionario de carreira mediante unha resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
9. Norma derradeira.
9.1. Coa súa participación nesta convocatoria, e cando así derive da natureza desta, as persoas interesadas autorizan a Universidade de Vigo para o tratamento e, de ser o caso, a publicación dos seus datos persoais, de acordo cos principios de publicidade e transparencia, e quedarán excluídas do proceso selectivo de non o faceren, agás nas situacións de vítimas de violencia de xénero previamente comunicadas á Unidade de Igualdade (igualdade@uvigo.es) e autorizadas pola Xerencia.
9.2. Os datos persoais recollidos coa solicitude de admisión serán tratados pola Universidade de Vigo consonte o establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 (Regulamento xeral de protección de datos), así como no resto da normativa aplicable. Trataranse coa finalidade de xestionar todo o conxunto do procedemento selectivo regulado na convocatoria e durante o tempo imprescindible para cumprir coa finalidade exposta, e conservaranse durante o prazo necesario para poder dirimir eventuais responsabilidades.
9.3. O nome, os apelidos e o número do DNI das persoas interesadas publicaranse respectando a anonimización exixida na Lei orgánica 3/2018 e segundo as directrices da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), como tamén, de ser o caso, outros datos persoais necesarios para a axeitada tramitación do proceso selectivo.
9.4. As persoas interesadas poderán exercer os dereitos relativos á protección dos seus datos persoais (acceso, rectificación, limitación, oposición, supresión e portabilidade) mediante solicitude dirixida ao reitor ou á persoa delegada de protección de datos (dpd@uvigo.gal) da Universidade de Vigo, sen prexuízo do seu dereito a presentar unha reclamación ante a AEPD.
9.5. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso, ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con todo, as persoas interesadas poderán optar por interpoñer contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da LPACAP.
Vigo, 20 de febreiro de 2026
Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo
ANEXO I
Estrutura das probas selectivas
Na fase de oposición teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite do primeiro día do mes anterior a aquel en que teña lugar o correspondente exercicio, conten con publicación oficial no boletín ou no diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior. As normas expresas que figuran no anexo II que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan no momento da súa derrogación parcial ou total, coa data límite antes indicada.
I. Fase de oposición. A puntuación máxima será de 70 puntos. Estará formada polos seguintes exercicios obrigatorios:
a) Primeiro: de carácter eliminatorio e práctico. Consistirá en realizar probas prácticas e/ou resolver tres supostos prácticos relativos á parte específica do programa. Segundo o número de aspirantes, poderá ter en lugar en máis dun día. As persoas aspirantes deberán acudir coa tarxeta de condutor.
O tempo máximo de realización será de 150 minutos. Cualificarase cun máximo de 30 puntos e será necesario obter 15 puntos para superalo.
b) Segundo: de carácter eliminatorio e escrito. Consistirá en contestar por escrito un test de 120 preguntas do programa, no cal a parte específica terá unha ponderación do 65 % e a común do 35 %. Cada pregunta constará de 4 respostas alternativas das cales só unha será correcta. Incluirá 5 preguntas de reserva, que substituirán as preguntas que se poidan anular, na orde en que figuren, que se deben contestar dentro do tempo indicado. Cada resposta incorrecta descontará o 25 % do valor da resposta correcta.
O tempo máximo de realización será de 150 minutos. Cualificarase cun máximo de 40 puntos e será necesario obter 20 puntos para superalo.
c) Terceiro: de carácter eliminatorio. Estará exento de realizalo quen acredite as condicións reguladas na base 6.8. Constará de dúas partes:
1ª. Consistirá na tradución dun texto de castelán para galego, elixido por sorteo entre dous propostos polo tribunal.
2ª. Consistirá na tradución dun texto de galego para castelán, elixido por sorteo de entre dous propostos polo tribunal.
O tempo máximo de realización será de 60 minutos. Valorarase como apto ou non apto e para superalo será necesario obter a cualificación de apto.
II. Fase de concurso: 30 puntos.
1. Experiencia: valorarase cun máximo de 24 puntos. Consideraranse os meses de 30 días naturais; o cálculo da puntuación realizarase computando a totalidade dos días que se acrediten en cada epígrafe e dividíndoos por 30 para, a continuación, multiplicar o cociente pola puntuación asignada en cada epígrafe, desprezando os decimais.
a) Servizos prestados na Universidade de Vigo coa condición de PTXAS na escala e subescala a que se opte ou na categoría profesional equivalente; inclúese o desempeño mediante comisión de servizos e atribución de funcións doutra categoría. Consideraranse as equivalencias de categorías relacionadas no anexo II do Acordo de funcionarización do persoal laboral de administración e servizos desta universidade, incluídas as extinguidas por transformación. Valoraranse a razón de 0,16 puntos por mes completo traballado.
b) Servizos noutras administracións públicas prestados como persoal funcionario ou mediante contrato laboral, exercendo as funcións da escala e subescala a que se opte. Valoraranse a razón de 0,10 puntos por mes completo traballado.
2. Formación: ata un máximo de 6 puntos. Os cursos puntuaranse a razón de 0,01 puntos/hora. Valorarase a formación relacionada co bloque específico do programa, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais, incluídas as materias cursadas para a obtención de títulos oficiais superiores ao exixido pola convocatoria ou afíns; neste último caso, deberá ir acompañada do programa académico en que se indique a duración das materias.
Consideraranse formación específica os cursos de galego e as materias en igualdade, protección de datos e prevención de riscos laborais.
De acreditar máis dun nivel de coñecemento, valorarase unicamente o curso de superior nivel. En caso dos cursos de galego, só se valorarán os de nivel superior ao exixido na convocatoria e os cursos medio e superior de linguaxe administrativa.
ANEXO II
Programa
– Primeira parte. Temario específico.
1. Real decreto lexislativo 6/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria.
2. Real decreto 818/2009, do 8 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de condutores: capítulo I «Do permiso e da licenza de condución», capítulo IV «Da nulidade ou lesividade e perda de vixencia das autorizacións administrativas para conducir» do título I; título IV «Das infraccións e sancións»; título V «Do Rexistro de Condutores e Infractores».
3. Real decreto 1428/2003, do 21 de novembro, polo que se aproba o Regulamento xeral de circulación para a aplicación e desenvolvemento do texto articulado da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria, aprobado polo Real decreto lexislativo 339/1990, do 2 de marzo.
4. Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro, polo que se aproba o Regulamento xeral de vehículos.
5. Real decreto 320/1994, do 25 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de procedemento sancionador en materia de tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria.
6. Real decreto 284/2021, do 20 de abril, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada e polo que se modifica o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, aprobado polo Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro.
7. Regulamento (CE) nº 561/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2006, sobre normas de condución de autobuses.
8. Real decreto lexislativo 8/2004, do 29 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor: título I. «Ordenación civil».
9. Mecánica de vehículos: motores, tipos e características principais. Remolques. Características xerais dos vehículos híbridos.
10. Sistemas eléctricos do automóbil.
11. Lubricación e refrixeración dos motores de automoción.
12. Suspensión, pneumáticos, dirección e freos.
13. Mantemento periódico dos vehículos. Avarías básicas e reparacións. Pneumáticos: tipos, factores de desgaste e motivos de substitución.
14. A inspección técnica de vehículos. Tipos de inspeccións. Datas e frecuencia segundo os tipos de vehículos. O informe de inspección e seguimento dos defectos.
15. Normas xerais de comportamento na circulación. Principios xerais. A circulación dos vehículos. O sentido da circulación. Utilización de carrís en poboado e fóra de poboado. Supostos especiais de utilización de carrís: carrís reversibles, carrís de utilización en sentido contrario ao habitual, carrís adicionais, carril BUS, carril VAO. Circulación pola beiravía: condutores obrigados á súa utilización.
16. Seguridade nos vehículos: elementos de seguridade activa e pasiva.
17. Seguridade no condutor: a observación, a anticipación. Factores que inflúen nas aptitudes do condutor: a fatiga, o sono, o estrés, o tabaco, o alcol, medicamentos, estupefacientes e substancias psicotrópicas. Concepto de distancia de detención ou parada técnica, distancia de freada, tempo de reacción e os factores que inflúen nela. Límites legais no consumo de alcol e outras substancias. Sancións.
18. Seguridade na vía. Perigos concretos en curvas e interseccións. Obstáculos na calzada. Condución nocturna Condución en condicións climatolóxicas e ambientais adversas. Obrigacións en caso de avaría.
19. Manobras básicas de circulación. Incorporación á circulación. Desprazamentos laterais. Adiantamentos. Interseccións. Cambio de sentido. Marcha cara atrás. Detención, parada e estacionamento.
20. Os sinais de circulación: normas xerais. Sinais verticais, marcas viarias, sinais de balizamento, semáforos, sinais e ordes dos axentes de circulación.
21. Glorietas e ligazóns. Concepto e clases de interseccións xiratorias. Concepto e xustificación da ligazón. Nomenclatura e definicións. Tipos de ligazón. Capacidade. Niveis de servizo. Tramos de trenzado. Ramais de ligazón. Influencia na seguridade da circulación.
22. Regulación semafórica. Obxecto. Regulación dun cruzamento semafórico: localización na vía, concepto de fase, ciclo e despexe. Funcionamento dun cruzamento semafórico. Cruzamentos semiactuados. Cruzamentos totalmente actuados. Sincronización entre cruzamentos. Capacidade das interseccións controladas por semáforo.
23. A prioridade de paso: normas de prioridade en interseccións, tramos en obras e estreitamentos, paso por pontes e obras de paso, tramos de gran pendente. Cruzamento de pasos a nivel, pontes levadizas e túneles. Normas de comportamento dos condutores respecto de ciclistas, peóns e animais. Comportamento en caso de emerxencia. Vehículos en servizo de urxencia: vehículos prioritarios. Vehículos de servizo de auxilio en vías públicas.
24. A iluminación. As advertencias dos condutores. Os sistemas de iluminación e sinalización óptica de vehículos: utilización, circulación nocturna e en condicións meteorolóxicas ou ambientais que diminúan sensiblemente a visibilidade. Os sinais acústicos: a súa utilización.
25. O exceso de velocidade: risco para a condución. As limitacións legais de velocidade. A adecuación da velocidade ás circunstancias do tráfico.
26. O accidente de circulación: comportamento en caso de accidente. Obrigacións en caso de accidente. Delitos contra a seguridade do tráfico. Nocións básicas de primeiros auxilios.
27. A condución tranquila. Carga e descarga de pasaxeiros. Normas de seguridade para pasaxeiros. A utilización do cinto de seguridade.
28. Condución eficiente. O consumo de combustible segundo o tipo de condución e o mantemento do vehículo. Emisións contaminantes dos motores. A condución eficiente de vehículos híbridos.
29. Servizos de correos externos: urxentes, básicos, paquetaría, empresariais, financeiros, telecomunicacións, outros.
30. Centros, servizos e unidades da Universidade de Vigo.
31. Real decreto 487/1997, do 14 de abril, sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde relativas á manipulación manual de cargas que entrañe riscos, en particular dorsolumbares, para os traballadores.
– Segunda parte. Temario común.
1. A Constitución española de 1978: título preliminar. Dereitos e deberes fundamentais. Suspensión de dereitos e liberdades. Xefatura do Estado e funcións. Composición e funcións das Cortes Xerais. Composición e funcións do Goberno. O Poder Xudicial: o principio de unidade xurisdicional. Orzamentos xerais do Estado: competencia na elaboración e aprobación, o principio de anualidade, o contido da Lei de orzamentos, data de presentación e prórroga dos orzamentos xerais do Estado, modificación e emenda dos orzamentos xerais do Estado. Principio de estabilidade orzamentaria, déficit estrutural e volume de débeda pública. Tribunal de Contas. Requisitos para acordar a iniciativa do proceso autonómico. Tribunal Constitucional: composición.
2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia. O poder galego: O Parlamento. A Xunta e a súa Presidencia. A Administración de xustiza en Galicia. Réxime xurídico das competencias de Galicia.
3. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Os interesados no procedemento: capacidade de obrar, concepto de interesado, representación, rexistros electrónicos de apoderamentos. Actividade das administracións públicas: dereito e obrigación de relacionarse electronicamente coas administracións públicas, obrigación de resolver. Termos e prazos. Requisitos dos actos administrativos. A notificación dos actos administrativos.
4. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Selección dos empregados públicos: requisitos para o acceso ao emprego público; clases de sistemas selectivos; órganos de selección; adquisición da relación de servizo: adquisición da condición de persoal funcionario de carreira e de funcionario interino; perda da relación de servizo; dereitos e deberes individuais dos empregados públicos; procedementos ordinarios e extraordinarios de provisión de postos de traballo polo persoal funcionario de carreira.
5. Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. O Sistema español de ciencia, tecnoloxía e innovación. Persoal investigador ao servizo das universidades públicas, dos organismos públicos de investigación e dos organismos de investigación doutras administracións públicas.
6. Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia. Obxectivos e fins do Sistema universitario de Galicia. O Consello Social: natureza e estrutura interna. A comunidade universitaria: principios xerais. A lingua. O/a comisionado/a universitario/a. Representación en órganos colexiados. Persoal docente e investigador e persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.
7. Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Vigo. Disposicións xerais. Estrutura, goberno e administración da Universidade. Comunidade universitaria.
8. Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais. Servizos de prevención.
9. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. Principios de protección de datos. Dereitos das persoas: acceso, rectificación, supresión, limitación do tratamento, portabilidade e de oposición.
10. Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia. Dereito á igualdade entre mulleres e homes. Igualdade de trato entre mulleres e homes. Boa fe ocupacional. Acoso por razón de sexo e acoso sexual. Discriminación por maternidade e por paternidade. Discriminación polo exercicio dos dereitos de conciliación. Definición do uso non sexista da linguaxe. Erradicación do sexismo na linguaxe institucional. As condicións de emprego en igualdade na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e no sector público autonómico. Criterios de actuación no emprego público. O acceso e promoción no emprego público galego. Medidas de conciliación e corresponsabilidade. Medidas de prevención do acoso sexual e do acoso por razón de sexo.
ANEXO III
Declaración xurada/promesa
Don/Dona..., con DNI/NIE/pasaporte... e nacionalidade..., declara baixo xuramento ou promete, para os efectos de ser nomeado/a persoal funcionario de carreira pola Universidade de Vigo,
□ Cidadán/á español/a. Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha das administracións públicas ou dos organismos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para desempeñar empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional a que se pertencía
□ Cidadán/á estranxeiro/a. Non encontrarse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.
.................................. , .......... de .... de 202...
(localidade) (día) (mes) (ano)
