Antecedentes:
Con data do 21 de novembro de 2024, publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 225 o Anuncio do 18 de novembro de 2024, da Dirección Xeral de Mobilidade, polo que se somete ao trámite de información pública o documento denominado Anexo para información pública complementaria do eixe de mobilidade sostible en Santiago de Compostela, treito Milladoiro-Estación intermodal, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de clave AC/22/085.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto.
RESOLVO:
Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 16 de febreiro de 2026, polo que se aproba definitivamente o Anexo para información pública complementaria do eixe de mobilidade sostible en Santiago de Compostela. Treito: Milladoiro-Estación intermodal, de clave AC/22/085.06, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, que se recolle como anexo a esta resolución.
Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderá formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026
Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade
ANEXO
Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 16 de febreiro de 2026, polo que se aproba definitivamente o Anexo para información pública complementaria do eixe de mobilidade sostible en Santiago de Compostela. Treito: Milladoiro-Estación intermodal, de clave AC/22/085.06, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU
Aprobar definitivamente o Anexo para información pública complementaria do eixe de mobilidade sostible en Santiago de Compostela. Treito: Milladoiro-Estación intermodal, de clave AC/22/085.06, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, coas seguintes modificacións, atendendo as indicacións da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural:
• O novo trazado e obras complementarias sitúanse fóra do ámbito definido para o Plan especial de Conxo, do delimitado como Patrimonio Mundial da Unesco e do delimitado na Orde ministerial ben de interese cultural. Non se realizarán obras dentro do ámbito delimitado no PXOM para o PE-1R.
• Elimínanse os muros de coieira entre os puntos quilométricos (pp.qq.) 3+370 e 3+570, achegando a senda á vía ferroviaria e, por conseguinte, a unha zona máis antropizada.
• Disponse unha pasarela de madeira na subida á cota do aparcadoiro do hospital.
• Substitúese a pasarela de madeira situada na boca oeste do túnel histórico por unha pasarela metálica cun deseño que minimice a afección visual da pasarela.
• No proxecto construtivo, o deseño da senda no treito da antiga vía férrea Cornes-Carril, manterá os elementos históricos e deberá de ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Consonte establece o artigo 24 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, os concellos de Ames e Santiago de Compostela, nos cales se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.
A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos nos proxectos, así como para a implantación dos proxectos e as modificacións destes que, se for o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 23.1 da Lei 18/2021, do 27 de decembro.
