O exercicio do dereito de folga queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG do 20 de xuño), entre os cales se encontra a educación.
O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como o persoal preciso para prestalos.
A organización sindical CIG-Ensino comunicoulle a esta Administración a convocatoria dunha folga para o persoal do centro educativo CIFP Manuel Antonio, no termo municipal de Vigo. A folga desenvolverase desde as 12.00 e ata as 15.00 horas do día 5 de marzo de 2026.
A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican na presente orde.
O servizo esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente xa que, xunto con esta actividade lectiva, se realizan outras funcións, como son a vixilancia e coidado dos nenos e nenas, menores de idade, que acoden aos centros docentes, así como o coidado, mantemento e vixilancia das instalacións destinadas ao servizo público educativo. Certamente, nun CIFP a maioría do alumnado é maior de idade, mais tamén hai alumnos menores de idade e, ademais, como en calquera centro educativo, hai instalacións que deben ser preservadas.
Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial aos e ás menores. Dun xeito máis específico, a Lei galega 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, dispón no seu artigo 7 que o alumnado ten dereito a que se respecte a súa identidade, integridade e dignidade persoal, e á protección integral contra toda agresión física e moral. Polo tanto, a custodia e a seguridade dos e das menores de idade que accedan a un centro docente, así como o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados, son unha responsabilidade ineludible e parte indivisible do dereito esencial á educación.
O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos e das menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente. Como servizo mínimo para garantilos, establécese que o CIFP permaneza aberto no seu horario habitual, coa necesaria presenza da persoa titular da dirección ou, de ser o caso, doutro membro do equipo directivo que a substitúa, xa que tales membros do equipo directivo teñen a representación do centro e garanten o cumprimento das leis e demais disposicións vixentes, como sinalan as alíneas a) e d) do artigo 132 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e polo tanto están capacitados e facultados para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos e das menores de idade. Así mesmo, consonte a normativa citada, o director ou directora tamén está facultado e capacitado para resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do conxunto dos bens que integran un centro docente.
A presenza dun subalterno ou subalterna deriva das funcións que a este tipo de persoal lle compete respecto do coidado e vixilancia das instalacións e do control da entrada e da saída do centro educativo.
De acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, e logo de ter oído o Comité de Folga,
DISPOÑO:
Artigo 1
Para o persoal que desempeña o seu traballo no CIFP Manuel Antonio terán a consideración de servizos mínimos a dirección ou membro do equipo da dirección e un subalterno ou subalterna. En todo caso, quedará garantida a apertura e peche do CIFP.
A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados neste artigo faraa a dirección do centro respectivo, e publicarase no taboleiro de anuncios do centro.
Artigo 2. Garantía das persoas usuarias
Sen prexuízo do que establece o artigo anterior, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos docentes.
Disposición derradeira
A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2026
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
