En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello do Porriño, na avenida Domingo Bueno, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, do 20 de febreiro de 2026, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do PXOM no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026
María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Porriño na avenida Domingo Bueno
O 28.1.2026 tivo entrada na Xunta de Galicia, oficio do Concello do Porriño onde solicita a aprobación definitiva da modificación puntual (MP) de referencia, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e os artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento (RLSG).
Logo de analizar o documento redactado por OPV Arquitectura y Urbanismo, asinado en xaneiro de 2026, e con dilixencia de ter sido aprobado provisionalmente polo Pleno con data do 25.1.2025 coas modificacións posteriores; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
Antecedentes:
1. O Concello do Porriño conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente polo Pleno do Concello o 26.6.2003 (DOG do 21.10.2003 e BOP do 21.10.2003).
2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a Resolución do 5.3.2010 de non someter a MP ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica (DOG do 15.4.2010). No proceso de avaliación ambiental recibíronse informes de:
• Augas de Galicia.
• Cámara Oficial Mineira de Galicia.
3. Constan informes municipais: técnicos do 24.11.2009, 11.6.2010 e 14.9.2010; e xurídicos do 24.6.2010, 18.9.2010 e 11.10.2010.
4. Consta o informe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 15.7.2010.
5. A MP foi aprobada inicialmente polo Acordo do Pleno do día 11.10.2010, e sométese a información pública polo prazo de dous meses, mediante anuncio publicado no DOG do 11.2.2011; e nos xornais Atlántico do 12.2.2011 e Faro de Vigo do 8.2.2011.
6. Déuselle audiencia aos concellos limítrofes de Mos, Salceda de Caselas, Vigo, Ponteareas, Tui e Gondomar, sen recibir máis resposta que o informe da Xerencia de Urbanismo de Vigo do 18.3.2011, que non manifestou obxeccións.
7. Constan informes municipais: técnicos do 14.1.2025 e 15.1.2025; e xurídico do 20.1.2025.
8. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente a MP en sesión do 25.1.2025.
9. O día 14.2.2025, o Concello remite a documentación da MP para a súa aprobación definitiva, consonte os artigos 60.13 e 60.16 da LSG e os artigos 144.13 e 144.16 do RLSG. Logo do requirimento de integridade documental da Dirección Xeral de Urbanismo do 13.3.2025, o Concello achega nova documentación o 10.4.2025.
10. O Concello solicitou os informes do Instituto de Estudos do Territorio, emitido o 25.7.2025; e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, emitido o 24.9.2025.
11. Os días 1.10.2025, 21.11.2025 e 28.1.2026, o Concello achega nova documentación en resposta aos requirimentos da DX Urbanismo do 7.5.2025, 29.10.2025 e 18.12.2025.
Obxecto e descrición da modificación:
1. A MP ten por obxecto o axuste da aliñación sinalada no PXOM do Porriño na marxe dereita da avenida de Domingo Bueno entre os números 24 e 60.
2. Esa aliñación sitúase a unha distancia de 16,50 metros do eixe da vía, existindo unha contradición entre esa distancia e a do fondo edificatorio, que leva a imposibilidade de cumprir ambas as dúas cotas e que é causa da situación de fóra de ordenación en que se atopan as edificacións localizadas na dita fronte.
3. Ao mesmo tempo, o instrumento sinala que a vontade do planeamento é o tapado das novas medianeiras que se xerarían coa aliñación fixada no PXOM.
Análise e consideracións:
1. As razóns de interese público que xustifican a MP, segundo o establecido no artigo 83.1 da LSG, fundaméntase na necesidade de dar resposta a incongruencia detectada entre a aliñación e o fondo edificatorio establecidos polo PXOM nese tramo da avenida Domingo Bueno.
2. Respecto dos informes sectoriais emitidos durante a tramitación do expediente, son favorables ou déuselles cumprimento.
3. A documentación achegada responde aos requirimentos realizados. Polo que respecta ao cumprimento das reservas de solo necesarias para a implantación dos sistemas xerais ao servizo do termo municipal, en cumprimento do artigo 42.1 da LSG, incorporase a xustificación no número 1.3 da memoria xustificativa.
4. Na última documentación achegada en formato PDF, a delimitación do ámbito afectado pola modificación non é coincidente entre os planos de información e o plano de ordenación. Porén, na documentación editable si coincide, sendo errónea a elaboración do plano de ordenación en formato PDF. No plano de ordenación en formato PDF, asemade, o código QR do CSV superponse á cartela, impedindo a súa identificación. Ademais, existe un erro no enlace do escudo do concello, e a dilixencia non se corresponde coa contida no resto dos documentos.
5. O cartafol 170 (documento técnico en formato PDF) contén arquivos fóra das carpetas e que non se corresponden cos incluídos nelas no tocante á súa dilixencia.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento xeral e das súas modificacións puntuais corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
Resolución:
En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,
RESOLVO:
1. Aprobar definitivamente a modificación puntual do PXOM do concello do Porriño na avenida Domingo Bueno.
2. O Concello deberá achegar un documento en que se corrixan os erros formais indicados nos puntos III.4 e III.5 anteriores.
3. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
4. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da MP do PXOM aprobada definitivamente.
5. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
6. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
