O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.
O artigo 18.11 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG), dispón que os cambios e titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forma parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles, que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente.
O acordo asinado o día 2 de xullo de 2025 entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Carballo recolle o compromiso do concello de asumir a titularidade dos seguintes treitos da estrada autonómica AC-414 Carballo (AG-55)-límite do concello (AC-418):
a) Carballo (AG-55)-Xoane (AC-418): pp.qq. 0+420 a 2+640.
b) Cances Grande (AC-418)-Límite do Concello (AC-418): pp.qq. 3+240 a 5+770.
A estrada convencional AC-414, con categoría funcional de rede local, discorre polo termo municipal do Concello de Carballo, atravesando solo clasificado como solo rústico, solo urbanizable e solo de núcleo rural. Os treitos susceptibles de transferencia sitúanse entre os p.q. 0+420 e 2+640 e entre os p.q. 3+240 e p.q. 5+770, comprendendo practicamente a totalidade da vía, a excepción do treito situado entre as glorietas do enlace coa AG-55 (p.q. 0+000 a 0+420).
Coa formalización desta transferencia, os treitos da AC-414 que permanezan baixo titularidade autonómica, de reducida lonxitude, quedarían vinculados á AG-55 (enlace de Carballo Norte) ou ás interseccións en «T» coa AC-418. En consecuencia, a clave AC-414 eliminaríase do Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia (RAEG).
Por outro lado, a estrada AC-418 constitúe a alternativa viaria que ofrece un nivel de servizo superior ao uso dos treitos do antigo trazado da AC-414, evitando así o paso polos núcleos de poboación de Cances Grande e Xoane da Estrada.
A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se define no artigo 1.
De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de febreiro dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
Artigo 1
Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Carballo dos treitos da estrada AC-414 indicados neste artigo, xunto coa superficie de DPV que lle corresponda, incluído o dominio público viario existente baixo o paso superior da AC-418 (p.q 5+080 da AC-414), manténdose en todo caso a titularidade autonómica da estrutura correspondente ao dito paso superior e do treito da estrada AC- 418 que se apoia nela:
|
Nº |
Treito |
Inicio |
Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29) |
Final |
Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29 ) |
Lonx. (m) |
Superficie DPV ( m²) |
|
1 |
Carballo (AG-55)-Xoane (AC-418) |
p.q. 0+400 da AC-414 |
x = 523.737 y = 4.785.681 |
p.q. 2+570 da AC-414 |
x = 522.407 y = 4.787.190 |
2.079 |
26.074 |
|
2 |
Cances Grande (AC-418)-Lím. concello (AC-418) |
p.q 3+290 da AC-414 |
x = 521.970 y = 4.787.716 |
p.q. 5+710 da AC-414 |
x = 520.228 y = 4.789.244 |
2.440 |
26.951 |
Modificar, en aplicación do artigo 10.6. a) da LEG, o Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño, suprimindo a estrada AC-414 do Catálogo da RAEG, xa que os treitos de reducida lonxitude da AC-414, que seguirán sendo de titularidade autonómica quedan vinculados á AG-55 (enlace de Carballo Norte) ou á AC-418 (interseccións en «T» coa AC-418).
Suprimirase do Catálogo da RAEG a estrada AC-414, que aparece reflectida cos seguintes datos:
|
Clave |
Denominación |
Treito |
p.q.i |
p.q.f |
Lonxitude treito (Km) |
Lonxitude total (km) |
Categoría funcional |
Clase de estrada |
Provincia |
|
AC-414 |
Carballo (AG-55)- Lím. concello (AC-418) |
Carballo (AG-55)- Xoane (AC-418) |
0+000 |
2+640 |
2,64 |
5,17 |
Local |
Estrada convencional |
A Coruña |
|
AC-414 |
Carballo (AG-55)- Lím. concello (AC-418) |
Cances Grande (AC-418)- Lím. Concello (AC-418) |
3+240 |
5+770 |
2,53 |
5,17 |
Local |
Estrada convencional |
A Coruña |
O documento do Catálogo e as súas modificacións poden consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:
https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega
Artigo 2
En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da LEG, o Concello de Carballo deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.
Artigo 3
De acordo co establecido no artigo 9.6 da LEG, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.
Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:
https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega
Artigo 4
Correspóndelle ao Concello de Carballo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía transferida, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.
Disposición derradeira
Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e tres de febreiro de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
