O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.
O artigo 18.11 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG) dispón que os cambios e titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forma parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles, que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente.
O Concello de Ponte Caldelas solicitou á Axencia Galega de Infraestruturas a transferencia de dous treitos antigos da estrada autonómica PO-532:
• Treito antigo da PO-532 (A Reigosa) de 176 metros, inicio na intersección coa EP-0004 e final no p.q. 6+520 MD da PO-532.
• Treito antigo da PO-532 (A Reigosa) de 194 metros, inicio no p.q. 6+600 ME da PO-532 e final no p.q. 6+750 ME da PO-532.
A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se define no artigo 1, xa que os ditos treitos carecen de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas de Galicia, non son soporte da mobilidade interurbana e serven fundamentalmente aos predios lindeiros, cunha funcionalidade estritamente local. Delimitouse tamén o dominio público viario para transferir, axustándose as lonxitudes dos treitos antigos para transferir solicitados ao dominio público que seguirá sendo de titularidade autonómica.
De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de febreiro de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO
Artigo 1
Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Ponte Caldelas de dous treitos antigos da estrada PO-532, xunto co seu dominio público viario:
|
Nº |
Denominación treito |
Inicio |
Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29) |
Final |
Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29) |
Lonx. (m) |
|
1.1 |
Treito antigo da PO-532 (A Reigosa) |
Intersección coa EP-0004 |
x = 534.647 y = 4.694.895 |
p.q. 6+520 MD da PO-532 |
x = 534.807 y = 4.694.887 |
178 |
|
1.2 |
Treito antigo da PO-532 (A Reigosa) |
PQ 6+600 ME da PO-532 |
x = 534.890 y = 4.694.913 |
p.q. 6+750 ME da PO-532 |
x = 535.029 y = 4.694.940 |
186 |
Artigo 2
En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da LEG, o Concello de Ponte Caldelas deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao cal se refire este decreto.
Artigo 3
De acordo co establecido no artigo 9.6 da LEG, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.
Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:
https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega
Artigo 4
Correspóndelle ao Concello de Ponte Caldelas, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos treitos transferidos, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.
Disposición derradeira
Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e tres de febreiro de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
