DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 6 de marzo de 2026 Páx. 16834

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2026 pola que se ordena a publicación da desafectación de espazos no inmoble sito no edificio de vivendas do persoal funcionario desta universidade e da cesión de uso temporal en favor da Fundación Universidade de Santiago de Compostela, M.P.

Antecedentes:

Primeiro. A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha entidade de dereito público, dotada de personalidade xurídica propia, que desenvolve as súas funcións en réxime de autonomía, recoñecida como dereito fundamental polo artigo 27.10 da Constitución e desenvolvida pola Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario. A USC ten como funcións centrais a docencia, a investigación e a transferencia e intercambio do coñecemento e, en particular, a xeración, desenvolvemento, difusión, transferencia e intercambio do coñecemento e a aplicabilidade da investigación en todos os campos científicos, tecnolóxicos, sociais, humanísticos, culturais e para a creación artística. Correspóndelle á Universidade a promoción das relacións entre a investigación universitaria, as necesidades sociais e culturais e a súa articulación no sistema produtivo, así como o impulso da difusión e divulgación dos resultados da investigación ao conxunto da sociedade.

Segundo. A Fundación Universidade de Santiago de Compostela, M.P. (A Fundación) é unha entidade de natureza fundacional, de interese galego, con personalidade xurídica propia, constituída por tempo indefinido ao abeiro do disposto no artigo 34.1 da Constitución española e na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

A Fundación réxese polos seus estatutos, cuxa última modificación foi aprobada no Pleno do Consello Social da USC do 26 de xuño de 2024, logo de proposta do Consello de Goberno da USC do 25 de xuño de 2024.

A Fundación «ten como finalidade de interese xeral colaborar na promoción e desenvolvemento dos fins propios da Universidade de Santiago de Compostela, así como das súas entidades vinculadas ou dependentes, contribuíndo a exercer con eficacia e eficiencia as funcións que a institución ten asignadas». Esta finalidade de interese xeral poderá exercerse «por propia iniciativa, ben por medio dos encargos que a Universidade lle realice» (artigo 6 do título II, «Obxecto da Fundación», dos estatutos da Fundación).

Terceiro. É intención da USC pór á disposición da Fundación os espazos necesarios que lle permitan desenvolver as actividades fundacionais para a consecución dos seus fins de interese xeral recollidos no antecedente anterior.

Cuarto. A Universidade de Santiago de Compostela é propietaria dos locais que conforman a primeira planta do edificio de vivendas do persoal funcionario (232,40 m2 útiles), situado no Campus Vida, avenida das Ciencias, 6, Santiago de Compostela. O espazo total cedido ten unha superficie útil de 232,40 m2 con referencia catastral 6673301NH3467D0001DO, para despachos, áreas de traballo, sala de reunións, arquivo, recepción, baños...

Quinto. Os espazos anteditos resultan axeitados para desenvolver as actividades e servizos que presta A Fundación para o cumprimento do obxectivo e fins descritos. Coa cesión do uso dos ditos espazos por parte da USC a A Fundación contribúese ao cumprimento e satisfacción dos fins de interese público que tanto a Universidade de Santiago de Compostela como A Fundación teñen encomendados, sen que a dita cesión implique para as entidades que interveñen, que non teñen vocación de mercado, obter ningún beneficio económico directo.

Sexto. O Pleno do Consello Social da USC, na sesión ordinaria o día 13 de febreiro de 2026, aprobou a desafectación dos locais do inmoble sito no edificio de vivendas do persoal funcionario do Campus Vida, avenida das Ciencias, 6, Santiago de Compostela (referencia catastral 6673301NH3467D0001DO), que conta cos locais que conforman a primeira planta, para despachos, áreas de traballo, sala de reunións, arquivo, recepción, baños..., cun espazo total cedido dunha superficie útil de 232,40 m2, así como a proposta de cesión de uso temporal destes en favor da Fundación USC, M.P.

Fundamentos:

Primeiro. De acordo co artigo 58 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, constitúe o patrimonio de cada universidade o conxunto dos seus bens, dereitos e obrigas, e as universidades asumen a titularidade dos bens de dominio público afectos ao cumprimento das súas funcións.

Segundo. Pola súa parte, o artigo 2 do Regulamento de xestión patrimonial da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado no Consello Social da USC na súa sesión do 22 de decembro de 2021 (DOG do 23 de febreiro de 2022), «Os inmobles de titularidade da USC ou das súas entidades vinculadas en que se realicen actividades docentes, de investigación, de extensión universitaria, ou en que se aloxen servizos universitarios, oficinas ou dependencias dos seus órganos, consideraranse, en todo caso, bens de dominio público.».

Terceiro. O artigo 69 da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, establece: «1. Os bens e dereitos demaniais perderán esta condición, adquirindo a de patrimoniais, nos casos en que se produza a súa desafectación, por deixar de destinarse ao uso xeral ou ao servizo público. 2. Salvo nos supostos previstos nesta lei, a desafectación deberá realizarse sempre de forma expresa.».

Cuarto. A Lei 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, no artigo 58.3 establece: «Sen prexuízo da aplicación do disposto na lexislación sobre patrimonio histórico español, os actos de disposición dos bens inmobles e dos mobles de extraordinario valor serán acordados pola universidade, coa aprobación do Consello Social, de conformidade coas normas que, a este respecto, determine a Comunidade Autónoma.».

A este respecto, o Regulamento de xestión patrimonial da Universidade de Santiago de Compostela, no seu artigo 4, establece: «1. Corresponden ao Consello Social en materia patrimonial, de acordo coa normativa autonómica e logo de proposta do Consello de Goberno, as seguintes competencias: – Aprobar a afectación ao dominio público dos bens e dereitos da Universidade e a súa desafectación, así como, se é o caso, a súa afectación secundaria ou mutación demanial. Adoptar e aprobar calquera acto de adquisición ou disposición sobre bens inmobles e sobre os bens mobles por valor superior a 60.000 euros ou aqueles de extraordinario valor....».

Quinto. O artigo 145 da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, regula a cesión gratuíta de bens e dereitos e establece: «1. Os bens e dereitos patrimoniais da Administración xeral do Estado cuxa afectación ou explotación non se xulgue previsible poderán ser cedidos gratuitamente para realizar fins de utilidade pública ou interese social da súa competencia a comunidades autónomas, entidades locais, fundacións públicas ou asociacións declaradas de utilidade pública... 3. A cesión poderá ter por obxecto a propiedade do ben ou dereito ou só o seu uso. En ambos os casos, a cesión levará aparellada para o cesionario a obriga de destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo. Adicionalmente, esta transmisión poderá suxeitarse a condición, termo ou modo, que se rexerán polo disposto no Código civil.».

Polo anteriormente exposto, o reitor

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a desafectación dos locais no inmoble sito no edificio de vivendas do persoal funcionario do Campus Vida, avenida das Ciencias, 6, Santiago de Compostela (referencia catastral 6673301NH3467D0001DO), que conta cos locais que conforman a primeira planta, para despachos, áreas de traballo, sala de reunións, arquivo, recepción, baños..., cun espazo total cedido dunha superficie útil de 232,40 m2, que pasa a ser considerado ben patrimonial, con efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Unha vez desafectados, acórdase a cesión de uso temporal dos ditos espazos en favor de Fundación Universidade de Santiago de Compostela, M.P.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpor recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, de conformidade cos artigos 46 e 8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que a ditou.

Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado mentres non se dite a resolución expresa ou presunta do recurso de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2026

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela
P.D. (Resolución do 21.4.2022; DOG do 26 de abril)
Antonio Javier Ferreira Fernández
Xerente da Universidade de Santiago de Compostela