Antecedentes:
Primeiro. A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha entidade de dereito público, dotada de personalidade xurídica propia, que desenvolve as súas funcións en réxime de autonomía, recoñecida como dereito fundamental polo artigo 27.10 da Constitución e desenvolta pola Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario. A USC ten como funcións centrais a docencia, a investigación e a transferencia e o intercambio do coñecemento, e, en particular, a xeración, o desenvolvemento, a difusión, a transferencia e o intercambio do coñecemento e a aplicabilidade da investigación en todos os campos científicos, tecnolóxicos, sociais, humanísticos, culturais e para a creación artística. Correspóndelle á universidade a promoción das relacións entre a investigación universitaria, as necesidades sociais e culturais e a súa articulación no sistema produtivo, así como o impulso da difusión e divulgación dos resultados da investigación ao conxunto da sociedade.
Segundo. Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela, S.L. (Cursos Internacionais da USC) é unha entidade constituída por tempo indefinido, como sociedade anónima, en escritura autorizada polo notario de Santiago de Compostela, lldefonso Sánchez Mera, do 28 de decembro de 1995, nº 6017, e transformada en sociedade limitada por acordo da Xunta Xeral da sociedade do 23 de novembro de 2006, en escritura autorizada polo notario do colexio de Galicia Nelson Rodicio Rodicio, do 15 de decembro de 2006, nº 4545.
A pesar da súa personificación xurídico-privada, Cursos Internacionais da USC é unha sociedade de ente público, pertencente ao sector público, consonte o disposto no artigo 111 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público (o 90 por cento das participacións que integran o seu capital social é de titularidade pública, das cales o 50 % corresponde á USC). Isto implica determinadas particularidades no seu réxime xurídico, entre outras, a aplicación da Lei 33/2003, do 3 de novembro, de patrimonio das administracións públicas (artigo 113 LRXSP), que no seu artigo 145 permite a cesión gratuíta de bens para a realización de fins de utilidade pública ou interese social de competencia da entidade cedente.
Terceiro. Cursos Internacionais da USC ten como fins propios da sociedade potenciar a aprendizaxe e o coñecemento dos idiomas galego e español para estranxeiros, así como da cultura galega e española para este colectivo. Para estes efectos, a sociedade servirá de apoio instrumental á Universidade de Santiago de Compostela para: impartir cursos de español para estranxeiros, impartir cursos de galego para estranxeiros, impartir cursos de idiomas modernos, organizar exames e cursos para a obtención de títulos oficiais de español, a creación de materiais destinados ás ensinanzas referidas, organizar encontros, congresos e actividades; cursos especializados e monográficos e calquera outra que afecte ou incida, en calquera forma ou ámbito, nos intereses xerais ou particulares, efectivos ou expectantes da sociedade ou de calquera dos seus socios.
Cuarto. Os fins anteditos son de utilidade pública para as competencias da USC e, en consecuencia, ao abeiro do disposto nos artigos 145 e seguintes da Lei 33/2003, do 3 de novembro, a USC pode ceder á súa entidade dependente Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela, S.L. o uso gratuíto dos espazos necesarios para o desenvolvemento dos seus fins.
Quinto. A Universidade de Santiago de Compostela é propietaria dos locais que conforman o chalé número 2 dos denominados Chalés dos Catedráticos, situado no Campus Vida, avda. das Ciencias s/n, en Santiago de Compostela, da planta soto de 38,98 m², a planta baixa de 108,71 m², a primeira planta de 108,22 m² e a planta baixo cuberta 109,90 m². O espazo total ten unha superficie útil de 365,81 m² con referencia catastral 6673301NH3467D0001DO, para despachos, salas de reunións, almacén, arquivo, recepción, baños...
Sexto. Os espazos anteditos resultan axeitados para o desenvolvemento das actividades e dos servizos que presta Cursos Internacionais da USC para o cumprimento do obxectivo e fins descritos. Coa cesión do uso dos ditos espazos pola USC á sociedade contribúese ao cumprimento e á satisfacción dos fins de interese público que tanto a Universidade de Santiago de Compostela como a sociedade Cursos Internacionais da USC teñen encomendados, sen que a dita cesión implique para as entidades que interveñen a obtención de ningún beneficio económico directo.
Sétimo. Os locais obxecto desta cesión teñen a consideración de bens de dominio público por estaren afectos á realización do servizo público de educación superior mediante o seu uso para a docencia, desenvolvendo actividades encamiñadas a potenciar a aprendizaxe e o coñecemento dos idiomas galego e castelán para estranxeiros, como o fomento da cultura galega e española para este colectivo.
Oitavo. O Pleno do Consello Social da USC, na sesión ordinaria do día 13 de febreiro de 2026, aprobou a desafectación dos locais no inmoble sito no chalé nº 2 dos denominados Chalés dos Catedráticos do Campus Sur, avda. das Ciencias s/n, en Santiago de Compostela (referencia catastral 6673301NH3467D0001DO), que conta cos espazos que conforman a planta soto de 38,98 m², a planta baixa de 108,71 m², a primeira planta de 108,22 m² e a planta baixo cuberta 109,90 m². O espazo total ten unha superficie útil de 365,81 m² e a proposta de cesión é de uso temporal destes en favor de Cursos Internacionais da USC, S.L.
Fundamentos:
1. De acordo co artigo 58 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, constitúe o patrimonio de cada universidade o conxunto dos seus bens, dereitos e obrigas, e as universidades asumen a titularidade dos bens de dominio público afectos ao cumprimento das súas funcións.
2. Pola súa parte, o artigo 2 do Regulamento de xestión patrimonial da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado no Consello Social da USC na súa sesión do 22 de decembro de 2021 (DOG do 23 de febreiro de 2022), dispón que os inmobles de titularidade da USC ou das súas entidades vinculadas en que se realicen actividades docentes, de investigación, de extensión universitaria, ou onde se aloxen servizos universitarios, oficinas ou dependencias dos seus órganos, consideraranse, en todo caso, bens de dominio público.
3. O artigo 69 da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, establece que: 1. Os bens e dereitos demaniais perderán esta condición, e adquirirán a de patrimoniais, nos casos en que se produza a súa desafectación, por deixar de destinarse ao uso xeral ou ao servizo público. 2. Salvo nos supostos previstos nesta lei, a desafectación deberá realizarse sempre de forma expresa.
4. A Lei 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, no artigo 58.3 establece que sen prexuízo da aplicación do disposto na lexislación sobre patrimonio histórico español, os actos de disposición dos bens inmobles e dos mobles de extraordinario valor serán acordados pola universidade, coa aprobación do Consello Social, de conformidade coas normas que, a este respecto, determine a Comunidade Autónoma.
A este respecto, o Regulamento de xestión patrimonial da Universidade de Santiago de Compostela, no seu artigo 4, establece: 1. Corresponden ao Consello Social en materia patrimonial, de acordo coa normativa autonómica e logo de proposta do Consello de Goberno, as seguintes competencias:
– Aprobar a afectación ao dominio público dos bens e dereitos da universidade e a súa desafectación, así como, se é o caso, a súa afectación secundaria ou mutación demanial.
– Adoptar e aprobar calquera acto de adquisición ou disposición sobre bens inmobles e sobre os bens mobles por valor superior a 60.000 euros ou aqueles de extraordinario valor...
5. Cursos Internacionais da USC é unha sociedade de ente público, pertencente ao sector público, consonte o disposto no artigo 111 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (o 90 por cento das participacións que integran o seu capital social é de titularidade pública, dos cales o 50 % corresponde á USC).
6. O artigo 145 da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, regula a cesión gratuíta de bens e dereitos e establece: 1. Os bens e dereitos patrimoniais da Administración xeral do Estado cuxa afectación ou explotación non se xulgue previsible poderán ser cedidos gratuitamente, para a realización de fins de utilidade pública ou interese social da súa competencia, a comunidades autónomas, entidades locais, fundacións públicas ou asociacións declaradas de utilidade pública... 3. A cesión poderá ter por obxecto a propiedade do ben ou dereito, ou só o seu uso. En ambos os casos, a cesión comportará para o cesionario a obriga de destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo. Adicionalmente, esta transmisión poderá suxeitarse a condición, termo ou modo, que se rexerán polo disposto no Código civil.
Polo anteriormente exposto, o reitor
RESOLVE:
1. Publicar a desafectación dos locais no inmoble sito no chalé número 2 dos denominados Chalés dos Catedráticos, do Campus Sur, avda. das Ciencias s/n, en Santiago de Compostela (referencia catastral 6673301NH3467D0001DO), que conta cos espazos que conforman a planta soto de 38,98 m², a planta baixa de 108,71 m², a primeira planta de 108,22 m² e a planta baixo cuberta 109,90 m². O espazo total ten unha superficie útil de 365,81 m², que pasan a ser considerados ben patrimonial, con efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
2. Unha vez desafectados, acordar a cesión de uso temporal dos ditos espazos en favor de Cursos Internacionais da USC.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, de conformidade cos artigos 46 e 8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que a ditou.
Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado mentres non se dite a resolución expresa ou presunta do recurso de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2026
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela
P.D. (Resolución do 21.4.2022; DOG do 26 de abril)
Antonio Javier Ferreira Fernández
Xerente da Universidade de Santiago de Compostela
