DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 6 de marzo de 2026 Páx. 16857

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de suspensión cautelar para a reforma da vixente normativa do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) relativa aos usos de hospedaxe grupo I.

O Pleno do Concello de Santiago de Compostela, na sesión que tivo lugar o día 26 de febreiro de 2026, ao abeiro do que dispoñen os artigos 47.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e 86.1 do seu Regulamento de desenvolvemento (RLSG), e co fin de estudar a reforma dos requisitos establecidos no vixente Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) para a implantación dos usos de hospedaxe do grupo I nas ordenanzas de uso residencial, acordou:

– Suspender os procedementos de obtención de títulos habilitantes de usos de hospedaxe do grupo I cando supoñan a substitución dun uso residencial preexistente.

De conformidade co artigo 105.C do PXOM, entenderase por uso preexistente o que foi xa efectivamente materializado e implantado no edificio, aínda cando este estea baleiro ou en desuso.

A suspensión afectará tanto a execución de obras destinadas a iniciar a actividade como os inicios de actividade que non precisen a realización de obras.

A suspensión non afectará as comunicacións previas e declaracións responsables de inicio de actividade que se presenten en cumprimento do disposto no punto 2 do artigo 364 do RLSG.

O ámbito territorial da suspensión abrangue todos os edificios existentes de uso residencial incluídos no ámbito das seguintes ordenanzas do PXOM:

– Ordenanza 1 (ensanche).

– Ordenanza 2 (cuarteirón).

– Ordenanza 3 (edificación en liña).

– Ordenanza 4 (edificación aberta).

– Ordenanza 7 (cuarteirón variante zona sur).

– Ordenanza 9 A (actuacións unitarias consolidadas de vivenda colectiva).

– Ordenanza OE-1 R (Vista Alegre).

– Ámbito regulado pola Modificación puntual para a creación da OE-7 (República do Salvador núm.12 e Xeneral Pardiñas núm. 26).

– Ámbitos regulados polos estudos de detalle das antigas ordenanzas OE-1 (Rosalía de Castro-Feáns) e OE-3 (Galeras).

Inclúe tamén os seguintes ámbitos do PE-1 (Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica):

– Quinteiros 5305 e 5701 (rúa da Senra núms. 1 a 29, Xeneral Pardiñas núm. 1, e Carreira do Conde núms. 1 a 17).

– U-18 (rúas Rapa da Folla, Montero Ríos núms. 46 a 52, e Rosalía de Castro núms. 1, 3 e 5).

O acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) e nun xornal dos de maior difusión na provincia.

A suspensión entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no DOG, e extinguirase no prazo máximo dun (1) ano –contado desde a súa entrada en vigor– ou, en todo caso, coa aprobación inicial da correspondente modificación do plan.

O acordo adoptado, xunto co plano do ámbito territorial afectado, pode consultarse na páxina web do Concello a través da seguinte ligazón:

https://santiagodecompostela.gal/gl/transparencia/suspension-cautelar-relativa-usos-de-hospedaxe-grupo-i

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2026

A alcaldesa
P.D. (DEC/2023/8135, do 17 de xuño de 2023)
Iago Lestegás Tizón
Concelleiro delegado de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica