De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto da Resolución do 24 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e se arquiva o expediente instruído do parque eólico Hépotas II, situado no concello de Muras (Lugo) e promovido por Hépotas, S.L.U. (expediente IN408A/2020/156).
Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan:
A dita resolución dispón o seguinte:
1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción para o parque eólico Hépotas II, tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23.1.2023.
2. Arquivar o expediente do parque eólico Hépotas II, situado no concello de Muras (Lugo) e promovido por Hépotas, S.L.U. (expediente IN408A/2020/156).
Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:
1. O 9.4.2019, Hépotas, S.L.U. depositou unha garantía económica, por importe de 280.000,00 € e número de rexistro 642/2019, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Hépotas II.
2. O 16.12.2020, a promotora presentou a solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Hépotas II. Entre a documentación achegada, e en relación cos permisos de acceso e de conexión á rede de distribución, consta o informe favorable de Viesgo Distribución, do 4.12.2019, relativo á capacidade de acceso, así como informe de Red Eléctrica de España, do 28.5.2020, sobre a aceptabilidade por afección á rede de transporte.
3. O 21.12.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, unha vez verificado o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e revisada a solicitude de acordo cos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, comunicoulle á promotora o prazo para o pagamento da taxa de autorización administrativa e continuar así coa tramitación. O 22.12.2020, a promotora presentou o xustificante de aboamento da taxa de autorización administrativa do parque eólico de referencia.
4. O 14.12.2021, Hépotas, S.L.U. presentou unha modificación do proxecto que, tras os oportunos requirimentos, foi emendada de forma definitiva o 23.6.2022. A devandita modificación, considerada como substancial, foi admitida a trámite o 6.9.2022.
5. O 13.10.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano e urbanizable.
6. Polo Acordo do 25 de novembro de 2022, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial das instalacións do parque eólico Hépotas II.
7. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Defensa do Monte e Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.
8. O 23.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental (DIA) desfavorable relativa ao parque eólico Hépotas II, que foi publicada no DOG o 24.1.2023.
9. O mesmo día 23.1.2023, a promotora presentou un escrito en contestación aos informes remitidos e, o 24.1.2023, novas versións refundidas tanto do proxecto de execución coma do proxecto sectorial.
10. O 16.2.2023, a promotora solicitou a «apertura dun novo trámite de información pública e consultas pertinentes sobre as modificacións contidas nos documentos presentados pola promotora, e a continuación seguidamente da tramitación do procedemento, conforme o que establece a Lei 21/2013».
11. O 3.7.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o acordo polo que se inician os procedementos de denegación da solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción e de arquivamento do expediente instruído do parque eólico Hépotas II, abrindo o trámite de audiencia previsto no artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
12. O 19.7.2023, a promotora achegou un escrito de alegacións en que reiterou a solicitude de apertura dun novo trámite información pública e consultas respecto da versión refundida do proxecto presentada o 24.1.2025.
13. O 30.10.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais trasladou as alegacións á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, que remitiu o informe en resposta 6.11.2023.
Neste informe indícase textualmente o seguinte:
«[...]
– O período para a presentación de alegacións na avaliación de impacto ambiental ordinaria restrínxese ao período de información pública establecido no artigo 36 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental; polo tanto, os escritos recibidos atópanse fóra do prazo establecido.
– No caso do referido proxecto, a avaliación de impacto ambiental ordinaria atópase xa finalizada coa formulación da declaración de impacto ambiental (DIA) por parte do órgano ambiental.
– O artigo 41.4 da dita Lei 21/2013, do 9 de decembro, establece que a DIA non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.
– A avaliación de impacto ambiental ordinaria é un procedemento administrativo instrumental que se integra dentro do procedemento substantivo de autorización dun proxecto cuxa competencia recae no órgano substantivo por razón da materia, neste caso a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Industria e Innovación, polo que, unha vez finalizado o trámite, se é o caso, a promotora terá que iniciar unha nova tramitación do expediente.
– De optarse por unha nova tramitación, terase en conta o establecido no punto 4.c) do artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental».
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
