De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto da Resolución do 24 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e se arquiva o expediente instruído do parque eólico Fontella, situado nos concellos de Aranga e de Oza-Cesuras (A Coruña) e promovido por Galenergy, S.L. (expediente IN408A 2019/011).
Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan:
A antedita resolución dispón o seguinte:
1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción para o parque eólico Fontella logo da declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 9.12.2022.
2. Arquivar o expediente do parque eólico Fontella, situado nos concellos de Aranga e de Oza-Cesuras (A Coruña) e promovido por Galenergy, S.L. (expediente IN408A 2019/011).
Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:
1. O 13.2.2019, Galenergy, S.L., depositou unha primeira garantía económica por importe de 1.440.000,00 € e número de rexistro 115/19, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico. Coa mesma data, a promotora presentou unha segunda garantía económica por importe de 360.000,00 € e número de rexistro 116/2019.
2. O 19.2.2019, Galenergy, S.L., presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Fontella.
3. O 15.3.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, unha vez verificado o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e revisada a solicitude de acordo cos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, comunicoulle á promotora o prazo para o pagamento da taxa de autorización administrativa e continuar así coa tramitación. O 23.4.2019, a promotora presentou o xustificante de aboamento da taxa de autorización administrativa do parque eólico de referencia.
4. O 13.2.2020, Galenergy, S.L., solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico Fontella, a cal foi admitida a tramite o 14.5.2020.
5. O 25.6.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.
6. Mediante o Acordo do 21 de outubro de 2020, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Fontella.
7. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao cal o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio e dos concellos de Aranga e de Oza-Cesuras.
8. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural emitiu dous informes, o primeiro, con carácter favorable, o 7.10.2022, que foi remitido á promotora nesa mesma data, e o segundo, con carácter desfavorable, o 2.12.2022. A devandita dirección xeral xustifica a emisión deste segundo informe xa que «Na análise efectuada indicouse que o parque eólico Fontella, con 7 aeroxeradores na última versión, atópase dentro dos límites da reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo tendo, polo tanto, a consideración de área protexida por instrumentos internacionais (Lei 5/2019, do 2 de agosto, e Lei 42/2007, do 13 de decembro). Naquel momento non se advertiu que toda a instalación está dentro dunha das zonas núcleo desta reserva da biosfera. Detectada esta omisión, procede revisar o informe do 7.10.2022 á luz desta situación».
9. O 9.12.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico Fontella, que a fixo pública mediante o Anuncio do 4 de xaneiro de 2023.
10. O 9.1.2023, Galenergy, S.L., presentou escrito en que se solicita que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático declare de oficio a nulidade da devandita declaración de impacto ambiental, xa que o órgano substantivo, no seu momento, non se lle deu traslado do segundo informe da dirección Xeral de Patrimonio Natural. Este escrito foi contestado pola referida dirección xeral, e indicaraselle á promotora que a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso, sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.
11. O 3.7.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á Galenergy, S.L., o acordo polo que se inician os procedementos de denegación da solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción e de arquivamento do expediente instruído do parque eólico Fontella, e abriuse o trámite de audiencia previsto no artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
12. O 4.8.2023, a promotora achegou un escrito de alegacións en que conclúe o seguinte: «A declaración de impacto ambiental é nula de pleno dereito por (1) prescindir absolutamente do procedemento legalmente establecido para a emisión, notificación á promotora e consideración por parte da promotora do informe rectificativo da DXPN, e (2) por estar fundamentada o seu carácter desfavorable nun único informe rectificativo da DXPN que establece a exclusión de parques eólicos en zonas núcleo das reservas da biosfera por analoxía á Rede Natura 2000 [...]».
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
