De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto da Resolución do 24 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e se arquiva o expediente instruído do parque eólico Merendón, situado nos concellos de Oia e O Rosal (Pontevedra) e promovido por Tiraventos, S.L. (expediente IN661A 2011/19-4).
Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan
A dita resolución dispón o seguinte:
1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción para o parque eólico Merendón, tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 19.10.2022.
2. Arquivar o expediente do parque eólico Merendón, situado nos concellos de Oia e O Rosal (Pontevedra) e promovido por Tiraventos, S.L. (expediente IN661A 2011/19-4).
Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución
1. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia, admitiuse a trámite o parque eólico Merendón.
2. O 21.3.2011, Tiraventos, S.L. depositou unha garantía económica, por importe de 420.000,00 € e número de rexistro 1057/2011, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico.
3. O 24.10.2011, a daquela denominada Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental determinou a necesidade de someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ao abeiro da normativa vixente naquel momento (Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos).
4. Pola Resolución do 6 de maio de 2013, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública a autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, a aprobación do proxecto de execución, o proxecto sectorial e o estudo ambiental das instalacións referidas ao parque eólico Merendón. No entanto, a promotora non continuou coa tramitación ambiental do proxecto.
5. O 14.8.2020, Tiraventos, S.L. solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico de referencia. Posteriormente, o 16.6.2021, a promotora presentou unha nova solicitude de modificación substancial, a cal foi admitida a trámite o 9.9.2021.
6. O 21.10.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.
7. Pola Resolución do 15 de decembro de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública o estudo de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Merendón. En data posterior, á vista da Sentenza número 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, aínda cando non adquirira firmeza, e en aplicación dos principios de seguridade xurídica e de precaución, o proxecto foi sometido a un novo trámite de información pública mediante a Resolución do 8 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra.
8. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio e dos concellos de Oia e O Rosal.
9. O 19.10.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico Merendón, que fixo pública mediante o Anuncio do 20 de outubro de 2022.
10. O 24.10.2022 e o 19.12.2022, Tiraventos, S.L. presentou escritos de alegacións fronte á dita declaración de impacto ambiental.
11. O 13.7.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o acordo polo que se iniciaban os procedementos de denegación da solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción, así como de arquivamento do expediente instruído do parque eólico Merendón, e abriuse o trámite de audiencia previsto no artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
12. O 31.7.2023, a promotora achegou un escrito de alegacións en relación coa tramitación ambiental do expediente, en que, en síntese, solicitaba que: «a DIA ... sexa declarada ilegal e, no seu lugar, se emita outra que teña en conta a totalidade do expediente existente, e poña de relevancia as modificacións practicadas ao longo do desenvolvemento do proxecto por Tiraventos, integrando todos os informes vinculantes emitidos polos distintos organismos que estaban obrigados a iso, de forma que leve a cabo unha adecuada análise técnica o órgano ambiental».
13. O 23.10.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais trasladou as alegacións á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, que remitiu un informe en resposta o 14.11.2023.
Neste informe indícase textualmente o seguinte:
«[...]
– O período para a presentación de alegacións na avaliación de impacto ambiental ordinaria restrínxese ao período de información pública establecido no artigo 36 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental; polo tanto, os escritos recibidos atópanse fóra do prazo establecido.
– No caso do referido proxecto, a avaliación de impacto ambiental ordinaria está xa finalizada coa formulación da declaración de impacto ambiental (DIA) por parte do órgano ambiental.
– O artigo 41.4 da dita Lei 21/2013, do 9 de decembro, establece que a DIA non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.
– A avaliación de impacto ambiental ordinaria é un procedemento administrativo instrumental que se integra dentro do procedemento substantivo de autorización dun proxecto cuxa competencia recae no órgano substantivo por razón de materia, neste caso, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Industria e Innovación, polo que, unha vez finalizado o trámite, se é o caso, a promotora terá que iniciar unha nova tramitación do expediente.
– De optarse por unha nova tramitación, terase en conta o establecido no punto 4.c) do artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental».
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
