O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental o dereito á folga.
O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma (DOG número 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontra a sanidade.
A prestación da asistencia sanitaria non pode verse gravemente afectada polo lexítimo exercicio do dereito de folga, ao estar aquela recoñecida como servizo esencial. En consecuencia, resulta necesario compatibilizar o exercicio do dereito de folga coa fixación dos servizos mínimos nas áreas e actividades que inciden directamente na xestión e continuidade da asistencia sanitaria, co obxecto de preservar, en último termo, o dereito á vida, á saúde e á integridade física das persoas usuarias.
De conformidade coa reiterada doutrina do Tribunal Constitucional, a fixación de servizos mínimos debe responder aos principios de necesidade, proporcionalidade e adecuación, e estar debidamente motivada en relación co servizo afectado e coa concreta convocatoria de folga.
O artigo 3 do citado decreto faculta as persoas titulares das consellerías competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, establezan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal preciso para a súa prestación.
Tal e como establece a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, a atención primaria constitúe o primeiro nivel de acceso ordinario da poboación ao Sistema público de saúde de Galicia, e caracterízase por un enfoque global e integrado da atención e por asumir un papel orientador e de canalización da asistencia requirida pola persoa usuaria en calquera punto do sistema sanitario.
O 26 de febreiro de 2026 a organización sindical CIG-Saúde presentou unha comunicación da folga no ámbito da atención primaria que afectará a todo o persoal de todas as categorías que prestan os seus servizos nos centros de saúde e nos puntos de atención continuada do Sergas, incluído o persoal residente. A folga desenvolverase desde as 8.00 horas do día 12 de marzo de 2026 ata as 8.00 horas do día 13 de marzo do 2026.
Debe terse en conta, ademais, que na actualidade está convocada unha folga de carácter indefinido que afecta o persoal facultativo de atención primaria do Servizo Galego de Saúde, respecto da cal se ditou a correspondente orde de determinación de servizos mínimos, publicada no Diario Oficial de Galicia número 39, do 27 de febreiro de 2026. No suposto de manterse vixente esta convocatoria na data prevista para a folga obxecto da presente orde, produciríase unha coincidencia parcial entre os servizos mínimos establecidos en ambas as convocatorias, circunstancia que debe ser tida en consideración para garantir adecuadamente a continuidade da asistencia sanitaria.
Así mesmo, cómpre considerar o impacto acumulado das múltiples convocatorias de folga desenvolvidas recentemente no sector sanitario, tanto no ámbito hospitalario como no da atención primaria, circunstancia que xustifica a necesidade de evitar unha nova deterioración da accesibilidade e continuidade asistencial. Neste sentido, os tempos de espera para obter una cita en atención primaria experimentaron un incremento nos últimos anos, e situáronse en medias superiores ás rexistradas en exercicios anteriores, polo que resulta preciso garantir un nivel mínimo de actividade asistencial que permita atender as necesidades máis urxentes da poboación.
A presente orde responde aos principios de necesidade, proporcionalidade e adecuación, axustándose ás circunstancias concretas da convocatoria e á natureza esencial do servizo sanitario afectado.
En consecuencia, e logo da audiencia ao Comité de Folga,
DISPOÑO:
Artigo 1
A folga convocada entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.
Os servizos mínimos que se fixan resultan imprescindibles para manter a cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria e responden á necesidade de compatibilizar o respecto ao exercicio do dereito á folga coa atención á poboación.
A súa determinación realízase conforme os principios de proporcionalidade, necesidade e adecuación, co fin de compatibilizar o dereito fundamental de folga coa protección da saúde e integridade física da poboación.
Por iso, mantéñense os servizos mínimos necesarios para garantir a atención urxente e permanente dos/das usuarios/as e os servizos sanitarios que non poden ser aprazados sen ocasionar consecuencias negativas para a saúde.
Hai que ter en conta que, á hora de fixar as presenzas necesarias para cubrir os servizos mínimos, a asistencia sanitaria dentro de cada área sanitaria organízase en función de criterios poboacionais. O número de habitantes, a súa distribución por idade, o grao de dispersión do territorio, se se trata dun medio urbano, semiurbano ou rural e as isócronas de tempo ata os centros asistenciais de referencia (centros de saúde, PAC e hospitais) son determinantes desta organización e condicionan a xestión da cobertura das necesidades sanitarias.
Por este motivo, non é posible aplicar un patrón único para establecer os servizos mínimos do persoal sanitario e non sanitario durante unha xornada de folga. Son, polo tanto, as xerencias das áreas sanitarias as que propoñen as presenzas mínimas, baseándose en criterios asistenciais que garanten tanto o dereito á folga dos traballadores como o dereito da poboación a recibir atención sanitaria adecuada.
En relación coas alegacións formuladas pola organización sindical convocante, nas cales se solicita que os servizos mínimos sexan equivalentes aos existentes nun domingo ou día festivo, cómpre sinalar que tal equiparación non resulta procedente. A organización da asistencia sanitaria en días festivos ou en horario de atención continuada responde a un modelo asistencial específico, centrado fundamentalmente na atención urxente a través dos puntos de atención continuada (PAC), con características organizativas propias.
Neste sentido, a organización da atención continuada está regulada no Decreto 172/1995, modificado polo Decreto 156/2005, polo que os servizos mínimos establecidos para a xornada ordinaria dos centros de saúde non poden equipararse aos existentes nun domingo ou día festivo.
De acordo coa motivación anterior, establécense os seguintes criterios reitores para o mantemento dos servizos esenciais nos centros de traballo e nas institucións afectadas:
A) Persoal facultativo sanitario do ámbito da atención primaria:
1. Cobertura do 100 % da actividade urxente.
É imprescindible a cobertura do 100 % da actividade do servizo de urxencias extrahospitalarias (puntos de atención continuada (PAC)), tendo en conta que non cabe prever as necesidades por non tratarse dunha actividade programable e ante a cal é preciso dar unha resposta asistencial inmediata. Polo tanto, ten que manterse a cobertura asistencial establecida nos supostos de urxencia.
2. No tramo ordinario de atención nos centros de saúde (non PAC) prestarase a asistencia urxente ou inaprazable da unidade ou servizo, calquera que sexa a modalidade da prestación. A prestación sanitaria no horario ordinario é desenvolvida polos profesionais dos servizos e unidades de atención primaria, polo que cómpre definir uns mínimos para garantir a asistencia urxente e o seguimento e o tratamento dos procesos inaprazables, tendo en conta as ausencias por permisos autorizados e as continxencias por incapacidade temporal do persoal adscrito ao centro, garantindo a seguinte dotación:
• En centros con catro ou menos médicos/as de familia: 1 efectivo.
• En centros con de cinco a oito médicos/as de familia: 2 efectivos.
• En centros con de nove a doce médicos/as de familia: 3 efectivos.
• En centros con trece ou máis médicos/as de familia: 4 efectivos.
Así mesmo, garantirase a atención pediátrica urxente coa presenza dun/dunha pediatra por centro e/ou zona de referencia.
En canto ao persoal farmacéutico, trátase de garantir que a homologación sanitaria de todos aqueles medicamentos, produtos sanitarios e dietéticos que non admitan demora poida realizarse dentro dos prazos e requisitos establecidos na normativa vixente, asegurando así a continuidade asistencial e evitando prexuízos graves para a saúde das persoas usuarias.
Esta necesidade vese especialmente reforzada no contexto actual pola confluencia de distintas convocatorias de folga no mesmo período temporal, así como pola sucesión de xornadas de paro, circunstancia que pode provocar demoras acumuladas na tramitación e comprometer a dispoñibilidade destes produtos esenciais, o que afectaría a garantía dun servizo sanitario básico.
Así mesmo, no que respecta ao persoal odontólogo, resulta necesario asegurar unha dotación mínima que permita atender procesos odontolóxicos agudos, especialmente os que afecten a poboación infantil, dada a súa urxencia e necesidade de resolución inmediata.
A coincidencia e o encadeamento de xornadas de folga pode alongar os tempos de espera e dificultar a atención destes cadros agudos, co conseguinte risco para a saúde bucodental, o que xustifica o establecemento de servizos mínimos orientados á protección da saúde pública e á garantía da atención sanitaria esencial.
B) Persoal sanitario non facultativo de atención primaria:
Respecto a este colectivo, a xustificación dos criterios reitores obedece substancialmente ao xa sinalado para o caso do persoal facultativo sanitario, dado que a asistencia debe ser necesariamente realizada en equipo, sen que poida levarse a efecto sen a colaboración do conxunto dos/das profesionais implicados/as.
1. Cobertura do 100 % da actividade urxente.
É tamén imprescindible cubrir o 100 % da actividade urxente nos PAC, tendo en conta que non cabe prever as necesidades por non tratarse dunha actividade programable, e dado que nestes casos é preciso dar unha resposta asistencial inmediata. Polo tanto, ten que manterse a cobertura asistencial establecida nos supostos de urxencia.
2. Polo que atinxe ao tramo ordinario de atención, os servizos mínimos que se fixan prestarán a asistencia urxente e inaprazable da unidade ou servizo, calquera que sexa a modalidade da prestación.
A prestación sanitaria urxente no horario ordinario é desenvolvida polos/as profesionais dos servizos de atención primaria, polo que cómpre definir uns mínimos para garantir a asistencia urxente e o seguimento e tratamento dos procesos inaprazables, garantindo a seguinte dotación mínima:
• En centros con catro ou menos profesionais: 1 efectivo.
• En centros con de cinco a oito profesionais: 2 efectivos.
• En centros con de nove a doce profesionais: 3 efectivos.
• En centros con trece ou máis profesionais: 4 efectivos.
C) Persoal de xestión e servizos da atención primaria:
1. Urxencias: un número de efectivos que garanta a cobertura do 100 % de toda a actividade urxente.
Como se indicou anteriormente, os dispositivos de urxencias extrahospitalarias constitúen un servizo vital de atención ininterrompida durante as 24 horas e todos os días do ano, e é imprescindible para a prestación do servizo a existencia de persoal de apoio aos/ás profesionais sanitarios dos devanditos dispositivos.
2. Centros de atención primaria:
• En centros con catro ou menos efectivos de persoal facultativo: 1 efectivo.
• En centros con cinco ou máis efectivos de persoal facultativo: 1 efectivo por centro e, en caso de teren varios andares, un máis por andar.
Un efectivo resulta o mínimo imprescindible para manter o soporte administrativo ás tarefas de xestión, información ás persoas usuarias e de apoio aos profesionais sanitarios para a realización do seu traballo. No caso dos centros de atención primaria de maior tamaño, distribuídos en varios andares, faise preciso un efectivo por andar co fin de garantir o mínimo imprescindible para manter o soporte administrativo ás devanditas tarefas de xestión, información e apoio.
Artigo 2
Con base nos criterios anteriores, no anexo desta orde recóllese o número de efectivos precisos para cubrir os servizos mínimos durante a folga.
A fixación do persoal necesario para cubrir os servizos mínimos deberá estar adecuadamente motivada.
A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.
A relación de persoal necesario para cubrir os servizos mínimos deberá publicarse nos taboleiros de anuncios do centro ou entidade con antelación ao comezo da folga.
A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos –que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio– será determinada pola respectiva institución e notificada aos/ás profesionais designados/as.
O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.
Artigo 3
Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo (BOE número 58, do 9 de marzo).
Artigo 4
O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.
Artigo 5
Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.
Disposición derradeira
Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
ANEXO
Provincia da Coruña
Área Sanitaria da Coruña e Cee
– Servizos sanitarios de atención primaria
|
Servizos mínimos |
||||
|
Mañá |
Tarde |
Noite |
||
|
Persoal facultativo sanitario |
Médico/a de familia |
100 |
54 |
18 |
|
Pediatra |
28 |
9 |
- |
|
|
Odontólogo/a |
1 |
- |
- |
|
|
Farmacéutico/a |
1 |
- |
- |
|
|
Persoal sanitario non facultativo |
92 |
45 |
17 |
|
|
Persoal de xestión e servizos |
88 |
41 |
17 |
|
Área Sanitaria de Ferrol
– Servizos sanitarios de atención primaria
|
Servizos mínimos |
||||
|
Mañá |
Tarde |
Noite |
||
|
Persoal facultativo sanitario |
Médico/a de familia |
42 |
23 |
11 |
|
Pediatra |
14 |
2 |
- |
|
|
Odontólogo/a |
2 |
- |
- |
|
|
Farmacéutico/a |
2 |
- |
- |
|
|
Persoal sanitario non facultativo |
47 |
12 |
11 |
|
|
Persoal de xestión e servizos |
36 |
21 |
9 |
|
Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza
– Servizos sanitarios de atención primaria
|
Servizos mínimos |
||||
|
Mañá |
Tarde |
Noite |
||
|
Persoal facultativo sanitario |
Médico/a de familia |
96 |
37 |
24 |
|
Pediatra |
30 |
3 |
- |
|
|
Odontólogo/a |
4 |
- |
- |
|
|
Farmacéutico/a |
4 |
- |
- |
|
|
Persoal sanitario non facultativo |
112 |
35 |
22 |
|
|
Persoal de xestión e servizos |
75 |
36 |
16 |
|
Provincia de Lugo
Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos
– Servizos sanitarios de atención primaria
|
Servizos mínimos |
||||
|
Mañá |
Tarde |
Noite |
||
|
Persoal facultativo sanitario |
Médico/a de familia |
89 |
37 |
27 |
|
Pediatra |
18 |
1 |
- |
|
|
Odontólogo/a |
3 |
- |
- |
|
|
Farmacéutico/a |
3 |
- |
- |
|
|
Persoal sanitario non facultativo |
101 |
39 |
27 |
|
|
Persoal de xestión e servizos |
79 |
31 |
20 |
|
Provincia de Ourense
Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras
– Servizos sanitarios de atención primaria
|
Servizos mínimos |
||||
|
Mañá |
Tarde |
Noite |
||
|
Persoal facultativo sanitario |
Médico/a de familia |
105 |
36 |
25 |
|
Pediatra |
14 |
- |
- |
|
|
Odontólogo/a |
12 |
- |
- |
|
|
Farmacéutico/a |
12 |
- |
- |
|
|
Persoal sanitario non facultativo |
128 |
35 |
21 |
|
|
Persoal de xestión e servizos |
90 |
27 |
14 |
|
Provincia de Pontevedra
Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés
– Servizos sanitarios de atención primaria
|
Servizos mínimos |
||||
|
Mañá |
Tarde |
Noite |
||
|
Persoal facultativo sanitario |
Médico/a de familia |
62 |
26 |
12 |
|
Pediatra |
14 |
1 |
- |
|
|
Odontólogo/a |
2 |
1 |
- |
|
|
Farmacéutico/a |
2 |
1 |
- |
|
|
Persoal sanitario non facultativo |
58 |
24 |
13 |
|
|
Persoal de xestión e servizos |
51 |
21 |
9 |
|
Área Sanitaria de Vigo
– Servizos sanitarios de atención primaria de Vigo
|
Servizos mínimos |
||||
|
Mañá |
Tarde |
Noite |
||
|
Persoal facultativo sanitario |
Médico/a de familia |
100 |
60 |
21 |
|
Pediatra |
34 |
9 |
- |
|
|
Odontólogo/a |
1 |
- |
- |
|
|
Farmacéutico/a |
3 |
- |
- |
|
|
Persoal sanitario non facultativo |
100 |
62 |
20 |
|
|
Persoal de xestión e servizos |
58 |
40 |
13 |
|
