O nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia están regulados no Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG núm. 48, do 9 de marzo).
Mediante a Resolución do 8 de xuño de 2017, da Secretaría Xeral de Emprego (DOG núm. 124, do 30 de xuño), dispúxose a inscrición no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo de integración do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.
Na súa epígrafe cuarta estaba previsto que se aplicase o réxime do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, na provisión temporal do persoal do consorcio e que se abrise un prazo extraordinario para que as persoas interesadas puidesen inscribirse nas listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, correspondentes ás categorías propias do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ou naquelas que son análogas ás categorías do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.
Mediante a Resolución do 24 de febreiro de 2025 (DOG núm. 44, do 5 de marzo) publicouse o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de decembro de 2024, polo que se aprobaba a relación de postos de traballo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Na dita resolución disponse que a aprobación da relación de postos de traballo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar comporta a aplicación do réxime transitorio que figura no seu anexo II, no cal se prevé a substitución das listas propias do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar polas listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, na data que expresamente se determine por resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.
En virtude do exposto, abriuse un prazo extraordinario para que as persoas interesadas que declarasen estar incluídas nalgunha das listas xestionadas polo dito consorcio puidesen solicitar a inclusión nas listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, así como a valoración dos servizos que prestaron nesta entidade segundo o baremo establecido no artigo 9 do dito decreto.
Mediante a Resolución do 10 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DOG núm. 244, do 18 de decembro), publicáronse as listas definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, nas cales se incorporaban as solicitudes presentadas no prazo extraordinario aberto para as persoas incluídas nas listas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e no prazo ordinario establecido no artigo 6 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, e finalizou o proceso de inclusión e baremación.
A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal realizou as comprobacións técnicas necesarias para garantir o funcionamento correcto dos sistemas implicados na cobertura temporal dos postos adscritos ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Sen prexuízo do anterior e para unha mellor efectividade na posta en funcionamento, considérase axeitada a realización dun proxecto piloto co obxecto de asumir nun primeiro momento a xestión dun número limitado dos postos de corpos e escalas existentes no consorcio.
Con base no anterior, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. A aplicación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, ao procedemento de cobertura temporal dos postos adscritos ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar levarase a cabo de forma paulatina para garantir o funcionamento do sistema.
Segundo. A aplicación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, iniciarase coa cobertura temporal dos postos adscritos ao corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral, escala técnica facultativa, especialidade de educador e educadora infantil.
Terceiro. A cobertura dos postos adscritos ao corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral, escala técnica facultativa, especialidade de educador e educadora infantil, será realizada a través das listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, desde o 23 de marzo de 2026.
Cuarto. A aplicación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, á cobertura temporal de postos doutros corpos ou escalas distintos ao corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral, escala técnica facultativa, especialidade de educador e educadora infantil, establecerase cunha nova resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.
Quinto. Contra esta resolución, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
