DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 17 de marzo de 2026 Páx. 18447

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 10 de marzo de 2026 pola que se modifica a Orde do 23 de maio de 2025 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades privadas de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2025 a 2027, cofinanciada parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS631A).

O 9 de xuño de 2025 publicouse no número 108 do Diario Oficial de Galicia a Orde do 23 de maio de 2025 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades privadas de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2025 a 2027, cofinanciada parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS631A).

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo, en todo caso, aos principios básicos de publicidade, obxectividade e concorrencia.

No caso das actuacións cofinanciadas polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027, tamén será de aplicación o Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta, ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e política de visados; o Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013, e a Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

Ademais, para o caso das actuacións cofinanciadas polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027, nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

O artigo 22 das bases recolle as modalidades e prazos de xustificación.

Así, no número 1, referido ás actuacións recollidas no artigo 4.1.a), no segundo punto establece que a terceira anualidade comprende a xustificación das actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2026 e o 30 de abril de 2027 e a xustificación presentarase con data límite do 31 de maio de 2027, cando debería ser o 15 de maio de 2027.

No número 2, respecto das actuacións recollidas no artigo 4.1.b).1º, no segundo punto establece que o cuarto período comprende a xustificación das actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2026 e o 30 de abril de 2027 e a xustificación presentarase con data límite do 31 de maio de 2027, cando debería indicar o 15 de maio de 2027.

Nestes casos o adianto débese a que a data do 31 de maio de 2027 é moi longa respecto á finalización da actividade subvencionada establecida para o 30 de abril de 2027.

E o número 3, referido ás actuacións do artigo 4.1.b).2º e 4.1.b).3º, no segundo punto establece que a terceira anualidade comprende as actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2026 e o 30 de abril de 2027, e a xustificación presentarase con data límite do 5 de maio de 2027, cando debería indicar o 15 de maio de 2027.

Polo que se refire a este caso, ampliación do prazo para xustificar, débese ao caso contrario, xa que a data de xustificación, 5 de maio de 2027, é moi próxima á data de finalización da actividade subvencionada establecida para o 30 de abril de 2027.

Así o exposto, o artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvención de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros. Por outra banda, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Deste xeito, coa modificación quedan unificadas as datas de xustificación das actuacións e anualidades indicadas en 15 de maio de 2027.

Esta modificación non altera o réxime recollido nas bases da convocatoria, polo que non determina a necesidade da ampliación do prazo de presentación de solicitudes.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 23 de maio de 2025 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades privadas de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2025 a 2027, cofinanciada parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS631A)

Modifícase o artigo 22, que queda redactado como segue:

«Artigo 22. Modalidades e prazos de xustificación

1. As entidades beneficiarias das actuacións recollidas no artigo 4.1.a) deberán xustificar cada anualidade de maneira independente.

Ao respecto, a primeira anualidade comprenderá a xustificación das actuacións realizadas entre o 1 de maio de 2025 e o 30 de novembro de 2025, ambos incluídos, e a xustificación presentarase con data límite do 5 de decembro de 2025. A segunda anualidade comprende a xustificación das actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2025 e o 30 de novembro de 2026, ambos incluídos, e a xustificación presentarase con data límite do 7 de decembro de 2026. A terceira anualidade comprende a xustificación das actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2026 e o 30 de abril de 2027 e a xustificación presentarase con data límite do 15 de maio de 2027.

2. As entidades beneficiarias das actuacións recollidas no artigo 4.1.b).1º deberán xustificar cada período de actuación de maneira independente.

Ao respecto, o primeiro período comprenderá a xustificación das actuacións realizadas entre o 1 de maio de 2025 e o 30 de novembro de 2025, ambos incluídos, e a xustificación presentarase con data límite do 5 de decembro de 2025. O segundo período comprende a xustificación das actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2025 e o 30 de abril de 2026, ambos incluídos, e a xustificación presentarase con data límite do 15 de maio de 2026. O terceiro período comprende a xustificación das actuacións realizadas entre o 1 de maio de 2026 e o 30 de novembro de 2026 e a xustificación presentarase con data límite do 7 de decembro de 2026. O cuarto período comprende a xustificación das actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2026 e o 30 de abril de 2027 e a xustificación presentarase con data límite do 15 de maio de 2027.

3. A xustificación das actuacións dirixidas á inclusión sociolaboral de colectivos vulnerables establecidos no artigo 4.1.b).2º e 4.1.b).3º realizarase a través das modalidades de custos simplificados previstas nos artigos 53.1.b) e d), 53.3.a) e e), 55.2.a) e 56.1 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, de modo independente para cada unha das actuacións subvencionadas.

Ao respecto, o importe anticipado das actuacións realizadas na anualidade de 2025 e realizadas entre o 1 de maio de 2025 e o 30 de novembro de 2025, ambos incluídos, deberán xustificarse antes do 1 de abril de 2026. A segunda anualidade comprende as actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2025 e o 30 de novembro de 2026, ambos incluídos, e a xustificación presentarase con data límite o 7 de decembro de 2026, incluído. A terceira anualidade comprende as actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2026 e o 30 de abril de 2027, e a xustificación presentarase con data límite do 15 de maio de 2027».

Disposición adicional única. Non apertura do prazo de presentación de solicitudes

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade