Antecedentes:
A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, introduce importantes novidades respecto da tramitación electrónica dos procedementos administrativos, que pasa a constituír o xeito ordinario de actuación das administracións públicas, para cumprir co obxectivo de servir mellor aos principios de eficacia, eficiencia, ao aforro de custos, ás obrigas de transparencia e ás garantías dos cidadáns.
Esta lei configura a utilización de medios electrónicos como unha posibilidade para as persoas físicas que así o desexen, pero tamén como unha obriga para as persoas xurídicas e outros colectivos, segundo o establecido no seu artigo 12, colectivo que o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, amplía aos traballadores autónomos e aos seus representantes.
No ámbito de competencias en materia de portos, os procedementos de recursos administrativos e a presentación de alegacións en procesos de información pública de determinados expedientes non contan con formularios normalizados específicos para a súa tramitación. Para facilitar a presentación electrónica de trámites nos referidos procedementos, cómpre elaborar os formularios normalizados que empregará a parte recorrente ou alegante segundo corresponda.
Os formularios estarán accesibles na sede electrónica da Xunta de Galicia e, ademais, terán unha ligazón desde a propia páxina web de Portos de Galicia.
RESOLVO:
Primeiro. Aprobar o formulario normalizado para presentación de recurso en materia de liquidación tributaria portuaria (código de procedemento IF508A).
Segundo. Aprobar o formulario normalizado para presentación de recurso en materia portuaria non relacionada cunha liquidación tributaria (código de procedemento IF508B).
Terceiro. Aprobar o formulario normalizado para presentación de alegacións en procesos de información pública de expedientes en materia portuaria (código de procedemento IF508C).
Os procedementos son de prazo aberto a partir do día seguinte ao da publicación no DOG desta resolución.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución.
Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor contra esta resolución recurso potestativo de reposición, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao desta publicación, ante o mesmo órgano que a ditou, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Mediante este documento notifícase esta resolución segundo o exixido no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2026
José Antonio Álvarez Vidal
Presidente de Portos de Galicia
ANEXO
Cláusulas que regulan os procedementos
Primeira. Normativa
A normativa de aplicación será a seguinte:
• Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
• Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
• Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.
Segunda. Obxecto e ámbito de aplicación
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar os formularios normalizados que se empregarán en determinados procedementos, en materia de portos.
2. Os devanditos procedementos habilitaranse na Guía de procedementos e servizos dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia co seguinte código:
a) IF508A. Recurso en materia de liquidación tributaria portuaria (anexo I).
b) IF508B. Recurso en materia portuaria non relacionada cunha liquidación tributaria (anexo II).
c) IF508C. Alegacións en procesos de información pública de expedientes en materia portuaria (anexo III).
Terceira. Forma e lugar de presentación
1. Os recursos en materia portuaria presentaranse dentro do prazo establecido na liquidación tributaria ou na resolución notificada, e as alegacións en procesos de información pública relativos a expedientes en materia portuaria, dentro do prazo establecido na publicación no boletín oficial do dito proceso de información pública.
2. Os recursos ou alegacións presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria, as persoas traballadoras autónomas, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Cuarta. Documentación complementaria
1. Nos procedementos IF508A, recurso en materia de liquidación tributaria portuaria, contido no anexo I, a seguinte documentación:
a) Texto do recurso.
b) Outra documentación que se considere conveniente.
2. Nos procedementos IF508B, recurso en materia portuaria non relacionada con liquidación tributaria, contido no anexo II, a seguinte documentación:
a) Texto do recurso.
b) Outra documentación que se considere conveniente.
3. Nos procedementos IF508C, alegacións en procesos de información pública de expedientes en materia portuaria, contido no anexo III, a seguinte documentación:
a) Texto da alegación.
b) Outra documentación que se considere conveniente.
4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica do recurso ou alegación. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do recurso ou alegación deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Quinta. Comprobación de datos para os procedementos
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
• DNI/NIE da persoa recorrente ou alegante.
• DNI/NIE da persoa representante.
• NIF da entidade recorrente ou alegante.
• NIF da entidade representante.
• Certificado de domicilio fiscal.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Sexta. Notificación
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sétima. Resolución de procedementos
1. O prazo para resolver os procedementos de recurso en materia de liquidación tributaria (IF508A) é dun mes para os recursos de reposición. Transcorrido o prazo dun mes desde a interposición, a persoa interesada porá considerar desestimado o recurso co obxecto de interpoñer a reclamación procedente.
Os recursos económico-administrativos serán remitidos ao tribunal económico-administrativo competente no prazo dun mes para a súa tramitación.
2. O prazo para resolver os recursos en materia portuaria non relacionada cunha liquidación tributaria (IF508B) de alzada e revisión é de tres meses e o prazo para resolver o recurso de reposición é de un mes. Transcorridos estes prazos sen que se notificase a súa resolución, a persoa interesada poderá considerar desestimado o recurso para os efectos de formular un recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo do disposto no artigo 24.1, terceiro parágrafo, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. No procedemento de presentación de alegacións en procesos de información pública de expedientes en materia portuaria (IF508C), as alegacións incorporaranse ao expediente indicado e o alegante terá dereito a obter da Administración unha resposta razoada, segundo o disposto no artigo 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Oitava. Trámites administrativos posteriores á presentación
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Disposición adicional. Actualización de modelos normalizados
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
