De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 26 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei,
DISPOÑO:
Primeiro. Anunciar a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo que se indica no anexo I desta orde.
Segundo. Poderán concorrer a ela os/as empregados/as públicos que reúnan as condicións que para o posto de traballo se sinalan no anexo I.
A persoa funcionaria que, de ser o caso, desempeñe en comisión de servizos o posto obxecto desta convocatoria terá a obriga de participar nesta. O incumprimento desta obriga dará lugar á revogación da comisión de servizos.
Terceiro. As solicitudes dirixiranse ao Instituto Galego da Vivenda e Solo e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, mediante o cal se achegará a solicitude segundo o modelo que se inclúe no anexo II, no prazo de quince (15) días contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Cuarto. As persoas aspirantes deberán achegar coa petición un currículo e xustificar, mediante certificación ou copia electrónica auténtica dos documentos acreditativos, os méritos que aleguen que non consten en poder desta Administración.
Os méritos alegados e non probados da maneira que se sinala no punto anterior non se terán en conta.
Quinto. No caso de que resulte seleccionado/a para ocupar o posto de traballo que se relaciona no anexo I desta orde un/unha funcionario/a con destino noutras administracións, requirirase o informe favorable da Administración de orixe, segundo o preceptuado no artigo 29 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto. Unha vez tramitado o seu traslado a esta comunidade autónoma, adxudicaráselle o posto para o que foi seleccionado/a. Se no prazo de dous meses a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia, o/a funcionario/a seleccionado/a non se puidese incorporar á Comunidade Autónoma, considerarase deserto o posto e poderase proceder de novo á súa provisión.
Sexto. Esta convocatoria resolveraa a persoa titular da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e, de considerarse oportuno, poderá declararse deserta a cobertura do posto de traballo.
Sétimo. O prazo para tomar posesión do novo destino será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun mes.
O prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar dentro dos tres días seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso de funcionarios/as doutras administracións públicas.
Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión comezará a contarse a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
O persoal funcionario de carreira que incumpra os prazos de toma de posesión será declarado de oficio na situación de excedencia voluntaria por interese particular.
Oitavo. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados pola Xunta de Galicia-Instituto Galego da Vivenda e Solo, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive deste procedemento de provisión de posto de traballo con convocatoria pública. Por tanto, os datos recadados serán tratados para tramitar as solicitudes e resolver a convocatoria. Esta finalidade está baseada no cumprimento dunha obriga legal, segundo a normativa xeral e sectorial referida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos
Os datos da persoa seleccionada para ocupar o posto de traballo que se anuncia poderán ser comunicados á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, para os efectos de cumprimento das obrigas legais que lle corresponden, e o seu nome, apelidos e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade serán publicados no Diario Oficial de Galicia.
Os datos conservaranse durante o tempo necesario para cumprir coa finalidade para a que se solicitaron e para determinar as posibles responsabilidades que puidesen derivar da devandita finalidade e do tratamento dos datos. Será de aplicación a normativa de arquivos.
As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos
Noveno. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido o artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente ante a Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
ANEXO I
Código do posto: IV.O11.00.007.15770.001.
Denominación: director/a técnico/a de Solo Residencial.
Centro directivo: Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Localidade: Santiago de Compostela.
Nivel: 30.
Complemento específico: 26.303,90 €.
Forma provisión: LD.
Subgrupo: A1.
Corpo/escala: xeral, especial/escala de arquitectos ou especial/escala enxeñeiros de camiños, canais e portos.
Adscrición Administración: AXG (adscrición exclusiva a funcionarios da Xunta de Galicia).
