En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 15 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Oleiros en Dexo, mediante Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de 10 de marzo de 2026, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental da referida modificación poderá ser consultada na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=1&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FShowProxectos
Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2026
María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual número 15
do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Oleiros en Dexo.
O Concello de Oleiros remitiu a modificación puntual referida (MP) en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme ao disposto no artigo 60.16 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), e no artigo 144.16 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).
Analizada a documentación de setembro de 2025, subscrita polos arquitectos Álvaro Fernández Carballada, Beatriz Aneiros Filgueira e Laura Fernández Suárez, e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes:
1. O Concello de Oleiros dispón dun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente por ordes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 11.3.2009 e do 11.12.2014, ao abeiro da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).
2. O arquitecto e a coordinadora de servizos urbanísticos municipais emitiron cadanseu informe con datas do 17.1.2024 e 15.2.2025 favorables á iniciación da tramitación da documentación ambiental.
3. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo contestou ás consultas ambientais previas artigo 60.4 da LSG cun informe do 2.4.2024.
4. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu o 15 de maio de 2024 un informe ambiental estratéxico (DOG do 31 de maio) no que sinala que a modificación non vai ter efectos ambientais significativos. No marco do proceso de consultas previas, contestaron:
a) Instituto de Estudos do Territorio: o 25.3.2024, sen incidencia paisaxística significativa.
b) Dirección Xeral de Patrimonio Natural: o 8.5.2024, de compatibilidade coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade.
5. O arquitecto municipal emitiu informes o 3.2.2025 e o 14.2.2025, este último favorable ao documento presentado o 12.2.2025.
6. A coordinadora de servizos urbanísticos, coa conformidade da secretaria accidental e o visto e prace do alcalde, emitiu o 18.2.2025 un informe-proposta de aprobación inicial.
7. O Pleno municipal aprobou inicialmente a MP en sesión do 27.3.2025. Foi sometida a información pública polo prazo dous meses (La Opinión do 14 de abril de 2025 e Diario Oficial de Galicia do 28 de abril) sen que fosen presentadas alegacións.
8. No que afecta os informes sectoriais autonómicos (artigo 60.7 da LSG), a Dirección Xeral de Urbanismo emitiu un informe sobre o resultado do trámite o 22.8.2025. Foron emitidos:
a) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 7.7.2025, favorable.
b) Instituto de Estudos do Territorio: informe do 10.7.2025, sen obxeccións.
c) Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 16.5.2025, de non necesidade do informe da Comisión Galega de Protección Civil.
d) Augas de Galicia: informe do 20.6.2025, sen afección ás súas competencias.
e) Dirección Xeral de Urbanismo, en materia de costas: informe do 28.5.2025, sen obxeccións.
Así mesmo, déuselle audiencia aos concellos limítrofes da Coruña, Cambre, Culleredo e Sada. Só contestou o concello da Coruña, que sinala que a modificación non ten incidencia no seu termo municipal.
9. Así mesmo, constan no expediente municipal remitido:
a) Informe do Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático do 14.4.2025, favorable.
b) Informe da Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, sobre solos contaminados, con data do 23.4.2025, sen obxeccións.
10. No que afecta os informes sectoriais non autonómicos, consta o seguinte:
a) Secretaría Xeral de Telecomunicacións, Infraestruturas Dixitais e Seguridade Dixital do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública: informe favorable do 13.5.2025.
b) Dirección xeral de Aviación Civil: informe do 9.6.2025, favorable.
c) Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia: escrito do 11.6.2025, sen incidencia nas propiedades ou zonas de servidume que indica.
d) Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas: informe do 5.6.2025, sen obxeccións.
11. A coordinadora de servizos urbanísticos e o arquitecto municipais, coa conformidade do secretario accidental e o visto e prace do alcalde, emitiron o 6.10.2025 un informe-proposta de aprobación provisional.
12. A MP foi aprobada provisionalmente polo Pleno municipal en sesión do 30.10.2025.
13. O concello solicitou a aprobación definitiva mediante o modelo MT101D que tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o 7.11.2025. O Servizo de Urbanismo da Coruña requiriu o 4.12.2025 a presentación do expediente administrativo tramitado, que foi achegado polo concello por Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o 10.12.2025.
14. A Subdirección Xeral de Patrimonio Natural emitiu o 10.2.2026 informe sobre a MP de compatibilidade coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade.
15. Con data do 6.3.2026 a Dirección Xeral de Urbanismo emite informe en materia de costas (artigo 117.2 da Lei de costas) sen obxeccións.
II. Obxecto e descrición do proxecto:
1. O ámbito da MP está formado por dúas parcelas de solo rústico situadas nas rúas Marolete 2 e Castromen 11, contiguas ao núcleo de Dexo, de referencias catastrais 5153901NJ5055S e 5153902NJ5055S, que suman unha superficie catastral de 2.749 m². Nelas sitúase cadansúa edificación de uso residencial de datas 2002 e 2010 conforme aos datos do Catastro.
2. O PXOM clasifica ambas parcelas como solo rústico de protección de espazos naturais, contiguas ao solo urbano de ordenanza 2C, vías por medio; e no ámbito do Plan especial PE-6R de protección e acondicionamento do espazo natural da costa de Dexo, non aprobado.
No núcleo urbano contiguo é de aplicación a ordenanza 2C de cidade xardín de baixa densidade (letra C do artigo 126 da normativa urbanística).
3. En canto aos plans xerais de Oleiros anteriores ao vixente, o ámbito estaba incluído no solo urbano de licenza directa (non incluído en áreas de transformación urbanística) dos plans de 1998 e, parcialmente, no de 1984.
4. No visor do Plan básico autonómico obsérvanse sobre o ámbito as seguintes afeccións:
a) De patrimonio natural:
• Zona especial de conservación da Rede Natura ZEC ES1110009 Costa de Dexo, declarada polo Decreto 37/2014, DOG do 31 de marzo.
• Zona de especial protección dos valores naturais, declarada polo Decreto 72/2004, DOG do 12 de abril e 19 de maio.
Está nas proximidades do límite do monumento natural da costa de Dexo, declarado polo Decreto 101/2000, DOG do 10 de maio.
b) De costas: zona de influencia de costas e fóra da zona de servidume de protección.
c) Aeronáuticas: servidumes aeronáuticas do aeroporto de Alvedro.
Así mesmo, as dúas parcelas están incluídas no ámbito territorial do Plan de ordenación do litoral aprobado polo Decreto 20/2011, que as inclúe na área de protección costeira, en contigüidade con terreos da área de mellora ambiental e paisaxística.
5. A modificación inclúe na súa memoria tres antecedentes documentais a prol da súa xustificación:
a) O informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural do 25 de xaneiro de 2023 sobre a factibilidade, desde o punto de vista da súa competencia, dunha MP que reclasifique os terreos afectados de solo rústico a urbano.
b) A resposta da Valedora do Pobo do 1 de febreiro 2023 á queixa do 3 de maio de 2021 dos propietarios das parcelas afectadas sobre a inclusión delas no LIC ES1110009 declarado polo Decreto 72/2004, que describe os antecedentes e evolución normativa, concluíndo que é posible solicitar ao concello a modificación da clasificación do solo.
c) O informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático do 22 de febreiro de 2023, que sinala que a inclusión de terreos do espazo natural Costa de Dexo no solo rústico de protección de espazos naturais debe entenderse referida só á categorización do solo rústico dentro do espazo natural protexido.
6. A MP ten por obxecto reclasificar as dúas parcelas de solo rústico de protección de espazos naturais a solo urbano consolidado coa ordenanza 2C cidade xardín de baixa densidade.
III. Informe:
1. Interese público da modificación (artigo 83.1 da LSG).
O outorgamento de clasificación adecuada ao solo conforme ás previsións do artigo 15 e seguintes da LSG é razón de interese público suficiente para motivar unha modificación do planeamento xeral de acordo co artigo 83.1 da LSG.
2. Relación do Plan de ordenación do litoral.
O ámbito da MP encóntrase dentro do territorio ordenado polo Plan de ordenación do litoral aprobado polo Decreto 20/2011 (POL); mais conforme o artigo 3.2 da normativa do POL, no solo urbano consolidado non son de aplicación as súas determinacións.
3. Cumprimento do punto III.3 do informe da DXOTU do 2.4.2024.
a) O documento de aprobación provisional inclúe un novo plano de información, o 15058_MP15PXOM_202509_AP_PINF_08SERV08.pdf, onde se grafan os servizos existentes de electricidade, telecomunicacións, abastecemento e saneamento.
b) A memoria xustificativa do documento de aprobación provisional inclúe xustificación do cumprimento dos estándares de sistemas xerais en relación co aumento da capacidade residencial que a modificación supón (artigo 42.1 da LSG).
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento xeral e das súas modificacións puntuais corresponde á Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
IV. Resolución:
En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,
RESOLVO:
1. Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 15 do PXOM do concello de Oleiros en Dexo.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a Normativa e Ordenanzas da MP do PXOM aprobada definitivamente.
4. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
