DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Martes, 24 de marzo de 2026 Páx. 19292

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Silleda no polígono industrial, área 33.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Silleda, no polígono industrial, área 33, mediante Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 10 de marzo de 2026, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental da referida modificación poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=1&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FShowProxectos

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2026

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Silleda no polígono industrial área 33

O Concello de Silleda remite a documentación relativa á modificación puntual de referencia (MP01) de cara á súa aprobación definitiva, consonte o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e aos artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu Regulamento (RLSG).

Logo de analizar a documentación achegada o día 4.2.2026, así como o documento técnico datado en xaneiro de 2026, redactado por Alfonso Botana Castelo, arquitecto, e con dilixencia de ter sido aprobado provisionalmente polo Pleno con data do 28.11.2025; e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Silleda conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente por Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 23.12.2022 (DOG núm. 14, do 20.1.2023 e BOP núm. 87, do 8.5.2023).

2. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou mediante Resolución do 1.4.2025 o Informe Ambiental Estratéxico (IAE) desta MP01, en que se resolve que non se prevé que teña efectos ambientais adversos significativos (expediente 2025AAE2969, e DOG do 25.3.2019). No proceso de avaliación ambiental recibíronse informes da:

Dirección Xeral de Urbanismo, do 24.3.2025.

Instituto de Estudos do Territorio, do 27.3.2025.

3. Constan informes municipais: técnico do 21.5.2025 e xurídico do 22.5.2025.

4. A MP01 foi aprobada inicialmente por Acordo do Pleno do Concello do día 30.5.2025, someténdoa a información pública polo prazo de dous meses, mediante anuncio publicado no DOG núm. 121, do 26.6.2025 e no xornal Faro de Vigo do 6.6.2025.

5. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG foron solicitados os informes sectoriais autonómicos. Constan recibidos os seguintes: Augas de Galicia, do 17.6.2025 (non afección ás súas competencias); Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, do 25.6.2025 (sen solos declarados contaminados); Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, do 18.6.2025 (innecesario informe da Comisión Galega de Protección Civil); Instituto de Estudos do Territorio, do 21.7.2025 (sen obxeccións); Servizo de Montes de Pontevedra, do 25.6.2025 (favorable); Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 3.10.2025 (favorable condicionado).

6. O Concello solicitou os informes sectoriais non autonómicos preceptivos, e constan os da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, do 1.7.2025 (sen obxeccións) e do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, do 10.7.2025 (favorable).

7. Déuselle audiencia aos concellos limítrofes da Estrada, Boqueixón, Forcarei, Lalín e Vila de Cruces, sen recibir resposta destes organismos.

8. Non se achegaron alegacións, segundo o certificado do secretario do día 19.11.2025.

9. Constan informes municipais: técnico do 23.10.2025 e xurídico do 20.11.2025.

10. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente a MP01 en sesión do día 28.11.2025.

11. Consta requirimento de integridade documental do Servizo de Urbanismo de Pontevedra do 19.1.2026.

II. Obxecto e descrición da modificación puntual.

1. A MP01 do PXOM ten como obxecto regularizar a superficie da parcela ocupada pola planta de transferencia que a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) ten situada na parcela 1 da mazá 12 (fase B), na zona sur do polígono industrial, área 33 (ref. catastral 36052A04901012).

2. Esa planta ocupa, debido a discrepancias gráficas entre o planeamento e a urbanización da fase B do polígono, parte da parcela lindeira (ref. catastral 36052A04901013) cualificada polo PXOM como dotación de espazo libre e zona verde (30-DE-P1).

3. O reaxustamento da superficie da parcela da planta de transferencia consiste en:

• Ampliar a superficie da ordenanza 5 industrial para recoller a ocupación actual da planta, reducindo a zona verde.

• Clasificar como solo urbano consolidado unha franxa lindeira cara ao sur, de 60 m2, de solo rústico de especial protección forestal, por tratarse de terreos situados no interior do peche da parcela industrial.

• Regularizar a aliñación entre a parcela e o viario actual, incluíndo na ordenanza 5 industrial os terreos axardinados situados no interior do peche da parcela, ou ben cualificando como viario o destinado efectivamente para tal fin.

4. Para compensar a perda da superficie dotacional 30-DE-P1, a MP01 propón a creación dun novo espazo libre-zona verde nunha parte da parcela catastral 36052A04900544, que o vixente PXOM clasifica como solo urbano consolidado e solo rústico de especial protección forestal, e que a MP01 clasifica integramente como solo urbano consolidado.

III. Análise e consideracións.

1. As razóns de interese público nas que se xustifica esta MP01, segundo o establecido no artigo 83.1 da LSG, fundaméntase na necesidade de reaxustar as determinacións do PXOM á realidade existente da planta de transferencia na ordenanza 5 industrial.

2. A documentación achegada dá cumprimento ás cuestións sinaladas no informe da Dirección Xeral de Urbanismo do 24.3.2025, entre elas, xustifícase que a nova zona verde prevista SL-EL-XAR-01-Ob cumpre coas determinacións establecidas no artigo 70 do RLSG e na Normativa indícanse os criterios para o seu deseño e a súa execución.

3. Polo que respecta aos informes sectoriais emitidos durante a tramitación, son favorables ou déuselles cumprimento.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento xeral e das súas modificacións puntuais corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

IV. Resolución:

En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 1 do PXOM do concello de Silleda no polígono industrial área 33.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da MP do PXOM aprobada definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.