A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, recolle no seu artigo 2, como fins do mencionado sistema, entre outros, favorecer a formación ao longo da vida dos traballadores desempregados e ocupados para mellorar as súas competencias profesionais e os seus itinerarios de emprego e formación, así como o seu desenvolvemento profesional e persoal, e mellorar a empregabilidade dos traballadores, especialmente dos que teñen maiores dificultades de mantemento do emprego ou de inserción laboral.
Pola súa vez, o teor do artigo 1 da Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, que desenvolve o seu obxecto e finalidade, indica, no seu punto 2, que a finalidade da norma é regular un réxime de formación e acompañamento profesionais que, servindo ao fortalecemento, á competitividade e á sustentabilidade da economía española, sexa capaz de responder con flexibilidade os intereses, as expectativas e as aspiracións de cualificación profesional das persoas ao longo da súa vida, e as competencias demandadas polas novas necesidades produtivas e sectoriais, tanto para o aumento da produtividade como para a xeración de emprego.
O pasado día 7 de xaneiro de 2026 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 11 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2026-2029 e se procede á primeira convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o financiamento do programa Galicia Suma Talento: Plan de formación de empresas para os anos 2026 e 2027.
Detectadas dificultades para a organización da formación que se impartirá na xestión de diferentes expedientes concedidos, e coa finalidade de acadar os obxectivos mencionados e de impedir que un exceso de rixidez na planificación das accións dificulte a consecución dos obxectivos formativos e de incorporación ao mercado laboral por parte do alumnado, cómpre modificar a Orde do 11 de decembro de 2025 no referente á regulación do momento de impartición dos contidos transversais prevista na dita orde.
Consecuentemente con todo o anterior e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Modificación da Orde do 11 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2026-2029 e se procede á primeira convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o financiamento do programa Galicia Suma Talento: Plan de formación de empresas para os anos 2026 e 2027 (código de procedemento TR301P)
Un. Modificación do artigo 32.7 da Orde do 11 de decembro de 2025, relativo á impartición dos módulos formativos transversais, que queda redactado do seguinte modo:
«7. A impartición dos módulos formativos transversais en materia de igualdade poderá realizarse en calquera momento dentro do intervalo de datas da acción formativa. A formación en materia de prevención de riscos laborais deberá impartirse con carácter previo á formación en empresa.
Non se poderá simultanear a impartición dos contidos específicos dos módulos transversais cos contidos propios do programa formativo da especialidade».
Disposición transitoria.
O disposto na presente orde será de aplicación a todas aquelas accións formativas que fosen solicitadas ao abeiro do disposto na Orde do 11 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á primeira convocatoria de subvencións do procedemento TR301P, con anterioridade á data de entrada en vigor desta orde modificadora.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2026
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
