I
O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, determina que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e a administración do ensino en toda a súa extensión, nos seus niveis e graos, nas súas modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o número 1 do seu artigo 81, o desenvolvan.
A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que a formación profesional no sistema educativo ten por finalidade preparar o alumnado para a actividade nun campo profesional e facilitar a súa adaptación ás modificacións laborais que poden producirse ao longo da súa vida, contribuír ao seu desenvolvemento persoal e ao exercicio dunha cidadanía democrática e pacífica, e permitir a súa progresión no sistema educativo, no marco da aprendizaxe ao longo da vida.
Mediante a Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, establécese a ordenación dun sistema único e integrado de formación profesional que, servindo ao fortalecemento, á competitividade e á sustentabilidade da economía, sexa capaz de responder con flexibilidade aos intereses, ás expectativas e ás aspiracións de cualificación profesional das persoas, e ás competencias demandadas polas novas necesidades produtivas e sectoriais, tanto para o aumento da produtividade como para a xeración de emprego.
A dita lei define o Sistema de formación como o conxunto articulado de actuacións dirixidas a identificar as competencias profesionais do mercado laboral, asegurar as ofertas de formación idóneas, posibilitar a adquisición da correspondente formación ou, de ser o caso, o recoñecemento das competencias profesionais, e pór á disposición das persoas un servizo de orientación e acompañamento profesional que permita o deseño de itinerarios formativos individuais e colectivos. Así mesmo, establece como función do Sistema de formación profesional o desenvolvemento persoal e profesional da persoa, a mellora continuada da súa cualificación ao longo de toda a vida e a garantía da satisfacción das necesidades formativas do sistema produtivo e do emprego.
No seu capítulo I do título I establece un modelo de formación profesional, de recoñecemento e acreditación de competencias e de orientación profesional baseado en itinerarios formativos facilitadores da progresión na formación. Este modelo está estruturado en cinco graos ascendentes, A, B, C, D e E, descritivos das ofertas formativas deseñadas segundo o Catálogo nacional de estándares de competencias profesionais. Os estándares de competencia organizaranse por familias profesionais e por niveis de competencia profesional 1, 2 e 3 en función da complexidade das tarefas que describen.
De acordo co establecido no seu artigo 12, os títulos, os certificados e as acreditacións derivados das ofertas de formación profesional terán carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, sempre que inclúan, polo menos, un resultado de aprendizaxe do Catálogo modular de formación profesional vinculado a un elemento de competencia incluído nun estándar de competencia profesional, e que sexan impartidos por centros de formación profesional.
No título III aborda e regula o carácter dual de toda a formación profesional.
O carácter dual da formación profesional desenvolverase mediante unha distribución adecuada dos procesos formativos entre os centros de formación profesional e as empresas ou organismos equiparados, contribuíndo ambos ao logro das competencias previstas en cada oferta de formación de forma que se garanta o desenvolvemento dos resultados de aprendizaxe recollidos en cada formación entre o centro de formación profesional e o centro de traballo.
No seu título VIII establece que as administracións públicas, no ámbito das súas competencias, potenciarán a investigación aplicada, incentivando a figura do profesor-investigador ou da profesora-investigadora e que xere proxectos, prestando especial atención á mellora das capacidades e competencias do profesorado e desenvolvendo accións que promovan as bases da cultura emprendedora neste colectivo.
No título IX regula o coñecemento das linguas estranxeiras e a internacionalización do Sistema de formación profesional. Especialmente, incorpora o plurilingüismo na formación profesional, así como a formación en linguas estranxeiras da poboación activa, vinculada aos sectores produtivos.
O Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, incorpora e integra na formación as transformacións froito da dixitalización, a transición ecolóxica e a sustentabilidade en todos os sectores económicos, como vectores clave da economía, o emprego e o benestar social. Dota, ademais, de maior relevancia as competencias para a empregabilidade, de carácter transversal, que, xunto ás competencias profesionais, configuran un profesional de calidade, marcando o seu valor engadido.
No título I, capítulo I, no número dedicado ao currículo, determina que as administracións educativas poderán incorporar módulos profesionais complementarios non pertencentes á oferta formativa e incluídos no Catálogo modular de formación profesional, e módulos de formación non asociada ao Catálogo nacional de ofertas formativas, atendendo á realidade socioeconómica do territorio e ás necesidades do seu tecido empresarial; así mesmo, no capítulo IV regula a oferta modular, a partir dun módulo profesional, que permite programar itinerarios formativos en función das necesidades e das circunstancias persoais e laborais, así como do ritmo persoal de aprendizaxe.
No título VI actualízase o procedemento de acreditación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral e outras vías non formais de formación.
II
Ata o momento, a formación profesional do sistema educativo de Galicia estivo regulada polo Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, e posteriormente polo Decreto 107/2014, do 4 de setembro, polo que se regulan aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo en Galicia e se establecen vinte e un currículos de títulos profesionais básicos.
Ambas as normas deron resposta satisfactoria ao profundo cambio sufrido na sociedade nos últimas anos, dando cobertura ás novas necesidades formativas e introducindo novas formas de organización das ensinanzas: a xeneralización da oferta modular; o incremento da formación na empresa por parte do alumnado coa modalidade dual; a implantación de ofertas deseñadas á medida das necesidades das empresas e dos sectores produtivos, e tamén de ofertas de alta especialización, ambas con duración e currículos flexibles; o establecemento dunha potente rede de centros integrados de formación profesional e doutras redes de centros de formación profesional; a implantación do procedemento de acreditación de competencias adquiridas a través da experiencia laboral; a validación de créditos universitarios por dispor dun título de técnico superior, e, entre outras accións, o impulso decidido da innovación, da internacionalización, do emprendemento e da orientación profesional nas ensinanzas de formación profesional.
Coa publicación da Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, e do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, é preciso dispor dun novo marco normativo que actualice a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia.
III
Este decreto, dentro do ámbito de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, organízase en quince capítulos, cinco disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.
O capítulo I trata as disposicións de carácter xeral: obxecto da norma, finalidades e principios da formación profesional e currículo.
Nos capítulos II e III regúlanse a estrutura, a organización e o currículo das ofertas dos graos D e E: ciclos formativos de grao básico, grao medio e grao superior, e cursos de especialización de grao medio e de grao superior, xunto á formación en alta especialización, as ofertas específicas e os programas formativos dirixidos a persoas con necesidades educativas especiais e específicas de apoio educativo.
No capítulo IV defínense as condicións e a organización da fase de formación na empresa ou organismo equiparado, polo réxime xeral ou polo réxime intensivo, que o alumnado debe realizar como parte das ensinanzas de grao D e, de ser o caso, no grao E.
O capítulo V está destinado ao desenvolvemento do currículo por parte dos centros mediante o desenvolvemento das programacións de cada módulo profesional.
No capítulo VI recóllense aspectos relativos ao acceso, á admisión e á matricula do alumnado nas ensinanzas dos graos D e E.
Nos capítulos VII, VIII e IX regúlanse, respectivamente, a avaliación do alumnado, as validacións e exencións que o alumnado pode solicitar por ter cursadas outras ensinanzas ou por ter experiencia profesional, e as titulacións e certificacións que se poden obter por acadar unha avaliación positiva nun grao D ou E, ou en unidades de menor duración.
No capítulo X, con relación aos centros, establécense a tipoloxía de centros e os requisitos que deben cumprir para impartiren as ofertas do Sistema de formación profesional e, en particular, os graos D e E, xunto á súa autonomía recoñecida no artigo 6, número 5, da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio. Tamén se materializa o impulso á implantación de rede de centros e de plans específicos de calidade e de excelencia.
No capítulo XI, destinado ao profesorado, defínense os requisitos que deben cumprir, para impartir nos graos D e E, o profesorado, as persoas expertas do sector produtivo e as persoas expertas sénior de empresa. Adicionalmente, créase a figura do persoal experto asociado de formación profesional para impartir nas ofertas de graos E ou nas ofertas de alta especialización, así como para prestar apoio nas accións de investigación e innovación aplicada, e desta forma incentivar a figura do profesor-investigador ou da profesora-investigadora, tal como se establece no título VIII da Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo.
A innovación e a investigación aplicada, a internacionalización e o emprendemento trátanse no capítulo XII, ampliando a potencialidade do Sistema de formación profesional, mellorando as posibilidades de capacitación do alumnado e do profesorado, potenciando as relacións coas empresas ou organismos equiparados e propiciando a incorporación das persoas, nas mellores condicións, ao mundo laboral.
No capítulo XIII establécese a finalidade do procedemento de acreditación de competencias adquiridas a través da experiencia laboral ou outras vías non formais ou informais e os requisitos que deben cumprir as persoas destinatarias, e habilítase a consellería con competencias en educación para regular o procedemento.
O capítulo XIV está dedicado á inclusión e á atención á diversidade, e establece medidas que permitan flexibilizar a realización da formación, tanto no centro educativo como na empresa ou organismo equiparado, coa aplicación de metodoloxías específicas. Tamén se garante o acceso ás ensinanzas de formación profesional nas condicións establecidas no texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e no artigo 21 do Real decreto 193/2023, do 21 de marzo, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación das persoas con discapacidade para o acceso e a utilización dos bens e servizos á disposición do público.
O capítulo XV recolle os fins e a organización da información e a orientación profesional do sistema educativo de Galicia, e incorpora a innovación e a intelixencia artificial como instrumentos para conducir cara á «tendencia cero» no abandono escolar, maximizar o éxito do alumnado do sistema educativo galego, propiciar a mellor inserción profesional das persoas e facilitar a súa formación e capacitación ao longo da vida.
Neste contexto, este decreto incorpora medidas que evidencian o seu carácter transformador e a vontade de configurar un novo modelo máis integrado, flexible e conectado co tecido produtivo. Créase a figura do persoal experto asociado de formación profesional e posibilítase a contratación de persoal experto do sector produtivo; impúlsanse ofertas de alta especialización e organizacións modulares por bloques ou unidades de menor duración; promóvese a internacionalización mediante currículos de carácter internacional e eventuais dobres titulacións; refórzase a investigación e a innovación aplicada co impulso do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros e das redes de centros; foméntase a colaboración público-privada; facilítase o recoñecemento mutuo de créditos ECTS coas universidades galegas, e incorpóranse a innovación e a intelixencia artificial aplicada á orientación profesional. En suma, establécense as bases dun sistema de formación profesional renovado, dinámico e aliñado coas necesidades presentes e futuras da economía galega.
O Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, crea no seu artigo 25.3.2, dependendo orgánica e funcionalmente da Dirección Xeral de Formación Profesional, o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional, Centro Eduardo Barreiros, con sede en Ourense, como centro de apoio á docencia educativa e encargado da investigación e da innovación aplicada e a transferencia dos resultados dos proxectos de I+D+i a todos os centros que impartan formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia. Entre as súas finalidades figuran o desenvolvemento da investigación e da innovación aplicada, a formación do profesorado nas tecnoloxías emerxentes e o impulso da internacionalización, da innovación e do emprendemento.
A Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, establece no artigo 41 que a Xunta de Galicia adoptará, dentro das súas competencias, as medidas conducentes a proporcionar, tanto ás mulleres como aos homes, unha educación para a igualdade.
IV
Este decreto respecta os principios da boa regulación establecidos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, así como os principios establecidos no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
No que se refire ao principio de necesidade, este decreto ten por obxecto o establecemento da ordenación xeral da formación profesional do grao D e do grao E do sistema educativo de Galicia, de acordo co previsto na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, e no Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, dos cales constitúe o seu desenvolvemento e a súa aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia.
Conforme o principio de eficacia, o decreto constitúe o instrumento normativo adecuado para asegurar unha aplicación coherente e homoxénea da normativa básica estatal no territorio galego, e permite estruturar a oferta formativa, regular a formación na empresa ou organismo equiparado e establecer os mecanismos organizativos necesarios para o funcionamento do sistema.
En canto ao principio de proporcionalidade, a norma contén a regulación imprescindible da estrutura desta ensinanza, ao non existir ningunha alternativa regulatoria menos restritiva de dereitos.
Respecto ao principio de seguridade xurídica, o decreto intégrase de maneira coherente no ordenamento xurídico vixente, garantindo a coordinación coa normativa estatal e proporcionando un marco estable e sistemático para o desenvolvemento posterior das disposicións regulamentarias. Cumpre cos principios de transparencia e accesibilidade, que se materializaron a través da realización dos trámites de consulta pública previa e de audiencia, mediante a exposición do proxecto no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 41 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e da participación das consellerías implicadas e da emisión dos informes sectoriais, garantindo a participación efectiva dos sectores interesados e a adecuada publicidade do proceso de elaboración normativa.
Así mesmo, respéctanse os principios de eficiencia e simplicidade, ao configurar o decreto un marco organizativo que permite optimizar os recursos públicos dispoñibles e racionalizar a xestión administrativa, facilitando o desenvolvemento progresivo do novo Sistema de formación profesional. Ao mesmo tempo, establécese unha regulación sistemática, clara e estruturada, que evita duplicidades e cargas administrativas innecesarias e favorece a súa aplicación polos centros e polos órganos competentes.
No proceso de elaboración, este decreto someteuse aos trámites de consulta pública previa e de audiencia, nos cales se formularon numerosas achegas, que foron obxecto de análise e valoración individualizada, e incorporáronse en gran medida ao texto as propostas compatibles co marco competencial e coa normativa básica estatal, co fin de reforzar a transparencia, a participación e a adecuación da norma ás necesidades da sociedade galega.
Así mesmo, durante a tramitación foron escoitadas as distintas consellerías implicadas e solicitáronse e emitíronse os informes sectoriais e preceptivos previstos na normativa aplicable, e incorporáronse ao texto, segundo a súa natureza e o seu alcance, as consideracións e propostas que contribuíron á mellora técnica e sistemática da norma.
De conformidade co exposto, por proposta da persoa titular da consellería con competencias en materia de educación, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, conforme os ditames do Consello Galego de Formación Profesional e do Consello Escolar de Galicia, e de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día nove de marzo de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
1. O obxecto deste decreto é establecer a ordenación da formación profesional do grao D e do grao E do sistema educativo de Galicia, de acordo co previsto na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, e no Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, dos cales constitúe o seu desenvolvemento e a súa aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Este decreto será de aplicación nos centros educativos, públicos e privados, que impartan ensinanzas de formación profesional do sistema educativo na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 2. Finalidades e obxectivos do Sistema de formación profesional
As finalidades e os obxectivos do Sistema de formación profesional, respectivamente, son os establecidos no artigo 2 e no número 1 do artigo 3 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
Artigo 3. Principios da formación profesional do sistema educativo de Galicia
Ademais dos principios establecidos no artigo 3 da Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, e demais normativa de desenvolvemento, a formación profesional do sistema educativo de Galicia ten os seguintes principios:
a) Formar a cidadanía para o exercicio dunha profesión ou para a súa continuidade no sistema educativo ou formativo, facilitando así o acceso ao emprego.
b) Definir unha oferta integrada, acumulativa, inclusiva, personalizada e adaptada ás necesidades da poboación e ás particularidades do territorio galego, e deseñar plans de formación específicos á medida das necesidades das empresas ou organismos equiparados.
c) Dar resposta ás demandas de capital humano aliñando as necesidades de competencias profesionais por parte das empresas ou organismos equiparados coa oferta formativa.
d) Articular a colaboración público-privada identificando as necesidades de formación e capacitación, as actuais e de futuro, implicando as empresas ou institucións na formación, así como nas actuacións de difusión e de orientación profesional do Sistema de formación profesional.
e) Recoñecer as competencias profesionais que adquire a cidadanía a través da experiencia, o exercicio profesional ou aprendizaxes non formais, favorecendo a inserción laboral.
f) Informar a cidadanía e o tecido produtivo das posibilidades que ofrece a formación profesional, pondo a orientación profesional no centro do Sistema de formación profesional.
g) Avanzar na investigación, na innovación aplicada e no emprendemento, en colaboración co tecido produtivo galego, favorecendo o establecemento de redes de investigación, innovación e excelencia.
h) Promover o intercambio das experiencias do alumnado e do profesorado galego no estranxeiro, reforzando a presenza de linguas estranxeiras na formación profesional.
i) Dotar das mellores competencias docentes o profesorado de formación profesional.
j) Garantir a excelencia na formación profesional de Galicia.
k) Potenciar as redes de centros de formación profesional para o impulso e o desenvolvemento das accións anteriores.
l) Potenciar unha profunda cultura ambiental e afondar na prevención dos riscos laborais.
m) Fomentar as vocacións profesionais en sectores con infrarrepresentación por razón de sexo e previr calquera forma de discriminación directa ou indirecta, incluíndo as que poidan derivar de situacións de discriminación múltiple ou interseccional.
Artigo 4. Currículos correspondentes aos graos D e E
1. Consonte o artigo 7 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, a consellería con competencias en materia de educación establecerá o currículo para a Comunidade Autónoma de Galicia de cada unha das ensinanzas de formación profesional dos graos D e E respectando todos os elementos recollidos no currículo básico.
Así mesmo, atendendo á realidade socioeconómica do territorio e ás necesidades do seu tecido empresarial produtivo de Galicia, poderá:
a) Ampliar a duración horaria de cada módulo profesional establecida con carácter básico, respectando a duración xeral prevista para a oferta formativa, ou ampliar a duración xeral nas porcentaxes e nos termos establecidos no número 3.a) do artigo 97 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
b) Incorporar módulos profesionais complementarios non pertencentes á oferta formativa e incluídos no Catálogo modular de formación profesional.
c) Incorporar módulos de formación non asociada ao Catálogo nacional de ofertas de formación profesional, atendendo ás necesidades do perfil das persoas en formación ou do perfil profesional establecido.
As incorporacións previstas nas letras b) e c) non poderán, en ningún caso, supor máis do 10 % da configuración final do currículo nin reducir a duración total prevista dedicada ao desenvolvemento do currículo prescritivo, e non afectarán o recoñecemento estatal das titulacións, que manterán a denominación recollida no Catálogo nacional de ofertas formativas.
Cando os módulos resultantes da incorporación prevista nas letras b) e c) sexan cursados de maneira voluntaria polas persoas en formación e por encima da duración prevista da oferta, poderán ser certificados pola consellería competente en materia de educación en calidade de complemento da titulación correspondente.
d) Incluír a formación requirida para a obtención de carnés profesionais ou calquera outro tipo de habilitación profesional que garde relación co nivel e o perfil profesional correspondentes. Ás persoas que superasen a referida formación poderáselles expedir a habilitación pertinente en cada caso.
e) Determinar que certos módulos profesionais ou parte de módulos se poidan impartir nunha lingua estranxeira. Estes módulos serán impartidos polo profesorado con atribución docente neles e que, ademais, posúa a habilitación lingüística correspondente ao nivel C1, ou superior, do Marco común europeo de referencia para as linguas ou, excepcionalmente, ao B2, cando non exista profesorado con C1.
2. Por orde da persoa titular da consellería competente en materia de educación estableceranse os currículos correspondentes aos graos D e E que, respectando o establecido na normativa básica de aplicación, incluirán polo menos:
a) A relación de módulos profesionais, do currículo básico e, de ser o caso, dos módulos indicados nas letras b) e c) do número 1 deste artigo e no número 8 do artigo 14.
b) A duración en horas de cada módulo profesional e, de ser o caso, ámbitos ou proxecto, e a súa distribución por cursos.
c) A división de determinados módulos profesionais en unidades formativas de menor duración, nos casos en que así se estableza. As unidades formativas permitirán facilitar a formación ao longo da vida ou emitir certificacións específicas en materia de prevención de riscos profesionais ou habilitantes para exercer certas actividades profesionais.
d) Os espazos e o equipamento mínimo para o desenvolvemento do currículo.
e) A atribución docente do profesorado e, de ser o caso, as validacións, os espazos e o equipamento mínimo dos módulos optativos ou dos módulos que se poidan incorporar ás ensinanzas segundo o indicado no número 1 deste artigo, letras b) e c), e no número 8 do artigo 14.
f) O calendario de implantación do currículo en Galicia.
3. Os resultados de aprendizaxe e os criterios de avaliación do currículo serán os establecidos na normativa estatal básica que desenvolve os títulos e fixa os seus currículos básicos. No caso de módulos profesionais incorporados de conformidade co establecido nas letras b) e c) do número 1 deste artigo, e no número 8 do artigo 14, estes resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación serán tamén recollidos na correspondente orde.
4. A consellería con competencias en materia de educación poderá establecer os contidos de cada uns dos módulos profesionais, ámbitos ou proxectos que garantan a formación homoxénea e igualitaria en toda a Comunidade Autónoma, e deberá asegurar a súa actualización permanente.
5. No establecemento e no desenvolvemento dos currículos establecidos para os graos D e E, observarase disposto no artigo 41 da Lei 7/2023, do 30 de novembro.
6. Os centros docentes, en uso da súa autonomía recoñecida no artigo 6, número 5, da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, desenvolverán e completarán, de ser o caso, o currículo dos ciclos formativos a través das programacións elaboradas para cada módulo profesional. Estas programacións concretarán e adaptarán o currículo ás características da contorna socioprodutiva, tomando como referencia o perfil profesional, a competencia xeral e as competencias profesionais e para a empregabilidade de cada grao D ou E a través dos seus resultados de aprendizaxe establecidos para cada módulo profesional e, de ser o caso, ámbito ou proxecto, e incorporarán elementos de carácter transversal a cada ciclo formativo.
7. Coa finalidade de contribuír á mellora da cualificación das persoas e incrementar as súas posibilidades de mobilidade e de inserción profesional, poderanse deseñar currículos de carácter internacional, que permitan realizar ofertas que combinen os currículos doutros países cos currículos de aplicación en Galicia. No caso de incluír a formación completa dun título e un título doutro país, a formación poderá constituír unha dobre titulación internacional de formación profesional, nas condicións establecidas no artigo 84.2 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
CAPÍTULO II
Ofertas formativas do Sistema de formación profesional
e ensinanzas do sistema educativo
Artigo 5. Ofertas do Sistema de formación profesional
1. Segundo o artigo 22 da Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, as ofertas de formación profesional incluídas no Sistema de formación profesional comprenden:
a) A incluída na educación básica.
b) A incluída nas ensinanzas de formación profesional do sistema educativo.
c) A vinculada, en todo ou en parte, aos estándares de competencias profesionais do Catálogo nacional de estándares de competencias profesionais.
d) A dirixida a colectivos específicos.
2. Segundo o artigo 4 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, as ofertas do Sistema de formación profesional responden tipoloxicamente aos seguintes graos secuenciais:
a) Grao A. Acreditación parcial de competencia.
b) Grao B. Certificado de competencia.
c) Grao C. Certificado profesional.
d) Grao D. Ciclo formativo de grao básico, de grao medio ou de grao superior.
e) Grao E. Curso de especialización, de grao medio ou de grao superior.
Artigo 6. Formación profesional do sistema educativo
Segundo a Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, as ofertas de graos D e E forman parte tanto das ofertas do Sistema de formación profesional como das ensinanzas do sistema educativo, nos termos establecidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, e deben contribuír, ademais de aos obxectivos do Sistema de formación profesional, aos previstos para este tipo de ensinanzas na dita lei para cada un dos graos básico, medio e superior, e para os cursos de especialización.
Artigo 7. Organización das ofertas
1. A formación profesional do sistema educativo de Galicia organízase na oferta ordinaria e na oferta modular, que poden ser cursadas nas modalidades presencial, semipresencial e virtual. A formación na empresa ou organismo equiparado poderá realizarse polo réxime xeral ou polo réxime intensivo.
2. A oferta ordinaria organízase por cursos completos de acordo co recollido nos currículos que son de aplicación en Galicia para as distintas ensinanzas de formación profesional, mentres que a oferta modular se organiza por módulos independentes, por agrupación ou bloques de formación, ou en unidades de menor duración.
3. Na modalidade presencial, as actividades de ensino e aprendizaxe teñen lugar de xeito presencial, mentres que nas modalidades semipresencial e virtual as actividades de ensino e aprendizaxe teñen lugar mediante o uso combinado de ferramentas telemáticas e presenciais.
4. De conformidade coa normativa estatal de aplicación, no réxime xeral, a formación na empresa ou organismo equiparado comprenderá entre o 20 % e o 35 % da duración nos ciclos de grao básico, e entre o 25 % e o 35 % da duración nos ciclos de grao medio e de grao superior, e nos cursos de especialización. En todos os casos incluirá entre o 10 % e o 20 % dos resultados de aprendizaxe dos módulos profesionais.
No réxime intensivo, a formación na empresa ou organismo equiparado será como mínimo o 35 % e ata o 50 % da duración total das ensinanzas, e incluirá, polo menos, un 30 % dos resultados de aprendizaxe.
5. A oferta modular poderá concentrarse en determinados períodos do curso escolar.
6. A consellería con competencias en materia de educación poderá establecer ofertas flexibles e especializadas para atender as necesidades de cualificación de colectivos específicos, para permitir a formación complementaria que requiran as persoas que participen no procedemento de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, ou para dar cobertura ás necesidades de capacitación e de formación dos distintos sectores produtivos.
CAPÍTULO III
Ensinanzas e formacións específicas
Sección 1ª. Grao D. Ciclos formativos
Artigo 8. Aspectos xerais.
1. De conformidade co número 1 do artigo 82 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, o grao D do Sistema de formación profesional correspóndese cos ciclos formativos de formación profesional do sistema educativo.
2. De conformidade co número 2 do artigo 82 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, as ofertas de formación profesional conducentes á obtención dos títulos de técnico básico, técnico ou técnico superior de formación profesional ordénanse en ciclos formativos de grao básico, de grao medio e de grao superior, respectivamente.
3. De conformidade co número 4 do artigo 82 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, os ciclos formativos de grao básico forman parte da educación básica, en calidade de educación secundaria obrigatoria, os ciclos formativos de grao medio forman parte da educación secundaria postobrigatoria e os ciclos formativos de grao superior forman parte da educación superior.
Sección 2ª. Ciclos formativos de grao básico
Artigo 9. Estrutura
De conformidade co número 2 do artigo 85 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, os ciclos formativos de grao básico constarán de tres ámbitos e un proxecto:
a) Ámbito de Comunicación e ciencias sociais, que inclúe, de maneira integrada, Lingua Castelá, Lingua Galega, Lingua Estranxeira de Iniciación Profesional e Ciencias Sociais.
b) Ámbito de Ciencias aplicadas, que inclúe, de maneira integrada, Matemáticas Aplicadas e Ciencias Aplicadas.
c) Ámbito Profesional, que inclúe os módulos profesionais que desenvolvan, polo menos, a formación necesaria para obter un certificado profesional de grao C, vinculado a estándares de competencia de nivel 1 do Catálogo nacional de estándares de competencias profesionais, e o módulo de Itinerario persoal para a empregabilidade.
d) Proxecto intermodular de aprendizaxe colaborativa vinculada aos tres ámbitos anteriores, para toda a duración do ciclo formativo.
Artigo 10. Currículo
1. De conformidade co número 1 do artigo 87 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, o currículo dos ámbitos de Comunicación e ciencias sociais e de Ciencias aplicadas é o recollido no anexo do Decreto 126/2023, do 20 de xullo, polo que se establece o currículo do ámbito de Comunicación e ciencias sociais e do ámbito de Ciencias aplicadas dos ciclos formativos de grao básico de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O currículo do ámbito Profesional incluirá, polo menos, os módulos profesionais que estableza a normativa básica para a obtención dos distintos títulos de técnico básico.
3. O módulo profesional de Itinerario persoal para a empregabilidade dos ciclos de grao básico terá como finalidades:
a) Preparar o alumnado para a súa inserción laboral, proporcionándolle as ferramentas necesarias para se desenvolver de xeito efectivo no ámbito profesional.
b) Fomentar a adquisición de competencias clave para a empregabilidade e o emprendemento.
c) Desenvolver habilidades fundamentais no mercado laboral actual, como a comunicación efectiva, o traballo en equipo, a resolución de problemas e a adaptabilidade a contornas cambiantes.
d) Adquirir as competencias básicas en prevención de riscos laborais.
4. Os criterios pedagóxicos empregados no desenvolvemento dos currículos dos ciclos formativos adaptaranse ás características específicas das persoas en formación, adoptando preferentemente unha organización do currículo por proxectos de aprendizaxe colaborativa desde unha perspectiva aplicada, e fomentarán o desenvolvemento de habilidades sociais e emocionais, o traballo en equipo e a utilización das tecnoloxías da información e da comunicación. Proporcionaranse os apoios necesarios para remover as barreiras de aprendizaxe e de acceso á información e á comunicación, e garantir a igualdade de oportunidades.
5. O Proxecto intermodular de aprendizaxe colaborativa terá carácter integrador das competencias abordadas no resto dos módulos profesionais e ámbitos. Existirá un seguimento e unha titoría individual e colectiva do proxecto, que se desenvolverá de forma simultánea ao resto dos módulos profesionais ao longo da duración do ciclo formativo. Os centros determinarán o momento en que debe iniciarse o Proxecto intermodular, en función das características do ciclo formativo.
6. De conformidade co número 4 do artigo 87 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, a carga horaria total dos ámbitos de Comunicación e ciencias sociais e de Ciencias aplicadas representará, con carácter xeral, entre o 30 % e o 35 % da duración total do ciclo, incluída, polo menos, unha hora de titoría semanal. Con todo, para determinados grupos específicos e en función das súas características, poderase reducir a porcentaxe mínima de duración ata o 22 %, garantindo, en calquera caso, a adquisición das competencias establecidas no currículo básico da educación secundaria obrigatoria.
7. A formación incluída para a obtención dos resultados de aprendizaxe relativos á Lingua Estranxeira de Iniciación Profesional do ámbito de Comunicación e ciencias sociais poderá ser ofrecida en unidades formativas diferenciadas cando así se precise, en función da acreditación da competencia lingüística do profesorado que imparta o ciclo.
Artigo 11. Duración
De conformidade co artigo 86 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, nos ciclos formativos de grao básico de oferta ordinaria a duración será de dous cursos académicos, e poderá ser ampliada a tres cursos académicos nos casos en que os ciclos formativos sexan incluídos en réxime intensivo. Así mesmo, de conformidade co número 2 deste mesmo artigo, a consellería competente en materia de educación poderá autorizar respecto do alumnado con necesidades educativas especiais, segundo o artigo 64, unha ampliación a tres cursos académicos do ciclo formativo.
Artigo 12. Acción titorial
1. A titoría e a orientación educativa e profesional terán unha especial consideración na organización do ciclo formativo de grao básico, realizando un acompañamento socioeducativo personalizado.
2. Cada grupo de alumnado dun ciclo formativos de grao básico contará cunha titoría de polo menos unha hora lectiva semanal en cada curso.
3. A acción titorial nos ciclos formativos de grao básico orientará o proceso educativo individual e colectivo do alumnado, e contribuirá á adquisición de competencias sociais e ao desenvolvemento da súa autoestima, así como a fomentar as habilidades e as destrezas que lle permitan programar e xestionar o seu futuro educativo e profesional.
4. O titor ou a titora realizará unha programación anual da acción titorial recollida no proxecto educativo do centro. Esa programación recollerá os aspectos específicos do grupo a que se dirixe para conseguir o establecido no número anterior, e incluirá actividades específicas de información e orientación que lle garantan ao alumnado unha adecuada toma de decisións sobre o seu itinerario educativo e profesional ao termo do ciclo de formación profesional básica.
Sección 3ª. Ciclos formativos de grao medio e de grao superior
Artigo 13. Estrutura
1. De conformidade co artigo 96 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, os ciclos formativos de grao medio e superior terán estrutura modular e constarán, de acordo co anexo IV do citado real decreto, de:
a) Unha parte troncal obrigatoria, determinante da entidade do ciclo, garante da competencia xeral do ciclo e integrada por:
1º. Módulos profesionais do Catálogo modular de formación profesional.
2º. Módulos profesionais asociados ás habilidades e capacidades transversais, e á orientación laboral e o emprendemento pertinentes para o coñecemento dos sectores produtivos, e para a madureza profesional: Itinerario para a empregabilidade I e II, Dixitalización aplicada aos sectores produtivos, Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo e Inglés profesional.
3º. Proxecto intermodular.
b) Unha parte de optatividade integrada, polo menos, por un módulo optativo durante a formación cunha duración anual ou dous módulos cuadrimestrais.
Artigo 14. Currículo
1. O currículo dos ciclos de grao medio e de grao superior incluirá, polo menos, os módulos profesionais que estableza a normativa básica para a obtención dos distintos títulos de técnico e de técnico superior.
2. Os módulos de Itinerario persoal para a empregabilidade I e II, comúns aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior, terán como finalidade:
a) Coñecer as variables individuais que se poden desenvolver ao longo da vida e que contribuirán á mellora da empregabilidade, así como as posibilidades de inserción laboral nunha contorna socioprodutiva que, malia estar en constante cambio, debe garantir sempre unhas condicións laborais fundamentadas na normativa laboral e sectorial vixente.
b) Coñecer os itinerarios formativos e profesionais que axuden ao alumnado a adaptar o proceso de aprendizaxe ás súas vocacións, ás súas necesidades e aos seus intereses propios de cara á súa futura inserción laboral ou para continuar coa súa formación.
c) Desenvolver as habilidades e as capacidades transversais de orientación profesional e emprendemento.
d) Adquirir as competencias necesarias para o desempeño das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais.
3. De conformidade co artigo 100 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, o módulo de Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo ten como finalidade o desenvolvemento de coñecementos e competencias básicas en economía verde, sustentabilidade e impacto ambiental da actividade, así como as condicións en que as exixencias da transición ecolóxica modifican os procesos produtivos do sector correspondente.
O currículo do módulo deberá contextualizarse ao perfil profesional do título correspondente.
4. De conformidade co artigo 99 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, o módulo de Dixitalización aplicada aos sectores produtivos ten como finalidade o desenvolvemento de coñecementos e competencias básicas en dixitalización e as condicións en que esta induce modificacións nos procesos produtivos do sector correspondente.
O currículo do módulo deberá contextualizarse ao perfil profesional do título correspondente.
5. De conformidade co artigo 101 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, o módulo de Inglés profesional terá como finalidade o desenvolvemento de competencias que capaciten para a comunicación e o desenvolvemento profesional en contextos progresivamente plurinacionais e de mobilidade.
O currículo do módulo deberá contextualizarse ao perfil profesional do título correspondente.
6. O Proxecto intermodular terá carácter integrador das competencias abordadas no resto dos módulos profesionais. Existirá un seguimento e unha titoría individual e colectiva do proxecto, que se desenvolverá de forma simultánea ao resto dos módulos profesionais ao longo da duración do ciclo formativo. Os centros determinarán o momento en que debe iniciarse o Proxecto intermodular, en función das características do ciclo formativo.
7. A oferta de módulos optativos afondará, entre outros, no desenvolvemento das competencias transversais ou na achega de complementos de formación profesional específicos do sector profesional do título correspondente.
8. A consellería con competencias en materia de educación, de conformidade co establecido no artigo 104, número 1, do Real decreto 659/2023, poderá incorporar módulos complementarios vinculados ao afondamento das competencias profesionais propias de cada ciclo formativo ou á adquisición de competencias profesionais adicionais que, enriquecendo a formación, permitan adquirir un perfil profesional máis amplo, ben durante o período de formación realizada no centro, ben na empresa. As ampliacións curriculares non modifican o título que se expida e só poderán dar lugar a unha certificación complementaria de ámbito autonómico.
Artigo 15. Duración
De conformidade co artigo 103 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, os ciclos formativos de grao medio e superior de oferta ordinaria terán unha duración de entre dous e tres cursos académicos, en función das necesidades e dos requisitos da formación e os elementos básicos do currículo conducente ao título de que se trate, podendo flexibilizarse nas ofertas realizadas polo réxime intensivo, naquelas de alta especialización ou no caso de alumnado con necesidades educativas especiais segundo o establecido no artigo 64.
Sección 4ª. Grao E. Cursos de especialización
Artigo 16. Estrutura
De conformidade co artigo 119 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, os cursos de especialización constan de módulos profesionais do Catálogo modular de formación profesional asociados ou non a estándares de competencia profesional, segundo se trate de estándares de competencia específicos do curso de especialización en si mesmo, ou de afondamento dos xa incluídos nas titulacións de acceso. Incorporarán un período de formación na empresa ou organismo equiparado cando este período estea previsto no currículo básico.
Artigo 17. Currículo
A consellería con competencias en educación poderá implantar o correspondente curso de especialización complementando o currículo básico e a súa duración no marco das súas competencias, ao abeiro e nos termos do disposto no artigo 6.3 e 6.4 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou mantendo de maneira íntegra o seu deseño segundo os elementos básicos do currículo e duración, ao abeiro da excepción prevista no artigo 6.5 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
Artigo 18. Duración
Os cursos de especialización terán a duración establecida na normativa básica pola que se regulan.
Sección 5ª. Outras formacións
Artigo 19. Ofertas e formacións específicas
1. Coa finalidade de atender as demandas específicas de empresas, incluídas as accións de reskilling e upskilling demandadas nos diversos sectores de actividade económica, asociacións, organizacións empresariais, sectores emerxentes, sectores industriais estratéxicos declarados así polo Consello da Xunta, áreas xeográficas concretas ou persoas con especiais dificultades de aprendizaxe ou de inserción profesional, a consellería con competencias en educación poderá deseñar e autorizar ofertas e itinerarios formativos flexibles e específicos, así como formacións con duración e estrutura variable.
2. Dada a estrutura modular dos graos D e E, e os seus niveis básico, medio e superior, poderanse autorizar ofertas deseñadas á medida do tecido produtivo de Galicia, consistentes en itinerarios formativos de graos D e E, do mesmo ou de distintos niveis, xa sexa de forma completa ou xa de forma parcial, ou engadindo módulos ou parte deses módulos. Estas organizacións formativas poderán constituír unha oferta en alta especialización.
Artigo 20. Programas formativos dirixidos a persoas con necesidades educativas especiais ou específicas de apoio educativo
1. Para os efectos de dar continuidade ao proceso formativo e posibilitar a inserción laboral, a consellería con competencias en materia de educación poderá establecer e autorizar programas formativos adaptados ás necesidades das persoas con necesidades educativas especiais e responder a colectivos con necesidades específicas de apoio educativo.
2. Só poderán ser destinatarias destes programas as persoas cuxas necesidades educativas non lles permitan incorporarse á oferta ordinaria e conseguir con éxito, mesmo coas medidas e as alternativas organizativas e metodolóxicas de atención á diversidade e inclusión, os resultados de aprendizaxe.
3. Estes programas poderán incluír módulos profesionais ou ámbitos dun título de grao básico ou outros módulos apropiados para a adaptación ás súas necesidades. Esta formación complementaria seguirá a estrutura modular e os seus obxectivos estarán definidos en resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación, segundo o establecido na normativa para as ensinanzas de formación profesional.
4. Cando se ofrezan módulos ou ámbitos incluídos nun título de grao básico, a súa superación terá carácter acumulable para a obtención do devandito título. A superación do resto de módulos non incluídos no título acreditarase mediante certificación académica, e as competencias profesionais así adquiridas poderán ser avaliadas e acreditadas de acordo co procedemento establecido no procedemento de acreditación de competencias adquiridas a través da experiencia laboral ou outras vías non formais ou informais.
5. A duración destes programas será variable, segundo as necesidades dos colectivos a quen vaian destinados.
6. Estes programas poderán incluír formación na empresa ou organismo equiparado. O programa formativo na empresa establecerase a partir dos resultados de aprendizaxe dos módulos profesionais, seleccionando os máis adecuados ao perfil do alumnado e que permitan completar a súa competencia profesional.
CAPÍTULO IV
Formación na empresa ou organismo equiparado
Artigo 21. Finalidade
Segundo o artigo 56 da Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, a formación na empresa ou organismo equiparado terá as seguintes finalidades:
a) Participar na adquisición de competencias profesionais propias de cada oferta formativa.
b) Coñecer a realidade da contorna laboral do sector produtivo ou de servizos de referencia, que permita a adopción de decisións sobre futuros itinerarios formativos e profesionais, prestando especial atención ás oportunidades de emprego e emprendemento existentes ou emerxentes nas contornas rurais e nas zonas en declive demográfico.
c) Participar no desenvolvemento dunha identidade profesional emprendedora e motivadora para a aprendizaxe ao longo da vida e a adaptación aos cambios nos sectores produtivos ou de servizos.
d) Adquirir habilidades permanentes vinculadas á profesión que requiren situacións reais de traballo.
e) Facilitar unha experiencia de inserción profesional, a relación cun cadro de persoal e o respecto á normativa de prevención de riscos laborais.
Artigo 22. Aspectos xerais
1. Os graos D incorporarán formación na empresa ou organismo equiparado como parte integrada no currículo previsto en cada oferta formativa. Os graos E incorporarán esta formación cando o currículo básico así o estableza, e tamén naqueles casos en que, tendo en conta as características do sector produtivo, esta formación permita mellorar a capacitación das persoas e a súa inserción profesional.
2. O réxime de cada oferta, xeral ou intensivo, poderá afectar un grupo completo de alumnado ou unha parte deste.
3. A formación na empresa ou organismo equiparado terá a duración e abordará as porcentaxes de resultados de aprendizaxe indicadas no artigo 7.4.
4. No réxime xeral a formación na empresa ou organismo equiparado poderá ser retribuída para o alumnado. No réxime intensivo, será retribuída segundo a normativa de aplicación.
5. A formación na empresa ou organismo equiparado desenvolverase mediante unha distribución adecuada dos procesos formativos entre os centros de formación profesional e as empresas ou organismos equiparados, contribuíndo ambos ao logro das competencias previstas en cada oferta de formación.
6. A empresa ou organismo equiparado asignará unha persoa como titor ou titora, que, entre outras cousas, será responsable do seguimento da actividade formativa e da comunicación co centro educativo. O centro educativo designará unha persoa como titor ou titora do grupo de alumnado, que será responsable da coordinación do equipo docente e será a interlocutora coa empresa ou coas empresas para o desenvolvemento da actividade formativa.
7. Para iniciar a formación na empresa ou organismo equiparado, ademais dos requisitos establecidos no artigo 158 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, as persoas deberán ter adquiridas as competencias profesionais necesarias para abordar con garantías as actividades formativas na empresa.
8. No primeiro curso dos ciclos formativos da oferta ordinaria, o alumnado poderá ser incorporado á formación na empresa cando existan prazas dispoñibles nas empresas cun perfil adecuado ao currículo do ciclo formativo.
9. De acordo co artigo 105 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, nos ciclos de grao medio e de grao superior, non se poderá desenvolver un módulo profesional do currículo básico na súa totalidade na empresa ou organismo equiparado, nin asignarse á estadía o equivalente a máis do 65 % das horas de duración do módulo profesional.
Artigo 23. Acordos específicos para o desenvolvemento da formación
1. Os centros educativos que imparten ciclos formativos ou cursos de especialización no réxime xeral ou intensivo subscribirán acordos específicos para o desenvolvemento da formación que se realizará nos centros de traballo das empresas ou dos organismos equiparados.
2. A consellería competente en materia de educación establecerá un modelo de acordo ou convenio de cooperación coa empresa, coas empresas ou cos organismos equiparados, de acordo co contido mínimo establecido no artigo 156 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
Artigo 24. Plan de formación
1. Cada alumno ou alumna disporá dun plan de formación que identificará os resultados de aprendizaxe cuxa adquisición se realiza na empresa ou de forma conxunta entre o centro educativo e a empresa ou as empresas.
2. O centro educativo e a empresa ou as empresas, con carácter previo á incorporación do alumnado á formación na empresa, establecerán o plan de formación que o alumnado vaia adquirir durante a súa estadía na empresa, de acordo co contido mínimo establecido no artigo 157 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo. O plan de formación será o instrumento que permita realizar o seguimento da formación do alumnado e facilitará a súa avaliación.
3. Os centros contarán con flexibilidade organizativa para deseñaren conxuntamente coa empresa ou organismo equiparado a distribución das actividades formativas entre ambos, garantíndolles ás persoas en formación unhas condicións que faciliten o seu desenvolvemento.
Artigo 25. Período de realización
1. A consellería con competencias en materia de educación establecerá os momentos en que a formación na empresa ou organismo equiparado poderá realizarse durante o desenvolvemento da formación, tanto no réxime xeral como no réxime intensivo.
2. A concreción da localización temporal da formación na empresa determinaraa cada centro, segundo o establecido con carácter xeral no número anterior, e en función das características da oferta de formación, a estacionalidade das características do tecido produtivo da súa contorna e a dispoñibilidade de prazas formativas nas empresas ou organismo equiparado.
3. O profesorado que quede con horas vacantes no seu horario mentres o alumnado estea a realizar a formación en empresa ou organismo equiparado desenvolverá actividades complementarias de formación, de titoría ou coordinación da formación na empresa, de innovación tecnolóxica, científica ou didáctica, ou de emprendemento, entre outras, a criterio da dirección do centro educativo.
CAPÍTULO V
Desenvolvemento do currículo
Artigo 26. Desenvolvemento curricular por parte do centro
1. Os centros educativos disporán de autonomía para desenvolveren e adaptaren o currículo das ensinanzas de formación profesional de acordo coas características e as expectativas do alumnado, con especial atención ás necesidades das persoas que presenten unha discapacidade, e tendo en conta as necesidades de desenvolvemento económico e social e de recursos humanos do seu ámbito socioprodutivo.
2. Na programación xeral anual do centro quedarán reflectidos os proxectos de investigación e innovación aplicada, emprendemento e internacionalización que desenvolvan, así como as iniciativas que os centros adopten en virtude da súa autonomía pedagóxica e organizativa e que rexerán o funcionamento do centro.
Artigo 27. Programacións
1. Os centros educativos desenvolverán o currículo das ensinanzas de formación profesional mediante a elaboración das correspondentes programacións para cada módulo profesional e, de ser o caso, ámbito, proxecto ou unidades de menor duración. Para a súa elaboración deberán utilizar a aplicación informática facilitada pola consellería con competencias en educación que permita simplificar e axilizar a preceptiva supervisión por parte da Administración.
2. As programacións terán en conta os resultados de aprendizaxe e os criterios de avaliación establecidos no grao D ou E, desenvolverán os obxectivos xerais e tomarán como referencia as competencias profesionais e para a empregabilidade incluídas no perfil profesional.
3. A programación organizarase en unidades didácticas que, polo menos, deberán concretar os seguintes aspectos:
a) Concreción do currículo en relación coa súa adecuación ás características do ámbito produtivo.
b) Relación de unidades didácticas que a integran, que contribuirán ao desenvolvemento do módulo profesional e, de ser o caso, ámbitos ou proxecto, xunto coa secuencia e o tempo asignados para o desenvolvemento de cada unha. Por cada unidade didáctica precisarase:
1º. Resultados de aprendizaxe do currículo que se tratan.
2º. Obxectivos específicos.
3º. Contidos.
4º. Criterios de avaliación que se aplicarán para a verificación da consecución dos obxectivos por parte do alumnado.
5º. Actividades de ensino e aprendizaxe, os instrumentos de avaliación e os recursos necesarios.
c) Criterios de cualificación para alcanzar a avaliación positiva no módulo e, de ser o caso, ámbito ou proxecto.
d) Procedemento para a recuperación das partes non superadas.
e) Procedemento sobre o seguimento da programación e a avaliación da propia práctica docente.
f) Medidas de atención á diversidade.
g) De ser o caso, características xerais e desenvolvemento do:
1º. Programa formativo da formación na empresa.
2º. Proxecto intermodular ou proxecto intermodular de aprendizaxe colaborativa.
4. O equipo docente adaptará e xustificará as programacións ás necesidades educativas do alumnado. Cando o progreso dun alumno ou dunha alumna non responda globalmente aos obxectivos programados, o profesorado adoptará as oportunas medidas de reforzo educativo.
5. O equipo docente realizará o seguimento das programacións de cada módulo e, de ser o caso, ámbito ou proxecto con indicación do grao de cumprimento con respecto á programación e, en caso de desviacións, cunha xustificación razoada.
Artigo 28. Metodoloxía
1. A metodoloxía didáctica que se empregará no desenvolvemento das actividades promoverá a integración dos contidos científicos, tecnolóxicos e organizativos, potenciará a aprendizaxe autónoma e o traballo en equipo, fomentará o desenvolvemento das habilidades sociais necesarias para desempeñar a actividade laboral e a igualdade, e evitará calquera tipo de discriminación, co fin de que o alumnado adquira unha visión global dos procesos produtivos propios da actividade profesional correspondente.
2. Favorecerase a elaboración de modelos abertos de programación docente, coa implantación de metodoloxías activas baseadas en proxectos e retos, próximas á realidade produtiva, e a utilización de recursos e materiais tecnolóxicos que garantan a calidade e a actualización da formación, melloren a aprendizaxe e atendan ás necesidades de cada persoa en formación.
3. No caso de traballar con metodoloxías activas de aprendizaxe, sen diferenciar os módulos profesionais, ámbitos ou proxectos, a programación da oferta formativa do centro debe recoller claramente todos os resultados de aprendizaxe suxeitos a avaliación, posterior cualificación e rexistro nos documentos oficiais de avaliación e proposta de titulación ou certificado.
4. A consellería con competencias en materia de educación, co obxectivo de fomentar a aprendizaxe de idiomas e preparar o alumnado para a inserción laboral nun mercado globalizado, promoverá a implementación de metodoloxías innovadoras con estratexias e técnicas didácticas que favorezan a aprendizaxe do alumnado e a aplicación práctica das competencias lingüísticas.
5. As ensinanzas de formación profesional de oferta modular, presencial, semipresencial e virtual organizaranse cunha metodoloxía flexible e aberta, baseada na autoaprendizaxe e adaptada ás súas condicións, capacidades e necesidades, e aos seus intereses persoais, que lles permita a conciliación da aprendizaxe con outras actividades e responsabilidades.
6. Prestaráselles unha atención adecuada ás persoas con discapacidade, no relativo ás condicións de accesibilidade, e cos recursos de apoio necesarios en cada caso.
CAPÍTULO VI
Acceso, admisión e matrícula
Artigo 29. Acceso aos ciclos formativos de grao básico
1. O alumnado poderá acceder a un ciclo formativo de grao básico se cumpre os requisitos establecidos na normativa básica de aplicación.
2. A consellería con competencias en educación regulará o procedemento de acceso e admisión aos ciclos de grao básico.
Artigo 30. Acceso aos ciclos formativos de grao medio e superior
1. O alumnado poderá acceder a un ciclo formativo de grao medio ou de grao superior se cumpre os requisitos establecidos na normativa básica de aplicación.
2. A consellería con competencias en educación regulará o procedemento de acceso e admisión aos ciclos de graos medio e superior.
3. Para as persoas que non cumpran os requisitos de acceso aos ciclos de grao medio ou superior, a consellería con competencias en educación regulará:
a) As probas de acceso a estes ciclos e o procedemento de exención destas.
b) O curso de formación específico preparatorio para o acceso aos ciclos.
4. As probas de acceso serán convocadas cando menos unha vez ao ano. Sen prexuízo do anterior, poderanse convocar as citadas probas para atender a demanda de colectivos específicos.
A proba de acceso aos ciclos formativos deberá acreditar que o alumnado ten as competencias básicas que permitan cursar con aproveitamento os ciclos de formación profesional de grao medio ou de grao superior.
As persoas con necesidades específicas derivadas de discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais poderán solicitar as medidas ou os recursos adicionais necesarios para desenvolver a proba de acceso.
A adaptación da proba que deban superar estas persoas deberá respectar o esencial dos referentes de avaliación establecidos para cada un dos ciclos formativos de graos medio ou superior.
5. Os cursos de formación preparatorios para o acceso a ciclos de grao medio e de grao superior organizaranse, respectivamente, con base no establecido nos artigos 109 e 113 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
Artigo 31. Acceso aos cursos de especialización
1. De acordo co número 1 do artigo 120 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, o alumnado poderá acceder a un curso de especialización de grao medio se está en posesión dunha das titulacións de técnico especificadas na normativa básica que establece o curso de especialización e os aspectos básicos do seu currículo.
No caso de dispoñibilidade de prazas, poderase incorporar o acceso de persoas que non conten co título requirido ata un máximo do 20 % das prazas cos requisitos e as condicións establecidos no número 3 do citado artigo.
2. De acordo co número 1 do artigo 121 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, o alumnado poderá acceder a un curso de especialización de grao superior se está en posesión dunha das titulacións de técnico superior especificadas na normativa básica que establece o curso de especialización e os aspectos básicos do seu currículo.
No caso de dispoñibilidade de prazas, poderase incorporar o acceso de persoas que non conten co título requirido cos requisitos e as condicións establecidos no número 2 do citado artigo.
3. A consellería con competencias en educación regulará o procedemento de acceso e admisión aos cursos de especialización.
Artigo 32. Matrícula
1. Con carácter xeral, unha persoa poderá estar matriculada nunha única ensinanza, ciclo formativo ou curso de especialización, ben que se poderá autorizar a matrícula simultánea, nas condicións que a consellería con competencias en materia de educación determine.
2. Durante o período de vixencia da matrícula, unha persoa non poderá estar matriculada simultaneamente nun mesmo módulo profesional nas modalidades presencial, semipresencial ou virtual, ou nas das probas libres para a superación do módulo.
3. No caso da oferta ordinaria, a matrícula realizarase para todos os módulos de cada un dos cursos académicos en que se organicen as ensinanzas. A consellería con competencias en materia de educación establecerá os criterios de promoción para poder formalizar a matrícula no segundo curso.
4. No caso de oferta modular, a matrícula realizarase por módulos profesionais, por agrupación ou bloques de módulos, ou por unidades de menor duración. En calquera caso, a matrícula na oferta modular non poderá superar a carga lectiva anual que se determine. A consellería con competencias en materia de educación regulará o procedemento de matrícula e os períodos en que se poderá realizar a formación.
5. A consellería con competencias en materia de educación establecerá os procedementos que se seguirán nos casos de traslado, baixa ou anulación de matrícula ou renuncia á convocatoria.
6. Non se poderá volver cursar un módulo profesional que fose superado con anterioridade.
CAPÍTULO VII
Avaliación
Artigo 33. Aspectos comúns do proceso de avaliación
1. A avaliación ten como finalidade a verificación da adquisición dos resultados de aprendizaxe nas condicións de calidade establecidas nos elementos básicos do currículo, de acordo cos criterios de avaliación de cada un dos módulos profesionais e, de ser o caso, ámbito ou proxecto, tendo en conta, como referente máximo, a globalidade das competencias asociadas á oferta formativa, de conformidade co artigo 18 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
2. O profesorado avaliará, de xeito individual e en equipo, tanto as aprendizaxes do alumnado como a súa propia práctica docente.
Na avaliación da súa propia práctica docente terase en conta o seguimento a que se refire a letra e) do número 3 do artigo 27, e valoraranse, entre outras, a programación, a organización e a concreción do currículo en relación coa súa adecuación ás características do ámbito produtivo e ás necesidades do alumnado.
3. O alumnado poderá ser avaliado dun mesmo módulo profesional nun máximo de catro convocatorias nos graos D e nun máximo de dúas convocatorias nos graos E, con independencia do tipo de oferta ou da modalidade que se curse.
4. O alumnado que esgote as convocatorias previstas no número anterior por motivos de doenza, discapacidade, sufrimento dunha situación de violencia de xénero ou outros que condicionen ou impidan o desenvolvemento ordinario dos estudos poderá solicitar unha convocatoria extraordinaria polo procedemento que determine a consellería con competencias en materia de educación, para rematar os seus estudos.
5. A avaliación realizarase ao longo de todo o proceso formativo do alumnado, polo que ten un carácter formativo, integrador e continuo. Por este motivo, na modalidade presencial, será necesaria a asistencia do alumnado ás actividades programadas para os distintos módulos profesionais e, de ser o caso, ámbito ou proxecto. A consellería con competencias en materia de educación poderá establecer un procedemento específico de avaliación para as persoas que superen o número de faltas de asistencia que se determine.
Debe verificar a adquisición dos resultados de aprendizaxe de cada un dos módulos profesionais e, de ser o caso, ámbito e proxecto, con base nos criterios de avaliación establecidos no currículo.
Garantirá a accesibilidade ás probas de avaliación e respectará as necesidades de adaptación metodolóxica, de ampliación de tempos e de recursos das persoas con necesidades específicas. Estas adaptacións en ningún caso se terán en conta para minorar as cualificacións obtidas.
6. Os métodos e os instrumentos de avaliación débense adecuar ás diferentes metodoloxías de aprendizaxe, así como á natureza dos distintos tipos de resultados que se comproben, e acompañaranse dos correspondentes soportes para a súa corrección e a súa puntuación, de maneira que se garantan a obxectividade, a fiabilidade e a validez da avaliación.
7. No desenvolvemento do currículo mediante a elaboración das correspondentes programacións dos módulos profesionais, tal e como se establece no artigo 27, prestarase especial atención á toma de decisións propias do proceso de avaliación e, en particular:
a) Aos procedementos para avaliar o progreso da aprendizaxe do alumnado e á correspondencia entre os instrumentos xerais de avaliación e os criterios de avaliación.
b) Á planificación das actividades de recuperación de módulos profesionais pendentes e, expresamente, ás que poidan ser realizables de xeito autónomo polo alumnado.
c) Aos criterios e ás pautas de avaliación que cumpra ter en conta na avaliación do alumnado con necesidades educativas especiais ou con algún tipo de discapacidade.
8. As persoas en formación e tamén os pais ou as nais, ou titores ou titoras legais do alumnado menor de idade terán dereito a coñecer as decisións relativas á súa avaliación, promoción e titulación, así como a acceder á información académica referida ao alumno ou á alumna de que se trate, e sen prexuízo do respecto ás garantías establecidas en materia de protección de datos de carácter persoal.
9. Co fin de garantir a función formativa que ten a avaliación e o dereito do alumnado a que o seu rendemento escolar se avalíe con plena obxectividade, conforme o establecido na normativa vixente, para cada módulo profesional, ámbito ou proxecto deberase informar dos criterios de avaliación que se vaian aplicar para evidenciar a adquisición das competencias establecidas no currículo, así como do nivel mínimo que se considere suficiente para alcanzar a avaliación positiva.
10. A fase de formación na empresa será valorada de forma cualitativa polo titor ou a titora dual da empresa.
11. A avaliación dos resultados de aprendizaxe recollidos no plan de formación para seren impartidos na empresa ou organismo equiparado será responsabilidade dos e das docentes que impartan os módulos profesionais cuxos resultados de aprendizaxe se incluísen no plan. Para iso, terase en conta a valoración cualitativa que o titor ou a titora dual da empresa realizase da estadía do alumno ou alumna na empresa ou organismo equiparado.
A persoa encargada da impartición de cada módulo realizará a avaliación de cada alumno ou alumna tendo en conta as avaliacións realizadas no centro educativo e a valoración do titor ou a titora da empresa ou organismo equiparado.
12. As probas de avaliación correspondentes ás avaliacións finais serán sempre presenciais, independentemente da oferta, da modalidade e do réxime en que se curse esta. Nas modalidades semipresencial e virtual, a avaliación final de cada un dos módulos profesionais exixirá a superación de probas presenciais, de asistencia obrigatoria, que incluirán as probas prácticas necesarias para garantir a adecuada valoración do logro de todos os resultados de aprendizaxe, e harmonizaranse cos procesos de avaliación desenvolvidos previamente.
13. A superación de calquera oferta formativa requirirá a avaliación positiva dos módulos profesionais e, de ser o caso, ámbito e proxecto que a compoñen. O equipo docente actuará de maneira colexiada na adopción das decisións de obtención da titulación, tendo en conta como referente, para a toma de decisións, a globalidade das competencias asociadas á oferta formativa.
14. A superación dun ciclo formativo de grao básico requirirá a avaliación positiva colexiada do equipo docente respecto á adquisición das competencias profesionais e para a empregabilidade de cada título.
Artigo 34. Cualificacións
1. A cualificación dos módulos profesionais e, de ser o caso, do proxecto será numérica, entre 1 e 10, sen decimais, en función da consecución dos resultados de aprendizaxe. Considéranse positivas as puntuacións iguais ou superiores a cinco puntos.
2. A cualificación dos ámbitos de Comunicación e ciencias sociais e de Ciencias aplicadas realizarase segundo o establecido no artigo 31 do Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.
3. A nota final nos graos D e E será a media aritmética entre 1 e 10 con dous decimais de todos os módulos e, de ser o caso, do Proxecto.
Artigo 35. Documentos de avaliación
1. Os documentos oficiais de avaliación son o expediente académico da persoa en formación, as actas de avaliación e os informes de avaliación individualizados, de conformidade co número 1 do artigo 19 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
CAPÍTULO VIII
Validacións e exencións
Artigo 36. Validacións
1. Os módulos profesionais poderán ser obxecto de validación nos termos que recollen o Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, e o Real decreto 1085/2020, do 9 decembro, polo que se establecen validacións de módulos profesionais dos títulos de formación profesional do sistema educativo español e as medidas para a súa aplicación, e se modifica o Real decreto 1147/2011, do 29 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo e a normativa básica de aplicación.
2. Ademais dos módulos profesionais validados conforme o que se indica no número anterior, poderanse validar os módulos profesionais que se determinen na norma que estableza cada título e tamén, de ser o caso, os módulos indicados nas letras b) e c) do número 1 do artigo 4 e no número 8 do artigo 14, se así o determina a norma pola que se estableza o currículo correspondente.
3. Os módulos optativos dos ciclos de grao medio e de grao superior poderán ser recoñecidos, para os efectos da superación da súa totalidade ou dunha parte, polo procedemento que determine a consellería competente en materia de educación.
Artigo 37. Exención do período de formación na empresa ou organismo equiparado
A exención do período de formación en empresa producirase de conformidade coas condicións establecidas no artigo 131 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
Artigo 38. Validacións das ensinanzas de ciclos formativos de grao superior e estudos universitarios
A consellería con competencias en materia de educación e as universidades da Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das súas competencias, promoverán o recoñecemento mutuo de créditos ECTS entre as ensinanzas de formación profesional de grao superior e os títulos oficiais de grao para facilitar o establecemento de itinerarios formativos que recoñezan a formación previamente adquirida segundo o establecido no artigo 49 da Lei 3/2022, do 31 de marzo.
CAPÍTULO IX
Acreditación, certificación e titulación
Artigo 39. Acreditacións, certificacións e títulos de formación profesional
1. De conformidade co artigo 137 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, a superación dunha oferta de formación do Sistema de formación profesional dará dereito a unha acreditación, certificado ou título de formación profesional.
2. De conformidade co número 9 do artigo 137 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, quen non superase na súa totalidade as ensinanzas de cada un dos graos D ou E recibirá unha certificación académica dos módulos profesionais e, de ser o caso, ámbitos ou proxecto superados, a cal terá, ademais dos efectos académicos, efectos de acreditación parcial acumulable no Sistema de formación profesional. Nese sentido, as certificacións académicas farán constar a relación entre módulos profesionais superados e os estándares de competencia a que estean asociados do Catálogo nacional de estándares de competencias profesionais. Nos termos que se estableza, tamén poderán ser obxecto de certificación as unidades de menor duración dos módulos profesionais.
3. As certificacións académicas expediraas a dirección do centro público dependente da consellería con competencias en materia de educación, en impresos oficiais normalizados, logo de solicitude da persoa interesada. Estes certificados deberán expresar as cualificacións obtidas, tanto positivas como negativas, con indicación da convocatoria concreta, do centro educativo e do curso académico.
4. Para estes efectos, a consellería con competencias en educación facilitaralles aos centros privados unha aplicación informática que permita pór á disposición do centro público a que estean adscritos a documentación necesaria para a expedición das certificacións.
CAPÍTULO X
Centros
Artigo 40. Centros docentes que imparten graos D e E
1. As ensinanzas de formación profesional do sistema educativo, graos D e E, poderanse impartir nos centros públicos e privados autorizados pola consellería con competencias en materia de educación.
2. Os centros autorizados para impartir ofertas formativas dun determinado grao, estarano, así mesmo, de oficio, para impartiren aqueloutras de graos inferiores cuxo currículo estea contido nelas, sen que para iso deban solicitar nova autorización.
3. A autorización realizarase atendendo ao cumprimento dos requisitos mínimos establecidos con carácter xeral para os centros do Sistema de formación profesional e os específicos asociados á oferta que vaian impartir.
4. Os centros autorizados para impartiren ofertas de formación profesional deberán realizalas directamente, sen posibilidade de realizalas a través doutros centros ou subcontratar os servizos de formación, sen prexuízo do establecido no número 3, letra a), do artigo 25 e no número 3 do artigo 202 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, para a modalidade virtual.
Artigo 41. Requisitos dos centros que impartan ensinanzas de formación profesional dos graos D e E
1. Todos os centros públicos e privados que ofrezan ensinanzas conducentes á obtención dos graos D e E se axustarán ao establecido na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, no Real decreto 132/2010, do 12 de febreiro, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas do segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria, e nas normas que os desenvolvan. En todo caso, tamén deberán cumprir os requisitos específicos asociados á oferta que se imparta recollidos nas normas que establecen os títulos ou os currículos de Galicia.
2. As instalacións poderán ser comúns a outras ensinanzas que se impartan no mesmo centro educativo. Os espazos formativos definidos para cada grao D ou E poderanse utilizar de forma non simultánea para outros ciclos formativos ou outras ensinanzas, sempre que as actividades formativas sexan afíns e se dispoña dos equipamentos requiridos. En todo caso, o centro debe contar con dispoñibilidade de espazos para o conxunto das ofertas autorizadas que realiza o centro, tanto do Sistema de formación profesional como doutras ofertas formativas.
3. Co obxecto de poder utilizar as instalacións propias de ámbitos profesionais, a consellería con competencias en materia de educación poderá autorizar, para impartir as ensinanzas dos graos D e E, o uso doutros espazos e doutros ámbitos, sempre que sexan adecuados para o desenvolvemento das actividades docentes, que se identifiquen eses espazos e que a súa superficie garde proporción co número de estudantes e satisfaga as características que lles correspondan, acreditando documentalmente que teñen concedida autorización para uso exclusivo ou preferente das instalacións durante o tempo en que se desenvolvan as actividades formativas. En calquera caso, estes espazos e ámbitos, así como os itinerarios que conduzan a eles, incorporarán as condicións de accesibilidade precisas que permitan o seu uso por parte do alumnado con discapacidade.
4. O número de postos escolares fixarase nas correspondentes disposicións que autoricen a apertura dos centros e o seu funcionamento ou a autorización de ensinanzas, tendo en conta as instalacións e as condicións materiais correspondentes.
Artigo 42. Autorización de centros privados para impartir formación profesional do sistema educativo
A impartición da formación profesional dos centros privados estará suxeita a autorización administrativa previa, atenderá a normativa vixente e a que o centro non estea afectado polas circunstancias limitantes recollidas no artigo 198 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, que impidan a autorización.
Na solicitude de autorización para impartir graos D ou E deberán acreditar que dispoñen de postos formativos suficientes nas empresas ou organismos equiparados para a realización da formación por parte da totalidade de alumnado solicitado.
Artigo 43. Autorización de centros privados para impartir ofertas nas modalidades semipresencial e virtual
Os centros privados que soliciten autorización para impartir ofertas dos graos D e E nas modalidades semipresencial e virtual deberán cumprir as condicións e os requisitos básicos establecidos nos artigos 25 e 202 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, e incluirán na súa solicitude, como mínimo, o número de postos formativos máximo, un proxecto que inclúa a planificación, a programación da formación, a metodoloxía de aprendizaxe, a organización das titorías colectivas e individuais, tanto presenciais como en liña, indicando as actividades presenciais obrigatorias para o alumnado, así como o seguimento e os instrumentos de avaliación.
Así mesmo, deberán cumprir con requisitos de espazos e equipamentos específicos dos graos D ou E que solicitan, garantindo que se dispoña dos espazos necesarios para cubrir as horas de formación presencial, tanto da modalidade presencial como das modalidades semipresencial e virtual.
Artigo 44. Adscricións de centros privados
Para os efectos de supervisión e visado dos documentos de avaliación, en particular das actas de avaliación e propostas de expedición de títulos, correspondentes a ofertas de graos D e E, e sen prexuízo das súas plenas facultades académicas, os centros privados autorizados para impartir ofertas de graos D e E estarán adscritos a centros públicos, nos termos regulados pola consellería con competencias en educación.
Artigo 45. Xestión administrativa e académica
Todos os centros que impartan ensinanzas de formación profesional conforme o que se establece neste decreto deberán empregar na súa xestión administrativa e académica os programas e as aplicacións informáticas e telemáticas que a consellería competente en materia de educación empregue para o exercicio das súas competencias.
Artigo 46. Calidade
1. De conformidade co número 1 do artigo 220 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, a consellería con competencias en materia de educación promoverá a implantación nos centros do Sistema de formación profesional públicos, sostidos con fondos públicos ou que executan a oferta con financiamento público, de marcos de calidade internos como parte dun ciclo de mellora permanente. Poderán acudir a sistemas certificadores independentes de xestión da calidade ou a sistemas de avaliación baseados nos indicadores xerados no exercicio da supervisión por parte da consellería con competencias en educación.
CAPÍTULO XI
Profesorado
Artigo 47. Requisitos para impartir docencia
1. Para impartir docencia en ofertas formativas de formación profesional integradas no sistema educativo exixiranse os requisitos de titulación e formación establecidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, nos seus desenvolvementos normativos e, de forma específica, nos números 2 e 3 do artigo 165 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
2. De conformidade co número 4 do artigo 165 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, o profesorado dos corpos de catedráticos e catedráticas, e de profesorado de ensino secundario, do corpo de profesorado especialista en sectores singulares da formación profesional, así como do corpo, a extinguir, de profesorado técnico de formación profesional, sen prexuízo do establecido no artigo 95 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, poderá exercer as súas funcións nos centros do Sistema de formación profesional impartindo todos os graos de formación profesional de conformidade coa súa especialidade. Este profesorado poderá completar a xornada e o horario establecidos para o seu posto de traballo impartindo accións formativas de calquera dos graos do Sistema de formación profesional. Así mesmo, e para ese efecto, poderá ampliar voluntariamente a súa dedicación, considerándose de interese público.
3. De conformidade co número 4 do artigo 165 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, para os efectos previstos no artigo 3 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, a impartición de accións formativas do Sistema de formación profesional, nos seus distintos graos, terá a consideración de interese público.
Artigo 48. Persoas expertas do sector produtivo
1. De conformidade co artigo 170 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, a consellería con competencias en materia de educación e os centros privados poderán contratar persoas profesionais expertas do sector produtivo, non necesariamente tituladas, para impartiren ofertas de formación profesional, cando se produza algunha das seguintes circunstancias:
a) Que se requira para cubrir as necesidades de formación nas ofertas de formación profesional, unha vez esgotadas as vías ordinarias para garantir a docencia.
En particular, de acordo co número 6 do artigo 165 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, poderase acudir a este persoal cando non exista profesorado dos corpos previstos no letra a) do artigo 85.2 da Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, ou de titulados/as coas condicións da letra b) do citado artigo, nin profesionais rexistrados/as nas listaxes actualizadas de profesorado interino das especialidades do Sistema de formación profesional que cumpran os requisitos.
b) Que sexa preciso para garantir o dominio de procesos específicos do sector produtivo.
2. As persoas expertas do sector produtivo prestarán os seus servizos en réxime de contratación laboral, a tempo completo ou parcial. Cando a persoa se atope en activo no sector produtivo, o seu desempeño entenderase como un segundo posto de traballo ou actividade, por razón de interese público, nos termos establecidos na normativa vixente. A consellería competente en materia de educación determinará as condicións da autorización e os termos da contratación. Os centros públicos poderán realizar a proposta de contratación das persoas expertas do sector produtivo.
3. As persoas expertas do sector produtivo desenvolverán a súa función no módulo ou nos módulos profesionais ou, de ser o caso, nas unidades de menor duración baixo a supervisión da persoa que ocupe o cargo da xefatura do departamento ou, de non existir, a persoa que teña atribuída a dirección do centro. Ambas as persoas asinarán os documentos de avaliación e, en particular, as actas de avaliación.
Artigo 49. Persoal experto do sector produtivo nos centros públicos
De acordo co sinalado no artigo anterior e para garantir o dominio de determinados procesos específicos do sector produtivo, a consellería competente en materia de educación poderá contratar como persoal experto asociado de formación profesional persoas expertas do sector produtivo, para impartir ofertas de graos E ou ofertas de alta especialización, que conten cun recoñecido prestixio profesional ou presten os seus servizos en empresas e entidades de importancia significativa para os sectores produtivos galegos e que tamén apoien accións de investigación e innovación, aplicada nos centros en que presten servizos, incluídos nalgunha rede de investigación e innovación de excelencia, así como no Centro Galego da Innovación da Formación Profesional.
Artigo 50. Persoas expertas sénior de empresa
1. De acordo co número 1 do artigo 171 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, cando así se requira para cubrir as necesidades de formación nas ofertas de formación profesional ou para garantir a permanente actualización do currículo no centro de formación profesional por parte do equipo docente e a súa relación coa realidade produtiva, poderán incorporarse nos equipos docentes persoas expertas sénior de empresa. Enténdese por persoa experta sénior o/a profesional que poida acollerse a unha redución parcial de xornada na súa empresa ou organismo equiparado nos anos previos á súa xubilación, ou que estea acollido/a a xubilación parcial, flexible ou coas características que puidesen ser compatibles co desempeño das tarefas previstas no centro de formación.
2. As persoas expertas sénior de empresa prestarán os seus servizos en réxime de contratación laboral, a tempo completo ou parcial. Entenderase o seu desempeño como un segundo posto de traballo ou actividade, por razón de interese público, nos termos establecidos pola normativa vixente.
3. Os expertos e as expertas sénior desenvolverán a súa función no módulo ou nos módulos profesionais ou, de ser o caso, nas unidades formativas baixo a supervisión da persoa que ocupe o cargo da xefatura do departamento ou, de non existir, a persoa que teña atribuída a dirección do centro. Ambas as persoas asinarán os documentos de avaliación e, en particular, as actas de avaliación.
Artigo 51. Equipo docente
1. O equipo docente do ciclo formativo estará constituído polo conxunto de profesores e profesoras que impartan docencia nos módulos profesionais e, de ser o caso, ámbitos ou proxecto que o integran.
2. Cada módulo profesional constitúe unha unidade de oferta formativa e será impartido, con carácter xeral, por un só membro do equipo docente, sen prexuízo do establecido nos artigos 10.5 e 14.6.
3. En todo caso, coa finalidade de favorecer a coordinación, a cohesión e a integración dos contidos e das actividades de ensino e aprendizaxe, o número de profesores e profesoras que constitúan o equipo docente será o menor posible.
Artigo 52. Titoría
1. A orientación e a acción titorial deberán acompañar o proceso formativo e o seu seguimento do alumnado, tanto persoal como colectivo, facilitando a toma de decisións en relación co seu futuro académico e profesional ao longo da vida.
2. Cada grupo de alumnado terá un profesor ou unha profesora que desempeñe as funcións de titoría. A dirección do centro educativo designará a persoa que exerza a titoría entre o equipo docente do grao D ou do grao E. No caso dos graos D, durante un mesmo curso escolar, a persoa poderá ser a mesma para os diferentes cursos do ciclo.
3. O profesorado que exerza a titoría terá as funcións que establezan os regulamentos orgánicos dos centros en que se impartan as ensinanzas reguladas neste decreto e as que determine a consellería con competencias en materia de educación.
4. O profesorado que exerza a titoría terá a función de titor ou titora dual. Con carácter xeral, nos ciclos formativos na oferta ordinaria, o titor ou a titora dual será o titor ou a titora do segundo curso, ou se a duración é maior, do derradeiro curso.
5. Nos centros dependentes da consellería con competencias en educación, a función de titor ou titora dual da formación na empresa de todas as ensinanzas do centro será coordinada, de acordo coas directrices da dirección do centro, polo coordinador ou a coordinadora de formación en centros de traballo, segundo os regulamentos orgánicos dos centros en que se impartan as ensinanzas reguladas neste decreto.
6. O equipo docente do ciclo formativo desempeñará as funcións de titoría colectiva en relación co establecido nos artigos 10.5 e 14.6.
Artigo 53. Capacitación do profesorado
1. A formación permanente é un dereito e unha obriga de todo o profesorado.
2. A consellería con competencias en educación deseñará plans de formación permanente do profesorado que garantan a adecuación dos coñecementos, as capacidades e as competencias profesionais aos cambios tecnolóxicos en cada sector, ás transformacións na organización do traballo, así como nas metodoloxías didácticas innovadoras e, en particular:
a) Prestarán especial atención á formación en innovación e investigación aplicada, na dixitalización, na sustentabilidade e nas competencias lingüísticas, e nos enfoques inclusivos, metodoloxías activas e accesibilidade universal.
b) Impulsarán o traballo colaborativo e as redes profesionais e de centros de formación profesional para o fomento da formación, a autoavaliación e a mellora da actividade docente e formadora.
c) Garantirán a formación en xestión do talento e do emprendemento, e en materia de orientación profesional.
d) Promoverán as estadías de formación nas empresas ou institucións, e en centros diferentes do propio, para facilitar a transferencia de coñecemento.
CAPÍTULO XII
Investigación e innovación aplicada, internacionalización e emprendemento
Artigo 54. Aspectos xerais
1. Para seguir potenciando a innovación aplicada, a internacionalización das ensinanzas de formación profesional e o emprendemento no sistema educativo, a consellería con competencias en educación poderá formalizar contratos ou convenios con outras entidades públicas e/ou privadas para a realización de proxectos específicos de investigación ou innovación, que permitan o desenvolvemento conxunto de novas solucións, servizos ligados ao coñecemento, produtos ou tecnoloxías.
2. Os centros educativos incentivarán o desenvolvemento de proxectos de innovación educativa, e de investigación e innovación aplicada; a participación en redes educativas e proxectos internacionais que permitan a mobilidade do alumnado e do profesorado; a colaboración con empresas e institucións estranxeiras, e o establecemento de programas que favorezan o emprendemento e a xestión de proxectos empresariais.
3. O Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, creado no número 3.2 do artigo 25 do Decreto 119/2022, do 23 de xuño, xestionará a protección dos resultados da investigación e innovación obtidos no eido do Sistema de formación profesional do ámbito educativo dos centros públicos de Galicia, así como, de ser o caso, as actuacións de valorización e transferencia de tales resultados para a súa explotación.
A consellería con competencias en materia de educación, a través do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, promoverá convocatorias que lle permitan ao profesorado da comunidade educativa galega o desenvolvemento de proxectos de innovación e investigación.
Artigo 55. Investigación e innovación aplicada
1. A consellería con competencias en educación promoverá:
a) A existencia de espazos de tecnoloxías avanzadas, xeradores de proxectos innovadores e de investigación aplicada, e que sexan promotores de creación de polos tecnolóxicos.
b) A creación de redes de centros innovadores que persigan a excelencia da formación profesional galega.
c) A participación dos centros, xunto con empresas ou institucións da súa contorna, en proxectos de innovación e investigación aplicada para a súa conversión en recursos e tecnoloxías que teñan transferencia directa ao sector produtivo, sinaladamente nos sectores emerxentes e estratéxicos de interese para Galicia.
d) A figura do profesor-investigador ou da profesora-investigadora como persoas xeradoras de proxectos de investigación e innovación aplicada, prestando especial atención á mellora das súas capacidades e das súas competencias, e desenvolvendo iniciativas que promovan as bases da cultura innovadora.
Artigo 56. Internacionalización
Co fin de que o alumnado desenvolva habilidades de comunicación para o desempeño profesional no ámbito internacional, e de dar resposta ás necesidades de formación en competencias lingüísticas expostas polas empresas e os sectores produtivos:
a) Estableceranse ofertas de ensinanzas plurilingües e, de ser o caso, currículos con carácter internacional aos cales se fai referencia no artigo 4.6.
b) Impulsarase a participación en programas de mobilidade para o alumnado e para o profesorado que, entre outros aspectos, permitan realizar a formación do alumnado, no réxime xeral ou intensivo, en empresas situadas no estranxeiro.
Artigo 57. Emprendemento
A consellería con competencias en educación promoverá a cultura emprendedora no sistema educativo con plans e actuacións que permitan, desde idades temperás, o desenvolvemento persoal e profesional do alumnado e a súa incorporación á vida activa.
Os plans e as actuacións permitirán potenciar as competencias emprendedoras do alumnado, a formación e a capacitación do alumnado e do profesorado en habilidades emprendedoras, o impulso e a posta en marcha de proxectos empresariais, especialmente os de carácter tecnolóxico e industrial que acheguen valor engadido aos sectores estratéxicos de Galicia ou que contribúan ao desenvolvemento do ámbito rural, repercutindo na cohesión social e territorial.
CAPÍTULO XIII
Procedemento de acreditación de competencias adquiridas
a través da experiencia laboral ou outras vías non formais ou informais
Artigo 58. Procedemento e finalidade
1. O procedemento de acreditación de competencias adquiridas a través da experiencia laboral ou outras vías non formais ou informais constitúe un procedemento administrativo aberto de forma permanente, que terá como referente o Catálogo nacional de estándares de competencias profesionais.
2. A finalidade do procedemento é acreditar as competencias profesionais que fosen adquiridas a través da experiencia laboral e outras vías non formais de formación, mediante procedementos e metodoloxías comúns que garantan a validez, a fiabilidade e a obxectividade, facilitando tanto a inserción e a integración laboral, e a libre circulación no mercado de traballo, como a progresión persoal e profesional das persoas.
3. As acreditacións obtidas por este procedemento poderán ser utilizadas no marco do Sistema de formación profesional para continuar itinerarios formativos conducentes a unha maior cualificación.
Artigo 59. Persoas destinatarias e requisitos
1. O procedemento de acreditación de competencias profesionais terá como persoas destinatarias:
a) A poboación con experiencia laboral e sen acreditación, certificado ou título profesionalizante de todas ou de parte das súas competencias profesionais, para que valide as devanditas competencias profesionais adquiridas no desempeño laboral, así como aquelas cuxa vía de adquisición fose a educación non formal, informal ou outras.
b) As empresas ou organismos equiparados, para os efectos de promover e manter actualizada a acreditación das competencias profesionais dos seus traballadores e das súas traballadoras, coa colaboración, de ser o caso, da representación legal das persoas traballadoras.
2. As persoas que desexen participar no procedemento deberán cumprir os requisitos establecidos no número 2 do artigo 177 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
Artigo 60. Solicitude de participación e organización do procedemento
1. As persoas poderán realizar a súa solicitude en calquera momento, constituíndo un procedemento dispoñible permanentemente.
2. A consellería con competencias en educación regulará o procedemento para a avaliación e a acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, ao abeiro do establecido no Real decreto 659/2023, do 18 de xullo. No caso de empresas ou institucións que soliciten a acreditación de competencias profesionais para certos perfís do seu cadro de persoal, a consellería poderá establecer un procedemento específico que permita realizar a acreditación das competencias profesionais de forma colectiva, flexibilizando os procesos de asesoramento e de avaliación.
3. Así mesmo, e de acordo co establecido na letra a) do número 2 do artigo 177 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, tamén poderán iniciarse procedementos específicos para colectivos vinculados a acordos internacionais ou a plans estratéxicos para a cobertura das necesidades profesionais de determinados sectores produtivos.
CAPÍTULO XIV
Inclusión e atención á diversidade
Artigo 61. Acceso ás ensinanzas
1. A consellería con competencias en materia de educación garantirá que o alumnado poida acceder e cursar as ensinanzas de formación profesional que se regulan neste decreto nas condicións establecidas no artigo 16 e na disposición derradeira segunda no texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e no artigo 21 do Real decreto 193/2023, do 21 de marzo, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación das persoas con discapacidade para o acceso e a utilización dos bens e servizos ao dispor do público.
2. De acordo co disposto no artigo 75.4 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, establecerase unha porcentaxe de prazas reservadas para persoas con discapacidade que non poderá ser inferior ao cinco por cento da oferta de prazas de cada ensinanza.
Artigo 62. Atención ás diferenzas individuais
A consellería con competencias en educación fomentará a equidade e a inclusión, a igualdade de oportunidades e a non discriminación na formación profesional, adoptando para o efecto as medidas de flexibilización e as alternativas metodolóxicas de accesibilidade ao currículo, de adaptación temporal e deseño universal que sexan necesarias para conseguir que todas as persoas poidan acceder a unha formación profesional de calidade ao longo da vida laboral en igualdade de oportunidades en todos e cada un dos graos e das ofertas regulados nesta disposición.
A atención diferenciada réxese polos principios de normalización, inclusión e accesibilidade, e polas alternativas metodolóxicas e de flexibilización que faciliten a adquisición dos resultados de aprendizaxe e a súa avaliación.
Artigo 63. Metodoloxía
1. As programacións que desenvolvan o currículo das ensinanzas de formación profesional deberán ter en conta o principio de «deseño para todas as persoas». Para tal efecto, recollerán as medidas necesarias co fin de que o alumnado poida conseguir a competencia xeral do título, expresada a través das competencias profesionais, persoais e sociais, así como os resultados de aprendizaxe de cada un dos módulos profesionais.
2. A consellería con competencias en materia de educación promoverá medidas metodolóxicas de atención á diversidade que permitan aos centros educativos, no exercicio da súa autonomía, unha organización das ensinanzas adecuada ás características do alumnado, con especial atención no relativo á adquisición das competencias lingüísticas contidas nos módulos profesionais ou ámbitos para o alumnado que presente dificultades na súa expresión oral, sen que as medidas adoptadas supoñan unha minoración da avaliación das súas aprendizaxes
3. Na planificación docente, no marco dos principios do «deseño universal de aprendizaxe» (DUA), poderán utilizarse distintas estratexias de traballo colaborativo, tales como a aprendizaxe por proxectos, a aprendizaxe servizo e a titoría entre iguais, entre outras. En todo caso, o profesorado empregará as alternativas metodolóxicas que mellor se adapten á construción que cada alumna e cada alumno debe facer da súa propia aprendizaxe, segundo os módulos profesionais ou ámbitos de que se trate, e os espazos, os recursos e os tempos dispoñibles.
4. En calquera caso, estas medidas non poderán afectar de xeito significativo a consecución dos resultados de aprendizaxe previstos para cada un dos módulos profesionais.
Artigo 64. Flexibilización na duración e na temporalización da formación
O alumnado con necesidades educativas especiais poderá ser autorizado, cando as necesidades de apoio específico así o xustifiquen, para cursar as ensinanzas reguladas neste decreto, na oferta ordinaria, cunha duración ou temporalización distintas á establecida con carácter xeral ou cursando as ensinanzas de xeito fragmentado por módulos. A consellería con competencias en materia de educación establecerá o procedemento para a autorización destas flexibilizacións.
Artigo 65. Avaliación
1. A avaliación debe respectar as necesidades de adaptación metodolóxica, de ampliación de tempos, de procedementos e de recursos das persoas con necesidades educativas especiais. Nesta adaptación poderanse considerar a forma de comunicación que o alumnado necesite, a secuenciación das tarefas, a verificación da comprensión das tarefas, a dispoñibilidade dos recursos tecnolóxicos e a concesión do tempo necesario. Estas adaptacións en ningún caso se terán en conta para minorar as cualificacións obtidas.
2. Estableceranse as medidas adecuadas para que as condicións de realización dos procesos asociados á avaliación se adapten ás necesidades específicas de cada persoa, en consonancia co «deseño universal de aprendizaxe» (DUA).
Artigo 66. Formación na empresa
1. A consellería con competencias en educación poderá dispor medidas de prelación para as persoas con discapacidade na adxudicación das empresas ou organismos equiparados para a realización da súa formación, co fin de garantir os seus dereitos en relación co disposto na normativa vixente en materia de accesibilidade universal e deseño para todas as persoas.
2. O plan de formación na empresa incluirá as medidas e as adaptacións necesarias para as persoas con necesidades específicas para o desenvolvemento da formación na empresa ou organismo equiparado.
Artigo 67. Acreditación de competencias profesionais
A consellería con competencias en materia de educación poderá realizar procesos específicos de acreditación de competencias profesionais adaptados ás persoas con discapacidade.
CAPÍTULO XV
Información e orientación profesional
Artigo 68. Fins
A información e a orientación profesional na formación profesional do sistema educativo terán os seguintes fins:
a) Difundir as ofertas das ensinanzas de formación profesional e do resto do sistema educativo, así como os requisitos académicos establecidos e as posibilidades de acceso a elas, contrarrestando os estereotipos de xénero e fomentando as vocacións cara a sectores produtivos deficitarios de persoas capacitadas e con falta de remuda xeracional.
b) Realizar asesoramento individualizado sobre as posibilidades do Sistema de formación profesional que, partindo da formación e da experiencia profesional previa das persoas, permitan trazar itinerarios formativos e laborais desde a motivación e a identificación clara dos intereses e dos obxectivos persoais.
c) Facilitar a información e a orientación sobre os perfís das ocupacións, as tendencias na evolución do mercado de traballo, as posibilidades de acceso ao emprego e as oportunidades de formación relacionadas con elas, co obxecto de facilitar a inserción e a reinserción laboral, a mellora no emprego e a mobilidade laboral.
d) Dotar as persoas das competencias e das habilidades para a toma de decisións, e para a xestión da súa carreira profesional, incluíndo o trazado de itinerarios formativos e profesionais conducentes a novas aprendizaxes e novas oportunidades profesionais, e a participación activa na vida laboral e na sociedade nun contexto en constante cambio.
e) Informar sobre as titulacións académicas e sobre as oportunidades de acceso ao emprego, e orientar sobre as posibilidades de adquisición, avaliación e acreditación de competencias e cualificacións profesionais requiridas no mundo laboral, e o progreso nelas ao longo de toda a vida.
f) Prestar apoio persoal e colectivo ás persoas participantes no procedemento de acreditación de competencias adquiridas a través da experiencia laboral ou outras vías non formais ou informais.
g) Difundir entre as empresas ou organismos equiparados as oportunidades que ofrece o Sistema de formación profesional para a cualificación e a recualificación das persoas traballadoras.
h) Acompañamento persoal para o emprendemento e a innovación.
Artigo 69. Organización
1. A consellería con competencias en materia de educación promoverá:
a) Medidas de colaboración e coordinación con outras administracións, cos interlocutores sociais e calquera outro organismo ou entidade que preste servizos de orientación profesional, que conduzan ao deseño dun sistema integral de orientación profesional e vocacional.
b) A innovación e a intelixencia artificial aplicada á orientación profesional, desenvolvendo ferramentas tecnolóxicas que faciliten un acceso rápido á información e á orientación necesarias para a toma de decisións, adaptándoas aos distintos colectivos e ás distintas idades.
c) O acceso á información ao alumnado, ás familias, ás empresas e á sociedade en xeral, mediante a atención personalizada presencial, mediante o uso de ferramentas telemáticas ou a combinación de ambos os sistemas, que permitan atender os distintos colectivos con independencia da súa situación xeográfica e que se adapte aos diversos tipos de persoas usuarias.
d) O establecemento das medidas e dos instrumentos necesarios de apoio e reforzo aos servizos de información, de orientación e de asesoramento, para:
1. Maximizar o éxito do alumnado do sistema educativo e conducir cara á «tendencia cero» no abandono escolar temperán.
2. Prestar especial atención aos colectivos con risco de exclusión, persoas que abandonan prematuramente o sistema educativo, de escasa cualificación profesional, desempregadas, emigrantes, alumnado procedente do estranxeiro, mulleres vítimas de violencia de xénero, así como persoas con necesidades específicas.
3. Facilitar a titulación da poboación nova sen cualificación.
4. Asesorar o alumnado galego desde idades temperás realizando actividades dirixidas a promover a orientación vocacional e o descubrimento de ocupacións dos diferentes sectores produtivos.
e) Plans de calidade e mellora continua dirixidos á prestación do servizo de información e orientación profesional.
f) Accións de formación para a capacitación en materia de orientación para as persoas responsables de realizar a prestación do servizo.
2. Os centros que impartan formación profesional prestarán atención singularizada:
a) Ás persoas con especiais dificultades de aprendizaxe ou de inserción social ou laboral, deseñando accións específicas para intensificar a súa orientación profesional durante a súa formación, mediante o establecemento de titorías individuais ou de grupo ou con outras accións.
b) Ao asesoramento para a participación da cidadanía no procedemento de acreditación de competencias profesionais.
c) Ás empresas do seu ámbito territorial, especialmente ás pequenas e ás medianas, co fin de deseñar itinerarios formativos axustados ás súas necesidades.
Disposición adicional primeira. Relación coas empresas ou organismos equiparados
1. A consellería con competencias en materia de educación promoverá a colaboración coas empresas ou organismos equiparados e entidades empresariais e, en particular, coas máis implicadas en sectores clave da economía galega e as relacionadas cos sectores emerxentes, co establecemento de plans e mecanismos que impulsen a cooperación público-privada.
2. Esta colaboración ten a seguinte finalidade:
a) Facilitar a realización da formación na empresa por parte do alumnado, favorecendo a participación de pemes e micropemes.
b) Favorecer a inserción laboral e o desenvolvemento profesional do alumnado.
c) Fomentar o desenvolvemento das habilidades interpersoais e sociais do alumnado como o traballo en equipo, a resolución de problemas, a toma de decisións, a xestión dos tempos e a adaptación aos cambios.
d) Impartir módulos profesionais nas instalacións das empresas ou organismos equiparados, co fin de garantir que a formación se realice cos equipamentos máis actuais.
e) Usaren as empresas ou organismos equiparados as instalacións e o equipamento dos centros, nas condicións que se determine, sempre que non interfiran no desenvolvemento das actividades docentes.
f) Actualizar profesionalmente os traballadores e as traballadoras, así como o profesorado. Esta formación poderá incluír estadías temporais do profesorado nas empresas, tanto para a formación dos seus traballadores e das súas traballadoras como para a actualización do profesorado.
g) Validar as accións de formación desenvolvidas nas empresas ou organismos equiparados, de acordo cos requisitos que se establezan, co fin de lles facilitar aos seus traballadores e ás súas traballadoras a obtención dun título de formación profesional.
h) Participar no procedemento de acreditación de competencias adquiridas a través da experiencia laboral ou outras vías non formais ou informais por parte de colectivos ou grupos de persoas pertencentes a empresas ou a organismos equiparados.
i) Desenvolver conxuntamente proxectos, entre outros, de innovación e investigación, de emprendemento, de difusión das ensinanzas de formación profesional ou de orientación profesional.
j) Garantir a formación e as condicións necesarias para o desenvolvemento das funcións da persoa titora dual da empresa ou do organismo equiparado.
k) Apoiar plans institucionais vinculados coa formación profesional en liña cos obxectivos estratéxicos das distintas administracións.
Disposición adicional segunda. Coordinacións nos ámbitos de innovación e formación, programas internacionais, emprendemento, información e orientación profesional e acreditación de competencias
1. A persoa coordinadora de innovación e formación do profesorado de cada centro da Rede de centros integrados de Galicia corresponderase co perfil establecido na letra a) do artigo 166 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
2. A persoa coordinadora de programas internacionais de cada centro da Rede de centros integrados de Galicia corresponderase co perfil establecido na letra b) do artigo 166 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
3. A persoa coordinadora de emprendemento de cada centro da Rede de centros integrados de Galicia corresponderase co perfil establecido na letra d) do artigo 166 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
4. A persoa coordinadora da información e orientación profesional de cada centro da Rede de centros integrados de Galicia corresponderase co perfil establecido na letra d) do artigo 166 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
5. Os departamentos dos centros da Rede de centros integrados de Galicia e as áreas funcionais en que están incorporados coordinarán o procedemento de acreditación de competencias profesionais, segundo a letra d) do artigo 166 do Real decreto 659/2023.
6. A consellería con competencias en materia de educación poderá incorporar noutros centros dependentes da consellería as persoas ou os equipos que realicen as funcións referidas nos números anteriores.
Disposición adicional terceira. Profesorado participante en proxectos de investigación ou de innovación aplicada, ou que conte con competencias específicas para impartir en ciclos de grao básico
1. Coa finalidade de lles dar continuidade aos proxectos de investigación ou de innovación aplicada ou de innovación didáctica ou metodolóxica que teñan un período de execución de máis dun curso académico e que estean vinculados a impartir en determinados módulos profesionais, ámbitos ou proxecto, o profesorado que continúe destinado no centro e que os viña impartindo terá prioridade para seguir impartindo o módulo, ámbito ou proxecto ata a súa finalización.
2. Así mesmo, coa finalidade de atender as necesidades pedagóxicas do alumnado, para impartir os ciclos formativos de grao básico, terá prioridade o profesorado que conte con maior preparación específica ou experiencia previa neste grao.
Disposición adicional cuarta. Dirección do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional
Recoñéceselle á persoa titular do órgano de dirección do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional a consolidación do complemento específico de forma equivalente ao previsto no Decreto 120/2002, do 22 de marzo, polo que se regula a consolidación parcial do complemento específico de dirección de centros escolares públicos.
Disposición adicional quinta. Integración da igualdade de xénero no desenvolvemento do decreto
De conformidade co disposto na sección segunda do capítulo IV da Lei 7/2023, do 30 de novembro, relativa á integración da igualdade entre mulleres e homes na formación profesional, a consellería con competencias en materia de educación integrará a perspectiva de xénero no desenvolvemento das súas competencias en materia de formación profesional, garantindo a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes en todas as actuacións vinculadas ao deseño dos currículos, á autorización e xestión dos centros, á orientación profesional, á avaliación da calidade e á difusión da oferta formativa.
Disposición transitoria única. Vixencia dos currículos dos ciclos formativos
Mentres non se aproben e publiquen as modificacións necesarias para adecuar os currículos dos ciclos formativos á ordenación establecida neste decreto, será de aplicación o establecido nos decretos polos que se establecen estes currículos, relacionados nos números 2, 3, 4 e 5 da disposición derrogatoria única, en todo aquilo que non se opoñan ao disposto neste decreto e na normativa básica de aplicación.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
1. Queda derrogado o Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do Sistema educativo de Galicia.
2. Queda derrogado o Decreto 107/2014, do 4 de setembro, polo que se regulan aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo en Galicia e se establecen vinte e un currículos de títulos profesionais básicos.
3. Queda derrogado o Decreto 71/2017, do 24 de maio, polo que se establecen seis currículos de títulos profesionais básicos, os incluídos no Real decreto 774/2015, do 28 de agosto.
4. Quedan derrogados os seguintes decretos:
a) Familia profesional de Administración e Xestión:
1. Decreto 191/2010, do 28 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Xestión Administrativa.
2. Decreto 206/2012, do 4 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Administración e Finanzas.
3. Decreto 204/2013, do 27 de decembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Asistencia á Dirección.
a) Familia profesional Agraria:
1. Decreto 182/2010, do 7 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Produción Agropecuaria.
2. Decreto 188/2010, do 7 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Produción Agroecolóxica.
3. Decreto 101/2011, do 5 de maio, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Xardinaría e Floraría.
4. Decreto 166/2012, do 12 de xullo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Paisaxismo e Medio Rural.
5. Decreto 170/2012, do 12 de xullo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Xestión Forestal e do Medio Natural.
6. Decreto 192/2013, do 27 de decembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural.
7. Decreto 87/2016, do 19 de maio, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal.
a) Familia profesional de Artes Gráficas:
1. Decreto 224/2012, do 18 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Preimpresión Dixital.
2. Decreto 53/2016, do 14 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Impresión Gráfica.
3. Decreto 56/2016, do 14 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Deseño e Xestión da Produción Gráfica.
4. Decreto 58/2016, do 14 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Deseño e Edición de Publicacións Impresas e Multimedia.
a) Familia profesional de Comercio e Márketing:
1. Decreto 195/2013, do 27 de decembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Transporte e Loxística.
2. Decreto 196/2013, do 27 de decembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Márketing e Publicidade.
3. Decreto 49/2016, do 7 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Actividades Comerciais.
4. Decreto 50/2016, do 7 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Xestión de Vendas e Espazos Comerciais.
5. Decreto 90/2016, do 19 de maio, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Comercio Internacional.
a) Familia profesional de Edificación e Obra Civil:
1. Decreto 188/2011, do 15 de setembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Proxectos de Edificación.
2. Decreto 173/2012, do 19 de xullo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Proxectos de Obra Civil.
3. Decreto 124/2013, do 11 de xullo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Construción.
4. Decreto 137/2013, do 18 de xullo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Obras de Interior, Decoración e Rehabilitación.
5. Decreto 69/2017, do 24 de maio, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Organización e Control de Obras de Construción.
a) Familia profesional de Electricidade e Electrónica:
1. Decreto 28/2010, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Instalacións Eléctricas e Automáticas.
2. Decreto 178/2010, do 1 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Instalación de Telecomunicacións.
3. Decreto 138/2011, do 9 de xuño, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Sistemas Electrotécnicos e Automatizados.
4. Decreto 210/2012, do 4 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos.
5. Decreto 102/2013, do 13 de xuño, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Automatización e Robótica Industrial.
6. Decreto 135/2013, do 18 de xullo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Mantemento Electrónico.
a) Familia profesional de Enerxía e Auga:
1. Decreto 66/2010, do 25 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Eficiencia Enerxética e Enerxía Solar Térmica.
2. Decreto 161/2012, do 12 de xullo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Enerxías Renovables.
3. Decreto 202/2013, do 27 de decembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Centrais Eléctricas.
a) Familia profesional de Fabricación Mecánica:
1. Decreto 222/2008, do 25 de setembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Mecanizado.
2. Decreto 39/2010, do 4 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Programación da Produción en Fabricación Mecánica.
3. Decreto 44/2010, do 11 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Construcións Metálicas.
4. Decreto 46/2010, do 11 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Soldadura e Caldeiraría.
5. Decreto 190/2010, do 14 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Deseño en Fabricación Mecánica.
6. Decreto 78/2013, do 16 de maio, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Programación da Produción en Moldeamento de Metais e Polímeros.
a) Familia profesional de Hostalaría e Turismo:
1. Decreto 218/2008, do 25 de setembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Cociña e Gastronomía.
2. Decreto 55/2010, do 18 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Xestión de Aloxamentos Turísticos.
3. Decreto 58/2010, do 18 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Servizos en Restauración.
4. Decreto 167/2010, do 23 de setembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turísticas.
5. Decreto 172/2010, do 23 de setembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos.
6. Decreto 83/2011, do 20 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Dirección de Cociña.
7. Decreto 88/2011, do 20 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Dirección de Servizos en Restauración.
a) Familia profesional de Imaxe e Son:
1. Decreto 222/2012, do 11 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Son para Audiovisuais e Espectáculos.
2. Decreto 78/2013, do 16 de maio, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Produción de Audiovisuais e Espectáculos.
3. Decreto 82/2013, do 16 de maio, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Realización de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos.
4. Decreto 104/2013, do 13 de xuño, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Iluminación, Captación e Tratamento de Imaxe.
5. Decreto 136/2013, do 18 de xullo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Animacións 3D, Xogos e Contornos Interactivos.
6. Decreto 200/2013, do 27 de decembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Vídeo Disc-jóckey e Son.
a) Familia profesional de Imaxe Persoal:
1. Decreto 178/2012, do 19 de xullo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Estética Integral e Benestar.
2. Decreto 231/2012, do 18 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Peiteado e Cosmética Capilar.
3. Decreto 108/2013, do 20 de xuño, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Estilismo e Dirección de Peiteado.
4. Decreto 203/2013, do 27 de decembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Estética e Beleza.
5. Decreto 45/2016, do 31 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Asesoría de Imaxe Persoal e Corporativa.
6. Decreto 98/2016, do 19 de maio, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Caracterización e Maquillaxe Profesional.
a) Familia profesional de Industrias Alimentarias:
1. Decreto 224/2008, do 25 de setembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Panadaría, Repostaría e Confeitaría.
2. Decreto 48/2010, do 11 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Vitivinicultura.
3. Decreto 61/2010, do 18 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Aceites de Oliva e Viños.
4. Decreto 119/2011, do 3 de xuño, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Procesos e Calidade na Industria Alimentaria.
5. Decreto 129/2011, do 3 de xuño, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Elaboración de Produtos Alimentarios.
a) Familia profesional de Informática e Comunicacións:
1. Decreto 27/2010, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Sistemas Microinformáticos e Redes.
2. Decreto 177/2010, do 1 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Administración de Sistemas Informáticos en Rede.
3. Decreto 105/2011, do 12 de maio, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma.
4. Decreto 109/2011, do 12 de maio, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Desenvolvemento de Aplicacións Web.
a) Familia profesional de Instalación e Mantemento:
1. Decreto 35/2010, do 4 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Desenvolvemento de Proxectos de Instalacións Térmicas e de Fluídos.
2. Decreto 49/2010, do 11 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Mantemento de Instalacións Térmicas e de Fluídos.
3. Decreto 160/2011, do 7 de xullo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Instalación de Produción de Calor.
4. Decreto 161/2011, do 7 de xullo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Instalacións Frigoríficas e de Climatización.
5. Decreto 109/2013, do 4 de xullo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Mecatrónica Industrial.
6. Decreto 115/2013, do 4 de xullo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Mantemento Electromecánico.
a) Familia profesional de Madeira, Moble e Cortiza:
1. Decreto 182/2011, do 8 de setembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Carpintaría e Moble.
2. Decreto 175/2012, do 19 de xullo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Instalación e Amoblamento.
3. Decreto 216/2012, do 11 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Deseño e Amoblamento.
a) Familia profesional Marítimo-Pesqueira:
1. Decreto 94/2013, do 6 de xuño, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Transporte Marítimo e Pesca de Altura.
2. Decreto 191/2013, do 27 de decembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Mantemento e Control de Maquinaria de Buques e Embarcacións.
3. Decreto 193/2013, do 27 de decembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Organización do Mantemento de Maquinaria de Buques e Embarcacións.
4. Decreto 194/2013, do 27 de decembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Navegación e Pesca de Litoral.
5. Decreto 197/2013, do 27 de decembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Cultivos Acuícolas.
6. Decreto 198/2013, do 27 de decembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas
7. Decreto 199/2013, do 27 de decembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Acuicultura.
a) Familia profesional de Química:
1. Decreto 221/2008, do 25 de setembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Laboratorio de Análise e de Control de Calidade.
2. Decreto 63/2010, do 25 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Química Industrial.
3. Decreto 64/2010, do 25 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Planta Química.
4. Decreto 63/2016, do 28 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Operacións de Laboratorio.
5. Decreto 67/2016, do 28 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Fabricación de Produtos Farmacéuticos, Biotecnolóxicos e Afíns.
a) Familia profesional de Sanidade:
1. Decreto 216/2008, do 25 de setembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Emerxencias Sanitarias.
2. Decreto 40/2010, do 4 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Farmacia e Parafarmacia.
3. Decreto 70/2010, do 8 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Audioloxía Protésica.
4. Decreto 217/2012, do 11 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Próteses Dentais.
5. Decreto 75/2016, do 28 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear.
6. Decreto 77/2016, do 28 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Laboratorio Clínico e Biomédico.
7. Decreto 79/2016, do 4 de maio, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Radioterapia e Dosimetría.
8. Decreto 83/2016, do 4 de maio, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico.
9. Decreto 86/2016, do 4 de maio, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Hixiene Bucodental.
10. Decreto 96/2016, do 19 de maio, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Documentación e Administración Sanitarias.
11. Decreto 18/2017, do 2 de febreiro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Ortopróteses e Produtos de Apoio.
a) Familia profesional de Seguridade e Ambiente:
1. Decreto 158/2012, do 5 de xullo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Educación e Control Ambiental.
2. Decreto 21/2017, do 2 de febreiro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Emerxencias e Protección Civil.
a) Familia profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade:
1. Decreto 226/2008, do 25 de setembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Educación Infantil.
2. Decreto 226/2012, do 18 de outubro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia
3. Decreto 205/2013, do 27 de decembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Animación Sociocultural e Turística.
4. Decreto 73/2016, do 28 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Integración Social.
5. Decreto 82/2016, do 4 de maio, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Mediación Comunicativa.
6. Decreto 80/2018, do 21 de xuño, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Promoción de Igualdade de Xénero.
a) Familia profesional de Téxtil, Confección e Pel:
1. Decreto 67/2010, do 8 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Patronaxe e Moda.
2. Decreto 72/2010, do 8 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Confección e Moda.
a) Familia profesional de Transporte e Mantemento de Vehículos:
1. Decreto 32/2010, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Automoción.
2. Decreto 59/2010, do 18 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Carrozaría.
3. Decreto 94/2011, do 28 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Electromecánica de Vehículos Automóbiles.
4. Decreto 201/2013, do 27 de decembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en Electromecánica de Maquinaria.
5. Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo
Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de educación para aprobar cantas outras disposicións sexan precisas, no ámbito das súas competencias, para a execución e o desenvolvemento deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, nove de marzo de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
