A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, prevé nos seus artigos 21 e 29 a realización dunha avaliación de diagnóstico de carácter censual, nos niveis de cuarto curso de educación primaria e segundo curso de educación secundaria obrigatoria, que se deberá levar a cabo en todos os centros educativos e terá como marco de referencia o establecido no seu artigo 144.
O Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, determinan nos artigos 23 e 27, respectivamente, a realización deste proceso avaliativo.
A Orde do 29 de decembro de 2023, pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia, establece os parámetros xerais polos cales se rexerá a devandita avaliación e prevé, na súa disposición derradeira primeira, que a persoa titular do órgano superior ou de dirección competente en materia de avaliación do sistema educativo ditará cantas resolucións sexan necesarias para a concreción dos seus elementos organizativos.
O Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, establece no seu artigo 11.1 as funcións que lle corresponde exercer á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, entre as que se inclúe o deseño de instrumentos e a posta en práctica dos procesos de avaliación do sistema educativo, así como o desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia dos programas internacionais e das accións de avaliación en que participe Galicia.
En consecuencia, de conformidade con todo o anterior, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as condicións polas cales se rexerá a aplicación da proba de avaliación de diagnóstico no curso 2025/26 na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Esta proba terá lugar en todos os centros educativos que na data de realización da proba impartan ensinanzas correspondentes a cuarto curso de educación primaria e/ou segundo curso de educación secundaria obrigatoria.
Segundo. Competencias obxecto de avaliación
1. Na avaliación de diagnóstico do cuarto curso de educación primaria avaliaranse a competencia matemática, as competencias en comunicación lingüística en Lingua Galega e Literatura, en Lingua Castelá e Literatura e en Lingua Estranxeira: Francés e Inglés, e os obxectivos das áreas de Ciencias Sociais e Ciencias Naturais.
2. Os referentes para a valoración do grao de adquisición das devanditas competencias serán os obxectivos, os criterios de avaliación e os contidos para o cuarto curso de educación primaria recollidos no anexo II do Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Na avaliación de diagnóstico do segundo curso de educación secundaria obrigatoria avaliaranse a competencia matemática, as competencias en comunicación lingüística en Lingua Galega e Literatura, en Lingua Castelá e Literatura e en Lingua Estranxeira: Alemán, Francés e Inglés, e os obxectivos das materias de Xeografía e Historia, Física e Química e Bioloxía e Xeoloxía.
4. Os referentes para a valoración do grao de adquisición das devanditas competencias serán os obxectivos, os criterios de avaliación e os contidos para o segundo curso de educación secundaria obrigatoria recollidos no anexo II do Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, agás os de Bioloxía e Xeoloxía, que serán os de primeiro curso de educación secundaria obrigatoria.
5. O alumnado que teña concedida neste curso escolar unha exención temporal da cualificación das probas de avaliación na materia de Lingua Galega e Literatura estará exento nesta avaliación da realización da proba de competencia en comunicación lingüística en Lingua Galega e Literatura.
Terceiro. Características xerais das probas
1. A Administración educativa proporcionará aos centros docentes os materiais necesarios e o soporte informático para que poidan realizar as avaliacións.
2. Con carácter xeral, as probas estarán constituídas por un ou varios cadernos de alumnado para cada unha das competencias obxecto de avaliación, e de cuestionarios de contexto dirixidos ás persoas titoras, á dirección do centro, ao alumnado e ás súas familias, todo en formato dixital en liña.
Estes cuestionarios permitirán obter información sobre as condicións socioeconómicas e culturais dos centros para a contextualización dos resultados obtidos. Realizaranse en formato dixital, sen prexuízo de que as familias poidan realizar en formato papel un extracto do mesmo dedicado ao cálculo do Índice Socioeconómico e Cultural do centro educativo.
Excepcionalmente, a Consellería proporcionará versións en papel equivalentes ás versións dixitais en liña dos distintos cadernos a aqueles centros que as precisen por causas debidamente xustificadas, relacionadas cun número insuficiente de ordenadores dispoñibles no centro educativo.
3. As probas teñen un marcado carácter competencial, axustadas ás directrices establecidas no marco común desenvolvido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, a través do Instituto Nacional de Avaliación Educativa en colaboración coas comunidades autónomas (https://www.libreria.educacion.gob.es/libro/marco-general-de-las-evaluaciones-del-sistema-educativo-evaluacion-general-del-sistema-y-evaluaciones-de-diagnostico_181640/ e http://www.libreria.educacion.gob.es/libro/marco-general-de-las-evaluaciones-del-sistema-educativo-evaluaciones-de-diagnostico-anexo-de-competencias-especificas-de-conocimiento
-del-medio-natural-social-y-cultural-geografia-e-historia-biologia-y-geologia-y-fisica-y-
quimica_184124/), tal como establece o artigo 144.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.
Cuarto. Aplicación e corrección das probas
1. As probas aplicaranse en todos os grupos de cuarto curso de educación primaria e/ou segundo curso de educación secundaria obrigatoria, conforme as instrucións de carácter técnico que dite a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Estas instrucións regularán, entre outros aspectos, a excepcionalidade dos cadernos en papel equivalentes ás versións dixitais en liña.
2. Tanto a aplicación como a corrección das partes non automatizables das probas dixitais en liña será realizada por profesorado do centro, con independencia de que imparta docencia ou non ao alumnado avaliado. A plataforma dixital de realización das probas incorpora ferramentas de distribución aleatorizada entre correctores/as de probas escritas que garanten que o profesorado non corrixa exercicios de alumnado do centro onde presta servizos.
En cambio, as probas equivalentes en formato papel, con carácter xeral, serán aplicadas e corrixidas por profesorado do centro que non imparta docencia ao alumnado avaliado. Este profesorado, na medida do posible, será profesorado que imparta docencia no centro, na etapa correspondente, e nas áreas ou materias de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, Lingua Estranxeira, Matemáticas, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias Naturais, Física e Química ou Bioloxía e Xeoloxía.
Cando isto non sexa posible, corresponde á comisión de coordinación da avaliación de diagnóstico no centro educativo, establecida no artigo 5 da Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia, seleccionar ao profesorado responsable da aplicación e da corrección das probas en formato papel e da gravación dos datos.
3. No proceso de corrección, tanto das probas en formato papel como das partes non automatizables das probas dixitais en liña, aplicaranse os criterios establecidos pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para cada competencia avaliada.
Quinto. Datas da avaliación
1. De acordo co establecido no artigo 11 da Orde do 8 de maio de 2025 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2025/26 nos centros docentes sustentados con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, a aplicación das probas da avaliación de diagnóstico de segundo curso de educación secundaria obrigatoria realizarase os días 13, 14, 15, 16 e 17 de abril de 2026. A aplicación das probas da avaliación de diagnóstico de cuarto curso de educación primaria realizarase os días 20, 21, 22, 23 e 24 de abril de 2026. Estas datas poderán ser modificadas pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa por causas de forza maior.
No caso de que algún centro non poida realizar algunha das probas nas datas establecidas, por coincidir cun día non lectivo no centro ou por circunstancias sobrevidas que imposibiliten a súa realización, a dirección do centro afectado comunicarao á Inspección Educativa correspondente coa maior brevidade posible ou cunha antelación mínima de cinco días hábiles respecto do inicio das probas. A Inspección Educativa, en coordinación co Servizo de Avaliación do Sistema Educativo, adoptará as medidas necesarias para que se realicen as probas nunha data alternativa.
2. Os centros docentes deberán rematar a corrección e a gravación de datos das probas o día 5 de maio.
Sexto. Alumnado con necesidades específicas de apoio educativo
1. Estableceranse as medidas máis axeitadas para que as condicións de realización das avaliacións de diagnóstico se adapten ás necesidades do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
2. Con carácter xeral, o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que requira unha atención educativa diferente á ordinaria por presentar necesidades educativas especiais, dificultades específicas de aprendizaxe, trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH), altas capacidades intelectuais, por se incorporar tarde ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar, etc., realizará a mesma proba que o resto do alumnado, e estableceranse as medidas necesarias para que as condicións de realización da avaliación se adapten ás súas necesidades. As medidas poderán consistir na adaptación de tempos para a realización da proba, na presentación da proba en formatos adaptados e na posta á disposición do alumnado dos medios materiais e das axudas técnicas que precise, de tal forma que os seus resultados si se computarán para o cálculo dos datos globais.
3. En relación coa adaptación de formatos, no caso de probas en papel, proporcionarase un único modelo en formato dixital editable e en pdf listo para a impresión axustado aos perfís do alumnado con TEA, TDAH e dislexia, de acordo cos protocolos publicados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que facilite que a maior cantidade posible de alumnado con necesidades educativas especiais realice a mesma proba que o resto do alumnado que realiza a proba en papel. Este modelo deberá ser editado polo profesorado de cada centro para conseguir unha mellor adaptación ás necesidades específicas do seu alumnado antes de ser impreso no centro educativo.
No caso das probas dixitais en liña, non será necesario ningún traballo por parte do profesorado do centro, xa que a plataforma dixital incorporará as ferramentas necesarias para facilitar ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo o acceso ás probas.
4. O alumnado que teña autorizada unha adaptación curricular será avaliado de acordo con esa adaptación, polo que os criterios de avaliación que figuren na súa adaptación curricular serán os referentes para a citada avaliación e os seus resultados non se computarán para o cálculo dos datos globais.
5. A elaboración, a aplicación e a corrección das probas adaptadas a cada alumno ou alumna a que se refire o punto anterior será responsabilidade do titor ou titora e do profesorado especialista nas áreas ou materias relacionadas coas diferentes competencias. Contarán coa colaboración do resto do equipo docente, da persoa responsable da orientación educativa no centro e do profesorado especialista en pedagoxía terapéutica e en audición e linguaxe. Proporcionaranse modelos de probas dixitais en liña listas para incorporar na aula virtual Moodle do centro que deben ser modificadas segundo o criterio do profesorado, atendendo as necesidades do alumnado en cada centro educativo.
6. O alumnado que leve escolarizado no sistema educativo galego menos dun curso escolar completo cunha competencia lingüística en Lingua Galega e/ou Lingua Castelá insuficiente para a comprensión das distintas probas contará co asesoramento lingüístico necesario do seu profesorado, e os seus resultados non se computarán para o cálculo dos datos globais. Na práctica, este alumnado asimílase a aquel con adaptación curricular.
7. Para aquelas situacións extraordinarias que susciten dúbidas sobre a aplicación da proba de avaliación ao alumno ou alumna, corresponde á comisión de coordinación da avaliación establecida no artigo 5 da Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia, oídas a persoa titora do alumno ou alumna, a persoa responsable da orientación educativa e o profesorado especialista en pedagoxía terapéutica e en audición e linguaxe, resolver se se debe aplicar a proba xeral establecida para todo o alumnado, coas adaptacións de formato dispoñibles, ou se procede a elaboración e a aplicación dunha proba adaptada. Nese último caso, esa decisión será comunicada á Inspección Educativa correspondente.
Sétimo. Comisión galega de coordinación da avaliación de diagnóstico
1. Constituirase unha comisión, en diante comisión galega de coordinación da avaliación de diagnóstico, competente en relación coa avaliación de diagnóstico no cuarto curso de educación primaria e coa avaliación de diagnóstico no segundo curso de educación secundaria obrigatoria en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta comisión estará formada por un presidente, un/unha secretario/a e entre 6 e 8 vogais funcionarios ou funcionarias de carreira do corpo de inspectores de educación. Actuará como presidente a persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo. Actuará como secretario/a a persoa titular da Xefatura do Servizo de Avaliación do Sistema Educativo. Os vogais desta comisión serán designados pola persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.
2. Corresponde á comisión galega de coordinación da avaliación de diagnóstico:
a) Facilitarlles toda a información necesaria aos centros docentes de Galicia para a realización da avaliación.
b) Coordinar a aplicación, a corrección e a gravación de datos da avaliación nos centros docentes.
c) Coordinar os procesos de corrección de contraste, o rexistro de resultados e a cualificación das probas de avaliación.
3. A comisión galega de coordinación da avaliación de diagnóstico constituirase coa entrada en vigor desta resolución.
4. A comisión galega de coordinación da avaliación de diagnóstico estará auxiliada polos inspectores e inspectoras dos servizos territoriais de Inspección Educativa e polo persoal docente dos centros educativos en que se realice esta avaliación.
5. Para os efectos de colaboración coa comisión galega de coordinación da avaliación de diagnóstico, e en particular, para a corrección de contraste das probas en formato papel, poderán constituírse subcomisións de avaliación asociadas, diferenciadas pola etapa educativa, educación primaria e educación secundaria obrigatoria, e diferenciadas polas competencias obxecto de avaliación.
Estas subcomisións estarán integradas por funcionarios ou funcionarias de carreira dos corpos de inspectores de educación e/ou funcionarios ou funcionarias dos corpos de mestres, especialistas nas distintas áreas que compoñen as probas e/ou funcionarios ou funcionarias dos corpos de profesores de educación secundaria ou catedráticos de educación secundaria, especialistas nas distintas materias relacionadas coas probas, segundo corresponda. Todos eles serán designados pola persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa por proposta do presidente da comisión galega de coordinación da avaliación de diagnóstico da que dependen.
A percepción de indemnizacións por parte dos membros da comisión galega de coordinación da avaliación de diagnóstico e das subcomisións asociadas aterase ao disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.
Oitavo. Comisións de coordinación da avaliación de diagnóstico nos centros educativos
1. De acordo co artigo 5 da Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia constituirase unha comisión de coordinación da avaliación de diagnóstico en cada centro educativo que participe na avaliación. No caso de que o centro educativo imparta as dúas etapas educativas de educación primaria e educación secundaria obrigatoria, a comisión de coordinación da avaliación de diagnóstico será só unha e atenderá os asuntos relacionados coas dúas avaliacións de diagnóstico, tanto no cuarto curso de educación primaria coma no segundo curso de educación secundaria obrigatoria, tal como se desprende do artigo 5.1 da mencionada Orde do 29 de decembro de 2023, en que se establece a composición das citadas comisións de coordinación da avaliación de diagnóstico nos centros educativos.
2. De acordo co mencionado artigo 5 da Orde do 29 de decembro de 2023, esta comisión será a encargada no centro docente de:
a) Informar a comunidade educativa sobre o sentido e a finalidade da avaliación de diagnóstico.
b) Coordinar o proceso desta avaliación no centro.
c) Colaborar coa Administración educativa e cos servizos territoriais de Inspección Educativa naqueles aspectos do proceso para os cales sexa requirida.
E ademais:
d) Planificar e facilitar as condicións e os medios materiais para a correcta realización da avaliación, priorizando na medida do posible a realización das probas en formato dixital en liña.
e) Planificar todo o proceso da avaliación no centro docente e garantir que se realiza de modo adecuado, conforme as instrucións técnicas que dite a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.
f) Seleccionar o persoal docente responsable da aplicación, da corrección e da gravación das probas, de acordo co disposto no punto terceiro desta resolución.
g) Comunicarlle á Inspección Educativa o persoal docente seleccionado que auxiliará, de acordo co punto anterior, a comisión de coordinación da avaliación de diagnóstico no centro educativo.
h) Adoptar todas as medidas necesarias para a realización da avaliación ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e, para aquelas situacións extraordinarias que susciten dúbidas, resolver se ao alumno ou alumna se lle debe aplicar a proba xeral establecida para todo o alumnado, coas modificacións de formato oportunas de acordo cos protocolos publicados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ou se procede a elaboración e a aplicación dunha proba adaptada.
i) Custodiar os materiais da avaliación e garantir a debida confidencialidade.
j) Garantir o rigor e a obxectividade no desenvolvemento de todo o proceso da avaliación.
3. Coa entrada en vigor desta resolución comunicarase a composición da comisión de coordinación da avaliación de diagnóstico en cada centro educativo á Inspección Educativa.
Noveno. Corrección de contraste
De acordo co establecido no artigo 7 da Orde do 29 de decembro de 2023, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa requirirá de todos os centros educativos que realicen estas avaliacións empregando probas en formato papel unha cantidade reducida de cadernos de todos os grupos e de todas as competencias avaliadas nese formato. Os cadernos serán trasladados á comisión galega de coordinación da avaliación de diagnóstico, desde onde serán distribuídos ás correspondentes subcomisións de avaliación asociadas.
As subcomisións de avaliación serán as encargadas de realizar unha segunda corrección dos cadernos seleccionados, que será comparada coa primeira corrección realizada polo profesorado de cada centro. En caso de que nalgúns centros se observen diferenzas importantes entre as dúas correccións realizadas, requiriráselles a todos eles o resto dos cadernos.
Décimo. Informes
De acordo co establecido no artigo 8 da Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia, e concluído o proceso de aplicación, de corrección e de corrección de contraste, os centros educativos terán ao seu dispor, a través da plataforma informática habilitada para dar soporte ás avaliacións de diagnóstico, un informe de resultados en que se fará constar, cando menos, a puntuación acadada polo alumnado do centro en cada unha das competencias avaliadas. Os resultados expresaranse en seis niveis de desenvolvemento competencial, nomeados do nivel 1 ao 6, tomando como referencia para a súa definición o conxunto dos resultados acadados en cada competencia por todo o alumnado do sistema educativo da Comunidade Autónoma de Galicia.
En ningún caso existirá información desagregada por alumnado individualmente.
O uso dos informes polos centros educativos queda totalmente restrinxido ao que se indica no seguinte punto décimo primeiro, quedando prohibida a difusión pública, e por calquera medio, de calquera dato ou información contida en tales informes.
Décimo primeiro. Análise dos resultados no centro educativo
De acordo co establecido no artigo 11 da Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia, unha vez que os centros dispoñan do correspondente informe de centro, este será analizado na Comisión de Coordinación Pedagóxica do centro. O informe e as conclusións obtidas serán trasladados aos diferentes órganos de coordinación didáctica e ao Consello Escolar do centro.
A análise terá que ir orientada tanto a valorar medidas para o alumnado que acaba de realizar as probas (e ao que lle restan, por norma xeral, dous cursos académicos na etapa educativa correspondente) como a valorar medidas orientadas ao alumnado que realizará as probas no próximo curso. En todos os casos, o proceso de concreción de melloras que cómpre adoptar, supervisado pola Inspección Educativa, concluirá coa súa incorporación no plan de mellora do proxecto educativo do centro, de acordo cos artigos 121.2 e 144 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.
As actuacións que se propoñan deberán converxer co resto de actuacións xa incluídas no proxecto educativo do centro e, na medida do posible, cos diferentes programas vixentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional orientados á mellora dos resultados académicos e da calidade e equidade do ensino.
Os centros educativos localizados no percentil máis baixo de desempeño nas distintas competencias deberán seguir obrigatoriamente os criterios que estableza a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para a elaboración dos seus plans de mellora, baixo a supervisión da Inspección Educativa, encamiñados a acadar a medio prazo percentís de mellor desempeño, dentro dunha estratexia de mellora dos resultados académicos nas competencias fundamentais.
Décimo segundo. Participación do profesorado
De acordo co establecido no artigo 142 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, os equipos directivos e o profesorado dos centros docentes participarán e colaborarán coas administracións educativas nas avaliacións que se realicen nos seus centros.
Tanto ao persoal docente que forme parte das comisións de coordinación da avaliación de diagnóstico nos centros educativos como ao persoal docente seleccionado que auxilie a devandita comisión e que participe activamente na coordinación, na aplicación, na corrección e/ou na gravación dos datos das probas da avaliación de diagnóstico recoñeceránselle 20 horas de formación, de acordo coa Orde do 14 de maio de 2013 pola que se regula a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado en Galicia (DOG núm. 96, do 22 de maio).
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2026
Judith Fernández Novoa
Directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa
