DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Venres, 27 de marzo de 2026 Páx. 20161

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 26 de marzo de 2026 pola que se actualiza o módulo de financiamento do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia.

En uso da competencia exclusiva que o artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia lle recoñece á Comunidade Autónoma galega, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que define e regula o Sistema galego de servizos sociais como servizo público destinado a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación, mediante intervencións que permitan o logro dos obxectivos estratéxicos do sistema.

Dentro da estrutura do Sistema galego de servizos sociais, os servizos sociais comunitarios configúranse como servizos de carácter integrador, constituíndose na principal instancia do sistema para o desenvolvemento de intervencións de carácter preventivo, de atención integral a persoas e familias e de incorporación social e laboral. Estes servizos comprenden dúas modalidades: os servizos sociais comunitarios básicos e os servizos sociais comunitarios específicos. O artigo 11 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, recolle, na letra f) do seu número 1, como unha das funcións dos servizos sociais comunitarios básicos a xestión do servizo de axuda no fogar, así como a participación na xestión das prestacións destinadas a garantir a autonomía persoal e a atención á dependencia, nos termos establecidos na normativa de aplicación.

Así mesmo, a Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, configura, no seu título I, o Sistema para a autonomía e atención á dependencia como «unha rede de utilización pública que integra, de forma coordinada, centros e servizos, públicos e privados», regula as prestacións do sistema e prevé un catálogo de servizos que, de acordo co seu artigo 3, se deben integrar nos sistemas de servizos sociais das comunidades autónomas, no ámbito das competencias que teñen asumidas.

O Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, regula, entre outros aspectos, o financiamento do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia, establecendo un sistema de transferencias periódicas ás corporacións locais en función das horas efectivamente prestadas. O artigo 58 do dito decreto determina que o financiamento se realizará aplicando o módulo recollido no seu anexo III.

A disposición adicional primeira do dito Decreto 99/2012, do 16 de marzo, autoriza a persoa titular da consellería competente no Sistema galego de servizos sociais para modificar, mediante orde, a estrutura e as contías dos módulos de financiamento recollidos no anexo III, coa finalidade de adaptalos ás variacións do índice de prezos de consumo galego e ás circunstancias económicas e sociais.

En exercicio desta habilitación ditouse a Orde do 2 de xuño de 2023 pola que se modificou o módulo de financiamento do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia, fixando un módulo de 12 euros por hora.

Para asegurar que o servizo de axuda no fogar se preste en condicións de calidade e homoxeneidade en todo o territorio da Comunidade Autónoma, resulta preciso revisar o módulo de financiamento e establecer unha nova senda de actualización progresiva da participación da Xunta de Galicia no seu financiamento.

Por outra banda, a disposición derradeira segunda do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, faculta a persoa titular da consellería competente no Sistema galego de servizos sociais para ditar no ámbito das súas competencias cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto e, en concreto, para o desenvolvemento mediante orde dos aspectos procedementais relativos ao financiamento dos servizos sociais comunitarios das corporacións locais.

En uso desta habilitación, a través desta orde regúlanse os aspectos procedementais relativos ao financiamento adicional recollido nesta modificación normativa. O que se pretende é un mellor coñecemento das necesidades das corporacións locais nunha competencia local, como é a prestación do servizo de axuda no fogar, o que se instrumenta a través da manifestación da vontade de acollerse á achega adicional.

Na súa virtude, no uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, e o Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento,

RESOLVO:

Artigo 1. Modificación do anexo III do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento

Modifícase o anexo III, letra A), do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, que queda redactado da seguinte maneira:

«Criterios para o financiamento do servizo de axuda no fogar (SAF):

A) Garantía de financiamento da renovación anual do servizo de axuda no fogar para persoas valoradas como dependentes con dereito de atención recoñecido na correspondente resolución do programa individual de atención.

1. Módulo económico que se aplicará: a achega da Xunta será igual á diferenza entre o custo do servizo, declarado pola corporación local na xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais máis recente dispoñible, menos o importe da participación da persoa usuaria no custo do servizo, por hora efectiva de atención xustificada a persoas con programa individual de atención de servizo de axuda no fogar.

En todo caso, a achega por parte da Xunta de Galicia por cada hora efectiva de atención xustificada a persoas con programa individual de atención de servizo de axuda no fogar será dun máximo de 12 euros/hora. Adicionalmente, a achega autonómica incrementarase en 4 euros/hora durante a anualidade 2026, 5 euros/hora durante a anualidade 2027 e 6 euros/hora durante a anualidade 2028 e seguintes, para aquelas corporacións locais que presten o servizo en condicións de estandarización e homoxeneidade e manifesten a súa vontade de acollerse a este incremento.

2. Para os efectos do disposto no segundo parágrafo do número 1, considérase custo do servizo declarado pola corporación local na xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais máis recente dispoñible o correspondente á última xustificación do proxecto anual de servizos sociais cursada e admitida na aplicación https:planconcertado.xunta.es. A este respecto, terase como referencia de custo do servizo ata o 30 de xuño do exercicio corrente o declarado na xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais relativo a dous exercicios anteriores ao corrente e, a partir do 1 de xullo do exercicio corrente, o declarado na xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais relativo ao exercicio anterior.

3. Para os efectos do disposto no segundo parágrafo do número 1, considérase importe da participación da persoa usuaria no custo do servizo, por hora efectiva de atención xustificada a persoas con programa individual de atención de servizo de axuda no fogar, o determinado na correspondente resolución de aprobación do dito programa individual de atención, en aplicación do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, en proporción ao número de horas efectivamente prestadas mensualmente».

Artigo 2. Achega adicional para aquelas corporacións locais que presten o servizo en condicións de estandarización e de homoxeneidade

1. Por medio do escrito recollido no anexo, e dentro do prazo máximo dun (1) mes desde a entrada en vigor desta orde, as corporacións locais manifestarán á consellería competente en materia de servizos sociais a súa vontade de acollerse ao incremento da achega autonómica previsto no segundo parágrafo do número 1 da letra A) do anexo III do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.

2. Para os efectos do disposto no segundo parágrafo do número 1 da letra A) do anexo III do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, entenderase que unha corporación local presta o servizo de axuda no fogar en condicións de estandarización e homoxeneidade cando preste os servizos de carácter básico previstos no número 1 do artigo 4 da Orde do 22 de xaneiro de 2009 pola que se regula o servizo de axuda no fogar.

Disposición transitoria única. Aplicación do módulo de financiamento na anualidade 2026

O incremento da achega autonómica previsto no segundo parágrafo do número 1 da letra A) do anexo III do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, para anualidade de 2026, ata un máximo de 4 euros por hora, terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2026.

Para estes efectos, revisaranse, de ser o caso, as liquidacións trimestrais realizadas ás corporacións locais con anterioridade á entrada en vigor desta orde correspondentes ao exercicio 2026, e realizaranse as transferencias complementarias que procedan en función das horas de atención efectivamente prestadas e rexistradas no sistema de información e xestión a que se refire o artigo 58 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo.

Disposición derradeira primeira. Habilitación competencial

Autorízase a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de planificación e coordinación dos servizos sociais comunitarios de axuda no fogar ás persoas en situación de dependencia da Consellería de Política Social e Igualdade para ditar os actos e instrucións que sexan necesarios para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2026

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade

ANEXO

Manifestación da vontade de acollerse ao incremento da achega
autonómica previsto no segundo parágrafo do número 1 da letra A)
do anexo III do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan
os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento

(nome e cargo)..., en nome e en representación do/da (corporación local) ..., en virtude das facultades conferidas...

DECLARA:

Que o (órgano competente da corporación local) acordou, con data do... de ... de..., acollerse ao incremento da achega autonómica previsto no segundo parágrafo do número 1 da letra A) do anexo III do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.

Que a corporación local presta o servizo de axuda no fogar en condicións de estandarización e homoxeneidade requiridas para acceder ao incremento da achega autonómica.

MANIFESTA:

A vontade do/da (corporación local) de recibir o financiamento adicional previsto no segundo parágrafo do número 1 da letra A) do anexo III do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.

(Lugar, data e sinatura)