DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Venres, 27 de marzo de 2026 Páx. 20254

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Orde do 9 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de programas de formación-emprego Talento mozo para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para os anos 2026 e 2027 (código de procedemento TR353B).

BDNS (Identif.): 890148.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/890148

Primeiro. Entidades beneficiarias

Os proxectos de programas de formación-emprego Talento mozo poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de concellos e as entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade lles corresponda integramente a elas.

Poderán concorrer agrupacións de concellos, sempre que todos eles pertenzan á mesma provincia, nos seguintes casos:

• Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.

• Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.

• Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior, aos cales se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.

As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos, así como ter unha media de paro rexistrado no ano 2025 superior a 300 persoas no ámbito territorial do proxecto, entendendo como tal o territorio do concello solicitante ou, se é o caso, a suma dos territorios dos concellos que concorran agrupados. No caso de solicitudes por parte dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles na data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2025 deberá ser superior a 100 persoas. Aplicarase esta mesma media de paro mínima se se trata dunha agrupación de dous concellos na cal ambos reúnan esa característica.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos limítrofes da mesma provincia, ou dous no caso de que un deles sexa o resultado da fusión de dous ou máis concellos.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para os anos 2026 e 2027, en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade, das axudas e subvencións para a realización de programas de formación-emprego Talento mozo dirixidos a mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os programas de formación-emprego Talento mozo configúranse como programas experienciais de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que lle posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo. A súa programación integrarase, na medida do posible e conforme os itinerarios de inserción profesional que se definan, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 9 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de programas de formación-emprego Talento mozo para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para os anos 2026 e 2027 (código de procedemento TR353B).

Cuarto. Importe

O importe total da convocatoria ascende a 6.614.500,00 euros e financiarase con cargo á aplicación 14.03.322A.460.2 (proxecto 2023 00111); a cada unha das anualidades 2026 e 2027 correspóndelle un importe de 3.307.250,00 euros, respectivamente.

Esta convocatoria enmárcase dentro do programa FSE+ Galicia 2021-2027, cofinanciado cunha porcentaxe do 60 % polo Fondo Social Europeo Plus.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2026

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración