DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Venres, 27 de marzo de 2026 Páx. 20186

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 9 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de programas de formación-emprego Talento mozo para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para os anos 2026 e 2027 (código de procedemento TR353B).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación, e, a través do Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, esta consellería asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Con base no exposto, correspóndelle a esta consellería a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as cales están as medidas dirixidas a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, prestando especial atención aos colectivos con especiais dificultades de inserción, no marco da Estratexia europea de emprego, do Programa nacional de reformas, do Plan de garantía xuvenil plus 2021-2027, do respectivo Plan anual para o fomento do emprego digno (PAFED), da Estratexia española de apoio activo ao emprego 2025-2028 e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

As recomendacións da Unión Europea en materia de emprego instan os Estados membros a seguir abordando o desemprego xuvenil mediante a execución completa da garantía xuvenil. Estas directrices poñen especial fincapé na importancia de que todas as persoas reciban unha boa oferta de emprego, educación continua, formación de aprendiz ou período de prácticas nun prazo de catro meses tras quedar desempregadas ou rematar a educación formal.

A redución do desemprego xuvenil continúa sendo un dos retos máis importantes para o período de programación 2021-2027. Para facerlle fronte implementouse a Iniciativa de emprego xuvenil, actualmente integrada no Fondo Social Europeo Plus (FSE+) para este período de programación, segundo determina o Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1296/2013.

O Fondo Social Europeo Plus (FSE+) ten como obxecto promover o emprego mediante intervencións activas que permitan a integración e reintegración no mercado de traballo, en especial das persoas mozas, a través da aplicación da garantía xuvenil reforzada, así como mellorar a calidade, inclusividade, eficacia e pertinencia para o mercado laboral dos sistemas de formación, promovendo a introdución de sistemas de formación dual.

Esta convocatoria vai dirixida ao cumprimento dos obxectivos do Sistema nacional de garantía xuvenil, regulado no título IV, capítulo I, da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, e o Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro, de medidas urxentes para o impulso do Sistema nacional de garantía xuvenil.

Neste contexto, os programas de formación-emprego Talento mozo concíbense como programas integrais dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas de dezaoito ou máis anos incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral, mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social, así como a promover a inserción laboral das persoas participantes mediante a posibilidade de realizar unha futura convocatoria de concesión de incentivos de contratación de acordo coa programación do FSE+.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

Así mesmo, deberá terse en conta o disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta, ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de seguridade interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados; no Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1296/2013, e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

Nesta convocatoria de 2026 e 2027, a distribución provincial de créditos para o financiamento destes programas realizarase tendo en conta o número de persoas inscritas por provincia no Sistema nacional de garantía xuvenil o último día do mes anterior á data de publicación do extracto da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As axudas previstas nesta orde están cofinanciadas nun 40 % por fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal e nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 e, en particular, no obxectivo político 4: «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; prioridade 5: «Emprego xuvenil»; obxectivo específico ESO4.1: «Mellorar o acceso ao emprego e as medidas de activación de todos os demandantes de emprego e, en particular, das persoas mozas, especialmente a través da aplicación da garantía xuvenil, dos desempregados de longa duración e dos grupos desfavorecidos no mercado laboral, e das persoas inactivas, así como mediante a promoción do emprego por conta propia e a economía social», e medida 5.A.03: «Formación e aprendizaxe en programas de emprego para persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil».

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias, e obtidos os informes favorables da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do día 23 de febreiro de 2026, a concesión de anticipos das axudas e subvencións reguladas nesta orde, así como o seu carácter plurianual, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto e finalidade, persoas participantes e entidades beneficiarias

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para os anos 2026 e 2027, en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade, das axudas e subvencións para a realización de programas de formación-emprego Talento mozo dirixidos a mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estes programas de formación-emprego Talento mozo configúranse como programas experienciais que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

3. A súa programación integrarase, na medida do posible e conforme os itinerarios de inserción profesional que se definan, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.

Artigo 2. Persoas participantes

Poderán ser participantes nos programas de formación emprego Talento mozo que se financien ao abeiro desta convocatoria aquelas persoas mozas que, na data de selección do alumnado-traballador, cumpran, como mínimo, as seguintes condicións:

a) Figurar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.

b) Ter 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente no Sistema nacional de garantía xuvenil no momento da selección do alumnado, e figurar como inscritas e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 90.1.a) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

c) Manter o cumprimento dos requisitos exixidos na Lei 18/2014, con carácter previo a participar nos programas de formación-emprego.

d) Cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato para a formación en alternancia, co obxecto de estar vinculada mediante un contrato de tales características ao proxecto durante toda a duración deste, de acordo co previsto no artigo 11.2 e na disposición adicional segunda do Real decreto lexislativo 2/2015, de 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

e) Se a formación que se vai impartir no proxecto vai dirixida á obtención de certificados profesionais de nivel de cualificación 2 ou 3, garantirase que o perfil do alumnado se adecúe aos requisitos sinalados nos reais decretos que regulan os ditos certificados.

f) No caso de que a persoa candidata participase con anterioridade noutro programa ou obradoiro dual de emprego, non poderá optar á selección para recibir formación no mesmo certificado profesional, con independencia de que rematase o obradoiro anterior con resultado de superado ou non.

Artigo 3. Beneficiarias da subvención: entidades promotoras

1. Os proxectos incluídos nos programas de formación-emprego Talento mozo que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos polos concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos e as entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade lles corresponda integramente a elas.

Poderán concorrer agrupacións de concellos, sempre que todos eles pertenzan á mesma provincia, nos seguintes casos:

• Concellos limítrofes que conformen unha área xeográficamente continua.

• Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.

• Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior, aos cales se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.

2. As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2025 superior a 300 persoas no ámbito territorial do proxecto, entendendo como tal o territorio do concello solicitante ou, se é o caso, a suma dos territorios dos concellos que concorran agrupados. No caso de solicitudes por parte dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles na data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2025 deberá ser superior a 100 persoas. Aplicarase esta mesma media de paro mínima se se trata dunha agrupación de dous concellos na cal ambos reúnan esa característica.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos da mesma provincia, ou dous no caso de que un deles sexa o resultado da fusión de dous ou máis concellos.

3. As entidades promotoras non poderán presentar máis dunha solicitude; en caso contrario, só se terá en conta a primeira solicitude realizada.

Cada concello ou entidade pública vinculada a este poderá participar unicamente nun proxecto, e computará igualmente, para estes efectos, que sexa individual, colectivo, en condición de promotor ou como parte dunha agrupación. A participación dun concello ou entidade nun proxecto exclúe a posibilidade de participar noutro proxecto e unicamente será compatible coa presentación de solicitude polas mancomunidades. Para a comprobación deste requisito, xuntaráselle a cada solicitude de subvención unha declaración individual de cada un dos concellos implicados, na cal conste que, con cargo á orde de convocatoria vixente, só participa nese proxecto concreto como entidade promotora ou como asociada (anexo IV). Se aínda así se dese o caso de que un concello ou entidade vinculada concorra en máis dunha solicitude, rexeitaranse en primeiro lugar aquelas en que actúe como promotor. Se participa en máis dun proxecto como asociada, terase en conta unicamente a solicitude que entre en primeiro lugar e poñeráselle de manifesto á entidade promotora das seguintes solicitudes esta circunstancia para que no prazo máximo de dez días poida presentar un cambio do seu proxecto de forma que a entidade ou agrupación resultante cumpra o requisito regulado neste parágrafo; en caso de non emendar esta deficiencia, quedará inadmitida.

4. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Será requisito para a concesión da subvención que a entidade local solicitante, ou entidades locais no caso de solicitudes presentadas por agrupación de concellos, cumpra/n coa súa obriga de remisión das contas xerais do último exercicio a que estea/n obrigada/s ao Consello de Contas con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitude.

Artigo 4. Duración

1. A etapa de formación en alternancia coa práctica profesional terá unha duración de doce meses e estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.

2. A data límite para o inicio da formación e as prácticas profesionais será, con carácter xeral, o 1 de xullo de 2026, salvo que se estableza unha posterior nas resolucións de concesión, e sen prexuízo da data límite para a xustificación final recollida no artigo 33.6 desta orde. As actuacións subvencionadas non poderán comezar antes da resolución de concesión. Os gastos subvencionables deberán estar realizados entre a data de inicio das actuacións e a data límite para a presentación da documentación xustificativa correspondente.

Artigo 5. Ámbito normativo

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta, ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados; no Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1296/2013; na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

CAPÍTULO II

Contidos formativos

Artigo 6. Formación en alternancia nos proxectos

1. Durante o desenvolvemento do proxecto incluído no programa de formación-emprego Talento mozo financiado ao abeiro desta convocatoria, o alumnado-traballador recibirá formación profesional para o emprego, segundo o plan formativo incluído na solicitude (anexo I), alternándoa coa práctica profesional. Preferentemente, a actividade laboral práctica deberá supoñer o 65 % da xornada laboral, sen prexuízo da normativa aplicable ás especialidades de formación impartidas.

2. A formación adecuarase, na medida do posible e en función do oficio ou posto de traballo que se vai desempeñar, aos contidos mínimos establecidos nos reais decretos que regulen os certificados profesionais das correspondentes ocupacións, de acordo co establecido no Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, e normativa concordante no marco do Sistema de formación para o emprego no ámbito laboral.

O plan formativo de cada proxecto debe conter, como mínimo, os contidos completos dun grao C, e ofrecer a posibilidade de que todos os alumnos traballadores poidan obter, como mínimo, un certificado profesional, sempre que superen os contidos e cumpran cos requisitos exixidos pola normativa aplicable.

A actividade formativa poderá complementarse con contidos incluídos nun grao B, nun grao A ou nalgunha especialidade incluída no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal.

Nos supostos en que non exista certificado profesional do Sistema de formación profesional ou especialidade do Catálogo de especialidades formativas relacionados co traballo efectivo que se vaia realizar, a formación poderá estar constituída polos contidos formativos que para o efecto sexan aprobados polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

3. Desde o inicio da súa participación no proxecto, o alumnado-traballador será contratado pola entidade promotora na modalidade de contrato de formación en alternancia, polo que deberá reunir, para formalizar o dito contrato, os requisitos a que alude o artigo 11.2 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, modificado polo Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, e de conformidade co disposto na disposición adicional primeira do Real decreto 1065/2025, do 26 de novembro, polo que se desenvolve o réxime do contrato formativo, previsto no Estatuto dos traballadores.

4. Durante esta etapa, o alumnado-traballador percibirá as retribucións salariais que lle correspondan de conformidade co previsto na normativa aplicable e nesta orde.

5. A duración dos contratos de traballo subscritos co alumnado-traballador non poderá exceder a data de remate do proxecto.

Artigo 7. Formación complementaria

1. Nos proxectos incluídos nos programas de formación-emprego Talento mozo financiados ao abeiro desta convocatoria impartirase a formación complementaria que determine o Servizo Público de Emprego de Galicia, dependente da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, incluíndo, en todo caso, as materias de alfabetización informática e sensibilización ambiental.

Para estes efectos, en materia de alfabetización informática, os proxectos deberán impartir algún dos seguintes módulos transversais: Alfabetización informática: internet (FCOI01), de 10 horas de duración, ou Alfabetización informática: informática e internet (FCOI02), de 25 horas de duración, segundo as necesidades e características do proxecto.

En materia de sensibilización ambiental, os proxectos deberán impartir obrigatoriamente o seguinte módulo transversal: Inserción laboral, sensibilización ambiental e na igualdade de xénero (FCOO03).

2. En cumprimento do disposto no artigo 124 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, tamén se impartirá un módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, tendo en conta a vulnerabilidade que as mulleres teñen no ámbito laboral e a importancia das medidas dirixidas a combater os estereotipos de xénero e a segregación na educación e na formación, que teñen unha grande incidencia na empregabilidade das mulleres mozas.

Para estes efectos, todos os proxectos deberán impartir algún dos seguintes módulos transversais: Formación para a igualdade (FCOXXX22), de 10 horas de duración, ou Formación para a igualdade (FCOXXX24), de 8 horas de duración.

3. En todos os proxectos impartirase a formación en materia de prevención de riscos laborais correspondente á ocupación que se vai desempeñar, téndose en conta, se é o caso, os contidos recollidos no correspondente certificado profesional.

Para estes efectos, os proxectos deberán impartir o módulo transversal Básico de prevención de riscos laborais (FCOXXX26), de 60 horas de duración, ou a especialidade formativa denominada Básico de prevención de riscos laborais (FCOS02), de 30 horas de duración, segundo as necesidades e características do proxecto.

4. O contido dos ditos módulos incluirase dentro do plan formativo desenvolvido no formulario de solicitude (anexo I) desta orde, de acordo cos contidos e tempo de impartición que, se é o caso, estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, respectando o disposto na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

Artigo 8. Orientación, inserción, información profesional, formación empresarial e asesoramento

1. O alumnado-traballador, durante todo o proceso formativo, recibirá orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial. O programa deberá contar con persoal e métodos axeitados para o efecto.

2. Ao remate da actividade de formación, as entidades promotoras prestaranlle asesoramento ao alumnado-traballador participante, tanto para a procura de emprego por conta allea como para o establecemento por conta propia. Para iso actuarán, de ser o caso, mediante as súas propias unidades ou organismos de orientación e asesoramento, en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. No caso de que existan iniciativas emprendedoras de autoemprego, poderá promoverse a súa inclusión en viveiros de empresas ou en actuacións similares.

3. As entidades promotoras beneficiarias da subvención deberán conseguir a inserción durante un período mínimo de tres (3) meses a xornada completa dun número mínimo de participantes no programa de formación-emprego, para o cal se terá en conta a seguinte escala:

• Entre 10 e 12 participantes: dúas persoas alumnas traballadoras.

• Entre 13 e 16 participantes: tres persoas alumnas traballadoras.

A falta de cumprimento desta obriga de inserción será obxecto de reintegro parcial, segundo o establecido no artigo 38.2.k) desta orde.

A obriga de inserción acreditarase mediante:

• Contratos de traballo cuxa duración total no tempo sexa, polo menos, de tres (3) meses a xornada completa.

• Altas no réxime especial de traballadores autónomos e o pagamento das cotas por unha duración mínima de tres (3) meses.

• Para efectos de inserción laboral, non serán valoradas para estes efectos posibles contratacións a futuro noutros obradoiros duais de emprego ou programas de formación-emprego Talento mozo vinculados a outras axudas e/ou subvencións financiadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

As mencionadas insercións teranse que realizar no prazo de dous meses desde a finalización do programa de formación-emprego, e estas terán que estar directamente relacionadas coas especialidades cursadas.

4. Así mesmo, poderán solicitarlles á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a outras administracións públicas as axudas establecidas para os distintos programas de apoio á creación de emprego.

Artigo 9. Educación básica

1. Para o alumnado-traballador participante que non acadou os obxectivos da educación secundaria obrigatoria, previstos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e de conformidade co disposto no artigo 11.2.d) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, organizaranse programas específicos coa finalidade de proporcionarlle unha formación básica e profesional que lle permita incorporarse á vida activa ou proseguir os seus estudos nas distintas ensinanzas reguladas na dita lei orgánica e, especialmente, mediante as probas de acceso correspondentes.

2. O disposto no parágrafo anterior tamén será aplicable ao alumnado-traballador que non posúa o título de graduado escolar, por ter este os mesmos efectos profesionais que o de graduado en educación secundaria, segundo establece a disposición adicional trixésimo primeira da referida lei orgánica.

Artigo 10. Certificacións e diplomas

1. Finalizada a súa participación no programa de formación-emprego Talento mozo, o alumnado-traballador recibirá, de ser o caso, un certificado, expedido pola entidade promotora, nos termos recollidos no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, no cal constará a duración en horas da súa participación no programa, así como a puntuación e cualificación final teórico-práctica adquirida e os módulos profesionais cursados.

2. Este certificado poderá servir, se é o caso, e logo dos requisitos que se determinen, para solicitar o certificado profesional ou o certificado de competencia ou a acreditación parcial de competencia segundo o previsto no Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, e normativa concordante.

3. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración concederalle ao alumnado-traballador un diploma no cal se recollerá a súa participación no proxecto que corresponda dentro do programa de formación-emprego Talento mozo, de conformidade co modelo e coas instrucións que estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.

CAPÍTULO III

Selección e contratación

Artigo 11. Procedemento de selección e contratación do alumnado-traballador

1. A selección do alumnado-traballador participante no programa de formación-emprego Talento mozo que se vai poñer en funcionamento será realizada pola entidade promotora mediante un procedemento específico regulado mediante instrución da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, atendendo ás prioridades do proxecto incluído no programa, aos itinerarios formativos e a criterios de igualdade e obxectividade.

2. Nos criterios de selección do alumnado-traballador, procurarase a maior adaptación das persoas que se van seleccionar ás especialidades e ás particulares circunstancias de dificultade destas. Estes criterios deberán incluírse nas bases reguladoras que aprobará a entidade promotora, que deberán respectar os requisitos e criterios de selección establecidos nesta orde e na Instrución da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego que a desenvolva, na Lei 18/2014, do 15 de outubro, e no programa FSE+ Galicia 2021-2027. No caso de que se utilicen criterios de valoración subxectivos e obxectivos, deberá facerse de forma independente, valorando primeiro os criterios subxectivos e con posterioridade, e despois de facelos públicos, realizarase a valoración obxectiva.

Na selección teranse en conta, en todo caso, criterios como a idade, a experiencia laboral previa, a permanencia no desemprego ou o nivel de cualificación, e priorizaranse aquelas persoas mozas que non recibisen previamente atención por parte do Sistema nacional de garantía xuvenil e aquelas que estean máis próximas a cumprir a idade máxima prevista no dito sistema, todos eles previstos no artigo 105.3 da Lei 18/2014, do 15 de outubro.

Igualmente, e de acordo co programa FSE+ Galicia 2021-2027, consideraranse maiores incentivos para mulleres, persoas con discapacidade e persoas trans.

3. As bases reguladoras do proceso de selección do alumnado-traballador do programa de formación-emprego, aprobadas polas entidades promotoras, deberán ser expostas ao público nos taboleiros de anuncios da oficina de emprego que tramite a oferta de emprego, así como nos taboleiros de anuncios e na páxina web da entidade promotora do programa e, de ser o caso, dos concellos asociados. Así mesmo, os programas de formación-emprego concedidos serán obxecto de difusión a través do Portal de emprego de Galicia (emprego.xunta.gal).

4. En todo caso, a selección irá precedida da tramitación de oferta de emprego específica pola correspondente oficina de emprego. A oferta deberá ter en conta as condicións establecidas no artigo 2 desta orde. Con carácter previo ou no mesmo momento en que se envíe a oferta á oficina de emprego, a entidade promotora remitiralles á propia oficina e ao departamento territorial competente as bases reguladoras do proceso de selección.

Soamente poderán ser seleccionadas aquelas persoas que figuren como beneficiarias no Sistema nacional de garantía xuvenil e que cumpran cos requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato de formación en alternancia, co obxecto de ter vinculación mediante un contrato de tales características ao programa formación-emprego, desde a súa incorporación ao proxecto, en aplicación do previsto nos artigos 2 e 6 desta orde.

Cando a formación que se vai impartir no proxecto vaia dirixida á obtención de certificados profesionais de nivel de cualificación 2 ou 3, as persoas candidatas deberán cumprir cos requisitos de acceso sinalados nos reais decretos que regulan os ditos certificados.

No caso de que a persoa candidata participase con anterioridade noutro obradoiro ou programa de emprego, non poderá optar á selección para recibir formación no mesmo certificado profesional, con independencia de que rematase o obradoiro anterior con resultado de superado ou non.

5. Na oferta de emprego que se tramite terán preferencia as persoas que solicitasen este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, priorizaranse aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral con anterioridade á resolución desta convocatoria e sempre que se encontren dentro dalgunha das especialidades que se van impartir no programa.

6. A entidade promotora realizará a selección de entre a relación de persoas desempregadas remitidas pola oficina de emprego, que deberá conter, sempre que sexa posible, tres persoas candidatas por posto.

7. O alumnado-traballador que se seleccione deberá manter o cumprimento dos requisitos de selección na data da súa incorporación ao proxecto.

8. Rematado o procedemento de selección, a entidade promotora remitiralles á oficina de emprego e ao departamento territorial correspondente a documentación xustificativa do procedemento e a relación das persoas seleccionadas como participantes no modelo que se establecerá e publicará na dita instrución.

9. O alumnado-traballador seleccionado será contratado pola entidade promotora desde a súa incorporación ao proxecto, a través da modalidade do contrato de traballo de formación en alternancia. Nestes contratos as situacións de incapacidade temporal, risco durante o embarazo, maternidade, adopción ou acollemento, risco durante a lactación e paternidade non interromperán o cómputo de duración do contrato.

10. Os contratos de traballo formalizaranse por escrito no modelo oficial correspondente, código 421-Formación, e deberán facerse constar a súa pertenza aos programas de formación-emprego Talento mozo, a denominación do proxecto para o cal se formaliza e, se é o caso, o número da oferta de emprego utilizada. Serán mecanizados e comunicados ao Servizo Público de Emprego de Galicia a través da aplicación Contrat@, marcando a opción específica «ET/CO/TE/FD» que figura na epígrafe «Datos específicos do contrato». Unha vez indicada esta opción, aparecerá un despregable que permitirá elixir de entre varias opcións a correspondente a «Alumno/traballador».

11. As incidencias e reclamacións que se poidan suscitar, derivadas dos procesos de selección, serán resoltas pola entidade promotora.

Artigo 12. Procedemento de selección e contratación do persoal formador, directivo e de apoio

1. A selección do persoal formador, directivo e de apoio que se contrate para a execución do proxecto que se vai poñer en funcionamento será realizada pola entidade promotora do programa de formación-emprego mediante o procedemento que considere axeitado e atendendo á normativa vixente, tendo en conta as prioridades do proxecto, os itinerarios formativos e os criterios de igualdade, mérito e capacidade.

2. Na selección do persoal formador, directivo e de apoio poderase empregar a oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego, a convocatoria pública ou ambas.

Así mesmo, as entidades promotoras poderán propoñer a continuidade do persoal contratado anteriormente noutros proxectos xestionados por aquela, incluído o que adquirise a condición de fixo do seu cadro de persoal ou contratado indefinido das entidades beneficiarias, segundo o establecido no artigo 34.2 do Real decreto 818/2021, que regula os programas comúns de activación para o emprego do SNE.

No caso do persoal directivo, as entidades promotoras poderán imputarlle ao programa de formación-emprego persoal propio da entidade beneficiaria que estea asignado ao proxecto, persoal contratado laboralmente ou persoal con nomeamento interino para o proxecto.

As persoas candidatas a docentes, para seren validadas, deben cumprir os requisitos dispostos no artigo 168 do Real decreto 659/2023, tanto se a súa proposta procede dun proceso de selección como se se trata da continuidade de persoal contratado anteriormente.

3. Cando se empregue a oferta de emprego e/ou a convocatoria pública, nos criterios de selección de todo o persoal formador, directivo e de apoio do programa de formación-emprego considerarase a maior adecuación da cualificación ao posto de traballo ofertado como un criterio estratéxico e, polo tanto, prioritario. Estes criterios deberán respectar os requisitos e criterios de selección establecidos nesta orde e na instrución da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego que a desenvolva. No caso de que se utilicen criterios de valoración subxectivos e obxectivos, deberá facerse de forma independente, valorando primeiro os criterios subxectivos e con posterioridade, e despois de facelos públicos, realizarase a valoración obxectiva.

4. As bases reguladoras da oferta de emprego e/ou da convocatoria pública do persoal formador, directivo e de apoio do programa de formación-emprego, aprobadas polas entidades promotoras, deberán ser expostas ao público nos taboleiros de anuncios da oficina de emprego que tramite a oferta de emprego, así como nos taboleiros de anuncios e na páxina web da entidade promotora do programa e, de ser o caso, dos concellos asociados.

5. En caso de facer uso da oferta de emprego e/ou da convocatoria pública, corresponderalle á entidade promotora determinar o perfil, as características e os requisitos que deben cumprir as persoas candidatas, establecer os baremos e, se é o caso, as probas que se poidan aplicar, así como elaborar as convocatorias ou preparar as ofertas de emprego que se tramitarán á oficina de emprego, se procede. As ditas ofertas de emprego serán publicadas no Portal de emprego de Galicia.

A selección definitiva deberá realizarse entre as persoas preseleccionadas pola oficina de emprego e as solicitudes presentadas á convocatoria pública, se é o caso.

No proceso de selección poderase valorar positivamente que as persoas candidatas completasen na súa totalidade contratos anteriores como docente en obradoiros de emprego ou programas de emprego para persoas mozas subvencionados pola consellería competente en materia de emprego da Xunta de Galicia.

Terán preferencia as persoas que, en igualdade de condicións de cumprimento do perfil requirido, se encontren en situación de desemprego.

6. Unha vez seleccionado o persoal, a entidade promotora remitiralle/s á oficina de emprego e/ou ao departamento territorial correspondente a documentación xustificativa do procedemento e a relación das persoas seleccionadas como persoal formador, directivo e de apoio. No caso do persoal formador, non se poderá formalizar a súa contratación con anterioridade a que as persoas seleccionadas sexan validadas polo persoal técnico do departamento territorial.

7. A entidade promotora contratará o persoal formador, directivo e de apoio que fose seleccionado de acordo co procedemento establecido a través da modalidade de contratación que considere máis axeitada tendo en conta o disposto no punto dous da disposición adicional novena da Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego.

8. En caso de optar por seleccionar o persoal formador, directivo e de apoio empregando unha oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego, a entidade promotora deberá informar a oficina correspondente da finalización do proceso selectivo co fin de proceder ao peche da oferta correspondente.

9. As incidencias e reclamacións que se poidan suscitar, derivadas dos procesos de selección, serán resoltas pola entidade promotora.

CAPÍTULO IV

Procedemento para a concesión de subvencións

Artigo 13. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicionada destas bases reguladoras.

4. Forma parte da solicitude (anexo I) a declaración responsable que se contén nela e que fai constar os aspectos seguintes:

• Que a entidade promotora solicitou ou non e/ou que se lle concederon ou non outras axudas para este mesmo proxecto ou conceptos para os cales se solicita esta subvención. En caso afirmativo, débense relacionar as axudas concedidas.

• Así mesmo, comprométese a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

• Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos achegados xunto con ela son certos.

• Que a entidade solicitante cumpre os requisitos establecidos para obter a condición de beneficiaria segundo o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; especificamente, estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente ningún pagamento ou outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

• Que acepta as actuacións de comprobación previstas nesta orde.

• Que a entidade solicitante dispón da experiencia, aptitude e capacidade administrativa, financeira e operativa, necesarias para cumprir as condicións da axuda.

• Que asume a parte do custo do proxecto que non sexa subvencionada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, especificando o correspondente importe no número 5.2 do anexo III.

• Que a entidade local solicitante cumpriu coa súa obriga de remisión das contas xerais do último exercicio a que está obrigada ao Consello de Contas con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitude.

• Que non participa noutros programas desta orde de convocatoria como entidade promotora nin como concello asociado.

• Que asume a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Documentación complementaria

1. De carácter xeral: xunto coa solicitude (anexo I) deberá anexar a seguinte documentación complementaria:

a) A que acredite o apoderamento suficiente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos concellos asociados. Esta circunstancia farase constar mediante copia da norma ou acordo de nomeamento publicada no correspondente diario oficial ou mediante certificación expedida para o efecto.

b) Certificación expedida pola persoa titular da Secretaría ou órgano equivalente da entidade promotora, na cal se recolla o acordo de aprobación do proxecto e de solicitude de subvención á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, adoptado polo órgano competente. No caso das agrupacións de concellos, as certificacións das aprobacións por cada un dos concellos participantes no proxecto e o convenio de colaboración asinado entre eles para o efecto.

O convenio de colaboración deberá reunir o contido recollido no artigo 49 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e incluír a mención expresa á realización conxunta do proxecto, con indicación das achegas económicas e doutra índole dos concellos agrupados, así como o nomeamento da persoa representante ou apoderada única da agrupación, a repartición do alumnado-traballador entre as distintas entidades e as actuacións que se realizarán en cada concello. Cada un dos concellos asociados deberá contar, polo menos, cunha persoa alumna-traballadora.

c) Certificación expedida pola persoa titular da Intervención ou cargo equivalente da entidade promotora, das achegas da entidade promotora ou doutras entidades colaboradoras cando estas achegas diminúan a subvención que poida conceder a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

d) No caso dunha asociación de concellos, cada unha das persoas representantes legais dos concellos asociados deberá presentar unha declaración na cal se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se xunta como anexo II.

e) Declaración asinada polos representantes de cada unha das entidades asociadas, no caso dunha asociación de concellos, de que se dispón da experiencia, aptitude e capacidade administrativa, financeira e operativa, necesarias para cumprir as condicións da axuda, que se recolle no anexo IV.

f) Declaración responsable, que se recolle no anexo IV, pola que cada un dos concellos asociados, de ser o caso, asume a parte do custo do proxecto que non sexa subvencionada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, en que se especifique o importe que asume.

g) Declaración responsable individual de cada un dos concellos asociados implicados, no caso de agrupación de concellos, na cal conste que con cargo á orde de convocatoria vixente só participa nun proxecto concreto, sexa como entidade asociada ou como promotora (anexo IV).

h) No caso dunha agrupación de concellos, cada unha das entidades asociadas presentará unha declaración responsable na cal faga constar que cumpre con todos os requisitos para ser beneficiaria desta axuda, así como as circunstancias indicadas nas letras e), f) e g) deste punto (anexo IV).

2. De carácter específico: ademais da indicada no punto anterior, as entidades promotoras deberán xuntar a seguinte documentación:

a) Certificado expedido pola persoa titular da Secretaría ou órgano equivalente da entidade promotora, que acredite a titularidade xurídica de cada un dos obxectos de actuación e a súa dispoñibilidade para realizar as obras ou a prestación dos servizos previstos no proxecto. No caso de titularidade privada, documento de cesión para o seu uso público por un período de tempo non inferior a vinte e cinco anos contados desde o ano de inicio do programa, excepto no caso de montes veciñais en man común onde se vaian desenvolver programas de formación-emprego forestais, no cal abondará co permiso outorgado polo órgano competente das comunidades propietarias de veciños e veciñas para realizar as correspondentes actividades. Tampouco será necesario o documento de cesión por un período de tempo non inferior a vinte e cinco (25) anos no caso de programas de formación-emprego forestais nos cales non se vaian realizar obras ou servizos que impliquen un aumento significativo de valor para a propiedade, en que será suficiente cunha simple autorización ou permiso para a realización das actividades cando estas teñan vinculación ou afecten especificamente un predio ou predios determinados.

b) Certificado expedido pola persoa titular da Secretaría ou órgano equivalente da entidade promotora, que conteña a relación de todas as autorizacións administrativas que sexan exixibles atendendo á natureza xurídica e ao réxime de protección dos obxectos sobre os cales se pretende actuar con ocasión do desenvolvemento do proxecto ou, de ser o caso, que faga constar que non son necesarias.

c) Autorizacións administrativas relacionadas no certificado descrito no punto anterior. A falta dalgunha autorización non impide que o expediente sexa valorado e aprobado sempre que se acredite que se presentou a solicitude ante o organismo competente antes da fin do prazo de presentación da solicitude de subvención. Neste caso, a adxudicación da subvención quedará condicionada á efectiva obtención das ditas autorizacións, con carácter xeral, antes do inicio do obradoiro, e sempre antes do inicio das actuacións, con obriga do envío aos departamentos territoriais correspondentes da dita documentación.

d) Unha única memoria do proxecto para o cal se solicita a subvención, segundo o modelo que se xunta como anexo III, e que constará, como regra xeral, dun máximo de 15 páxinas. Esta memoria, que será única mesmo no caso de que a solicitude sexa presentada por varios concellos asociados, recollerá os seguintes aspectos:

• Data prevista de comezo da actividade do proxecto.

• Información básica sobre o tecido empresarial do contorno e compromisos de inserción laboral asumidos no proxecto.

• Descrición das obras ou servizos que se van realizar ou prestar, indicando o destino previsto para a súa utilización posterior e a relación de todas as autorizacións administrativas que sexan exixibles. No caso de que a obra que se vai executar o requira, achegarase proxecto básico asinado polo persoal técnico competente. O dito proxecto constará, cando menos, de memoria descritiva, planos xerais e orzamento con estimación global por capítulos.

• Xustificación da relación entre as obras e servizos que se van realizar e o plan formativo definido no anexo I de solicitude.

• Importe do proxecto no cal se detallan as achegas que diminúen o importe da subvención e outras achegas que cubran os gastos non subvencionables e que aumentan o importe total do proxecto.

e) De ser o caso, resolución da consellería competente en materia de economía pola que se declare a condición de concello emprendedor tanto do concello promotor como dos concellos que formen parte da agrupación, ou documentación acreditativa equivalente. Esta condición, regulada no título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, deberá estar adquirida con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Contido do orzamento dos proxectos

Para os efectos do previsto no artigo 15.2.d) desta orde, o orzamento do proxecto presentarase subdividido en:

1. Orzamento de gastos, de acordo cos criterios de subvencionabilidade establecidos nos artigos 28 a 30, e segundo o seguinte detalle:

a) Custos máximos totais derivados da contratación do alumnado participante e da contratación do persoal formador, directivo e de apoio; os ditos custos recolleranse de xeito individualizado.

b) Custos máximos totais derivados do funcionamento e xestión do programa de formación-emprego; os ditos custos recolleranse de xeito individualizado.

2. Orzamento de ingresos: expresará a parte financiada pola entidade promotora e por outros posibles organismos ou entidades colaboradoras, así como a parte para a cal se lle solicita financiamento á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. De ser o caso, tamén se farán constar os posibles ingresos previstos como consecuencia, e sempre que se cumpra o establecido no artigo 31 desta orde, do alleamento de bens producidos ou servizos prestados polo programa de formación-emprego.

Artigo 17. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no anexo I, e achegar os ditos documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Instrución e emenda

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Formación e Cualificación para o Emprego competente en materia de emprego do departamento territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración competente por razón do territorio.

2. Se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos exixidos pola lexislación específica aplicable, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de conformidade co establecido no artigo 68 da mesma lei.

Artigo 20. Avaliación de solicitudes. Comisión Central de Valoración

1. Unha vez completado cada expediente na aplicación informática FORMAN, o departamento territorial emitirá, no prazo de dez (10) días, o informe técnico habilitado para o efecto, e poñerá o dito informe á disposición da Comisión Central de Valoración para o seu estudo nunha única fase. Así mesmo, os departamentos territoriais elaborarán unha relación das solicitudes que resulten inadmitidas ou excluídas, indicando expresamente as circunstancias concretas que as afecten.

2. Para estes efectos, a Comisión Central de Valoración estará composta pola persoa titular da Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego, que a presidirá, e serán vogais as persoas responsables das xefaturas de servizo de Formación e Cualificación para o Emprego dos departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Actuará como secretario/a, con voz pero sen voto, a persoa titular do Servizo de Promoción de Competencias para o Emprego.

Se por calquera causa, no momento que a Comisión Central de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que sexa designada pola persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.

3. Á vista dos informes técnicos emitidos polos departamentos territoriais e dos criterios de avaliación técnica establecidos no artigo 21 desta orde, a Comisión Central de Valoración dará conformidade, de ser o caso, aos informes técnicos emitidos polos departamentos territoriais.

Do resultado da reunión emitirase unha acta, que incluirá o anexo coas puntuacións obtidas en cada provincia polos distintos proxectos que cumpran cos requisitos para ser avaliados e o anexo coas solicitudes excluídas e a súa causa.

4. Non se propoñerán para a súa concesión aqueles proxectos de programas de formación-emprego que teñan unha axuda concedida ou con proposta de resolución favorable, para a mesma finalidade, pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Artigo 21. Criterios de valoración dos proxectos

1. Na valoración dos proxectos incluídos nos programas de formación-emprego Talento mozo teranse en consideración os seguintes criterios:

Criterios relacionados coa calidade do proxecto e adecuación do plan formativo ás necesidades do mercado de traballo.

a) Obras ou servizos de interese xeral e social asociados ao proxecto, ata 6 puntos:

– En función da súa adecuación para a cualificación e adquisición de experiencia profesional do alumnado-traballador: ata 3 puntos; corresponden 3 puntos a un axuste idóneo entre as obras e servizos e a formación que se vai impartir e 1 punto para situacións intermedias.

– En función dos beneficios sociais que se prevexa xerar: ata 3 puntos; corresponden 3 puntos se o beneficio social é alto e 1 punto para situacións intermedias.

b) En función dos obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas alumnas traballadoras, sempre que sexan superiores aos mínimos establecidos no artigo 8, ata 12 puntos, tendo en conta a seguinte escala:

– Polo compromiso de inserir 4 persoas alumnas traballadoras: 2 puntos.

– Polo compromiso de inserir 6 persoas alumnas traballadoras: 4 puntos.

– Polo compromiso de inserir 8 persoas alumnas traballadoras: 6 puntos.

– Polo compromiso de inserir 10 persoas alumnas traballadoras: 8 puntos.

– Polo compromiso de inserir 12 persoas alumnas traballadoras: 10 puntos.

– Polo compromiso de inserir máis de 12 persoas alumnas traballadoras: 12 puntos.

A falta de cumprimento desta obriga de inserción será obxecto de reintegro parcial, segundo o establecido no artigo 38.2.l) desta orde.

c) Formación en especialidades con nivel alto ou medio de inserción segundo os últimos datos recollidos polo Servizo do Observatorio de Prospectiva do Mercado Laboral da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración: (máximo 12 puntos).

Considéranse especialidades con nivel alto de inserción as relacionadas coas seguintes familias profesionais: servizos socioculturais e á comunidade; sanidade; actividades físicas e deportivas; hostalaría e turismo; seguridade e ambiente.

Considéranse especialidades con nivel medio de inserción as relacionadas coas seguintes familias profesionais: fabricación mecánica; transporte e mantemento de vehículos; edificación e obra civil; instalación e mantemento; agraria; industria alimentaria; marítimo-pesqueira.

A puntuación por impartir formación relacionada con calquera das familias profesionais sinaladas obterase tendo en conta a seguinte escala:

– Impartición de 1 certificado profesional completo relacionado con especialidades con nivel medio de inserción, 3 puntos.

– Impartición de 2 ou máis certificados profesionais completos relacionados con especialidades con nivel medio de inserción, 6 puntos.

– Impartición de 1 certificado profesional completo relacionado con especialidades con nivel alto de inserción, 6 puntos.

– Impartición de 2 ou máis certificados profesionais completos relacionados con especialidades con nivel alto de inserción, 12 puntos.

d) Accións formativas dirixidas á obtención de certificados profesionais, ata 8 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Impartición de todos os módulos conducentes á obtención de certificados profesionais nivel 1: 3 puntos.

• Impartición de todos os módulos conducentes á obtención de certificados profesionais nivel 2: 5 puntos.

• Impartición de todos os módulos conducentes á obtención de certificados profesionais nivel 3: 8 puntos.

• No caso de que sexa un proxecto en que se impartan certificados profesionais de distinto nivel, a puntuación non é acumulable e só se outorgará puntuación polo de nivel máis alto.

e) Achegas da entidade promotora ou doutras entidades colaboradoras, que deberán estar certificadas pola persoa titular da Intervención ou cargo equivalente da entidade promotora, cando estas achegas diminúan a subvención que poida conceder a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ata 6 puntos. Para ese efecto, terase en conta o esforzo investidor en cada caso, de acordo coa seguinte escala:

• Proxectos en que a achega económica das promotoras estea comprendida entre 5.000 e 20.000 €: 2 puntos.

• Proxectos en que a achega económica das promotoras estea comprendida entre 20.001 e 45.000 €: 4 puntos.

• Proxectos en que a achega económica das promotoras sexa superior a 45.000 €: 6 puntos.

f) Participación no proxecto do tecido empresarial existente no territorio en que se implantará. Xustificarase documentalmente, mediante cartas de apoio por parte de asociacións empresariais e/ou agrupacións de empresas do mesmo sector, que a formación e experiencia laboral previstas se axustan ás necesidades das empresas, indicando expresamente a viabilidade da inserción laboral (6 puntos).

Criterios relacionados coas características das entidades solicitantes.

g) Proxectos promovidos por un concello resultante da fusión de dous ou máis nos 10 anos anteriores á data de publicación da orde: 30 puntos.

h) Proxectos promovidos por dous ou máis concellos agrupados: 10 puntos. A puntuación deste criterio é incompatible coa indicada no punto anterior.

i) Para concellos que concorran agrupados, valórase o número de persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito territorial dos concellos agrupados en que se desenvolva o proxecto o último día do mes anterior á data de publicación do extracto da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ata 10 puntos de acordo coa seguinte escala:

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña entre 0 e 10 persoas mozas inscritas, 0 puntos.

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña entre 11 e 25 persoas mozas inscritas, 3 puntos.

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña entre 26 e 50 persoas mozas inscritas, 5 puntos.

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña entre 51 e 100 persoas mozas inscritas, 8 puntos.

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña máis de 100 persoas mozas inscritas, 10 puntos.

A puntuación deste criterio é incompatible coa indicada na alínea g).

j) Concellos que teñan a condición de «Concello emprendedor» acreditado segundo o disposto no artigo 15.2.e) (20 puntos). No caso de que a solicitude estea presentada conxuntamente por agrupación de concellos baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade...), outorgarase a puntuación en función da porcentaxe de concellos que reúnan tal condición.

2. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas, terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega na elaboración dos proxectos. No caso de que se manteña o empate, concederase a axuda atendendo á orde de presentación da solicitude.

3. O número máximo de alumnado-traballador dos programas que se concedan con cargo a esta orde será de 16 e non se concederá a axuda para programas de menos de 10.

Artigo 22. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Resolución

1. Dentro dos catro meses seguintes ao remate do prazo de presentación de solicitudes, cumpridos os trámites previstos no artigo 20 desta orde, emitida a proposta de resolución polo órgano instrutor e fiscalizada esta pola respectiva Intervención, a persoa responsable do departamento territorial, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ditará e notificaralle á entidade solicitante a resolución que proceda.

2. A resolución favorable conterá, como mínimo, os seguintes puntos:

a) Finalidade e obxectivos básicos do proxecto incluído no programa de formación-emprego Talento mozo financiado, número e características das persoas participantes e, se é o caso, especialidades que se impartirán.

b) Subvención outorgada con cargo aos orzamentos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o financiamento dos gastos sinalados no artigo 27 desta orde; deberá facerse constar que o seu importe ten o carácter de estimado.

c) Duración do proxecto e datas previstas para o seu comezo.

d) Información sobre o cofinanciamento pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 e correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurarán a identificación da entidade promotora beneficiaria, a contía da subvención e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que se deben entregar ou prestar, o plan de financiamento, o prazo de execución e, se procede, o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo cal se establecen as condicións da axuda (DECA).

Tamén serán informadas as entidades promotoras beneficiarias de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista de operacións que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

Igualmente, as entidades promotoras beneficiarias serán informadas das obrigas establecidas no artigo 36 en relación coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación.

e) A puntuación obtida na valoración do proxecto.

f) Calquera outra especificación que se considere oportuna en cada caso concreto.

3. Transcorrido o prazo de catro meses sen que se notifique resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Sen prexuízo do previsto no artigo 38 desta orde, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

Potestativamente, con anterioridade á interposición do dito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, poderá interpoñerse recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, se o dito acto for expreso, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Todo o anterior é sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outras posibles persoas interesadas.

6. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e no Rexistro de Subvencións, de acordo co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

7. A medida que se vaian xerando dispoñibilidades de crédito como consecuencia de posibles minoracións, renuncias, anulacións ou modificacións nas subvencións concedidas, o órgano instrutor poderá realizar novas propostas de concesión de proxectos continuando coa orde de prelación fixada pola Comisión Central de Valoración ata esgotar o novo crédito.

Artigo 24. Modificacións do proxecto

1. Calquera modificación que implique un cambio dos obxectivos e actuacións básicas do proxecto incluído no programa de formación-emprego Talento mozo financiado ao abeiro desta convocatoria, que sexan considerados como substanciais, tramitarase por medio dunha solicitude realizada por medios electrónicos xuntando unha memoria da forma indicada no artigo 15.2.d). Para estes efectos, terán a consideración de substanciais aquelas modificacións que supoñan un cambio no obxecto de actuación que afecte máis do 50 % da planificación dos traballos programados nos correspondentes itinerarios formativos ou que impliquen a necesidade de cambiar as especialidades formativas.

2. De teren as modificacións o dito carácter de substanciais, os departamentos territoriais remitirán as solicitudes, cando o informe técnico sexa favorable, á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para que esta emita informe sobre a procedencia da modificación pretendida. A súa resolución correspóndelles ás persoas titulares dos departamentos territoriais, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Os mencionados cambios deberán responder a causas excepcionais debidamente xustificadas que así o exixan.

3. As solicitudes de modificacións non esenciais non precisarán do informe da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para seren resoltas polo departamento territorial. Da resolución que se dite enviarase copia á dita dirección xeral para a súa constancia.

4. A execución das actuacións ou cambios de especialidades formativas obxecto da solicitude de modificación dun proxecto non se poderán iniciar antes da resolución deste procedemento.

CAPÍTULO V

Financiamento e gastos subvencionables

Artigo 25. Financiamento da subvención

1. Estes programas serán financiados a través das subvencións que conceda a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración por un importe total de 6.614.500,00 € (seis millóns seiscentos catorce mil cincocentos euros), con cargo á aplicación 14.03.322A.460.2 (proxecto 2023 00111), da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, por un importe de 3.307.250,00 euros. Para o exercicio de 2027, as subvencións financiaranse con cargo á mesma aplicación e código de proxecto ou equivalente, polo importe de 3.307.250,00 euros.

As axudas recollidas nesta orde están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4 «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; prioridade 5 «Emprego xuvenil»; obxectivo específico ESO4.1 «Mellorar o acceso ao emprego e as medidas de activación de todos os demandantes de emprego e, en particular, das persoas mozas, especialmente a través da aplicación da garantía xuvenil, dos desempregados de longa duración e dos grupos desfavorecidos no mercado laboral, e das persoas inactivas, así como mediante a promoción do emprego por conta propia e a economía social» e medida 5.A.03 «Formación e aprendizaxe en programas de emprego para persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil».

Este importe poderá ser incrementado nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e será necesario, en todo caso, informe favorable previo da modificación orzamentaria que corresponda por parte do organismo intermedio do programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos).

Os incrementos debidos ás variacións do importe do salario mínimo interprofesional e as cotizacións sociais poderanse financiar con cargo á aplicación 14.03.322A.460.2, proxecto 2023 00111, ou as equivalentes nos orzamentos vixentes no exercicio en que se produzan.

2. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será proporcional ao número de persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil o último día do mes anterior á data de publicación do extracto da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e en función das solicitudes presentadas e aprobadas.

Artigo 26. Convenios de colaboración

As entidades promotoras poderán subscribir convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas, mediante os cales se comprometan a achegar parte do custo do proxecto, e estas achegas descontaranse da subvención que poida conceder a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Esta circunstancia farase constar na memoria prevista no artigo 15.2.d) desta orde e comunicaráselle á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración no momento en que se formalicen se as ditas achegas se reciben con posterioridade ao momento da solicitude da axuda e, polo tanto, non constan na dita memoria.

Artigo 27. Gastos que se van subvencionar

1. As axudas e subvencións que conceda a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para cada proxecto incluído no programa de formación-emprego Talento mozo financiado, e que se determinarán na resolución que o aprobe, destinaranse exclusivamente a sufragar os seguintes gastos:

a) Os derivados do funcionamento e xestión do programa de formación-emprego.

b) Os salariais derivados dos contratos de traballo que se subscriba co alumnado traballador.

En todo caso, deberá respectarse o disposto na Orde TES/106/2024.

2. En ningún caso o importe da subvención concedida poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo do proxecto.

3. O importe das cantidades efectivas que se aboarán estará en función do valor dos módulos, do salario mínimo interprofesional e das cotizacións á Seguridade Social, anualmente establecido, do número de alumnado-traballador participante e da xustificación dos gastos subvencionados.

Artigo 28. Subvención para custos de funcionamento e xestión do programa de formación-emprego Talento mozo

1. Consideraranse gastos de funcionamento e xestión do programa de formación-emprego Talento mozo, susceptibles de ser subvencionados:

a) Os gastos derivados da contratación do persoal formador, directivo e de apoio.

b) Os medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

c) Amortización de instalacións e equipamentos. Cando a entidade promotora achegue, para o desenvolvemento do proxecto, bens (equipamentos e instalacións) amortizables, xuntarase relación valorada destes, incluíndo as cotas de amortización que deriven da aplicación das táboas de coeficientes de amortización anualmente establecidas. Os gastos de amortización de bens inventariables deben cumprir cos criterios definidos no artigo 67.2 do Regulamento (UE) 2021/1060.

d) As viaxes ou visitas de carácter didáctico.

e) Gastos de viaxes do persoal formador e directivo do proxecto para asistir a reunións ou xornadas convocadas ou autorizadas, expresamente e por escrito, pola persoa titular do departamento territorial. O importe subvencionado non excederá o importe das axudas de custo establecidas para o persoal con destino na Administración pública de Galicia do grupo equivalente.

f) Os materiais de oficina.

g) Útiles e ferramentas; serán subvencionables todos os que resulten imprescindibles para o desenvolvemento das prácticas do alumnado e cuxo custo unitario de adquisición sexa inferior a 300 euros.

h) Alugamento de elementos de transporte, de instalacións, de maquinaria e de equipamentos, excluído calquera tipo de alugamento con opción de compra, como o leasing, que resulten necesarios para a formación do alumnado, cando non dispoña a entidade promotora dos necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo.

i) Combustible necesario para o funcionamento da maquinaria utilizada polo alumnado.

j) Gastos de elaboración dos carteis oficiais e vestiario axeitado de traballo do persoal participante no programa de formación-emprego.

k) Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da actuación profesional do persoal do programa de formación-emprego durante o funcionamento do proxecto; a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración quedará exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

l) Gastos de reparación de maquinaria e equipamentos, sempre que se produza durante o desenvolvemento do programa de formación-emprego e como consecuencia do uso dado polas persoas participantes nel. Xunto coa xustificación achegarase un informe asinado pola persoa que desempeñe a dirección do programa de formación-emprego, no cal se acrediten as mencionadas circunstancias.

m) Gastos asociados á adaptación de postos de traballo e/ou axustes razoables precisos para garantir a participación das persoas con discapacidade que non impliquen gastos de investimento non subvencionables de acordo co punto seguinte.

n) Outros gastos vinculados de forma directa co programa de formación-emprego, necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo, que fosen autorizados na resolución de concesión, tendo en conta o disposto no artigo 16.1 do Regulamento (UE) 2021/1057 e no artigo 5 da Orde TES/106/2024.

2. Non se poderán financiar con cargo á subvención concedida:

a) As indemnizacións por morte ou de acción social previstas nos convenios colectivos das entidades promotoras, e as correspondentes a traslados, suspensións, despedimentos ou cesamentos, así como o importe do pagamento da retribución correspondente ao período das vacacións anuais non desfrutadas, mentres dure o proxecto formativo.

b) Os gastos de investimento, tales como a adquisición de inmobles, instalacións, maquinarias e equipamentos.

c) Os alugueiros de edificios, locais, naves, aulas, ou o seu acondicionamento, sempre que non sexa resultado da práctica profesional do alumnado-traballador participante.

d) Os gastos financeiros xerados por avais, anticipos bancarios ou análogos.

e) Os custos indirectos, de acordo coa establecido na Orde TES/106/2024.

Artigo 29. Cálculo do importe da subvención para custos de funcionamento e xestión do programa de formación-emprego

1. Para os efectos do previsto no artigo anterior, o cálculo da subvención efectuarase por hora/alumno de formación e por módulos:

a) Módulo A: mediante este módulo compensaranse os gastos salariais do persoal formador, directivo e de apoio que fose seleccionado e contratado, incluídos os orixinados polas cotas da Seguridade Social por conta da persoa empregadora, derivados de continxencias comúns e profesionais, Mecanismo de equidade interxeracional, Fondo de Garantía Salarial e Desemprego.

Só poderán ser imputados con cargo a este módulo os gastos salariais do persoal de apoio cando este persoal dedique o 100 % da súa xornada ao proxecto, de conformidade co disposto na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

b) Módulo B: con este módulo compensaranse os demais gastos enumerados no número 1 do artigo anterior.

2. Para esta convocatoria establécese un importe de 4,49 euros/hora/participante para o módulo A e de 1,27 euros/hora/participante para o módulo B.

3. A contía dos ditos módulos é única para toda a duración dos proxectos incluídos nos programas de formación-emprego Talento mozo, aínda que se desenvolva en dous exercicios anuais distintos, e será a que corresponda á data de inicio.

4. O importe do módulo A ten en consideración a relación dun ou dunha docente a xornada completa para cada dez alumnos/alumnas ou fracción. O importe da subvención prevista para gastos de formación e funcionamento será o equivalente ao resultado de multiplicar o valor dos módulos A e B polo número de alumnos/alumnas e polo total de horas, 160 horas por mes de duración do proxecto, considerando a xornada completa, sen prexuízo da duración efectiva da xornada completa en función da normativa vixente e as condicións laborais de xeral aplicación na entidade promotora.

Artigo 30. Subvención para custos salariais do alumnado-traballador

Nos contratos para a formación en alternancia que a entidade promotora subscriba co alumnado participante nos programas de formación-emprego Talento mozo, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración subvencionará o 100 % do salario mínimo interprofesional anualmente establecido, incluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias. Así mesmo, tamén subvencionará a totalidade das cotas por conta da persoa empregadora correspondentes á Seguridade Social, previstas para os ditos contratos na súa normativa específica.

Computaranse como custo salarial subvencionable as situacións en que non se presta servizo efectivo, como as ausencias xustificadas e os períodos de baixa por incapacidade temporal polos gastos non compensados pola Seguridade Social que sexan asumidos pola entidade beneficiaria.

Os incrementos debidos ás variacións do importe do salario mínimo interprofesional e as cotizacións sociais poderanse financiar con cargo á aplicación 14.03.322A.460.2, proxecto 2023 00111, ou os equivalentes nos orzamentos vixentes no exercicio en que se produzan.

Artigo 31. Produción de bens e servizos

Cando os proxectos, no desenvolvemento da súa actividade, produzan bens que sexan susceptibles de comercialización, poderán allearse, sempre que non se incorra en competencia desleal e se dispoña das autorizacións necesarias. Os ingresos procedentes de tales alleamentos ou da prestación de servizos descontaranse do importe a pagar pola subvención.

CAPÍTULO VI

Pagamento e xustificación da subvención

Artigo 32. Pagamento da subvención

1. Correspóndelles aos departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración o pagamento das subvencións concedidas, logo das solicitudes das entidades promotoras, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.

2. Unha vez iniciados os proxectos incluídos nos programas de formación-emprego Talento mozo, e despois da xustificación do comezo mediante a oportuna certificación emitida en tal sentido pola entidade promotora, aboaráselle a esta, en concepto de anticipo, unha cantidade equivalente ao 100 % da anualidade 2026, sempre que a dita cantidade non supere o importe correspondente á anualidade do ano 2026. Tendo en conta que as entidades beneficiarias da subvención teñen a condición de Administración pública, non é necesaria a constitución de garantías para o cobramento do anticipo, tal e como establece o artigo 65.4.c) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O importe aboado no ano inicial poderá ser inferior cando se calcule, en función da data de inicio efectiva e, se for o caso, das previsións achegadas polas entidades beneficiarias, que o gasto realizado nese ano vai ser inferior ao importe do pagamento máximo do anticipo. Neste caso, unha vez efectuado o correspondente axuste de anualidades, a cantidade non aboada nese anticipo sumarase ao importe que teña dereito a percibir na segunda anualidade.

No caso de que o gasto realizado sexa superior ao importe concedido ou aboado con cargo á primeira anualidade, o exceso de gasto realizado pola entidade beneficiaria entre o 1 de outubro e o 31 de decembro da primeira anualidade poderá ser xustificado e aboado con cargo ao orzamento da segunda anualidade da subvención concedida.

3. Antes do 15 de decembro de 2026, a entidade promotora beneficiaria presentará a xustificación do anticipo da anualidade de 2026, comprensiva dos gastos realizados e pagados ata o 15 de decembro de 2026 da forma e cos requisitos previstos nos artigos seguintes referidos á liquidación, sen prexuízo do previsto no artigo 33.3 para os gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade a esa data.

4. O importe ou a porcentaxe que resulte restante aboaráselle á entidade promotora unha vez rematado o proxecto, xustificados todos os gastos e presentado a anexo de liquidación do expediente nos termos dispostos nos artigos 33 e 34 desta orde.

5. Unha vez recibidos os fondos, a entidade promotora deberá remitirlle ao departamento territorial correspondente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, por cada un dos ingresos, unha certificación acreditativa da súa recepción.

6. As entidades beneficiarias, antes de cada recepción de fondos, deberán achegar unha declaración responsable complementaria de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Seguridade Social e non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

7. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, a entidade beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto ou finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 33. Forma de xustificación

1. A xustificación realizarase mediante o sistema de custo real e de conformidade co previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e no artigo 6.1 da Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro. A entidade promotora remitiralle ao correspondente departamento territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración os xustificantes dos gastos e dos pagamentos efectuados. A xustificación presentarase segundo o detalle indicado nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, e non se poderán efectuar compensacións entre os distintos conceptos. Así mesmo, xuntarase relación dos pagamentos realizados, con identificación das persoas perceptoras, detalle das cantidades aboadas e a data do seu pagamento.

2. A xustificación por horas realizadas nos programas de formación-emprego deberá efectuarse mediante unha relación do alumnado-traballador participante no período que se xustifica, con expresión das súas datas de alta e baixa, xunto coas copias dos seus contratos de traballo e partes de baixa na Seguridade Social.

Para a xustificación dos custos salariais do alumnado participante, que se efectuará en función dos contratos efectivamente formalizados e pola duración do período que se xustifica, será necesario achegar a documentación indicada no parágrafo anterior xunto coas nóminas, seguros sociais e xustificantes do seu pagamento.

3. Para a xustificación dos custos salariais e de seguridade social, tanto do alumnado-traballador como do persoal formador, directivo e de apoio, as entidades beneficiarias presentarán os documentos xustificativos RLC e RNT xunto cos xustificantes individualizados dos gastos efectuados e os documentos bancarios acreditativos dos pagamentos realizados (extracto ou cargo bancario), así como unha certificación expedida pola persoa titular da Secretaría ou órgano equivalente en que se relacionen todos os xustificantes individualizados dos gastos realizados, así como a data do seu pagamento.

Malia o anterior, cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao do remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

Os gastos directos de persoal serán subvencionables sempre que cumpran as condicións previstas no artigo 16.4 do Regulamento (UE) 2021/1057 e no artigo 5 da Orde TES/106/2024, polo que se deberá levar un control de partes de horario e asistencia que deixe constancia de tales feitos e que será presentado xunto coa documentación exixida para a xustificación dos proxectos.

4. Respecto á xustificación dos gastos comprendidos no módulo B, as entidades promotoras deberán presentar unha certificación expedida pola persoa titular da Secretaría ou órgano equivalente, na cal consten nome e NIF da persoa acredora, número e, de ser o caso, serie da factura, concepto, importe, data de emisión da factura e do seu pagamento, xunto coas facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, así como os xustificantes das transferencias bancarias ou documentos acreditativos dos pagamentos realizados de acordo coa normativa aplicable á xustificación da execución de fondos europeos.

5. No caso de que non se xustifique segundo o previsto nos puntos anteriores, procederase á reclamación das cantidades non xustificadas de conformidade co procedemento establecido para o efecto.

6. A xustificación final de gastos presentarase dentro dos dous meses seguintes ao remate da etapa de formación en alternancia coa práctica profesional e nunca máis tarde do 30 de outubro de 2027.

Artigo 34. Liquidación do expediente

1. Dentro do prazo establecido no artigo anterior, a entidade promotora remitiralle ao departamento territorial correspondente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, a seguinte documentación:

a) Memoria final en que se reflictan as actuacións desenvolvidas e na cal se relacionen detallados todos os custos, subvencionados ou non, imputados ao desenvolvemento do programa de formación-emprego.

b) Anexo de liquidación e cadro-resumo de xustificantes de gastos.

c) Copia dos certificados de aproveitamento, nos cales consten o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no correspondente proxecto incluído no programa de formación-emprego Talento mozo.

2. Dentro do mesmo prazo deberán presentar a documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada, segundo as instrucións que se publican na web institucional da Xunta de Galicia.

3. As entidades promotoras deberán facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través dos indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2021/1057, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e da obriga disposta no artigo 36.n).

4. Dentro do mesmo prazo deberá presentarse, así mesmo, a documentación acreditativa do cumprimento das obrigas en materia de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1060, a que fai referencia o artigo 36.o) desta orde, mediante achegas de copias da documentación utilizada, fotografías dos carteis expostos, indicación da páxina web, etc.

5. Despois de verificada a xustificación presentada, en caso de acordo, o departamento territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dará a súa conformidade aos documentos antes sinalados e procederá ao aboamento das cantidades previstas nesta orde. No suposto de desconformidade ou discrepancia, o departamento territorial descontará do pagamento do importe restante as cantidades non xustificadas.

6. Revisada a xustificación, e de existir un saldo positivo a favor da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, o departamento territorial iniciará o procedemento establecido para o reintegro das cantidades non xustificadas.

A subvención máxima que se pode admitir como xustificada por gastos de formación e funcionamento, para cada un dos módulos A e B, non poderá exceder o que resulte de multiplicar o número de horas realizadas polo importe de cada módulo. Para estes efectos, tamén serán consideradas horas efectivas as do alumnado-traballador que abandone o correspondente proxecto incluído no programa de formación-emprego Talento mozo polo tempo comprendido entre a data da súa baixa e, se é o caso, o remate deste.

De igual xeito, asimilaranse ás horas de formación efectivamente impartidas as correspondentes aos períodos de vacacións anuais retribuídos gozados, mentres dure o proxecto, polo alumnado participante, establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 35. Compatibilidade da axuda

Esta axuda é compatible con calquera axuda e subvención concedida, para o mesmo proxecto e finalidade, polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

CAPÍTULO VII

Obrigas, seguimento e control

Artigo 36. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, ademais de cumprir as obrigas establecidas pola normativa aplicable con carácter xeral ás axudas e subvencións públicas, deberán:

a) Realizar as actividades para as cales se concede a subvención, de conformidade coas disposicións previstas nesta orde e nas resolucións, instrucións ou circulares que a desenvolvan.

b) Acondicionar e dotar as instalacións de xeito que reúnan as condicións de seguridade e saúde laboral que permitan o normal desenvolvemento das actividades formativas desde o inicio do proxecto.

c) Formar as persoas participantes nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais contidas no plan formativo e contratar o alumnado participante, na modalidade contractual e pola duración prevista no artigo 4 desta orde, e formalo nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais ou oficios obxecto do programa.

d) Acreditar, ante a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a realización das actividades e o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión da axuda ou subvención, achegando a documentación que lles sexa requirida co fin de comprobar o cumprimento das obrigas que derivan da dita concesión.

e) Satisfacer, no momento do seu vencemento, as obrigas económicas que deriven do funcionamento do proxecto subvencionado, especialmente as de carácter salarial, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.

f) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permitan seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

h) Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario do fondo, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

i) Comunicarlle á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a solicitude e obtención doutras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional, no momento de presentar a solicitude, así como con ocasión da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do último pagamento.

j) Procurar a inserción laboral posterior das persoas desempregadas participantes nos proxectos.

k) Respectar as normas de subvencionabilidade do gasto financiado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+), establecidas no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados; e no Regulamento (UE) núm. 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) núm. 1296/2013, e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

l) Remitirlle ao departamento territorial correspondente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración copia dos certificados de aproveitamento, nos cales consten o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no correspondente proxecto incluído no programa de formación-emprego Talento mozo.

m) Garantir o cumprimento do principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no deseño e desenvolvemento do proxecto.

n) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2021/1057.

Os indicadores de realización relativos a cada persoa participante refírense á data inmediatamente anterior á do inicio da vinculación do/da dito/a participante coa actuación cofinanciada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior ao da finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación. Así mesmo, a Administración poderá requirir en calquera momento novos datos relativos á data en que se cumpran os seis meses desde que finalice a vinculación da persoa participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento.

Para estes efectos, facilitaránselles ás entidades promotoras o acceso á aplicación Participa2127 (https://participa2127.conselleriadefacenda.gal/Participa2127) e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades promotoras deberán introducir os datos dos indicadores de realización e de resultados das persoas participantes na dita aplicación informática.

ñ) Procurar, na execución do programa de formación-emprego, un uso non sexista da linguaxe e velar por transmitir unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes.

o) Cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do dito regulamento, nos espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispoñer delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

p) Informar as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están cofinanciadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Emprego, Comercio e Emigración) e pola Unión Europea. Os emblemas deberán figurar, como mínimo, en todo o material e nos documentos que se utilicen ou entreguen ás persoas participantes.

q) Cumprir co establecido no artigo 82 da Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI.

r) Prover o alumnado-traballador do equipamento indispensable, que deberá estar dispoñible para o seu uso no momento que sexa necesario para o correcto desenvolvemento do proxecto formativo, atendendo ás distintas morfoloxías físicas.

s) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

t) Inserir, polo menos, un número mínimo do alumnado-traballador do programa de formación-emprego en función do número de persoas participantes de cada un, tendo en conta a escala que se indica no artigo 8.3, e cumprir cos compromisos de inserción laboral que se inclúan na solicitude de subvención (anexo I). A comprobación do cumprimento destes compromisos realizarase transcorridos nove (9) meses do prazo de execución do proxecto. Teranse en conta para o cumprimento deste punto as insercións como persoa traballadora por conta allea, ou por calquera outro medio, ou ben mediante a súa constitución en persoas traballadoras autónomas ou por conta propia.

u) As entidades promotoras beneficiarias achegarán a documentación e introducirán os datos correspondentes á xestión do programa a través da aplicación informática FORMAN que a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, mediante comunicación previa, poñerá á disposición destas.

Artigo 37. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 38. Incumprimento de obrigas. Reintegro da subvención

1. O incumprimento total ou parcial por parte da entidade beneficiaria das obrigas establecidas nesta, orde así como na demais normativa aplicable e, con carácter xeral, ás axudas e subvencións públicas que se outorguen con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en consideración a natureza e as causas do incumprimento e, se é o caso, a súa incidencia na formación e cualificación profesional do alumnado-traballador participante, orixinará o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas en concepto de axudas ou subvencións máis os xuros de demora nas condicións e de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo do establecido no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que cómpre reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento das obrigas de presentación de documentación exixida para a xustificación dos gastos: no caso de que non se presente ningunha documentación, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e, no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que cómpre reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.

d) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia do cobramento da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial no momento do seu vencemento: reintegro de ata un 10 % sobre o gasto subvencionado.

e) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada, establecida no artigo 36.g): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente, establecida no artigo 36.g): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

g) Incumprimento da obriga de realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións, establecida no artigo 36.n): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

h) Incumprimento das obrigas en materia de visibilidade, transparencia e comunicación, establecidas no artigo 36.o): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

i) Incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas: reintegro do 5 % sobre o gasto subvencionado.

j) Incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras axudas: reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.

k) Incumprimento da obriga de inserir un número mínimo dos alumnos traballadores do programa de formación-emprego en función do número de participantes en cada proxecto, tendo en conta a escala que se indica no artigo 8.3: reintegro do 5 % sobre o gasto subvencionado.

l) Incumprimento dos compromisos de inserción laboral incluídos na solicitude de subvención (anexo I): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

3. Os departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración facilitaranlles información aos consellos provinciais de emprego dos incumprimentos das entidades promotoras que dean lugar ao reintegro total ou parcial das axudas concedidas.

Artigo 39. Loita contra a fraude

1. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo:

https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/CA-UACI/SNCA/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx

Mentres non se habilite outra canle específica para o programa FSE+ Galicia 2021-2027, os ditos feitos poderán poñerse en coñecemento a través da seguinte:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da Canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón:

https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

Artigo 40. Asesoramento, seguimento e avaliación

1. Os departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración son os órganos encargados de realizar as tarefas de supervisión, coordinación, asesoramento, seguimento e control da xestión dos proxectos, así como das axudas e subvencións concedidas.

2. Ademais de tramitar e resolver o expediente de solicitude e, de ser o caso, transferir os fondos correspondentes, deben realizar, na forma e cos procedementos que estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, as seguintes actuacións:

a) Asistencia, apoio e asesoramento técnico e administrativo tanto á entidade promotora na preparación do proxecto como no desenvolvemento deste na realización das actividades para as cales se concede a subvención, para conseguir o éxito do proxecto: creación de emprego, cualificación, adquisición de experiencia e inserción laboral, así como a correcta realización e desenvolvemento do traballo e actividades previstas.

b) Seguimento da xestión, obtendo dos proxectos a información referente ao alumnado participante, persoal formador, directivo e de apoio, e calquera outro dato que se considere de interese para o seguimento puntual da xestión, especialmente daqueles que serviron de base para a concesión da subvención.

c) Control das axudas e subvencións concedidas e liquidación do expediente.

d) Control dos resultados obtidos. Para estes efectos, as entidades promotoras, aos dous meses da súa finalización, deberán presentar información dos indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2021/1057, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Social Europeo Plus (FSE+).

A Administración poderá requirir en calquera momento novos datos relativos á data en que se cumpran os seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento.

Disposición adicional primeira. Plurianualidade das axudas

O 50 % do importe total das axudas para cada proxecto terá o carácter de plurianual, de conformidade co preceptuado polo artigo 58.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Acordo do Consello da Xunta de Galicia adoptado na súa sesión do día 23 de febreiro de 2026.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa responsable da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos, e nos directores e nas directoras territoriais, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, e para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro e sancionador sinaladas nos títulos II, III e IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional terceira. Réxime de infraccións e sancións

As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, de conformidade co previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2026

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file