O Decreto 196/2012, do 27 de setembro, crea a Axencia de Turismo de Galicia, entidade co obxectivo básico de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo. Entre o seu obxecto atópase o impulso á innovación, á investigación, á formación e a cualificación das empresas e profesionais do sector turístico. Dentro da Axencia de Turismo de Galicia atópase o Centro Superior de Hostalaría de Galicia (en diante, CSHG) que entre as súas funcións ten o desenvolvemento da docencia e a investigación conforme as exixencias metodolóxicas e substantivas propias de toda institución do ámbito universitario.
Mediante a Orde do 4 de xullo de 2014 (DOG núm. 128, do 8 de xullo) fixáronse os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións impartidas polo CSHG.
A citada orde foi modificada pola Orde do 6 de setembro de 2016 (DOG núm. 187, do 30 de setembro), no que respecta á denominación da titulación Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña, que pasa a denominarse Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña.
Así mesmo, a Orde do 22 de agosto de 2017 (DOG núm. 168, do 5 de setembro) e a Orde do 3 de outubro de 2019 (DOG núm. 199, do 18 de outubro) modifican o seu artigo 3 e a segunda delas tamén fixa os prezos privados para o alumnado que obteña unha bolsa ou axuda ao estudo.
A Orde do 2 de novembro de 2022 (DOG núm. 214, do 10 de novembro) modificou novamente a Orde do 4 de xullo de 2014, xa que no curso 2022/23 o CSHG comezou a impartir o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, ao tempo que se actualizaron os conceptos de reserva de praza e anticipo de matrícula e se actualizaron os conceptos que incluía a matrícula ordinaria.
Por último, a Orde do 29 de maio de 2024 (DOG núm. 110, do 7 de xuño) modificou a Orde do 4 de xullo de 2014, para reducir o importe da matrícula tanto do Diploma Superior en Xestión Hoteleira e no grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, actualizando o contido dos conceptos que inclúe a matrícula, e establecer o importe de matrícula e conceptos que incluirá esta para a titulación de Curso Superior de Chef de Cociña e Pastelaría.
Faise preciso realizar unha nova modificación da Orde do 4 de xullo de 2014, para eliminar os prezos previstos para a titulación xa extinguida de Diploma Superior en Xestión Hoteleira e os estudos a tempo parcial do grado, así como actualizar os prezos da matrícula, que se reducen ao eliminar o servizo de comida como obrigatorio. Este pasará a ser un servizo opcional e de pago para o alumnado.
Suprímese tamén a referencia aos importes dos prezos das bolsas e remítese a unha resolución a posibilidade do seu establecemento.
Esta orde consta dun artigo único, no cal se modifican o artigo 6 e o anexo.
Na súa virtude, vista a proposta formulada pola Axencia de Turismo de Galicia e logo do informe favorable da Consellería de Facenda e Administración Pública, esta consellería
DISPÓN:
Artigo 1. Modificación da Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalaría de Galicia
Un. O artigo 6 queda redactado como segue:
«Artigo 6. Bolsas
1. O centro directivo con competencias en materia de turismo poderá establecer bolsas e axudas dirixidas a compensar o custo da matrícula obxecto desta orde.
2. Os/as alumnos/as que, ao formalizaren a súa matrícula, reúnan as condicións para solicitar unha bolsa ou axuda ao estudo deberán facer o correspondente anticipo de matrícula para o curso en que se matriculen. Se posteriormente non obteñen a condición de bolseiro/a ou se lles fose revogada a bolsa concedida, estarán obrigados/as ao aboamento do prezo correspondente á matrícula que efectuaron, descontando a cantidade adiantada en concepto de anticipo de matrícula».
Dous. O anexo queda redactado como segue:
«ANEXO
Prezos privados dos estudos
1. Prezos de matrícula ordinaria por titulación:
• Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras: 3.500,00 €.
• Curso Superior de Chef de Cociña e Pastelaría: 3.500,00 €.
2. Prezos anticipo matrícula e outros:
• Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras:
– Anticipo de matrícula: 350,00 €.
– Dereitos de matrícula por materia: 40,00 € (crédito ECTS).
• Curso Superior de Chef de Cociña e Pastelaría:
– Anticipo de matrícula: 350,00 €.
• Diploma Superior en Xestión Hoteleira (en extinción):
– Dereitos de exame (3ª a 6ª convocatoria): 246,77 €.
3. Conceptos que inclúe a matrícula ordinaria:
• Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras:
– Dereitos de matrícula no CSHG.
– Apertura de expediente e servizos xerais no CSHG.
– Docencia: sesións teóricas e prácticas, sesións de titoría.
– Dereitos de exame de 1ª convocatoria (dúas oportunidades por curso académico).
– Uniformes de prácticas.
– Set de utensilios de traballo (para cociña e servizos).
– Excursións de interese docente organizadas polo CSHG.
– Almorzo de luns a venres, durante o período docente de acordo co calendario académico en curso.
– Uso de instalacións deportivas do CSHG.
• Curso Superior de Chef de Cociña e Pastelaría:
– Dereitos de matrícula.
– Apertura de expediente e servizos xerais no CSHG.
– Docencia: sesións teóricas e prácticas, sesións de titoría.
– Uniformes de prácticas.
– Set de utensilios de traballo.
– Excursións de interese docente organizadas polo CSHG.
– Almorzo de luns a venres, durante o período docente de acordo co calendario académico en curso.
– Uso de instalacións deportivas do CSHG».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
