DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 7 de abril de 2026 Páx. 21561

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 17 de marzo de 2026, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa ao deslindamento do monte veciñal en man común Da Costa, no concello de Carballeda de Avia, e unha propiedade particular.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Da Costa, pertencente á CMVMC de Santo Estevo, no concello de Carballeda de Avia, e unha propiedade particular, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 11.9.2025, a CMVMC de Santo Estevo presentou un escrito (Rexel 2023/2483095) en que solicita a aprobación dun deslindamento cunha propiedade particular:

– Certificación do acordo adoptado na asemblea xeral en que se autorizou o deslindamento.

– Levantamento topográfico de parcela situada na Costa, lugar de Santo Estevo.

Segundo. O 22.9.2025, o Servizo de Montes de Ourense emitiu un informe favorable ao considerar que non existe unha afección significativa sobre a integridade territorial do monte.

Terceiro. O 9.10.2025 publicouse no DOG o anuncio polo que se facía pública a proposta de deslindamento e se abría o período de alegacións, anuncio que tamén se lle remitiu ao Concello de Carballeda de Avia para os efectos da súa publicación no taboleiro de anuncios.

Completado o dito período de audiencia e información pública, non se recibiu alegación ningunha nesta Administración.

Cuarto. O 3.12.2025, a CMVMC de Santo Estevo presentou outra solicitude (Rexel 2025/3369041) coa que instaba a continuación do procedemento, achegando a seguinte documentación:

• Acta de conciliación redactada o 27.11.2025 no Xulgado de Paz de Carballeda de Avia.

Quinto. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 9 de decembro de 2025 en relación coa citada solicitude.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. Esta resolución dítase ao abeiro do artigo 54 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento de montes veciñais con propiedades particulares. E establece que no caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola asemblea xeral, darase traslado ao Xurado Provincial dos acordos alcanzados e, cando menos, da seguinte documentación: acta do deslindamento, memoria descritiva cos planos topográficos, acta de conciliación redactada no xulgado de paz ou de primeira instancia correspondente e certificacións de aprobación por parte da comunidade. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común ditará a resolución aprobatoria do deslindamento e notificarállela ás persoas interesadas. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 9 de decembro de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 23 de febreiro de 2026:

Aprobar o acto de conciliación acadado entre o MVMC Da Costa, pertencente á CMVMC de Santo Estevo, no concello de Carballeda de Avia, e unha propiedade particular.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 17 de marzo de 2026

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense