Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Portela, Serra de Pitós e Revolta, pertencente á CMVMC da parroquia de Requiás, no concello de Muíños, e unha propiedade particular, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 29.9.2023 a CMVMC da parroquia de Requiás presentou un escrito (Rexel 2023/2657986) en que solicita a aprobación dun deslindamento con 3 propiedades particulares. Coa dita solicitude achegaba, entre outros, os seguintes documentos:
– Acta da asemblea xeral en que se autorizou o deslindamento.
– Certificacións catastrais e/ou do padrón de IBI rústica das parcelas núm. 1460, 1461 e 1466 do polígono 73.
Segundo. O 3.11.2023, o Servizo de Montes de Ourense emitiu un informe favorable ao considerar que non existe unha afección significativa sobre a integridade territorial do monte.
Terceiro. O 20.11.2023 publicouse no DOG o anuncio polo que se facía pública a proposta de deslindamento e se abría o período de alegacións; anuncio que tamén se lle remitiu ao Concello de Coles para os efectos da súa publicación no taboleiro de anuncios.
Cuarto. O 15.7.2024, a CMVMC da parroquia de Requiás presentou unha solicitude complementaria (Rexel 2024/2218328) en que instaba a continuación (parcial) do procedemento, achegando a seguinte documentación:
• Acta de conciliación redactada o 22.6.2024, no Xulgado de Paz de Muíños.
Quinto. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 22 de setembro de 2025 en relación coa citada solicitude.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 54 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segunda. O artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento de montes veciñais con propiedades particulares. E establece que no caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola asemblea xeral, darase traslado ao Xurado Provincial dos acordos alcanzados e, cando menos, da seguinte documentación: acta do deslindamento, memoria descritiva cos planos topográficos, acta de conciliación levantada no xulgado de paz ou de primeira instancia correspondente e certificacións de aprobación por parte da comunidade. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ditará a resolución aprobatoria do deslindamento e notificarállela ás persoas interesadas. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 22 de setembro de 2024, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 23 de febreiro de 2026:
Aprobar o acto de conciliación acadado entre o MVMC Portela, Serra de Pitós e Revolta, pertencente á CMVMC da parroquia de Requiás, no concello de Muíños, e unha propiedade particular.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 17 de marzo de 2026
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
