DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 7 de abril de 2026 Páx. 21519

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANUNCIO do 4 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, polo que se fan públicas as datas, horas e lugares para o levantamento das actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polas instalacións de enerxía eléctrica do proxecto denominado parque eólico Coto Muíño, nos concellos de Vimianzo e Zas (A Coruña), promovido por Greenalia Wind Power Coto Muíño, S.L.U. (expediente IN408A/2019/022).

Pola Resolución do 13 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, outorgáronse as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a declaración de utilidade pública das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Coto Muíño e a súa liña de evacuación, sito nos concellos de Vimianzo e Zas (A Coruña) e promovido por Greenalia Wind Power Coto Muíño, S.L.U. (expediente IN408A/2019/022). Esta resolución publicouse no DOG núm. 247, do 23 de decembro de 2025.

A declaración de utilidade pública, segundo o previsto no artigo 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, implica a necesidade de ocupar os bens ou adquirir os dereitos afectados e a súa urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

En virtude do anterior, de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, as persoas afectadas coas que non se alcanzou acordo, incluídas na relación de bens e dereitos afectados deducida da publicada mediante a Resolución do 13 de novembro de 2025, deberán comparecer no seguinte lugar e data:

Día 28 de abril de 2026, na Casa do Concello de Zas.

Esta relación permanecerá exposta, para os efectos oportunos, no taboleiro de anuncios do Concello de Zas, así como na páxina web oficial desta consellería:

https://medioambiente.xunta.gal/enerxias-renovables/outros-anuncios

Ás persoas afectadas tamén se lles remitirá unha citación individual, en que se indicarán expresamente o día e a hora asignados para o levantamento das actas previas á ocupación. Así mesmo, o calendario de actuacións permanecerá exposto no taboleiro de anuncios do Concello de Zas. Todas as persoas interesadas, así como as que teñan calquera tipo de dereito ou interese sobre os bens, deberán comparecer persoalmente ou representadas por unha persoa debidamente autorizada, achegando os documentos que acrediten a súa titularidade, e poderán asistir acompañadas dos seus peritos e dun notario por conta propia.

Así mesmo, advírtese a todas as persoas interesadas que poderán formular alegacións ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático ata o momento do levantamento de actas previas, para os únicos efectos de emendar posibles erros que se cometesen ao relacionar os bens afectados pola urxente ocupación, segundo establece o artigo 56 do regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2026

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático