Coa entrada en vigor da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual, o 17 de marzo de 2011, o Consello da Xunta de Galicia autorizou a elevación a definitiva e a transformación en licenza do servizo de comunicación audiovisual radiofónica na localidade de Chantada (Lugo) 90,4 Mhz, así como o cambio da titularidade da licenza a favor de Radio Marineda, S.L.U. No acordo establécese que o prazo de vixencia da licenza é de 15 anos a partir da data do acordo de transformación polo Consello da Xunta (DOG núm. 76, 18 de abril de 2011).
De conformidade co establecido no artigo 29.2 da Lei 13/2022, do 7 de xullo, xeral de comunicación audiovisual, posto que a licenza cumpre os requisitos previstos na citada norma, realízase a súa renovación automática.
Segundo as competencias previstas no artigo 149.1.27 da Constitución e no artigo 34 do Estatuto de autonomía de Galicia, e as funcións atribuídas no Decreto 135/2024, do 20 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 16/2025, do 10 de marzo, unha vez transcorrido o prazo outorgado de 15 anos, por aplicación directa do artigo 29.2 da Lei 13/2022, do 7 de xullo, en cumprimento dos seus requisitos, entre outros, sobre a base do disposto no artigo 10.b) do Decreto 102/2012, do 29 de marzo, polo que se desenvolve o servizo de comunicación radiofónica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, visto o informe emitido pola Asesoría Xurídica Xeral,
DECLARO:
1. A renovación automática da licenza correspondente ao servizo de comunicación audiovisual radiofónico na localidade de Chantada (Lugo), na frecuencia 90,4 Mhz, por un prazo de vixencia de 15 anos.
2. A renovación producirá efecto desde a data de vencemento da licenza e a súa titular está obrigada a garantir as condicións e os requisitos establecidos na normativa vixente en materia de comunicación audiovisual.
3. De conformidade co disposto pola Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 240, do 11 de decembro), a renovación de licenzas para a prestación de servizos de comunicación audiovisual está suxeita ao pagamento dunha taxa.
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2026
Pedro Francisco Rojo Otero
Secretario xeral de Medios
