Unha vez examinado o expediente de extinción da Fundación Averhó, presentado ante o Protectorado de Fundacións de Interese Galego, resultan os seguintes feitos e consideracións legais:
Feitos
Primeiro. O 16 de outubro de 2025 a Fundación solicita a ratificación polo Protectorado do acordo de extinción adoptado polo Padroado na súa reunión do 6 de outubro de 2025.
Segundo. A Fundación Averhó constituíuse en escritura pública outorgada na Coruña o 28 de maio de 2008, coa denominación inicial de Fundación Iblo, e está inscrita co número 2008/15 no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Correspóndelle a esta consellería o exercicio das funcións de protectorado en relación con esta fundación.
Terceiro. Os fins da Fundación indicados no artigo 6 dos seus estatutos son:
«– O deseño e implantación de ferramentas de formación, traballo e comunicación na rede, que fomente unha maior integración social das persoas con discapacidade.
– Impulsar a integración laboral por alta formación en persoas novas, especialmente no ámbito de lesionados medulares e mobilidade restrinxida, potenciando as súas capacidades diferentes e a súa orientación profesional nos sectores das novas tecnoloxías da comunicación e o entretemento, aproveitando as posibilidades actuais que ofrece a inserción laboral no ámbito das TIC e as súas aplicacións en rede».
Cuarto. Os ditos estatutos establecen no seu artigo 34 que a Fundación se extinguirá polas causas e de acordo cos procedementos establecidos pola normativa vixente, e o artigo 20 do mesmo texto atribúe ao Padroado facultade para adoptar acordos de extinción da fundación nos casos previstos pola lei.
Quinto. Xunto coa solicitude, e logo do requirimento deste Protectorado do 14 de novembro de 2025, a Fundación presentou a seguinte documentación:
– Certificado da reunión do Padroado do 6 de outubro de 2025, en que consta a aprobación do acordo de extinción pola imposibilidade de realización dos fins fundacionais.
– Memoria xustificativa tanto da concorrencia da causa de extinción, como da improcedencia ou imposibilidade de modificar os estatutos ou de levar á práctica un proceso de fusión.
– As contas da Fundación na data en que se adoptou o acordo de extinción.
– O proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación que, neste caso, é inexistente xa que a Fundación ten executados todos os seus recursos na realización das actividades en cumprimento dos seus fins.
Consideracións legais e técnicas
Primeiro. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario, para tal efecto, o acordo favorable do Padroado, ratificado polo Protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Segundo. A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes é competente para resolver esta solicitude, consonte o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en relación co artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Terceiro. O artigo 54 da Lei 12/2006 e o 21 do Decreto 15/2009 establecen o acordo de extinción entre os actos suxeitos a inscrición no Rexistro de Fundacións.
Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego e demais normativa de xeral aplicación,
DISPOÑO:
Ratificar o acordo de extinción adoptado polo Padroado da Fundación Averhó e ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, iniciando, con este acto, o correspondente procedemento de liquidación da Fundación, consonte o artigo 46 da Lei 12/2006 e o 50 do Decreto 14/2009.
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Pódese interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
