DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 13 de abril de 2026 Páx. 22355

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 6 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta, do 30 de marzo de 2026, polo que se aproba o Catálogo de bens de valor cultural no litoral de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 30 de marzo de 2026, adoptou o acordo polo que se aproba o Catálogo de bens de valor cultural no litoral de Galicia. Para xeral coñecemento, publícase o referido acordo, que figura como anexo a esa resolución.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2026

Paula Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta, do 30 de marzo de 2026, polo que se aproba o Catálogo de bens de valor cultural no litoral de Galicia

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 26.6.2025 asinouse o acordo de inicio para a elaboración do anteproxecto de decreto polo que se aproba o Catálogo de bens de valor cultural no litoral de Galicia e así dar cumprimento ao mandato legal establecido na disposición adicional sexta da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

Segundo. Iniciado o procedemento, levouse a cabo unha consulta pública a través do Portal de transparencia e Goberno aberto durante o período comprendido entre o 1.7.2025 e o 1.8.2025.

Terceiro. Finalizada a devandita consulta, elaborouse o anteproxecto de decreto, acompañado da documentación prevista no artigo 41.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e procedeuse á súa aprobación inicial como proxecto de decreto.

Cuarto. Realizouse o trámite de información pública e de audiencia. O 28.10.2025 publicouse no DOG o Anuncio do 17 de outubro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, polo que se sometía a información pública o proxecto de decreto polo que se aproba o Catálogo de bens de valor cultural no litoral de Galicia. De acordo co anterior, durante o período do 29.10.2025 ao 1.12.2025 púxose á disposición do público o texto do proxecto de decreto e o Catálogo, e permitiuse ás persoas interesadas presentar as alegacións que considerasen oportunas, en cumprimento da disposición adicional sexta da Lei 4/2023, do 6 de xullo.

Quinto. Solicitáronse informes aos órganos competentes en materia de orzamentos, igualdade, demografía, estatística e patrimonio cultural. Con data do 28.1.2026 foi emitido o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, co que se dá cumprimento ao establecido na disposición adicional sexta da Lei 4/2023, do 6 de xullo.

Sexto. Finalizada a fase de documentación e consulta, o proxecto foi sometido a informe da Asesoría Xurídica, que concluíu que non ten natureza de disposición de carácter xeral, senón de acto administrativo. En consecuencia, indicou a necesidade de adaptar o instrumento de aprobación polo Consello da Xunta á súa verdadeira natureza, ao tempo que confirmou que a tramitación seguida se axusta ao procedemento previsto na disposición adicional sexta da Lei 4/2023, sen que a realización de trámites propios das disposicións de carácter xeral comprometa a súa validez.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 148.1.3 da Constitución española recoñece ás comunidades autónomas a posibilidade de asumir a competencia sobre ordenación do territorio, urbanismo e vivenda. Galicia exerceu esta facultade, recoñecéndoa expresamente e engadindo, ademais, a ordenación do litoral no artigo 27.3 do Estatuto de autonomía (en diante, EAG).

Sobre a base das competencias autonómicas en materia de ordenación do territorio e do litoral (artigo 27.3 do EAG) aprobouse a Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. Esta lei fundaméntase, ademais, noutros títulos competenciais cando as súas previsións se proxectan sobre o medio mariño, tales como a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma sobre a pesca nas rías e nas demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura (artigo 27.15 do EAG) e sobre os portos autonómicos (artigo 27.9 do EAG). Inclúe tamén a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de ordenación do sector pesqueiro (artigo 28.5 do EAG) e portos pesqueiros (artigo 28.6 do EAG), así como a competencia de execución da lexislación do Estado en materia de salvamento marítimo (artigo 20.3 do EAG) e verteduras industriais e contaminantes en augas territoriais do Estado correspondentes ao litoral galego (artigo 29.4 do EAG), por citar os títulos máis significativos. Débense engadir á anterior relación as competencias que lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ambiente, perfiladas progresivamente polo Tribunal Constitucional na interpretación do artigo 149.1.23 da Constitución española, que atribúe ao Estado a competencia exclusiva para ditar a «lexislación básica sobre a protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de establecer normas adicionais de protección». Estas competencias complétanse coa asunción estatutaria recollida no artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia, que recoñece a competencia exclusiva sobre «normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23».

Segundo. A Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, persegue a protección, conservación e mellora do patrimonio cultural do litoral. Así o establece o artigo 3, que recolle entre os fins da lei «a protección, a conservación e a mellora do patrimonio cultural do litoral a través de accións orientadas á súa posta en valor, á súa recuperación e á súa rehabilitación».

A exposición de motivos da Lei 4/2023, do 6 de xullo, destaca que «singularizar o litoral de Galicia e recoñecer as súas particularidades significa identificar os usos e as actividades que se veñen realizando e os que necesariamente deben desenvolverse nel, non só sen prexudicar, senón poñéndoo en valor e significándoo como unha fonte de riqueza, benestar e cohesión social. Algúns deses usos constitúen unha riqueza propia de Galicia e resultan estratéxicos para o desenvolvemento sustentable do litoral. Por iso, o título IV da lei identifícaos como «actuacións estratéxicas» e establece as medidas legais necesarias para que poidan levarse a cabo co máximo respecto ao ambiente e á paisaxe, e na mesma medida con eficacia e seguridade xurídica».

Terceiro. En coherencia con este marco, o artigo 54 declara estratéxicas as intervencións sobre o patrimonio cultural do litoral, mentres que o artigo 58 concreta a súa regulación establecendo a aplicación preferente das medidas derivadas da normativa de patrimonio cultural sobre a normativa de costas.

Cuarto. A disposición adicional sexta da Lei 4/2023, do 6 de xullo, establece que o Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de ambiente, logo do informe favorable do departamento competente en materia de patrimonio cultural, aprobará un catálogo de bens de valor cultural no litoral, sobre os cales se poderán promover as actuacións estratéxicas recollidas no artigo 58 desta lei.

De acordo co exposto e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia, tras o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Aprobar o Catálogo de bens de valor cultural no litoral de Galicia, inserido como anexo, para dar cumprimento ao mandato legal establecido na disposición adicional sexta da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

Segundo. Integrar os bens catalogados no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Terceiro. De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2023, do 6 de xullo, a incorporación dun ben inmoble ao catálogo obrigará os concellos en cuxo territorio se localice a incorporalo ao planeamento urbanístico xeral e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección, conservación e uso.

Cuarto. Este acordo será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. O Catálogo de bens de valor cultural no litoral de Galicia está dispoñible na seguinte ligazón, onde se poden consultar a relación de bens que forman parte del e as súas fichas correspondentes:

https://www.xunta.gal/medio-ambiente/galicia-litoral/catalogo-bens-culturais

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación deste acordo, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

ANEXO I

Catálogo de bens de valor cultural no litoral de Galicia

O Catálogo de bens de valor cultural no litoral de Galicia está dispoñible na seguinte ligazón, onde se pode consultar a relación de bens que forman parte del e as súas fichas correspondentes:

https://www.xunta.gal/medio-ambiente/galicia-litoral/catalogo-bens-culturais