DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 15 de abril de 2026 Páx. 22998

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2026 pola que se procede á apertura dun período de elección do provisor de asistencia sanitaria especializada na Área Sanitaria de Vigo.

O Servizo Galego de Saúde formalizou, con data do 11 de abril de 2025, un concerto coa entidade Hospital Povisa, S.A. para a prestación dos servizos de asistencia sanitaria especializada incluídos na súa carteira de servizos á poboación beneficiaria da Seguridade Social e protexida polo Servizo Galego de Saúde que libremente o elixa, asignada aos centros de saúde dos concellos de Cangas do Morrazo, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e aqueloutros do Concello de Vigo que a Administración determine.

Na cláusula 1.2 do prego de prescricións técnicas particulares deste concerto establécese que a Xerencia do Servizo Galego de Saúde, mediante resolución, establecerá o procedemento e o prazo para que os beneficiarios da Seguridade Social que ten a obriga de protexer poidan elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada.

Co obxecto de facer efectiva a posibilidade de elección indicada, por medio desta resolución,

ACORDO:

Primeiro. Os beneficiarios da Seguridade Social dos centros de saúde dos concellos de Cangas do Morrazo, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar así como os dos centros de saúde de Coia, Bouzas, Coruxo, Navia, Pintor Colmeiro, Olimpia Valencia, Rosalía e Beiramar, estes últimos no concello de Vigo, poderán solicitar a inclusión no Complexo Hospitalario Universitario da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, ou ser asignados á área de Povisa, como provisores de asistencia sanitaria especializada.

Segundo. A solicitude de cambio de provisor de asistencia sanitaria especializada efectuaraa a persoa interesada (solicitante) ou mediante un/unha titor/a legal, quen achegará a seguinte documentación:

a) Solicitude do acordo cos modelos que estarán dispoñibles na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

b) Documento acreditativo da identidade da persoa solicitante: DNI, pasaporte ou documento de identidade do seu país.

c) Para as persoas estranxeiras: documento acreditativo da súa residencia legal en España: tarxeta de identidade de estranxeiro (TIE), pasaporte ou visado.

Os documentos deberán ser presentados no momento de formular a solicitude

No caso de presentar a solicitude un/unha titor/a ou persoa autorizada:

– Fotocopia do DNI, TIE ou pasaporte do/a representante.

– Documento acreditativo da titoría legal ou, de ser o caso, orixinal da autorización específica do interesado/a.

A solicitude presentarase no centro de saúde que por razón de residencia lle corresponda á persoa interesada, ou nos servizos de admisión de calquera dos centros hospitalarios integrados na Área Sanitaria de Vigo.

Se a documentación presentada non está completa ou ten algún defecto, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición.

Terceiro. Tamén será posible efectuar a opción de cambio a través da internet, nas condicións que se explicitan na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Cuarto. Non será posible tramitar a opción de cambio nos seguintes supostos:

a) Mentres a persoa usuaria estea hospitalizada nun ou noutro hospital, ou ben cando iniciase un tratamento de radioterapia e/ou quimioterapia.

b) Cando as solicitudes recibidas excedan o límite máximo de persoas usuarias que Povisa pode ter asignadas segundo o concerto.

Quinto. O período para que os beneficiarios da Seguridade Social indicados no acordo primeiro desta resolución exerzan o seu dereito a elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada será o comprendido nos 30 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. As solicitudes de cambio para un ou outro hospital entenderanse estimadas se se cumpren as condicións referidas nesta resolución, e a data de cambio será a que corresponda á súa mecanización efectiva na Unidade de Tarxeta Sanitaria. Os usuarios poderanse informar deste aspecto na área administrativa do seu centro de saúde.

As solicitudes desestimadas comunicaranse sempre mediante un escrito en que conste o motivo da desestimación.

Sétimo. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2026

José Ramón Parada Jorgal
Xerente do Servizo Galego de Saúde

missing image file
missing image file