DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 15 de abril de 2026 Páx. 22984

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 6 de abril de 2026 pola que se convoca o II Curso monográfico de actualización de criterios de actuación no ámbito tributario autonómico galego.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo) e os obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP), recollidos no Protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do devandito instituto,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Axencia Tributaria de Galicia (en diante, Atriga), o II Curso monográfico de actualización de criterios de actuación no ámbito tributario autonómico galego, de acordo coas bases que se indican a continuación:

Primeira. Obxectivos

Profundar a través do debate e a exposición sobre aspectos controvertidos na aplicación dos tributos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia, mediante a revisión desde un punto de vista normativo, doutrinal, académico e xurisprudencial e cunha clara orientación dinámica e práctica que permita o intercambio de información e coñecementos entre todos os axentes implicados na aplicación do sistema tributario.

Segunda. Contidos

Os temas principais que se van tratar nesta actividade formativa serán os seguintes:

• Afectación dos activos empresariais. Emprego de ratios económico-financeiras para a súa análise.

• Beneficios fiscais dos activos afectos empresariais: medio e carga da proba.

• O contrato vitalicio. Regulación civil e tratamento tributario.

• Pactos sucesorios no dereito civil propio e no dereito foral.

• Tributación dos pactos sucesorios.

• A doutrina do «dobre tiro».

• A constitucionalidade do valor de referencia.

• Revisión da última doutrina en materia recadatoria.

• O interese casacional na materia tributaria.

Terceira. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ás seguintes persoas destinatarias:

• Persoal empregado público da Atriga e persoal das oficinas liquidadoras de distrito hipotecario (en diante, OOLLDH). Este persoal terá preferencia na selección.

• Persoal empregado público que desempeñe funcións do ámbito tributario (autonómico, estatal e local) aplicativas ou de revisión.

• Colectivo de colaboradores sociais da Atriga.

• Outro persoal empregado público das administracións públicas de Galicia e persoas interesadas en xeral.

Cuarta. Desenvolvemento

Datas: 7 e 8 de maio de 2026.

Horario: de mañá e tarde o día 7 de maio e só de mañá o día 8 de maio.

Horas lectivas: 12.

Modalidades de impartición: simultaneamente en presencial e telepresenza.

– Edición: Santiago de Compostela.

Lugar de desenvolvemento na modalidade presencial: EGAP; rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

– Edición: telepresenza.

Modalidade de telepresenza: seguimento a través da aula virtual da EGAP (https://egap.xunta.gal/aulavirtual/).

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

1. Ordenador de mesa, portátil ou smartphone.

2. Conexión estable á internet.

3. Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

4. Altofalantes (se o monitor ou equipo non dispón deles).

Na web da EGAP está dispoñible un manual de axuda coa información necesaria para conectarse e utilizar a plataforma de telepresenza da EGAP. Pode accederse ao devandito manual desde a seguinte ligazón:

https://egap.xunta.gal/Documentos/recursos/[1646047015]MANUAL_TELEPRESENZA_PARA_USUARIOS.pdf

As persoas solicitantes só poderán matricularse nunha das dúas edicións, segundo a modalidade en que soliciten realizar a actividade formativa.

Quinta. Número de prazas

Nas edicións Santiago de Compostela e telepresenza: ata completar a capacidade.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co requirido e establecido na base terceira desta resolución respecto das persoas destinatarias.

3. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas), despois, seleccionar no nome do curso II Curso monográfico de actualización de criterios de actuación no ámbito tributario autonómico galego e, por último, seleccionar a edición en que queren realizar a actividade (Santiago de Compostela ou telepresenza).

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 23 de abril de 2026.

6. A presentación da solicitude para participar comportará o consentimento da persoa interesada para a gravación da sesión.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico <novas.egap@xunta.gal> ou, en horario das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Protección de datos persoais e comprobación de datos

1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación na modalidade de telepresenza da acción formativa convocada a través desta resolución, así como aqueloutros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola EGAP, na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar na acción formativa mencionada anteriormente serán publicados conforme o detallado na base novena desta resolución. Así mesmo, os datos dos alumnos e das alumnas relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.

As sesións das actividades impartidas na modalidade de telepresenza serán gravadas coa finalidade de ofrecerlle ao alumnado a posibilidade do seu visionamento posterior como material de estudo, así como para a resolución de posibles reclamacións. En todo caso, o alumnado, se o estima oportuno, poderá desactivar a súa cámara e/o micrófono e participar a través do chat de acordo coas indicacións do persoal docente. Estas gravacións conservaranse á disposición do alumnado e profesorado durante o tempo que dure a acción formativa ou, de ser o caso, ata que finalice a avaliación do alumnado. A retransmisión das sesións formativas, así como a gravación destas, poderán ser accesibles unicamente ao profesorado e alumnado a que van dirixidas e ao persoal da EGAP autorizado.

Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións, e particularmente a súa compartición en redes sociais, xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual, e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non poderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.

As persoas interesadas poderán solicitar ante a persoa responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como oporse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos?langId=gl_ES. O contacto do/da delegado/a de protección de datos e información adicional atópase en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos?langId=gl_ES

2. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para tramitar o procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opoñen que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte correo electrónico: novas.egap@xunta.gal

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

5. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de selección

A admisión levarase a cabo de acordo co indicado na base terceira desta convocatoria respecto ás persoas destinatarias desta actividade.

Na orde de selección terá preferencia o persoal da Atriga e das oficinas liquidadoras de distrito hipotecario (OOLLDH).

Á parte da preferencia anterior, a orde de selección virá determinada, nunha e noutra edición (presencial e telepresenza), pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as relacións de persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes recibidas for superior ao número de prazas e, de ser o caso, as persoas excluídas en cada edición, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co artigo 82.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia, asistencia e seguimento

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia deberá ser comunicada canto antes e, en todo caso e como máximo, o día 4 de maio, por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia, o seguimento e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia presencial, ou o seguimento na modalidade de telepresenza, en todas as sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e seguimento e de puntualidade.

c) As faltas de asistencia ou de seguimento da actividade:

c.1. As faltas de asistencia ou de seguimento desta actividade non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia ou de seguimento superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas sempre que a súa asistencia ou seguimento sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, as datas e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Duodécima. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, nas dúas modalidades, así como a facultade de cancelala, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización; nese caso empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2026

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública