DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 16 de abril de 2026 Páx. 23122

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 31 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia no curso 2025/26 (código de procedemento ED322A).

BDNS (Identif.): 898315.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/898315

Primeiro. Persoas beneficiarias

O alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia e que obtivese unha axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación cunha mobilidade en países do programa no curso 2025/26.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participan no citado programa de mobilidade na educación superior durante o curso 2025/26.

Terceiro. Requisitos

1. Poderá solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado/a en estudos conducentes a unha titulación de grao en ensinanzas artísticas superiores (nivel MECES 2) no curso 2025/26 en calquera dos centros públicos de ensinanzas artísticas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ser beneficiario/a no curso 2025/26 da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación cunha mobilidade en países do programa.

c) Non ter desfrutado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

2. Queda excluído desta convocatoria o alumnado que, con nacionalidade distinta á española ou con dobre nacionalidade, realice a mobilidade nos seus países de orixe ou nalgún país do que é nacional.

3. Así mesmo, queda excluído da convocatoria o alumnado que non se desprace ao país de destino.

Cuarto. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Quinto. Duración e contía das axudas

As axudas concederanse para estadías dun máximo de nove meses e dun mínimo de dous meses.

O importe global previsto na orde é de 40.000 €.

As axudas terán a seguinte contía, en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+:

a) De 195 €/mes para un país de destino do grupo 1.

b) De 165 €/mes para un país de destino do grupo 2.

c) De 125 €/mes para un país de destino do grupo 3.

As persoas solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e teñan a documentación completa no prazo sinalado recibirán a axuda económica establecida, comezando desde os expedientes con maior nota media e ata esgotar o crédito orzamentario. No caso de existir remanente de crédito unha vez distribuída a cantidade prevista, adxudicarase segundo o indicado na orde da convocatoria.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional