DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 16 de abril de 2026 Páx. 23125

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2026, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, pola que se establece e se habilita na sede electrónica da Xunta de Galicia o procedemento de solicitude, por parte de persoas xurídicas e físicas, da condición de persoa interesada nos proxectos industriais estratéxicos (código de procedemento IN301C).

O Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, sinala no seu artigo 18 que corresponde á Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético a tramitación, como órgano substantivo, dos procedementos de aprobación e autorización da implantación dos proxectos industriais estratéxicos, dos proxectos de interese autonómico de carácter industrial, dos proxectos incluídos dentro do Programa de impulso e aceleración de proxectos industriais, así como doutros proxectos industriais.

O marco normativo destes proxectos vén recollido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial. A Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, engadiu a este texto refundido a disposición adicional décimo primeira en que se recollen as garantías procedementais aplicables aos proxectos industriais estratéxicos, e no que se prevé o establecemento dun modelo específico de presentación de solicitudes de recoñecemento de persoa interesada nos proxectos industriais estratéxicos.

Esta previsión realízase ao abeiro do regulado nos artigos 4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 2.2 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, en relación co artigo 23 do mesmo texto normativo.

En primeiro lugar, o artigo 4 da Lei 39/2015 dispón:

1. Considéranse interesados no procedemento administrativo:

a) Os que o promovan como titulares de dereitos ou intereses lexítimos individuais ou colectivos.

b) Os que, sen teren iniciado o procedemento, teñan dereitos que poidan resultar afectados pola decisión que nel se adopte.

c) Aqueles cuxos intereses lexítimos, individuais ou colectivos, poidan resultar afectados pola resolución e comparezan no procedemento mentres non se dite a resolución definitiva.

2. As asociacións e organizacións representativas de intereses económicos e sociais serán titulares de intereses lexítimos colectivos nos termos que a lei recoñeza.

3. Cando a condición de interesado derive dalgunha relación xurídica transmisible, o habente dereito sucederá en tal condición calquera que for o estado do procedemento.

En segundo lugar, o artigo 2.2 da Lei 27/2006 define as persoas interesadas:

a) Toda persoa física ou xurídica en que concorra calquera das circunstancias previstas no artigo 31 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime jurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (referencia que debe entenderse efectuada ao artigo 4 da Lei 39/2015).

b) Calquera persoa xurídica sen ánimo de lucro que cumpra os requisitos establecidos no artigo 23 desta lei.

Pola súa banda, o artigo 23 desta norma, no seu punto primeiro, sinala sobre a lexitimación:

1. Están lexitimadas para exercer a acción popular regulada no artigo 22 calquera persoa xurídica sen ánimo de lucro que acredite o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que teña entre os fins acreditados nos seus estatutos a protección do ambiente en xeral ou a dalgún dos seus elementos en particular.

b) Que se constituíu legalmente polo menos dous anos antes do exercicio da acción e que veña exercendo de modo activo as actividades necesarias para alcanzar os fins previstos nos seus estatutos.

c) Que segundo os seus estatutos desenvolva a súa actividade nun ámbito territorial que resulte afectado pola actuación ou, se é o caso, a omisión administrativa.

Deste xeito, coa finalidade de dotar de maior garantía xurídica o procedemento e dar cumprimento aos principios de eficacia, economía e celeridade, prevese o establecemento dun modelo específico de presentación de solicitudes de recoñecemento de persoa interesada.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

a) Habilitar, na sede electrónica da Xunta de Galicia, o procedemento de presentación de solicitudes, por parte de persoas xurídicas e físicas, do recoñecemento da condición de persoa interesada nos proxectos industriais estratéxicos en tramitación dos que sexa órgano substantivo a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético. O procedemento terá asignado o código IN301C.

b) Aprobar e dar publicidade ao modelo de solicitude de recoñecemento da condición de persoa interesada nos proxectos industriais estratéxicos en tramitación mediante o formulario recollido no anexo I desta resolución.

Segundo. Prazo de presentación

As persoas físicas e xurídicas poderán presentar a solicitude de recoñecemento da condición de persoa interesada durante a tramitación do procedemento de declaración de proxecto industrial estratéxico e antes de que se dite resolución definitiva.

Terceiro. Forma e lugar de presentación

As solicitudes deberán ser individualizadas e axustaranse ao modelo recollido no anexo I desta resolución. Se a solicitude de recoñecemento da condición de persoa interesada nos proxectos industriais estratéxicos non se axusta a este modelo, requirirase a persoa solicitante para a súa emenda nos termos do artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a disposición adicional décimo primeira do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, agás que a solicitude se integre no escrito de alegacións, tal e como expresamente se exclúe no punto segundo desta disposición adicional.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria e as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requerirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Cuarto. Documentación complementaria

1. A solicitude deberá xuntarse coa documentación xustificativa que acredite a condición de persoa interesada no proxecto industrial estratéxico en tramitación.

No caso de que se presente unha solicitude en nome doutra persoa, deberá acreditarse a representación mediante calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia.

No caso de non constar esta representación no momento da solicitude, requirirase a persoa interesada para que acredite a representación e concederáselle para este efecto o prazo de dez (10) días hábiles. No caso de non resultar acreditada no devandito prazo, podernase declarar desistidos da súa solicitude.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Quinto. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario da solicitude e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sexto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sétimo. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Oitavo. Actualización de modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Noveno. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Economía e Industria, no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, nos termos establecidos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2026

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file