Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Nedgia, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na avenida américa, 38, 28028 Madrid, resultan os seguintes:
Feitos:
Primeiro. O 13 de decembro de 2024, a mercantil Nedgia, S.A., solicitou a aprobación do proxecto de execución denominado Acometida en MOP 16 bar a nova ERM de Nedgia Galicia, S.A., na avenida Mar, no concello de Fene, A Coruña, promovido por Nedgia, S.A.
Conforme o anterior e coa finalidade de cumprir as exixencias técnicas de conexión coa rede de distribución necesarias para atender a petición de subministración de gas, a empresa distribuidora Nedgia, S.A. presentou ante deste departamento territorial, entre outra, a seguinte documentación:
a. Proxecto de execución denominado Acometida en MOP 16 bar a nova ERM de Nedgia Galicia, S.A., na avenida Mar, no concello de Fene, A Coruña, subscrito por Alejandra Risco Barba, enxeñeira técnica industrial (colexiada número 25.430, do COETIM), o 13.11.2024.
b. Anexo ao proxecto denominado Contestación a requirimiento, asinado por Alejandra Risco Barba, enxeñeira técnica industrial química, número de colexiada 25.430 de Madrid (COETIM), o 14.10.2025.
c. Declaración responsable asinada o 14.10.2025 pola técnica proxectista, nos termos dispostos na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG número 229, do 30 de novembro), sobre os criterios que se deberán aplicar para exixir visado colexial en materia de industria e enerxía.
d. Solicitude de outorgamento de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución das instalacións recollidas no antedito proxecto.
Para a súa tramitación, á dita solicitude foille asignado o número de expediente administrativo IN627A 2024/007-1.
Segundo. Mediante o Acordo do 30 de decembro de 2024, do Departamento Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa da infraestrutura gasística de distribución, que foi publicada no DOG (24 de febreiro de 2025, número 37), no BOP da Coruña (9 de xaneiro de 2025, número 5) e nos xornais La Voz de Galicia (24 de febreiro de 2025) e La Opinión de A Coruña (24 de febreiro de 2025).
O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (COEIG) presentou, o día 9.4.2025 un escrito de alegacións, que se resumen principalmente na falta de acreditación da especialidade da enxeñeira industrial que asina o proxecto, considerando que os enxeñeiros industriais, cunha formación xeneralista e multidisciplinar, son os únicos que poden asinar un proxecto como o que se está a tramitar no expediente administrativo, dado que a instalación ten un carácter complexo, cuxa execución se enmarca en diferentes especialidades, polo que un enxeñeiro técnico industrial que só foi formado nunha especialidade concreta non o pode asinar.
Remitíronse as alegacións recibidas a Nedgia, S.A., que contestou o 15.5.2025 e achegou unha declaración responsable de Alejandra Risco Barba e unha relación da súa experiencia profesional no sector gasista, e alegou o seguinte:
Primeira. As alegacións do COEIG deben ser desestimadas por extemporáneas, ao seren presentadas unha vez que o prazo de alegacións ao acordo de información pública xa rematara.
Segunda. A normativa en vigor non prohibe que os enxeñeiros técnicos industriais asinen proxectos de instalacións de gas natural. Por outra banda, a técnica redactora do proxecto acreditou a súa competencia mediante a súa formación académica e experiencia en proxectos similares, nos cales demostrou perfecto coñecemento das normativas técnicas e de seguridade da construción de redes de gas natural.
A normativa relativa á unidade de mercado e competencia dispón que os requirimentos de titulacións concretas ou determinada formación para a prestación dun servizo profesional supoñen barreiras de acceso e reservas de actividade a favor de determinados colectivos con evidentes efectos negativos sobre a libre competencia, ao supor unha limitación á oferta de servizos profesionais no mercado. Apoian estes argumentos en xurisprudencia do Tribunal Supremo, que sinala que debe prevalecer o principio de liberdade con idoneidade fronte ao de exclusividade en canto a atribuír unha actividade concreta a profesionais directamente concernidos pola súa especialidade. Entre as ensinanzas técnicas existe unha base común de coñecementos técnicos que, con independencia das distintas especialidades, permite o desenvolvemento de profesións nas cales non son necesarios uns determinados coñecementos, senón una capacidade técnica común que se obtivo nos estudios seguidos.
O 17.9.2025 Nedgia, S.A. remite a documentación complementaria de resposta ás alegacións do COEIG, que consiste nos títulos da enxeñeira asinante do proxecto, grao en Enxeñaría Química e máster universitario de Enxeñaría Industrial na especialidade de Enxeñaría Mecánica, acompañados do plan de estudos de ambas as titulacións, onde se xustifica que a súa formación académica lle concedeu coñecementos en mecánica de fluídos e termodinámica.
Terceiro. Tendo en conta que no proxecto se reflicten afeccións a bens e dereitos do Concello de Fene, R Cable, Telefónica de España, S.A.U., UFD Distribución Electricidad, S.A. e Lyntia Networks, S.A., de conformidade co previsto no artigo 84 do Real decreto 1434/2002, solicitouse condicionado técnico destes organismos, e remitiuse separata do proxecto.
O Concello de Fene, R Cable, Telefónica de España, S.A.U. e UFD Distribución Electricidad, S.A. estableceron condicionados técnicos, que foron aceptados pola empresa Nedgia, S.A. Unha vez reiterado o condicionado técnico a Lyntia Networks, S.A., conforme o artigo 84 do Real decreto 1434/2002, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural (BOE número 313, do 31 de decembro), e transcorrido o prazo de dez días sen recibir resposta, teranse por aprobadas as especificacións técnicas propostas polo peticionario da instalación no proxecto de execución.
Así mesmo, cómpre indicar que, de acordo co artigo 75 do Real decreto 1434/2002, as autorizacións a que se refire o presente título serán outorgadas sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
Cuarto. O 24.2.2026, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable.
Consideracións legais e técnicas
1. O director territorial do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña é competente para resolver o presente expediente, ao abeiro do disposto no artigo 2 da Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio, sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas (DOG nº 244, do 21 de decembro), e Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio).
2. A normativa de aplicación a este expediente é:
• Lei 34/1998, de 7 de outubro, do sector de hidrocarburos (BOE nº 241, do 8 de outubro), modificada pola Lei 12/2007, do 7 de outubro (BOE nº 158, do 3 de xullo), que ten por obxecto renovar, integrar e homoxeneizar a distinta normativa legal vixente en materia de hidrocarburos e dispón, entre outras materias, a ordenación da subministración de gases combustibles por canalización.
• Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio (DOG nº 244, do 21 de decembro), que regula o procedemento «sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas» e, no seu artigo 2 en particular, as competencias das delegacións provinciais (actualmente, departamentos territoriais), dentro do réxime de autorizacións administrativas das canalizacións de gas, agás a normativa derrogada a que se fai referencia nesta orde.
• Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización das instalacións de gas natural (BOE nº 313, do 31 de decembro).
• Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11 (BOE nº 211, do 4 de setembro), e en particular:
– O disposto na ITC-ICG 01, Instalaciones de distribución de combustibles gaseosos por canalización, que ten como obxecto fixar os requisitos técnicos esenciais, as medidas de seguridade que deben observarse referentes ao proxectado, construción e explotación das instalacións de distribución de combustibles gasosos por canalización a que se refire o artigo 2 do citado real decreto, así como determinar as prescricións relativas ás probas que se deben realizar previamente á posta en marcha e os procedementos de operación, mantemento e control das instalacións.
3. As características máis significativas das instalacións recollidas no proxecto Acometida en MOP 16 bar a nova ERM de Nedgia Galicia, S.A., na avenida Mar, no concello de Fene, A Coruña, para as cales se está a solicitar o outorgamento da autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución, son:
Rede de gas natural en aceiro 4” en MOP 16 bar, de 10 m de lonxitude, cuxa conexión inicial será a toma en carga situada sobre a rede existente RAA-I014.3 en aceiro DN 4” MOP 16 bar e cuxo remate será a válvula de entrada da nova ERM.
Instalacións auxiliares:
– Válvula de seccionamento DN 4” (válvula de entrada á nova ERM (a ERM é obxecto doutro proxecto).
– Acometida de gas natural por anular en aceiro 4” en MOP 16 bar cuxa conexión inicial é a rede existente RAA-I014.3 en aceiro DN 4” MOP 16 bar ata a ERM Q.2500-D por anular.
4. Antes de analizar o contido das alegacións do COEIG débese sinalar que foron presentadas fóra do prazo de vinte (20) días legalmente establecido para a súa interposición. Non obstante, e en prol de garantir os principios de transparencia, boa fe e dereito de defensa, analizarase e valorarase, sen que iso supoña a validación do incumprimento do prazo inicialmente previsto.
Analizadas as alegacións presentadas e a resposta e xustificacións da empresa promotora da instalación, comprobouse que a enxeñeira Alejandra Risco Barba conta con titulación e experiencia suficiente para asinar o proxecto de execución Acometida en MOP 16 bar a nova ERM de Nedgia Galicia, S.A., na avenida Mar, no concello de Fene, A Coruña.
De acordo con todo o indicado,
RESOLVO:
Autorizar administrativamente e aprobar o proxecto de execución das instalacións de gas canalizado proxectadas e descritas nos antecedentes.
A autorización das instalacións concederase cas seguintes condicións:
a) A aprobación do proxecto de execución solicitada por Nedgia Galicia, S. A. outorgarase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables, e en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
b) Antes do inicio das obras, Nedgia Galicia, S. A. porá en coñecemento de todas as administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral con bens e dereitos ao seu cargo as respectivas afeccións que se estivesen a xerar coa execución das instalacións e poidan establecer os condicionados pertinentes. Así mesmo, deberán achegar a designación da razón social da empresa instaladora autorizada de gas que vai realizar as actuacións e o director de obra responsable delas.
c) Comunicarlle a este departamento territorial a data de inicio das obras, acompañada da documentación que acredite que dispoñen das autorizacións/licenzas/conformidades de todos os organismos ou empresas de servizos afectadas (no caso de que algunha empresa non conteste a súa solicitude acreditarán o envío da información en tempo e forma), ou declaración responsable de ter realizado as solicitudes e dispor, de ser o caso, das citadas autorizacións/licenzas/conformidades.
d) A empresa distribuidora vixiará que as canalizacións de gas respecten en todo momento as exixencias dispostas nas autorizacións e/ou informes emitidos por outras administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral e, en particular, naquelas zonas en que no subsolo se encontren instalados outros servizos, tales como electricidade, telecomunicacións, subministración de auga, etc. As conducións do gas serán instaladas de xeito que se cumpran escrupulosamente as distancias de seguridade previstas nas súas respectivas normativas sectoriais.
e) De conformidade cos criterios e exixencias previstos na regulamentación vixente, deberanse instalar os elementos de seguridade que sexan necesarios, particularmente válvulas, coidando da súa accesibilidade.
f) Se durante a fase de execución das obras se tivesen que adoptar medidas técnicas non incluídas neste proxecto e previamente á súa execución, deberase dispor da autorización deste departamento territorial.
g) Todas as modificacións efectuadas na fase de execución deberán ser recollidas na dirección de obra, sempre e cando non superen un 20 % respecto ás instalacións recollidas neste proxecto, e só no que se refire ao cambio de trazado; superado este límite, deberán achegar a correspondente addenda para a súa aprobación por parte deste departamento territorial.
h) Todas as ampliacións da rede de distribución de gas natural estarán suxeitas á presentación da correspondente addenda para a súa aprobación por parte deste departamento territorial.
i) Este departamento territorial reservará para si o dereito a deixar sen efecto a autorización que se considere procedente emitir, no momento en que se comprobe o incumprimento das condicións regulamentarias ou de calquera das condicións precedentes.
j) O prazo de execución das instalacións é dun ano desde a publicación oficial desta resolución.
k) En cumprimento do artigo 6 da Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio, a empresa distribuidora Nedgia Galicia, S.A. deberá comunicarlle con antelación a este departamento territorial as datas previstas para realización as probas regulamentarias.
l) Para os efectos da posta en marcha provisional das instalacións mediante dilixencia deste departamento territorial, presentarase un certificado da empresa distribuidora e da empresa instaladora de superación das probas regulamentarias realizadas baixo a supervisión do director de obra responsable delas, e o seu certificado de dirección de finalización da obra.
Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, nos termos establecidos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do 26 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións publicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
A Coruña, 9 de marzo de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
