DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 17 de abril de 2026 Páx. 23730

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2026, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasística de distribución denominado Proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións para substitución de ERM existente Q.2500-D por ERM nova 16/4 Q.5000-D, situada na avenida Mar, no concello de Fene, promovido por Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2024/006-1).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Nedgia Galicia, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes:

Antecedentes:

Mediante a Orde do 19 de xaneiro de 1996 outórgaselle a Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente Nedgia Galicia, S.A.) a concesión administrativa para a prestación do servizo público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais nos termos municipais de Ferrol e Fene, así como para a subministración de aire propanado, nunha primeira etapa, no concello de Ferrol.

Mediante a Resolución do 21 de xuño de 2000 (expediente número IN627 A 2000/2-1), autorízase o proxecto Aut. administrativa para acometida en A.P.A. a E.R.M en San Valentín, Fene, promovido por Gas Natural SDG, S.A. (actualmente Nedgia, S.A.).

Feitos:

Primeiro. O 11 de decembro de 2024, a mercantil Nedgia Galicia, S.A. solicitou a aprobación do proxecto de execución denominado Proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións para substitución de ERM existente Q.2500-D por ERM nova 16/4 Q.5000-D, situada na avenida Mar, no concello de Fene (A Coruña), promovido por Nedgia Galicia, S.A.

Conforme o anterior e coa finalidade de cumprir as exixencias técnicas de conexión coa rede de distribución necesarias para atender a petición de subministración de gas, a empresa distribuidora Nedgia Galicia, S.A. presentou ante deste departamento territorial, entre outra, a seguinte documentación:

a. Proxecto técnico das instalacións denominado Proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións para substitución de ERM existente Q.2500-D por ERM nova 16/4 Q.5000-D, situada na avenida Mar, no concello de Fene, A Coruña, subscrito por Alejandra Risco Barba, enxeñeira técnica industrial (colexiada número 25.430 do COETIM), o 26 de novembro de 2025.

b. Anexo denominado Contestación a requirimiento por parte da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia (expediente IN627A 2024/006-1), asinado por Alejandra Risco Barba, enxeñeira técnica industrial química, número de colexiada 25.430 de Madrid (COGETIM), o 10 de febreiro de 2026.

c. Declaración responsable asinada o 19 de agosto de 2025 pola técnica proxectista, nos termos dispostos na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 229, do 30 de novembro), sobre os criterios que se deberán aplicar para exixir visado colexial en materia de industria e enerxía.

d. Solicitude de outorgamento de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución das instalacións recollidas no antedito proxecto.

Para a súa tramitación, á dita solicitude foille asignado o número de expediente administrativo IN627A 2024/006-1.

Segundo. Mediante o Acordo do 27 de agosto de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa da infraestrutura gasística de distribución, que foi publicada no DOG número 185, do 25 de setembro de 2025; no BOP da Coruña, número 165, do 1 de setembro de 2025, e nos xornais La Voz de Galicia, do 25 de setembro de 2025, e La Opinión de A Coruña, do 25 de setembro.

Durante a fase de información pública non se achegaron alegacións, unha vez rematada a tramitación do procedemento e consonte o artigo 82.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, polo que se prescindiu do trámite de audiencia.

Terceiro. Tendo en conta que no proxecto se reflicten afeccións a bens e dereitos do Concello de Fene, R Cable, Telefonica de España, S.A.U., UFD Distribución Electricidad, S.A. e Lyntia Networks, S.A., de conformidade co previsto no artigo 84 do Real decreto 1434/2002, obtívose o condicionado técnico destes organismos, polo que se remite separata do proxecto. R Cable, Telefónica de España, S.A.U. e UFD Distribución Electricidad, S.A., estableceron uns condicionados técnicos que foron aceptados pola empresa Nedgia Galicia, S.A.

Unha vez reiterado o condicionado técnico ao Concello de Fene e Lyntia Networks, S.A., conforme o artigo 84 do Real decreto 1434/2002, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural (BOE número 313, do 31 de decembro), e transcorrido o prazo de dez días sen recibir resposta, teranse por aprobadas as especificacións técnicas propostas polo peticionario da instalación no proxecto de execución.

Así mesmo, cómpre indicar que, de acordo co artigo 75 do Real decreto 1434/2002 «as autorizacións a que se refire o presente título serán outorgadas sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente».

Cuarto. O 24 de febreiro de 2026, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable.

Consideracións legais e técnicas:

1. O director territorial do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña é competente para resolver o presente expediente, ao abeiro do disposto no artigo 2 da Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio, sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas (DOG nº 244, do 21 de decembro), e Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio).

2. A normativa de aplicación a este expediente é:

• Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos (BOE nº 241, do 8 de outubro), modificada pola Lei 12/2007, do 7 de outubro (BOE nº 158, do 3 de xullo), que ten por obxecto renovar, integrar e homoxeneizar a distinta normativa legal vixente en materia de hidrocarburos e dispón, entre outras materias, a ordenación da subministración de gases combustibles por canalización.

• Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio (DOG nº 244, do 21 de decembro), que regula o procedemento «sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas» e, no seu artigo 2 en particular, as competencias das delegacións provinciais (actualmente, departamentos territoriais), dentro do réxime de autorizacións administrativas das canalizacións de gas, agás a normativa derrogada a que se fai referencia nesta orde.

• Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización das instalacións de gas natural (BOE nº 313, do 31 de decembro).

• Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11 (BOE nº 211, do 4 de setembro) e en particular:

– O disposto na ITC-ICG 01, Instalaciones de distribución de combustibles gaseosos por canalización, que ten como obxecto fixar os requisitos técnicos esenciais, as medidas de seguridade que deben observarse referentes ao proxectado, construción e explotación das instalacións de distribución de combustibles gasosos por canalización a que se refire o artigo 2 do citado real decreto, así como determinar as prescricións relativas ás probas que se deben realizar previamente á posta en marcha e os procedementos de operación, mantemento e control das instalacións.

3. As características máis significativas das instalacións recollidas no Proxecto de autorización administrativa e execución de instalación para substitución de ERM existente Q.2500-D por ERM nova 16/4 Q.5000-D, situada na avenida Mar, no concello de Fene (A Coruña), para as que se está a solicitar o outorgamento da autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución, son:

Substitución da estación de regulación e medida (ERM) existente modelo Q.2500-D por unha nova ERM modelo Q.5000-D, para o que son precisas as seguintes actuacións:

– Instalación de ERM Q.5000-D, situada na mesma parcela que a ERM existente, cun caudal máximo de 8.000 m3(n)/h, presión de operación de entrada 16 bar e presión de saída 4 bar.

–- Construción de bypass provisional en polietileno DN 90 mm en MOP 4 cunha lonxitude de 10 m sobre a rede existente RMB-15035 en polietileno DN 160 en MOP 4 bar.

– Construción de rede en aceiro 4” MOP16 bar de entrada á ERM cuxa conexión inicial é a xunta illante da válvula de entrada á ERM situada sobre a rede existente RAA-I.014.3, cunha lonxitude de 1 m.

– Construción de rede en polietileno DN 160 mm MOP 4 bar de saída da ERM cuxa conexión final é a rede existente RMB-15035 cunha lonxitude de 16 m.

– Anulación da ERM existente.

– Instalación de 1 válvula de liña PE 100 DN160 á saída da ERM que se vai instalar.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

Autorizar administrativamente e aprobar o proxecto de execución das instalacións de gas canalizado proxectadas e descritas nos antecedentes.

A autorización das instalacións concederase cas seguintes condicións:

a) A aprobación do proxecto de execución solicitada por Nedgia Galicia, S. A. outorgarase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables, e en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

b) Antes do inicio das obras, Nedgia Galicia, S. A. porá en coñecemento de todas as administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral con bens e dereitos ao seu cargo as respectivas afeccións que se estivesen a xerar coa execución das instalacións e poidan establecer os condicionados pertinentes. Así mesmo, deberán achegar a designación da razón social da empresa instaladora autorizada de gas que vai realizar as actuacións e o director de obra responsable delas.

c) Comunicarlle a este departamento territorial a data de inicio das obras, acompañada da documentación que acredite que dispoñen das autorizacións/licenzas/conformidades de todos os organismos ou empresas de servizos afectadas (no caso de que algunha empresa non conteste a súa solicitude acreditarán o envío da información en tempo e forma), ou declaración responsable de ter realizado as solicitudes e dispor, de ser o caso, das citadas autorizacións/licenzas/conformidades.

d) A empresa distribuidora vixiará que as canalizacións de gas respecten en todo momento as exixencias dispostas nas autorizacións e/ou informes emitidos por outras administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral e, en particular, naquelas zonas en que no subsolo se encontren instalados outros servizos, tales como electricidade, telecomunicacións, subministración de auga, etc. As conducións do gas serán instaladas de xeito que se cumpran escrupulosamente as distancias de seguridade previstas nas súas respectivas normativas sectoriais.

e) De conformidade cos criterios e exixencias previstos na regulamentación vixente, deberanse instalar os elementos de seguridade que sexan necesarios, particularmente válvulas, coidando da súa accesibilidade.

f) Se durante a fase de execución das obras se tivesen que adoptar medidas técnicas non incluídas neste proxecto e previamente á súa execución, deberase dispor da autorización deste departamento territorial.

g) Todas as modificacións efectuadas na fase de execución deberán ser recollidas na dirección de obra, sempre e cando non superen un 20 % respecto ás instalacións recollidas neste proxecto, e só no que se refire ao cambio de trazado; superado este límite, deberán achegar a correspondente addenda para a súa aprobación por parte deste departamento territorial.

h) Todas as ampliacións da rede de distribución de gas natural estarán suxeitas á presentación da correspondente addenda para a súa aprobación por parte deste departamento territorial.

i) Este departamento territorial reservará para si o dereito a deixar sen efecto a autorización que se considere procedente emitir no momento en que se comprobe o incumprimento das condicións regulamentarias ou de calquera das condicións precedentes.

j) O prazo de execución das instalacións é dun ano desde a publicación oficial desta resolución.

k) En cumprimento do artigo 6 da Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio, a empresa distribuidora Nedgia Galicia, S.A. deberá comunicarlle con antelación a este departamento territorial as datas previstas para realización as probas regulamentarias.

l) Para os efectos da posta en marcha provisional das instalacións mediante dilixencia deste departamento territorial, presentarase un certificado da empresa distribuidora e da empresa instaladora de superación das probas regulamentarias realizadas baixo a supervisión do director de obra responsable delas, e o seu certificado de dirección de finalización da obra.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, nos termos establecidos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do 26 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións publicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

A Coruña, 9 de marzo de 2026

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña