DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 17 de abril de 2026 Páx. 23353

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 2 das normas subsidiarias de planeamento do Valadouro, para o reaxuste do trazado do Camiño da Cruz.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 2 das normas subsidiarias de planeamento do Valadouro, para o reaxuste do trazado do Camiño da Cruz, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 6 de abril de 2026, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental da referida modificación poderán consultarse na seguinte ligazón:

https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2406&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2406

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2026

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual número 2
das normas subsidiarias de planeamento do Valadouro, para o reaxuste
do trazado do Camiño da Cruz

O 9.1.2026, o Concello de O Valadouro presentou no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia a modificación puntual (MP) de referencia, solicitando a súa aprobación definitiva.

Analizada a documentación achegada, na versión de abril de 2025 con dilixencia de aprobación provisional, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

O Concello do Valadouro dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal –NNSSP– aprobadas o 28.9.1993.

I.1. Tramitación.

a) Borrador e documento ambiental estratéxico (novembro 2020). Emisión do informe ambiental estratéxico (23.6.2021) e de informes sectoriais: Axencia Galega de Infraestruturas –AXI– (30.4.2021), Dirección Xeral de Patrimonio Cultural –DXPC– (14.5.2021), Instituto de Estudos do Territorio –IET– (18.6.2021) e Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo –DXOTU– (4.6.2021).

b) Documento de aprobación inicial (agosto 2021) con plano PORD_02CL corrixido da MP (16.11.2021). Sobre esta documentación teríanse realizado os seguintes trámites:

– Aprobación inicial (14.2.2022).

– Exposición pública (18.3.2022-17.5.2022). Anuncios no taboleiro de anuncios do concello, xornal El Progreso e Diario Oficial de Galicia (17.3.2022). Presentadas 2 alegacións.

– Solicitude municipal de informes á Administración estatal e a Augas de Galicia (30.5.2022). Emitiron informes a Delegación do Goberno en Galicia (30.8.2022), a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (15.6.2022), a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (14.6.2022) e a Dirección Xeral de Telecomunicacións (20.6.2022).

c) Remisión ao Servizo Provincial de Urbanismo –SUL– da MP aprobada inicialmente (30.5.2022 e 19.7.2022). O SUL solicitou os informes autonómicos preceptivos e deu audiencia aos concellos limítrofes (27.7.2022). Emitiron informes a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (10.8.2022; sen transcendencia), o IET (4.11.2022; favorable), Augas de Galicia (10.10.2022; favorable condicionado), DXPC (14.10.2022, desfavorable, e 17.2.2023 favorable) e AXI (20.10.2022, desfavorable, e 2.6.2023, favorable condicionado).

d) Informe do equipo redactor ás alegacións presentadas (24.1.2025) e elaboración de proxecto de modificación puntual para a aprobación provisional (abril de 2025).

e) Solicitude municipal de informes á empresa eléctrica Begasa (9.6.2025) e á Deputación Provincial de Lugo. Begasa emitiu o informe o 23.6.2025, e a Deputación no mes de xullo de 2025.

f) Emisión de informes municipais, técnico (22.7.2025) e xurídico (29.7.2025).

g) Acordo plenario de resolución de alegacións e de aprobación provisional da MP (1.8.2025).

II. Aspectos xerais. Contido.

a) A MP afecta terreos interiores ao perímetro urbano delimitado polas NNSSPP no núcleo de Ferreira (cabeceira municipal) e ten por obxecto principal facilitar a mellora das condicións de accesibilidade desde a avenida da Costa (estrada LU-613) a través do Camiño da Cruz, vía que soporta actualmente tráfico interurbano e con deficiencias de capacidade.

Para os efectos anteriores, a MP prevé a execución dunha nova ponte sobre o río Ferreira no extremo nordés do Camiño da Cruz (punto de conexión deste coa avda. da Costa) e unha ampliación da sección actual da dita vía, modificando o trazado e a sección previstos polas NNSSPP.

b) Complementariamente, a MP altera as aliñacións noutros 3 treitos viarios:

b.1) Vía que parte do Camiño da Cruz e se dirixe ao norte, ao barrio de Tras dos Ríos.

b.2) Vía transversal ao Camiño da Cruz que acaba sen continuidade na parcela 6139008PJ2263N (as aliñacións das NSP desprázanse uns 2,60 m cara ao leste e recórtase a lonxitude dese treito).

b.3) Avda. da Costa, cuxa aliñación se ve afectada pola delimitación da zona verde cualificada pola MP ao sur da nova ponte, de xeito que a sección prevista polas NSP para esta vía (12 m) quedaría reducida a uns 10,60 m fronte á Escola Fogar Virxe dos Remedios (parcela 6238003PJ2263N).

c) Delimítase como «ámbito da modificación» unha superficie de 2,61 ha, moi superior á realmente afectada polas alteracións propostas, coa clasificación de solo urbano consolidado e determinando dentro dela a cualificación e condicións urbanísticas dos terreos edificables (por remisión ás NNSSP). A MP incorpora a avaliación económica da actuación prevista no Camiño da Cruz e a normativa de aplicación complementaria á das NNSSPP.

III. Análise e consideracións.

Analizada a documentación achegada, púidose comprobar que se emendaron as deficiencias indicadas nos puntos III.2 e III.3 do informe da DXOTU do 4.6.2021, e do requirimento do 10.11.2025 sobre a adaptación ás normas técnicas de planeamento. Porén, cómpre subliñar:

1. O índice do expediente administrativo completo que o 9.1.2026 se achega como expediente administrativo carece de dilixencias que acrediten a súa integridade e autenticidade.

2. En canto á necesaria achega da documentación técnica en formato editable: no cartafol «01.DOC_EDIT» omítese gran parte dos arquivos editables a partir dos cales se xeraron os respectivos documentos non editables, como os da documentación gráfica (planos de información, planos de ordenación e planos do documento ambiental estratéxico) e o índice.

3. Respecto da necesaria adaptación do documento á estrutura e codificación de carpetas e arquivos requiridas polas NNTTP: a documentación editable, remitida de xeito incompleto no cartafol «01.DOC_EDIT», non figura organizada segundo a preceptiva estrutura de cartafoles (anexo 4 das NNTTPP en relación co artigo 13.1 das ditas normas) para o que os arquivos achegados no dito cartafol se terían que organizar dentro dunha estrutura de cartafoles análoga á empregada na documentación non editable («00.INDEX», «1.MX», etc.)

O artigo 13.4 das NNTTPP obriga a incluír, nos cartafoles de documentación editable e non editable, os correspondentes a aqueles documentos cuxa ausencia resulte xustificada (estudo do medio rural, análise do modelo de asentamento poboacional, etc).

4. A codificación dalgúns arquivos da carpeta 10.AAE non se axusta á establecida polas NNTTPP (véxase a nota ao pé da táboa do PXOM, páx. 24763, anexo IV do DOG do 25.4.2022- e nos artigos 10.5 e 10.6 das NNTTPP, a codificación debe ser «27063_MP02NNSSPP_202504_AP_AAE_01DAE_01...» e «27063_MP02NNSSPP_202504_AP_AAE_01DAE_02...», respectivamente).

5. No plano ORD03 débese grafar a totalidade de aliñacións abranguidas no ámbito, tanto as que delimitan o espazo libre previsto (onde están indefinidas as aliñacións do Camiño da Cruz e da avenida da Costa) coma na marxe leste da vía secundaria que, desde o Camiño da Cruz, dá acceso ao barrio de Tras dos Ríos. Tamén se debe grafar o trazado da nova ponte acoutando o seu largo.

6. No punto 1.4 da memoria informativa, páx. 7, onde di: «..., como pode observarse nos planos de ordenación actual dentro da evolución urbanística (07)», debe dicir «..., como pode observarse nos planos de información 07_01 e 07_02».

7. No punto 1.8 da memoria informativa, páx. 20, non semella correcta a clasificación do tramo da antiga estrada LU-163 transferido ao Concello como «Camiño municipal» (de ser o caso, será «vía urbana municipal»).

8. No punto 2.4 da memoria xustificativa, páx. 9, enténdese incorrecto o uso da zona «SX-EL-PAS-2-OB» (di «Viario» e semella que debería dicir «espazos libres públicos»).

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento xeral e das súas modificacións puntuais corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

De acordo co anterior, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

DISPOÑO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual número 2 das normas subsidiarias de planeamento do Valadouro, para o reaxuste do trazado do Camiño da Cruz, condicionado á emenda das deficiencias sinaladas no punto III anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da MP do PXOM aprobada definitivamente.

Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.