DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 17 de abril de 2026 Páx. 23455

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 6 de abril de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026 (Premios RSE Galicia 2026) (código de procedemento TR320A).

O Decreto 135/2018, do 4 de outubro, polo que se regulan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial (Premios RSE Galicia), sinala que, mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de emprego e relacións laborais, realizarase a convocatoria de cada edición e a aprobación das correspondentes bases, así como que en cada orde de convocatoria se concretarán os aspectos establecidos no seu artigo 4, polo que, mediante a presente orde, se establecen as bases reguladoras e se convocan os Premios RSE Galicia na súa quinta edición.

O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, establece que lle corresponde a esta o exercicio das competencias e funcións, entre outras, no relativo á promoción da responsabilidade social empresarial.

Consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, tras os informes preceptivos, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar as bases reguladoras e convocar os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia) (código de procedemento TR320A).

Artigo 2. Entidades candidatas

Poderán optar aos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia todo tipo de empresas, públicas ou privadas, galegas ou que conten con sede ou con centros de traballo en Galicia, caso en que a información deberá referirse ás actuacións da dita sede ou centro.

Exclúense as empresas con sancións firmes de carácter grave ou moi grave nos últimos tres anos no ámbito laboral, social ou ambiental.

Artigo 3. Tipoloxía dos premios

Os recoñecementos dos Premios Responsabilidade Social Empresarial de Galicia son de dous tipos:

1. Premio á Responsabilidade Social Empresarial, no cal haberá 3 categorías, pequena, mediana e grande empresa, e

2. Mención á Conciliación, que non ten categorías.

Artigo 4. Valoración da empresa segundo a tipoloxía

1. No Premio á Responsabilidade Social Empresarial, a valoración da empresa realizarase dun xeito integral nos tres ámbitos: laboral-económico, ambiental e de acción social. O xurado terá en conta os seguintes aspectos en que deberá destacar a empresa no período 2023-2025 e que deberán reflectirse pola empresa candidata nunha memoria explicativa conforme o disposto no artigo 12.1.d).

1.1. No ámbito laboral-económico:

a) Emprego de calidade. Creación de emprego, condicións de traballo, taxas de rotación, seguros de vida, asistencia sanitaria e de accidentes, permisos de traballo, participación en beneficios, entre outros.

b) Saúde e seguridade: implantación de medidas para a redución de taxas de enfermidades profesionais e de número de accidentes de traballo.

c) Promoción do desenvolvemento persoal e profesional das persoas traballadoras mediante plans e accións de formación orientados á cualificación e promoción das persoas traballadoras e á mellora da súa empregabilidade.

d) Desenvolvemento de medidas documentadas en materia de igualdade que vaian máis alá das exixidas pola normativa vixente ou convenios.

e) Adopción de medidas documentadas encamiñadas á prevención e loita contra o acoso sexual, por razón de sexo, orientación sexual e identidade sexual, expresión de xénero o características sexuais, nacemento, orixe racial ou étnica, relixión, convicción ou opinión, idade, discapacidade, enfermidade ou condición de saúde, estado serolóxico e/ou predisposición xenética a sufrir patoloxías e trastornos, lingua, situación socioeconómica, ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, más alá do exixido pola normativa vixente.

f) Igualdade retributiva. Aplicación de medidas que vaian máis alá das exixidas pola normativa vixente.

g) Porcentaxe de mulleres nos órganos de goberno e da administración da empresa ou outros similares.

h) Goberno responsable. Contar con políticas documentadas ou un sistema de xestión de goberno responsable da empresa. Contar con códigos de conduta ou éticos.

i) Dispoñer de órganos de dirección específicos responsables da RSE na empresa.

l) Reporte periódico de información de RSE (ambiental, social e de gobernanza) aos órganos de control e aos grupos de interese.

m) Desenvolver canles de diálogo entre a empresa e os distintos grupos de interese. Describir os grupos de interese, os temas abordados cos devanditos grupos e as canles empregadas.

n) Medidas ou accións de apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero no ámbito interno e externo da empresa.

o) Creación de emprego de mulleres en sectores da empresa onde ese sexo estea infrarrepresentado, e creación de emprego de persoas en risco de exclusión e vulnerables. Promoción interna desenvolvida nos niveis en que as mulleres estean en menor proporción que os homes.

p) Adopción de medidas documentadas para unha comunicación igualitaria e non sexista na documentación da empresa, nas comunicacións co seus grupos de interese e nas comunicacións comerciais.

q) Medidas de conciliación da vida persoal e profesional, máis aló das obrigas legais, como horarios flexibles, salas de repouso e lactación, gardaría (ou apoio financeiro da empresa), servizos e estruturas para o coidado doutras persoas, desconexión dixital das persoas, promoción do exercicio corresponsable das medidas de conciliación e outras medidas innovadoras.

r) Outras accións de RSE desenvolvidas pola empresa e que estean aliñadas cos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) e que non estean reflectidas nos anteriores criterios.

1.2. No ámbito ambiental:

a) Innovacións e deseño nos produtos e servizos ou en sistemas ou procesos de produción, con fins ou con impactos ambientalmente sustentables.

b) Desenvolvemento de campañas de información e sensibilización ambiental, como a economía circular entre os grupos de interese internos e/ou externos, así como na sociedade en xeral. Formación en criterios ASG (ambientais, sociais e de gobernanza) do seu persoal.

c) Plans ou actuacións para o uso eficiente e de aforro no consumo de recursos naturais e materias primas: de enerxía, auga e recursos naturais.

d) Implantación de políticas e de solucións para o desenvolvemento da economía circular na empresa. No caso das grandes empresas, incluír solucións avanzadas.

e) Plans ou actuacións para a prevención e tratamento de residuos e a redución de gases de efecto invernadoiro (GEI).

f) Avaliación segundo criterios ambientais das entidades provedoras e subcontratistas da empresa. Políticas de compra verde. Formación ou mentoring en sustentabilidade coas entidades provedoras e subcontratistas.

g) Política de protección da biodiversidade e recursos non renovables e accións levadas a cabo para a súa redución ou eliminación.

h) Empregar indicadores propios ou de terceiros que lle permitan medir o impacto ambiental da súa actividade. Indicar se a empresa conta cunha política de descarbonización e, se procede, informar dos resultados.

i) Plans ou actuacións de mobilidade sustentable que repercutan no persoal traballador da empresa.

l) Outras accións de RSE desenvolvidas pola empresa e que estean aliñadas cos ODS (obxectivos de desenvolvemento sustentable) e que non estean reflectidas nos anteriores criterios.

1.3. No ámbito de acción social:

a) Políticas de diversidade e inclusión. Describir as accións, máis alá das obrigas legais, en diversidade de xénero, cultural e discapacidade, incluíndo indicadores de idade. Valoraranse accións encamiñadas á protección da lingua galega como parte do seu compromiso coa diversidade e a inclusión.

b) Procura da igualdade de oportunidades e integración social. Accións para garantir a igualdade entre mulleres e homes no acceso ao emprego e/ou accións de inserción sociolaboral para vítimas de violencia de xénero e colectivos en risco de exclusión.

c) Compromiso coa comunidade. Políticas e accións en promoción de igualdade, diversidade e inclusión orientada á promoción da igualdade de trato e de oportunidades. Valoraranse iniciativas de solidariedade e colaboración con entidades sociais como o apoio ao deporte e á cultura no eido local, programas de apoio a colectivos vulnerables ou accións de inserción sociolaboral.

d) Actividades de voluntariado desenvolvidas polo persoal da empresa, co apoio da empresa.

e) Outras accións de RSE desenvolvidas pola empresa e que estean aliñadas cos ODS (obxectivos de desenvolvemento sustentable) e que non estean reflectidas nos anteriores criterios.

2. Na Mención á Conciliación distinguiranse as iniciativas empresariais innovadoras que, de maneira significativa, propicien a conciliación laboral, familiar e persoal e a corresponsabilidade máis alá das obrigas legais derivadas da normativa vixente. O xurado terá en conta os seguintes aspectos en que deberá destacar a empresa e que virán reflectidos nunha memoria independente á dos premios tal como se indica no artigo 12.2):

a) Implantación de xornadas e horarios que faciliten a atención das responsabilidades familiares.

b) Implantación do traballo a distancia, por solicitude da persoa traballadora, cando facilite a atención das responsabilidades familiares en supostos non recollidos pola normativa vixente, incluídos os convenios colectivos.

c) Dotación de salas de repouso e lactación nos centros de traballo para as traballadoras embarazadas e nais e pais nos casos de lactación.

d) Fornecemento de servizo de gardaría a cargo ou con apoio financeiro da empresa.

e) Apoio para o acceso a servizos e estruturas para o coidado doutras persoas, como centros de día para persoas maiores ou dependentes ao coidado das persoas traballadoras, a cargo ou con apoio financeiro da empresa.

f) Medidas orientadas a garantir o dereito á desconexión dixital das persoas traballadoras, alén do disposto na normativa vixente, incluídos os convenios colectivos.

g) Desenvolvemento doutras medidas innovadoras para a conciliación e a corresponsabilidade tales como: permisos especiais para a atención de familiares e conviventes en situacións non previstas na normativa vixente, incluídos os convenios colectivos.

h) Accións ou programas de formación dirixidos á actualización das competencias das persoas que desfrutaran de medidas de conciliación ou corresponsabilidade.

i) Accións ou medidas de promoción do exercicio corresponsable das medidas de conciliación.

l) Outras accións en conciliación desenvolvidas pola empresa e que estean aliñadas cos ODS (obxectivos de desenvolvemento sustentable) e que non estean reflectidas nos anteriores criterios.

Artigo 5. Categorías

O Premio á Responsabilidade Social Empresarial, en función do tipo de empresa, contará con tres categorías:

Categoría a) Pequena empresa: para empresas que ocupen ata 49 persoas traballadoras.

Categoría b) Mediana empresa: para empresas que ocupen 50 e ata 249 persoas traballadoras.

Categoría c) Grande empresa: para empresas que ocupen 250 ou máis persoas traballadoras.

Artigo 6. Prazo de presentación das candidaturas

O prazo para a presentación das candidaturas será de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A presentación de candidaturas ou, de ser o caso, a súa posterior aceptación, implica o sometemento ao establecido nesta convocatoria.

Todos os requisitos exixidos ás entidades solicitantes se entenderán cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de candidaturas.

Artigo 7. Forma de presentación das candidaturas

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) conforme o anexo I.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. Coa candidatura deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Criterios de valoración, segundo o establecido no anexo II.

b) No caso de ter un sitio web, deberá indicar a páxina ou páxinas que se dedican á responsabilidade social. Os sitios web deberán cumprir o disposto na Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico, e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

c) Poderá achegarse o material adicional que se considere pertinente para a presentación da proposta, como fotografías ou vídeos.

d) Memoria «Mención á Conciliación», se é o caso.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Composición e funcionamento do xurado

1. O xurado, no cal se procurará acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes, terá a seguinte composición:

a) A Presidencia correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.

b) Vogais:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais.

– Unha persoa en representación de cada unha das consellerías con competencias en materia de economía, de política social, de igualdade e de ambiente, designadas polas persoas titulares das consellerías respectivas con rango non inferior ao de titular de subdirección xeral.

– Tres persoas representantes por proposta das organizacións empresariais intersectoriais máis representativas no ámbito galego.

– Tres persoas representantes por proposta das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas no ámbito galego.

c) Dúas persoas expertas en materia de responsabilidade social empresarial designadas pola Presidencia.

2. A secretaría do xurado correspóndelle a unha persoa funcionaria da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, designada pola Presidencia do xurado, que actuará con voz e sen voto.

3. A Presidencia do xurado procederá á súa convocatoria e constitución. Así mesmo, fará público o nome das persoas que o compoñen na páxina web: http://rse.xunta.gal

4. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nesta orde e ao disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

5. Unha vez recibidas as candidaturas, as persoas expertas en materia de responsabilidade social empresarial realizarán unha análise pormenorizada das memorias presentadas, así como do resto da documentación recollida no artigo 9, e emitirán un informe a través do cal o xurado determinará cales son as candidaturas gañadoras.

6. O xurado reunirase cantas veces sexa necesario e, se o precisa, poderá pedir aclaración ou información á persoa responsable da candidatura.

7. O xurado poderá requirir das empresas participantes toda aquela información ou documentación complementaria que poida resultar relevante para a avaliación dos méritos alegados e para verificar calquera cuestión referente á documentación achegada.

8. Para a adxudicación dos recoñecementos o xurado terá en conta as medidas ou iniciativas para implantar a responsabilidade social na empresa, sinaladas nos artigos 4.1 e 4.2, e os criterios de valoración do artigo 12 desta orde de convocatoria.

9. Os seus acordos adoptaranse por maioría simple e, en caso de empate, dirimirá o voto da persoa titular da Presidencia. As deliberacións do xurado son confidenciais.

10. O xurado poderá conceder premios compartidos, mencións compartidas ou declarar o premio ou mención deserto, se considera que as propostas presentadas non reúnen os méritos suficientes para seren galardoadas.

11. O xurado queda facultado para resolver sobre aspectos non previstos nestas bases, así como todas as cuestións que poidan subscribirse con motivo dos premios.

12. O ditame do xurado será inapelable.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. Para a adxudicación dos premios ou da mención o xurado terá en conta os seguintes criterios de valoración (anexo II):

a) Arraigo en Galicia da empresa candidata, determinado polo número de anos que a empresa desenvolva a súa actividade na Comunidade Autónoma:

– De 1 a 2 anos: 2 puntos.

– De 2 a 3 anos: 4 puntos.

– De 3 a 5 anos: 6 puntos.

– De 5 a 10 anos: 8 puntos.

– Máis de 10 anos: 10 puntos.

b) Memorias ou informes de sustentabilidade ou de responsabilidade social empresarial. As memorias deberán estar elaboradas segundo estándares ou normas internacionais, estatais ou mediante a ferramenta Xunta Pro RSE, e deberá achegarse o informe de auditoría e verificación se están obrigadas a telo por disposición legal. Valoración máxima: 10 puntos.

c) Certificacións en materia de responsabilidade social empresarial, das cales deberá achegar xustificación. As certificacións deben estar emitidas por organismos de normalización, certificación e acreditación de recoñecido prestixio ou por institucións gobernamentais. Valoración máxima: 10 puntos.

d) Memoria explicativa. Memoria explicativa completa que conterá todos e cada un dos ítems recollidos no artigo 4.1 desta orde, desagregando cada unha das accións desenvolvidas pola empresa, en cada un dos tres ámbitos: laboral-económico, ambiental e de acción social, cun máximo de 40 páxinas en formato dixital.

A memoria deberá estar asinada pola persoa que propón a candidatura ou por quen representa a candidata, en que se expoñerán os méritos e circunstancias que concorran e que deberá conter:

– Identificación da empresa candidata.

– Breve descrición do obxecto social da empresa candidata.

– Para cada unha das accións desenvolvidas pola empresa, de forma indexada, deberán indicarse os datos máis relevantes, como o período de execución, os obxectivos fixados, as persoas da organización implicadas, a achega financeira ás medidas desenvolvidas, os resultados obtidos, así como a permanencia no tempo das medidas e plans futuros de implantación de novas medidas, indicando, neste caso, o prazo de execución.

Valoración máxima de 70 puntos.

2. As candidaturas para a Mención á Conciliación deberán presentarse nunha memoria independente da memoria dos premios, en que se desenvolvan os aspectos relacionados no artigo 4.2 da orde, cun máximo de 20 páxinas en formato dixital.

3. O xurado poderá verificar na empresa a aplicación das boas prácticas alegadas.

Artigo 13. Concesión e retirada

1. Unha vez adoptada a decisión do xurado, a Presidencia elevará a proposta á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, quen resolverá a concesión do premio e mención.

O prazo máximo para resolver a resolución do premio ás candidaturas presentadas será de tres meses desde que finalice a presentación de candidaturas.

2. A resolución de concesión farase pública a través da páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración: http://rse.xunta.gal

3. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ante os incumprimentos graves das empresas galardoadas, coñecidos con posterioridade, poderá retirar o premio ou mención concedidos mediante a apertura e tramitación dun expediente con audiencia á persoa interesada e que se rexerá polas disposicións administrativas contidas no título IV da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Difusión dos premios

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración procurará a maior difusión destes premios e dará información, de carácter non persoal, subministrada polas empresas premiadas e finalistas en publicacións, a través da web rse.xunta.gal, redes sociais, medios de comunicación e demais ferramentas de divulgación.

Artigo 15. Canle de denuncias

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación coas empresas participantes, poderá poñer os ditos feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de  integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2026

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file