No marco establecido nos artigos 35, 40 e 49 da Constitución española e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia alcance uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, cómpre adoptar políticas que promovan a calidade dun modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade de toda a sociedade galega para crear emprego, en especial para aquelas persoas cuxa integración laboral supón máis dificultades, como son as persoas con discapacidade.
O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, polo que asume as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.
De acordo co disposto no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixou a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, correspóndelle á Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social a planificación, a coordinación, a execución e o control das competencias da Comunidade Autónoma en materia de centros especiais de emprego (en diante, CEE), así como a promoción e o fomento da economía social.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, en concordancia co desenvolvemento doutras medidas no ámbito social, e na execución das políticas activas de emprego e no marco do Plan estratéxico de Galicia 2022-2030, establece accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade que teñen por obxecto a mellora da súa empregabilidade e, coordinadamente, o establecemento de medidas para a súa inserción normalizada no mercado de traballo, pois entende que o acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración destes colectivos na economía e na sociedade nun sentido amplo.
Do mesmo xeito, a Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027 recolle como actuacións prioritarias o reforzo dos programas de creación de emprego, con especial atención á integración de colectivos con especiais dificultades, como as persoas con capacidades diferentes, así como o apoio ás entidades que traballan para a integración laboral destes colectivos.
A Lei 5/2011, do 29 de marzo, de economía social, declara os CEE como entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral. Pola súa banda, a Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, recoñece de interese xeral e social a promoción, o estímulo e o desenvolvemento das entidades da economía social e das súas organizacións representativas.
O artigo 43 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, define os CEE como aqueles cuxo obxectivo principal é realizar unha actividade produtiva de bens ou de servizos, participando regularmente nas operacións do mercado, e que teñen como finalidade asegurar un emprego remunerado para as persoas con discapacidade e a prestación de servizos de axuste persoal e social que requiran os seus traballadores e as súas traballadoras con discapacidade, ao mesmo tempo que é un medio de integración do maior número de persoas con discapacidade ao réxime de traballo ordinario. O persoal dos centros especiais de emprego debe estar constituído polo maior número posible de persoas traballadoras e, en todo caso, polo 70 % daquela.
Consecuentemente, esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas aos CEE, coa fin de garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade.
Na súa virtude, logo da tramitación correspondente, e autorizada polo Consello da Xunta de Galicia a exención da obriga de constituír garantías para os pagamentos anticipados, así como a modificación das porcentaxes máximas destes, no exercicio das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das subvencións aos centros especiais de emprego (CEE), mediante axudas aos ditos CEE consonte cos seguintes programas:
a) Programa I: unidades de apoio á actividade profesional (código de procedemento TR341K).
b) Programa II: creación de postos de traballo estables para persoas con discapacidade, adaptación de postos e asistencia técnica (código de procedemento TR342D).
c) Programa III: mantemento do custo salarial das persoas con discapacidade (código de procedemento TR341M).
2. Igualmente, mediante a presente orde, procédese á convocatoria das referidas axudas para o ano 2026 e a aprobar os formularios normalizados para a xestión da convocatoria que se incorporan como anexos.
3. As axudas establecidas nesta orde teñen como fin de utilidade pública garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade.
Artigo 2. Financiamento
1. O orzamento total destinado ás axudas a centros especiais de emprego nesta convocatoria 2026 será de 27.040.000 €, financiado con cargo aos créditos consignados na Lei 4/2025, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, no programa de gasto da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social 324C, código de proxecto 2018 00099, derivado de fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal, e coa seguinte distribución inicial de importes de créditos:
|
Programas |
Procedemento |
Aplicación orzamentaria |
Importe |
|
Programa I |
TR341K |
14.04.324C.470.3 |
1.350.000 € |
|
14.04.324C.481.3 |
234.000 € |
||
|
Programa II |
TR342D |
14.04.324C.470.3 |
900.000 € |
|
14.04.324C.481.3 |
156.000 € |
||
|
Programa III |
TR341M |
14.04.324C.470.4 |
22.700.000 € |
|
14.04.324C.481.4 |
1.700.000 € |
|
Aplicación |
Proxecto |
Importe total |
Modalidade |
|
14.04.324C.470.3 |
2018 00099 |
2.250.000 € |
3010 |
|
14.04.324C.470.4 |
2018 00099 |
22.700.000 € |
3010 |
|
14.04.324C.481.3 |
2018 00099 |
390.000 € |
3010 |
|
14.04.324C.481.4 |
2018 00099 |
1.700.000 € |
3010 |
|
Total |
27.040.000 € |
||
2. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, publicarase, mediante resolución da persoas titular da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas aos programas desta orde.
3. No Programa III prevese unha distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións directamente proporcional ao número de postos de traballo polos cales se presentou solicitude de subvención. Ao abeiro disto, en cada unha das provincias galegas a repartición dos ditos importes por aplicación orzamentaria realizarase en atención ás seguintes porcentaxes: A Coruña: 33 %, Lugo: 17 %, Ourense: 17 % e Pontevedra: 33 %. Se o orzamento asignado a cada provincia non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación en cada ámbito provincial. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto no artigo 5 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas que correspondan ao mesmo ámbito provincial, a orde de prioridade virá determinada pola hora.
No suposto de que o crédito asignado a unha provincia sexa superior ao número de solicitudes presentadas de maneira que exista remanente orzamentario, procederase a realizar unha repartición proporcional deste entre as provincias restantes en función do número de solicitudes presentadas en cada ámbito provincial.
De existir remanente nunha aplicación orzamentaria, proxecto ou programa, poderase redistribuír a contía sobrante noutra aplicación, proxecto ou programa. A redistribución levarase a cabo, despois da tramitación orzamentaria pertinente, sen necesidade de realizar unha nova convocatoria e será necesaria a súa publicación nos mesmos medios que a convocatoria inicial.
4. Os créditos previstos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.
5. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles na convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito.
Artigo 3. Definicións
Para os efectos das axudas previstas nesta orde, entenderase por:
1. Persoas con discapacidade:
a) Aquelas que teñan recoñecida, pola Administración competente, unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %.
b) A persoa pensionista da Seguridade Social que teña recoñecida unha pensión de incapacidade permanente en grao de total, absoluta ou gran invalidez, e a persoa pensionista de clases pasivas que teña recoñecida unha pensión de xubilación ou de xubilación por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.
2. Persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral: as persoas que se atopen nalgún dos seguintes supostos:
a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
c) Persoas pertencentes a colectivos con especial vulnerabilidade, definidos como tales en cada convocatoria de axudas.
3. Persoa traballadora: persoa vinculada ao CEE por un contrato laboral ou, no caso de CEE que sexan cooperativas, as persoas socias traballadoras.
4. Persoa desempregada: aquela que figure rexistrada como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta na Seguridade Social.
5. Persoa emigrante retornada: de acordo co establecido nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, terán a condición de persoa galega retornada as persoas galegas e nadas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega. Para os efectos previstos nesa lei, asimílanse a persoas galegas retornadas os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os fillos e fillas das persoas galegas e nadas en Galicia con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.
Os requisitos, con carácter xeral, para adquirir a condición de persoa galega retornada son os seguintes:
a) Ser persoa galega nada en Galicia ou ter relación filial, conxugal ou análoga á conxugal cunha persoa en que concorran estas condicións.
b) Estar en posesión da nacionalidade española e ter vinculación cun concello galego no padrón de residentes no exterior antes do retorno.
c) Constar no padrón dun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Para adquirir esta condición de persoa emigrante retornada non deben transcorrer máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta orde.
6. Centros especiais de emprego de iniciativa social: os que, cumprindo as condicións recollidas no artigo 43.4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, estean recoñecidos con esa condición polo Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia. Entenderase que teñen esta condición todos os CEE que estean cualificados como «sen ánimo de lucro» polo Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 10 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo.
7. Servizos de axuste persoal e social: os servizos de rehabilitación, terapéuticos e de integración social orientados ás persoas traballadoras con discapacidade dos centros especiais de emprego, sempre que procuren á persoa traballadora con discapacidade do centro especial de emprego, unha maior rehabilitación persoal e mellor adaptación da súa relación social.
8. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP), segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos excepto os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.
9. Persoa trans: observarase a definición establecida pola normativa básica estatal.
10. Persoal xestión: empregados encargados de planificar, organizar, dirixir e controlar os recursos e as actividades para acadar os obxectivos organizacionais.
Abarca perfís como xerentes, directores, administradores, responsables de departamentos ou titulares dos centros especiais de emprego.
Artigo 4. Procedemento de concesión e fase de instrución
1. O procedemento de concesión das subvencións previstas nesta orde realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, nos termos previstos no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dado que, polo obxecto e pola finalidade da subvención, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.
A concesión das axudas realizarase pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos establecidos e en función da orde de entrada da solicitude no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (teranse en conta a data e a hora de presentación da documentación completa requirida nestas bases reguladoras) ata o esgotamento do crédito orzamentario.
2. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data e a hora en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.
3. O órgano instrutor dos expedientes realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.
Artigo 5. Solicitudes, prazo, período subvencionable e documentación complementaria
1. As solicitudes de subvención xunto coa correspondente documentación complementaria, deberán presentarse por separado para cada un dos programas regulados nesta orde e para cada centro de traballo, agás as referentes a asistencia técnica prevista no Programa II (asistencia técnica) para a que se presentará unha única solicitude por CEE, con independencia do número de centros de traballo con que conte; as solicitudes dirixiranse ao órgano competente para resolver.
2. As solicitudes e a documentación complementaria presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Para a presentación das solicitudes empregaranse necesariamente os formularios normalizados que se publican como anexos desta orde (anexo I para o procedemento TR341K, anexo II para o TR342D e anexo III para o TR341M) e que estarán dispoñibles na indicada sede electrónica.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberán indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Para a presentación de solicitudes ou documentación poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o oitavo día hábil ao da súa publicación no DOG, ás 9.00 horas ata o día do fin de prazo ás 20.00 horas. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do oitavo día hábil ao da publicación; se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
4. O período subvencionable comprenderá desde o 1 de outubro de 2025 ata o 30 de setembro de 2026.
5. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta de xeito presencial a súa solicitude, a documentación complementaria que se require para os diferentes programas ou documentación adicional nalgún trámite posterior, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude ou da documentación aquela en que fose realizada a emenda.
Unicamente no caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e consonte cos criterios indicados na mesma sede electrónica da Xunta de Galicia, en que, igualmente, pode consultarse a información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos.
6. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa, ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
7. En calquera caso, os trámites administrativos que as persoas interesadas deban facer logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados de forma electrónica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 6. Emenda da solicitude e reformulación
A unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde e, no caso de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.
1. Cando o importe da proposta de resolución provisional de subvención sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar do beneficiario a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.
2. Non se concederán subvencións por importes superiores a 2.900.000 € por beneficiario. No caso de que a solicitude inicial supere a dita contía, poderase instar o beneficiario a que a reformule.
Artigo 7. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 8. Resolucións e recursos
1. Logo de fiscalización pola Intervención das propostas emitidas polos órganos instrutores do procedemento, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
2. As resolucións deberán ser sempre motivadas e nelas acordarase o outorgamento da axuda ou a non concesión, a desistencia ou a renuncia ao dereito, e notificaránselles ás persoas interesadas.
3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con anterioridade á interposición do dito recurso, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
5. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.
6. A concesión e, de ser o caso, o pagamento das axudas ás entidades beneficiarias quedarán condicionados á terminación dos procedementos de reintegro ou sancionador, iniciados no marco das axudas ou subvencións da mesma natureza concedidas pola Comunidade Autónoma de Galicia e os seus organismos vinculados ou dependentes.
Artigo 9. Obrigas xerais das entidades beneficiarias
Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño; en especial, as seguintes:
a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.
b) Xustificar, ante o órgano concedente, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, así como a calquera outra actuación, xa sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal deberán achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e das obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.
f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.
Excepto aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os gastos obxecto da subvención.
g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con fondos recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).
De acordo con esta obriga, os centros especiais de emprego deberán anunciar no seu domicilio social, nos seus centros de traballo e nos seus vehículos que están a ser subvencionados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o SEPE. Para iso incorporarán un rótulo visible ao público que inclúa o nome do centro, a expresión «centro especial de emprego» e o logotipo da Xunta de Galicia, o do SEPE e o do Ministerio de Traballo e Economía Social.
Os formatos que se utilicen serán os proporcionados pola Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, que constan na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, na ligazón https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego
Así mesmo, deberán informar as persoas traballadoras respecto da subvención do seu contrato.
i) Levar a cabo a organización preventiva, a auditoría, se procede, e o plan de prevención, de acordo co previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e a normativa regulamentaria de desenvolvemento.
j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
k) Someter a auditoría as contas anuais correspondentes ao exercicio en que recibisen subvencións ou axudas públicas por un importe total acumulado superior a 600.000 €, de acordo co Real decreto 2/2021, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei 22/2015, do 20 de xullo, de auditoría de contas.
l) Estar ao día no cumprimento das obrigas rexistrais previstas no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento; en especial, cumprir coas obrigas de comunicación previstas no seu artigo 7 e coa obriga de presentar a memoria anual, ante a Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, co contido e no prazo establecido no seu artigo 8.
m) Para cumprir co establecido no artigo 13 do Real decreto 2273/1985, do 4 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de CEE, os centros beneficiarios das subvencións deberán remitir, para efectos estatísticos, como máximo o 15 de febreiro do ano seguinte á publicación de cada convocatoria, a información referida ao 31 de decembro do ano da convocatoria que se indica no modelo publicado na páxina da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, na ligazón https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego
Así mesmo, deberán presentar a certificación de realización do plan de prevención de riscos laborais a que se refire o artigo 16 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.
Cumprir co convenio colectivo que resulte de aplicación.
Artigo 10. Modificación da resolución de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.
Artigo 11. Revogación e reintegro
1. Procederá a revogación das subvencións establecidas nesta orde, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e nos indicados expresamente nos artigos previstos nesta orde para cada programa.
2. A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.
3. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:
a) A obtención da subvención falseando os datos, os feitos ou a documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.
b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condición exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.
c) No caso de declaracións responsables referentes a que a entidade conte coa autorización da persoa traballadora para a presentación da solicitude de subvención e para a consulta da información por parte da Administración, así como de que foi informada de que se prevía solicitar subvencións con cargo ao contrato de traballo, se a requirimento da Administración a entidade non achega a dita autorización e recoñecemento da transmisión da información asinada pola persoa traballadora: reintegro do 100 % da subvención concedida con base nesa persoa traballadora.
d) Respecto das obrigas que establece o artigo 9, a resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación previstas na letra c); o incumprimento da obriga de entregar a documentación indicada nas letras l) e m); e/ou o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos previstas nas letras f) e g), cando disto último derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado: reintegro do 100 % da subvención concedida.
O incumprimento da obriga da letra h), en materia de publicidade do financiamento público, mediante a colocación do rótulo visible ao público: reintegro do 2 % da subvención concedida.
Con todo, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a entidade beneficiaria para que incorpore o rótulo, nun prazo non superior a 15 días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.
e) O incumprimento da obrigación de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.
4. A entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso de financiamento, público ou privado, respecto do custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade, e estas fosen compatibles entre si, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación. O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas.
5. A entidade beneficiaria deberá estar en condicións de, a requirimento da Administración e no prazo concedido, achegar as certificacións ou documentación que en cada caso corresponda respecto do conxunto de verificacións realizadas e que sexan obxecto dalgunha das declaracións responsables previstas nesta orde. De non se materializar a dita xustificación en prazo, terase por non xustificado a información remitida e procederá, se é o caso, o reintegro das cantidades correspondentes consonte co indicado neste artigo.
6. O procedemento de reintegro tramitarase conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
7. As obrigas de reintegro establecidas neste artigo enténdense sen prexuízo da posible cualificación dos feitos como infracción administrativa e incoación do expediente sancionador, de acordo cos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.
Artigo 12. Devolución voluntaria da subvención
1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.
2. A entidade beneficiaria deberá presentar, ante o órgano concedente, copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.
3. A devolución voluntaria non exclúe a reclamación dos xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.
Artigo 13. Seguimento e control
1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento do programa podendo utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.
2. O órgano competente para resolver poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.
3. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axudas previstas nesta orde.
Artigo 14. Adecuación das axudas á normativa
Os CEE decláranse entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral, de conformidade co artigo 5.4 da Lei 5/2011, do 29 de marzo, de economía social, segundo a redacción dada pola Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social (BOE núm. 217, do 10 de setembro).
As axudas que se regulan nesta orde son compatibles co mercado interior, non constitúen axudas de Estado e están exentas da obriga de notificación establecida no artigo 108.3 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE), dado que cumpren os criterios establecidos na Decisión (UE) 2025/2630 da Comisión, do 16 de decembro de 2025, relativa á aplicación das disposicións do artigo 106, punto 2, do TFUE ás axudas estatais en forma de compensación por servizo público concedidas a algunhas empresas encargadas da xestión de servizos de interese económico xeral e pola que se derroga a Decisión 2012/21/UE (DOUE do 19 de decembro de 2025, Serie L).
Os parámetros para determinar a compensación económica pola prestación do servizo de interese económico xeral establécense no capítulo específico correspondente a cada un dos programas, estas contías que sufragan parte dos gastos ocasionados aos CEE pola prestación dos servizos de interese xeral. Por tratarse de contías previamente determinadas, que en ningún caso poderán exceder o custo económico dos servizos prestados, non resulta necesario establecer parámetros para evitar e recuperar posibles compensacións excesivas, excepto a comprobación da concorrencia e compatibilidades das subvencións.
Artigo 15. Normativa de aplicación
As solicitudes, a tramitación e a concesión destas axudas axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia; na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; no Real decreto 311/2022, de 3 de maio, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica (ENS).
Resultarán tamén de aplicación o Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego do Sistema Nacional de Emprego; a Orde TES/1077/2023, do 28 de setembro, pola que se establecen, no ámbito das competencias do Servizo Público de Emprego Estatal, as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas ao financiamento de programas de políticas activas de emprego; e demais disposicións que resulten de preceptiva aplicación.
Artigo 16. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 17. Principios de xestión e información ás persoas interesadas
1. A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
2. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Traballo e Economía Social a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, epígrafe https://conselleriaemprego.xunta.gal
b) Os teléfonos 981 54 47 16/881 99 95 16.
c) O enderezo electrónico: integracion.laboral.emprego@xunta.gal
CAPÍTULO II
Concesión das axudas
Artigo 18. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren rexistrados como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda nesta orde.
Igualmente, os centros de traballo para os cales se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do dito decreto. Para os efectos desta subvención, admitiranse os centros de traballo que presentasen a solicitude ao rexistro competente para outorgar a autorización administrativa.
En todo caso, para o pagamento das axudas será necesario acreditar a dita cualificación e a inscrición da entidade e dos centros de traballo no Rexistro de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a condición de CEE de iniciativa social cando cumpra.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas establecidas neste título:
a) As entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
b) As entidades que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
c) Os CEE que non cumpran coa porcentaxe mínima do 70 % de persoas con discapacidade contratadas respecto do total do cadro de persoal. Nesta porcentaxe non se inclúe o persoal sen discapacidade dedicado á prestación de servizos de axuste persoal e social.
Entenderanse por servizos de axuste persoal e social os que permitan axudar a superar as barreiras, obstáculos ou dificultades que as persoas traballadoras con discapacidade dos CEE teñan no proceso de incorporación a un posto de traballo, así como na permanencia e progresión nel.
d) Os CEE que, carecendo de personalidade xurídica propia, non teñan unha xestión diferenciada da súa entidade titular. Para os efectos de teren unha xestión diferenciada, deberán levar unha contabilidade separada da dita entidade e ter unha conta de cotización da Seguridade Social propia do CEE.
e) Os CEE que non estean ao día nas obrigas rexistrais, segundo o establecido no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.
3. A acreditación, por parte das entidades solicitantes, de que cumpren as condicións sinaladas nas letras a), b), c) e d) do número 2 deste artigo realizarase mediante declaracións responsables que se inclúen nos anexos de solicitude de cada procedemento (anexos I,II e III).
O órgano xestor poderá comprobar en calquera momento a veracidade das ditas declaracións.
Artigo 19. Persoas destinatarias finais
1. A integración laboral por medio de centros especiais de emprego vai dirixida a persoas desempregadas ou ocupadas que teñan un grao de discapacidade recoñecido superior ou igual ao 33 %, que teñan un contrato laboral co CEE ou que sexan persoas socias traballadoras, no caso de que o CEE sexa unha cooperativa, e que desempeñen o seu posto de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
No Programa I (código de procedemento TR341K) as persoas destinatarias finais son as persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción sociolaboral, tal e como se definen no artigo 3.2.
2. As persoas traballadoras con discapacidade a que se dirixe esta orde non deben ocupar postos que quedasen vacantes como consecuencia dun despedimento declarado ou recoñecido improcedente dunha persoa traballadora con discapacidade pola cal se concedeu a subvención ao abeiro desta ou doutras ordes de convocatoria de axudas a CEE.
3. As condicións do posto de traballo de cada unha das persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención deben adaptarse ás condicións individuais de cada persoa, de maneira que esta poida desenvolver as tarefas básicas do seu posto de traballo sen menoscabo das súas capacidades.
Artigo 20. Comprobación de datos
1. Para a tramitación dos procedementos regulados neste título consultaranse automaticamente por medios electrónicos os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Certificación de estar ao día a persoa solicitante nas súas obrigas coa Seguridade Social, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e nas súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria.
e) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
g) Informe das contas de cotización asociadas ao NIF da entidade solicitante.
h) DNI ou NIE das persoas con discapacidade do CEE e das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención, no seu caso.
i) Consulta dos contratos de traballo das persoas polas que se solicita a subvención e/o das persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención, de ser o caso.
j) Informe da vida laboral das persoas polas que se solicita a subvención e/ou das persoas con discapacidade destinatarias da subvención, de ser o caso.
k) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia, relativo ás persoas polas que se solicita a subvención e/ou ás persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención, de ser o caso.
l) Certificado das prestacións que figuran no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas das persoas con discapacidade do CEE destinatarias finais da subvención, de ser o caso.
m) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego relativo ás persoas polas que se solicita a subvención, cando lles sexa de aplicación esta circunstancia.
n) Titulacións universitarias/non universitarias.
As persoas ou entidades solicitantes asinarán na declaración responsable que forma parte dos anexos de documentación xustificativa de cada un dos procedementos, que dispoñen dos documentos asinados pola persoa ou persoas contratadas, no que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme ao modelo do anexo VII. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.
Así mesmo, no caso de que algunha persoa contratada pola que se solicita a subvención se opoña á comprobación de datos, farao constar na dita declaración responsable e, consecuentemente, presentará os documentos que os acrediten.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado na solicitude e achegar os devanditos documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. A instrución completarase incorporando ao expediente a información que conste na Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, sobre as autorizacións administrativas e inscricións no Rexistro como CEE e os seus centros de traballo, así como o seu recoñecemento e inscrición como centro especial de emprego sen ánimo de lucro ou de iniciativa social, conforme o previsto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.
O órgano xestor verificará co Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia que as entidades remitiron toda a documentación requirida por este e que están ao día nas súas obrigas rexistrais.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 21. Incompatibilidades
1. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria.
2. As subvencións do custo salarial previstas no Programa III desta orde serán incompatibles, para a mesma persoa traballadora con discapacidade, coas establecidas para as unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE reguladas no Programa I, no suposto dunha persoa traballadora con discapacidade integrante da unidade de apoio á actividade profesional.
No caso de que se soliciten axudas para os dous programas e ambas reúnan as condicións para seren subvencionables, concederase unicamente a de custo salarial.
As axudas dos programas I e III serán incompatibles, respecto da mesma persoa con discapacidade, coas axudas que se convoquen baixo o Programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego.
CAPÍTULO III
Programa I. Programa de axudas ás unidades de apoio á actividade
profesional dos centros especiais de emprego (código do procedemento TR341K)
Artigo 22. Obxecto, conceptos subvencionables e contía
1. O obxecto deste programa é subvencionar os custos salariais e da Seguridade Social a cargo da empresa derivados da contratación indefinida das persoas traballadoras das unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE, previstos no artigo 43 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, para o desenvolvemento das funcións descritas no artigo 24 correspondentes ás mensualidades que se indiquen en cada convocatoria.
Así mesmo, serán subvencionables as contratacións de interinidade durante o tempo que se substitúa a persoa titular da praza de técnica ou encargada da unidade de apoio, dentro do período subvencionable.
2. Nos CEE cualificados de iniciativa social ou naqueles que teñan un número igual ou superior ao 50 % do seu cadro de persoal total composto por persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 3.2 destas bases reguladoras, a porcentaxe máxima subvencionable será o 100 % dos custos indicados no punto precedente e, no resto de centros, subvencionarase como máximo o 80 %.
En calquera caso, a contía da subvención non poderá exceder a fixada no convenio colectivo de aplicación para o posto de traballo do persoal traballador da unidade de apoio; estes importes serán como máximo de 1.500 €/mes para o posto de técnico e de 1.200 €/mes para o posto de encargado.
3. A contía base da subvención establécese en 2.400 €/mes por cada persoa traballadora apoiada, co tipo e grao de discapacidade indicados no artigo 3.2, con contrato por tempo indefinido ou temporal de duración igual ou superior a seis (6) meses a xornada completa.
A axuda reducirase proporcionalmente en función da duración dos contratos das persoas traballadoras con discapacidade sinaladas no parágrafo anterior, cando teñan unha duración inferior ao ano, así como en función da duración da xornada no caso de que o contrato sexa a tempo parcial.
4. O cálculo da subvención estimarase para todo o período subvencionable, tendo en conta as persoas con discapacidade co tipo e grao de discapacidade indicados no artigo 3.2 que figuren no persoal do CEE no primeiro mes polo que soliciten a subvención. Así mesmo, terase en conta a composición da unidade de apoio nese mesmo mes.
A solicitude inicial poderá incluír aquelas persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade indicados no artigo 3.2 que teñan contratos fixos-descontinuos pero non se encontren nese momento prestando servizos efectivos no CEE, así como aquelas que estean en situación de IT no momento de presentación da solicitude, aínda que estas deberán ser substituídas nos termos do artigo 26. Con todo, no momento do pagamento final ditaranse as resolucións revogatorias pertinentes polos períodos en que as persoas traballadoras apoiadas non prestasen servizos efectivos.
Artigo 23. Beneficiarios e persoas destinatarias finais
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan neste programa os CEE da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran, ademais dos requisitos sinalados no artigo 18, os seguintes:
a) Que formen parte do seu persoal as persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido nas letras a) e b) do artigo 3.2. No caso de contratos a tempo parcial, deberán celebrarse por un mínimo do 25 % da xornada a tempo completo.
b) Que dispoñan de unidades de apoio á actividade profesional, que teñan a composición establecida no artigo 24 desta orde.
Para ser subvencionables, os contratos das persoas que formen parte da unidade de apoio deben cumprir coa legalidade vixente e ser indefinidos; ademais, a prestación de traballo mínima subvencionable é de seis (6) meses.
As persoas destinatarias finais deste programa serán as persoas traballadoras con discapacidade dos CEE que se atopen nalgún dos supostos que se describen nas letras a) e b) do artigo 3.2.
As unidades de apoio á actividade profesional poderán prestar servizo tamén ás persoas traballadoras con discapacidade do centro especial de emprego que non inclúa o punto anterior, a condición de que a dedicación a este persoal traballador non menoscabe a atención do persoal incluído no punto anterior.
Artigo 24. Unidades de apoio á actividade profesional. Concepto, funcións e composición
1. Enténdese por unidades de apoio á actividade profesional os equipos multiprofesionais enmarcados dentro dos servizos de axuste persoal e social dos CEE que, mediante o desenvolvemento das funcións previstas neste artigo, permiten axudar a superar as barreiras, obstáculos ou dificultades que as persoas traballadoras con discapacidade dos devanditos centros teñen no proceso de incorporación a un posto de traballo, así como a permanencia e progresión nel.
2. O persoal integrado nas unidades de apoio á actividade profesional desenvolverá as seguintes funcións:
a) Detectar e determinar, logo de valoración de capacidades da persoa e da análise do posto de traballo, as necesidades de apoio para que a persoa traballadora con discapacidade poida desenvolver a súa actividade profesional.
b) Establecer as relacións precisas co contorno familiar e social das persoas traballadoras con discapacidade, para que este sexa un instrumento de apoio e estímulo ao traballador ou traballadora na incorporación a un posto de traballo e á estabilidade nel.
c) Desenvolver cantos programas de formación sexan necesarios para a adaptación da persoa traballadora ao posto de traballo, así como ás novas tecnoloxías e procesos produtivos.
d) Establecer apoios individualizados para cada traballadora ou traballador e posto de traballo.
e) Favorecer e potenciar a autonomía e independencia das persoas traballadoras con discapacidade, principalmente, no seu posto de traballo.
f) Favorecer a integración de novas persoas traballadoras ao centro especial de emprego mediante o establecemento dos apoios adecuados para tal fin.
g) Asistir a persoa traballadora do centro especial de emprego no proceso de incorporación a ámbitos laborais e ao mercado ordinario de traballo.
h) Detectar e intervir nos posibles procesos de deterioración evolutiva das persoas traballadoras con discapacidade co fin de evitar e atenuar os seus efectos.
3. Para acollerse á presente subvención, os CEE deberán dispoñer de unidades de apoio á actividade profesional cuxa composición acade cando menos os seguintes módulos: referidos a persoas traballadoras con discapacidade das indicadas no artigo 3.2:
a) Menos de 16 persoas traballadoras con discapacidade das indicadas no artigo 3.2: unha persoa profesional técnica de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencias equiparables, polo menos, ao 20 % da súa xornada, e unha persoa encargada de apoio á produción a tempo completo, ou o número de persoas que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.
b) De 16 a 30 persoas traballadoras: unha persoa profesional técnica de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, polo menos, ao 80 % da súa xornada, e dúas persoas encargadas de apoio á produción a tempo completo, ou as que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.
c) Máis de 30 a 45 persoas traballadoras: dúas persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, unha delas a tempo completo e a outra, polo menos, ao 50 % da súa xornada, e tres persoas encargadas de apoio á produción a tempo completo, ou o número de persoas que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.
d) Máis de 45 a 60 persoas traballadoras: dúas persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, a tempo completo e catro persoas encargadas de apoio á produción a tempo completo, ou o número de persoas que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.
e) Máis de 60 e ata 75 persoas traballadoras: tres persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencias equiparables, dúas delas a tempo completo e a outra, polo menos, ao 50 % da súa xornada, e cinco persoas encargadas de apoio á produción a tempo completo, ou o número de persoas que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.
f) Para máis de 75 persoas traballadoras: establecerase o cadro da unidade de apoio á actividade profesional proporcionalmente, segundo os criterios sinalados na letra e).
A persoa profesional técnica terá que ter unha titulación de grao medio ou superior relacionada co ámbito da discapacidade, e/ou coñecementos ou experiencia equiparables, e a experiencia que se acredite deberá ser, como mínimo, de seis (6) meses. A persoa encargada de apoio á produción deberá ter unha experiencia mínima de tres (3) meses.
4. Cando o número de persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 3.2 a que se dirixe o servizo non se corresponda cos topes de cada módulo, o tempo de dedicación do persoal das unidades de apoio á actividade profesional será proporcional ao número das devanditas persoas traballadoras con discapacidade.
5. Soamente se terán en conta para o cálculo das unidades de apoio á actividade profesional, e para o cálculo da contía da subvención, aquelas persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 3.2 que estean a prestar servizos efectivos no centro especial de emprego, admitíndose, en todo caso, as persoas traballadoras con discapacidade que se incluíron na solicitude con base no segundo parágrafo do artigo 23.4.
6. Non se terán en conta para o cálculo da composición das unidades de apoio á actividade profesional e, por tanto, non serán subvencionables as persoas titulares dos centros especiais de emprego ou as que ocupen cargos de dirección e xestión neles.
7. Ademais de ás persoas destinatarias finais deste programa, as unidades de apoio á actividade profesional poderán prestar servizo tamén a outras persoas traballadoras con discapacidade do centro especial de emprego, a condición de que a dedicación a este persoal traballador non menoscabe a atención das persoas descritas como destinatarias finais deste programa.
Artigo 25. Declaracións responsables e documentación complementaria
1. A acreditación dos requisitos indicados nestas bases faranse por medio de declaracións responsables, que figuran incorporadas nos correspondentes formularios de solicitude. Estes formularios incluirán, ademais doutros compromisos previstos nas bases, os seguintes:
a) Declaración responsable de que a persoa asinante da solicitude dispón de poder suficiente en dereito para actuar en nome e representación da persoa xurídica solicitante e pola cal asume todas as responsabilidades que poidan derivar da dita solicitude, así como de que a entidade cumpre no pagamento dos salarios tanto co convenio de aplicación como co SMI aplicable en cada momento.
b) Declaración responsable consonte é veraz a totalidade de información remitida xunto coa solicitude, con mención específica á contida no documento en formato folla de cálculo asinada dixitalmente a que se fai referencia no número 2 deste artigo.
c) Declaración responsable relativa ao persoal con discapacidade con especiais dificultades definidas no artigo 3.2, que será atendido pola unidade de apoio, con indicación do persoal que conte con certificación de discapacidade recoñecida fóra de Galicia, se é o caso; ou con resolución ou certificación en que figure o tipo ou grao de discapacidade cando esta derive dun recoñecemento de pensión por incapacidade permanente.
d) Declaración responsable consonte coa que a unidade de apoio respecto da que se solicita a axuda cumpre os requisitos indicados no artigo 24.
2. Igualmente, xunto coa solicitude presentarase unha certificación asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, e, así mesmo, o mesmo documento en formato editable (folla de cálculo), adaptado ao modelo que consta na páxina https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, no que se relacionarán:
i. A titularidade do centro e direccións dos centros de traballo.
ii. As persoas con discapacidade atendidas pola unidade de apoio e as persoas que compoñen a unidade de apoio á actividade profesional, incluídas as persoas que sexan fixas descontinuas e se encontren inactivas e, respecto das persoas que se atopen en situación de incapacidade temporal, tanto a persoa titular do posto no caso de que no momento de presentación da solicitude non estea sendo substituída, ou a persoa que estea substituíndo á titular do posto en situación de incapacidade temporal.
Respecto do persoal indefinido que forma parte da unidade de apoio á actividade profesional e polo que se solicita a subvención, información referente á súa formación e/ou experiencia, á cotización da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e a ao contrato de traballo formalizado.
Artigo 26. Obrigas específicas do Programa I
Ademais das obrigas xerais establecidas nesta orde para o conxunto de programas, son obrigas específicas das entidades beneficiarias das subvencións previstas neste programa:
a) Manter os postos de traballo obxecto da subvención polo período subvencionable e manter a proporcionalidade exixida para a composición da unidade de apoio no artigo 39.
Cando se produzan vacantes ou baixas do persoal que integra as unidades de apoio á actividade profesional, deberán ser cubertas co fin de manter a mencionada proporcionalidade.
A cobertura do novo posto terá que realizarse no prazo de dous (2) meses desde a data da baixa.
No suposto de non manter os postos de traballo obxecto da subvención polo total do período subvencionable, de non manter a proporcionalidade establecida no artigo 39 desta orde, procederá a revogación parcial da subvención concedida e, se é o caso, o reintegro das cantidades indebidamente percibidas.
O despedimento improcedente do persoal das unidades de apoio á actividade profesional nos CEE que fosen obxecto de subvención dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda recibida pola súa contratación.
b) Manter no seu cadro o número de persoas con discapacidade en función das cales se concedeu a subvención segundo o establecido no artigo 39 desta orde. No suposto de diminución deste número de persoas traballadoras con discapacidade que estean a prestar servizos efectivos no CEE, ou da duración dos contratos ou da súa xornada de traballo, procederá a revogación parcial da subvención concedida e, se é o caso, o reintegro das cantidades indebidamente percibidas.
Cando se produzan vacantes, baixas, ou calquera outra suspensión do contrato por calquera das causas recollidas no artigo 45 do Estatuto dos traballadores, das persoas con discapacidade que son atendidas pola unidade de apoio, incluídas aquelas persoas con discapacidade en situación de IT no momento da solicitude inicial, deberán ser substituídas co fin de manter o mesmo número de persoas atendidas.
Esta substitución deberá realizarse no prazo de dous (2) meses desde a data da baixa, de non cumprirse co prazo para substituír, procederá a revogación parcial da subvención concedida e, se é o caso, o reintegro das cantidades indebidamente percibidas.
CAPÍTULO IV
Programa II. Programa de axudas á creación de postos de traballo estables
para persoas con discapacidade, adaptación de postos e asistencia técnica
nos centros especiais de emprego (código de procedemento TR342D)
Artigo 27. Obxecto do programa e liñas de axudas
Este programa ten por obxecto incentivar a creación de postos de traballo estables e financiar as adaptacións dos postos de traballo que precisen os CEE, no seu proceso de creación ou de mellora e diversificación produtiva, e recolle tres liñas de axudas:
Liña 1. Axuda para a creación de postos de traballo estables en función do investimento en activo fixo.
Liña 2. Axuda para a adaptación de postos de traballo.
Liña 3. Axuda para a asistencia técnica.
Artigo 28. Liña 1. Creación de postos de traballo estables. Requisitos e importe máximo
1. Establécese unha axuda para a creación de postos de traballo de carácter estable, subvencionando:
– A creación de novos postos de traballo indefinidos para persoas con discapacidade, rexistradas como demandantes de emprego non ocupadas no Servizo Público de Emprego.
– A transformación en indefinidos dos contratos temporais.
2. Para que sexa subvencionable o proxecto de creación, tanto os contratos indefinidos ou as transformacións, como o gasto subvencionable, deberán realizarse nos períodos que indique a convocatoria. Os contratos deben cumprir coa legalidade vixente e, no caso dos contratos fixo-descontinuos, ter unha prestación de traballo mínima de seis (6) meses ao ano. No caso de que os contratos se celebren a tempo parcial, para que sexan subvencionables deberán celebrarse por un mínimo do 25 % da xornada a tempo completo.
3. O número de postos máximos subvencionables calcularase en función do ano de creación do CEE, da seguinte maneira:
– Durante os cinco (5) primeiros anos desde a creación do CEE: será subvencionable un máximo de 7 postos de traballo de carácter estable por centro especial de emprego.
– A partir do sexto ano: será subvencionable un máximo de 5 postos de traballo de carácter estable por centro especial de emprego.
4. As iniciativas e proxectos referentes aos CEE deberán reunir viabilidade técnica, económica e financeira, e supoñer a creación de emprego estable. Así mesmo, deberán xustificar adecuadamente o investimento que implica o proxecto, que deberá estar directamente relacionado co posto ou postos de traballo creados.
Unicamente serán subvencionables aqueles novos postos de traballo que sexan cubertos por persoas con discapacidade con contrato indefinido e que supoñan un incremento do persoal fixo das persoas traballadoras con discapacidade da entidade beneficiaria. Para tal fin, achegarán unha declaración responsable onde a sociedade achegue os datos do total do cadro de persoal con discapacidade con contrato indefinido que tería a sociedade antes das contratacións que dan lugar a subvención, e outra das persoas traballadoras con discapacidade con contrato indefinido que ten a sociedade con data posterior a contratación das persoas que dan lugar á contratación.
5. A axuda calcularase en función do investimento en activo fixo que se realice, excluídos os impostos que graven a adquisición, considerándose para os efectos da axuda regulada nesta orde investimento en activo fixo:
a) Acondicionamento de locais de uso exclusivo para o exercicio da actividade no centro especial de emprego cualificado.
b) Adaptación de instalacións do centro de traballo cualificado.
c) Mobiliario do centro de traballo cualificado.
d) Vehículos necesarios para o transporte das persoas traballadoras con discapacidade ao lugar de traballo e para o desenvolvemento da actividade. En ningún caso se terán en conta os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.
e) Maquinaria para a extracción ou elaboración dos produtos do centro de traballo cualificado.
f) Utensilios ou ferramentas que se poden usar autonomamente ou conxuntamente coa maquinaria.
g) Equipos e programas informáticos do centro de traballo cualificado, así como a adaptación necesaria para o seu uso polas persoas con discapacidade do persoal polo que reciban esta subvención.
h) Equipos de oficina do centro de traballo cualificado.
i) Adquisición de locais ou terreos para o exercicio da actividade no centro especial de emprego cualificado.
6. A contía máxima das axudas establecidas neste artigo determínase con base nas seguintes regras:
1ª. Establécese unha contía base de 10.000 € por cada posto de traballo creado con carácter indefinido e a xornada completa. O importe desta contía será proporcional á xornada laboral. Para estes efectos, terase en conta a xornada laboral que conste no contrato indefinido ou na transformación.
2ª. Os importes anteriores poderán incrementarse cos seguintes incentivos, acumulables entre si cando se dean as seguintes circunstancias:
a) Un 25 % se a persoa contratada é unha muller.
b) Un 25 % se a persoa contratada ten unha discapacidade con especiais dificultades de inserción segundo o expresado no artigo 3.2, alíneas a) e b), ou está en situación ou en risco de exclusión social.
c) Un 25 % se a persoa contratada é maior de 45 anos.
d) Un 25 % se a persoa contratada ten a condición de persoa emigrante retornada conforme establece o artigo 3.6.
e) Un 25 % se a persoa é trans.
f) Un 25 % no caso de que o centro de traballo en que se incorpora a persoa traballadora estea situado nun concello rural segundo a definición do artigo 3.10.
3ª. A contía máxima que se vai a conceder nesta liña de axudas, non superará os 25.000 € por cada posto creado.
Artigo 29. Liña 2. Adaptación de postos de traballo. Requisitos e importe máximo
1. Establécese unha subvención para a adaptación de postos de traballo e para a eliminación de barreiras arquitectónicas.
2. Será requisito para a concesión desta axuda que se acredite a necesidade de adaptación ou eliminación de barreiras arquitectónicas para manter o posto de traballo en atención á discapacidade da persoa pola que se solicita a subvención.
A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social, que será solicitado de oficio polo órgano instrutor.
3. Para ser subvencionables, os contratos das persoas cuxo posto de traballo se adapte deben cumprir coa lexislación vixente e ter unha prestación de traballo mínima de seis (6) meses. No caso de que os contratos se celebren a tempo parcial, para que sexan subvencionables deberán formalizarse por un mínimo do 25 % da xornada a tempo completo.
4. A contía máxima desta axuda será de 1.800 € por cada posto adaptado.
Artigo 30. Liña 3. Asistencia técnica. Requisitos e importe máximo
1. Establécese unha subvención para asistencia técnica prestada por empresas ou persoas físicas especializadas que reúnan garantía de solvencia profesional, que poderá consistir nalgunha das modalidades seguintes:
a) Contratación de persoal de dirección, sempre que o CEE teña, como mínimo, 10 persoas traballadoras. Esta axuda poderá concederse, como máximo, en dúas convocatorias.
b) Custos derivados da obtención efectiva das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións. A axuda para a implantación quedará condicionada á obtención da certificación de calidade.
c) Nos casos de creación dun centro de traballo (creación dunha novo CEE ou ampliación do centro de traballo, coa debida cualificación do Rexistro Administrativo de CEE de Galicia) ou nos casos de diversificación da actividade do centro suficientemente acreditada, poderán outorgarse axudas de asistencia técnica consistentes en:
– Estudos de viabilidade, organización, comercialización e outros de natureza análoga.
– Labores de asesoramento nas diversas áreas de xestión empresarial, excluídas as tarefas que, pola súa natureza, teñan carácter ordinario e continuado na actividade da empresa.
– Auditorías e informes económicos, sempre que estes non se realicen de maneira obrigatoria por unha disposición que así o exixa.
– Auditorías sociais que permitan a empresa avaliar a súa eficacia social e o seu comportamento ético en relación cos seus obxectivos, de maneira que poida mellorar os seus resultados sociais e solidarios e dar conta deles a todas as persoas comprometidas pola súa actividade.
d) Custos derivados dos informes de igualdade e de informes LGTBIQ+.
2. As axudas por asistencia técnica teñen o límite máximo de 15.000 € por CEE para todas as súas modalidades no seu conxunto.
Artigo 31. Importes subvencionables
Os importes subvencionables correspondentes a este programa obteranse aplicando as seguintes porcentaxes, ata o importe máximo establecido para cada liña:
1. Liñas 1 e 2, de axudas de creación de postos de traballo estables en función do investimento en activo fixo e de adaptación de postos de traballo os gastos (excluído o IVE ou, se é o caso, os impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación) serán subvencionables nas seguintes porcentaxes:
a) Para os postos creados/adaptados de persoas con algunha das discapacidades recollidas no artigo 3.2, con independencia da antigüidade e do tipo de CEE: o 100 %.
b) No caso de persoas traballadoras con outro tipo de discapacidades:
i. Para os CEE de iniciativa social, ou e/ou que teñan un número igual ou superior ao 50 % do seu cadro de persoal total composto por persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 3.2 destas bases, o gasto é subvencionable ata as seguintes porcentaxes:
– Durante os 5 primeiros anos do CEE: o 100 %.
– Do sexto ao décimo ano: o 75 %.
– A partir do décimo primeiro ano: o 70 %.
ii. Para o resto de CEE, as porcentaxes máximas serán os seguintes:
– Durante os 5 primeiros anos do CEE: o 80 %.
– Do sexto ao décimo ano: o 60 %.
– A partir do décimo primeiro ano: o 55 %.
2. Liña 3, de axudas de asistencia técnica: os gastos (excluído o IVE ou, se é o caso, os impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación) serán subvencionables nas seguintes porcentaxes:
a) Para os CEE de iniciativa social, ou e/ou que teñan un número igual ou superior ao 50 % do seu cadro de persoal total composto por persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 3.2 destas bases, o gasto é subvencionable ata as seguintes porcentaxes:
– Durante os 5 primeiros anos do CEE: o 100 % do gasto.
– Do sexto ao décimo ano: o 90 % do gasto.
– A partir do décimo primeiro ano: o 80 % do gasto.
b) No caso do resto de CEE, as porcentaxes máximas serán os seguintes:
– Durante os 5 primeiros anos do CEE: o 80 % do gasto.
– Do sexto ao décimo ano: o 75 % do gasto.
– A partir do décimo primeiro ano: o 65 % do gasto.
En ningún caso se subvencionará por enriba dos límites subvencionables recollidos nos artigos 28.6, 29.4 e 30.2.
Artigo 32. Documentación complementaria e declaracións responsables
1. A acreditación dos requisitos indicados nestas bases faranse por medio de declaracións responsables, que figuran incorporadas nos correspondentes formularios de solicitude. Estes formularios incluirán, ademais doutros compromisos previstos nas bases, os seguintes:
a) Declaración responsable de que a persoa asinante da solicitude dispón de poder suficiente en dereito para actuar en nome e representación da persoa xurídica solicitante e pola cal asume todas as responsabilidades que poidan derivar da dita solicitude.
b) Declaración responsable consonte é veraz a totalidade de información remitida xunto coa solicitude, con mención específica á contida no/nos documento/s en formato folla de cálculo asinada dixitalmente á que se fai referencia neste artigo.
c) Declaración responsable onde especifique o convenio colectivo de aplicación e de que o CEE cumpre no pagamento dos salarios tanto co convenio de aplicación como co SMI aplicable en cada momento.
2. Igualmente, xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación complementaria:
Unha certificación asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE e, así mesmo, o mesmo documento en formato editable (folla de cálculo) e adaptado ao modelo que consta na páxina https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, no cal se relacionarán:
i. A titularidade do centro e direccións dos centros de traballo e actividades que desenvolven.
ii. Orzamento detallado do gasto co detalle que figurará no modelo, no cal figurarán, entre outros, os custos salariais, incluídos os da Seguridade Social; e o calendario de execución previsto.
No caso de que o CEE teña algunha vinculación societaria coa empresa/entidade que realice a obra ou subministración será requisito imprescindible obter a autorización previa do órgano concedente, suposto en que se presentará unha memoria xustificativa dos beneficios da contratación con esa entidade/empresa en que se exprese que a contratación se realiza conforme as condicións normais de mercado; así mesmo, e en todo caso, calquera que sexa o importe, presentarán tres ofertas, dúas deles de empresas que non teñan ningún tipo de relación co CEE. A elección entre as ofertas presentadas efectuarase atendendo en todo caso a criterios de eficiencia e economía.
Cando o importe do gasto que se toma como referencia da subvención supere a contía establecida para os contratos menores na normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude de ofertas e, por imposibilidade de obtelas, non se soliciten as tres ofertas ás cales se fai referencia no artigo 33, ou, solicitándoas, se optase por unha das ofertas que non sexa a economicamente máis vantaxosa, deberá achegarase unha memoria xustificativa das ditas circunstancias e das decisións adoptadas.
3. Declaracións responsables e documentación complementaria específica para as subvencións en función do investimento en activo fixo (código de procedemento TR342D anexo II-Liña 1):
a) Declaración responsable consonte se dispón dun estudo económico-financeiro de viabilidade do proxecto e dun plan de investimentos en activos fixos xustificativo da súa necesidade para a creación dos postos de traballo.
b) Declaración responsable consonte se dispón dunha certificación de discapacidade das persoas polas que se solicita a subvención recoñecida fóra de Galicia, se é o caso, ou con resolución ou certificación en que figure o tipo ou grao de discapacidade ou cando esta derive dun recoñecemento de pensión por incapacidade permanente.
c) Declaración responsable onde o CEE achegue os datos do total do cadro de persoal con discapacidade con contrato indefinido que tería antes e dos que tería despois das contratacións que dean lugar a subvención.
d) De terse celebrado os contratos polos que se solicita a subvención, e no caso de que se dea algunha das circunstancias sinaladas no número 6 do artigo 28 deberá achegarse declaración responsable referente a, segundo corresponda:
1º. No caso de persoa emigrante retornada, que se oficializou ante a respectiva embaixada ou consulado español, a baixa consular, dispondo ou podendo obter certificación ao respecto, ou que se conta con outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España; e, de se alegar algunha relación de parentesco coa persoa nada en Galicia, que se acredita a dita circunstancia consonte coa documentación da que dispón o CEE.
2º. No caso de persoa trans, que figura inscrita no Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou do cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.
3º. No caso de persoas en situación ou risco de exclusión social, que se atopan na dita circunstancia, dispondo ou podendo achegar certificación xustificativa.
e) Presentación da certificación asinada dixitalmente e, así mesmo, o mesmo documento en formato editable (folla de cálculo) previsto no número 2 deste artigo consonte co modelo específico previsto para este suposto na web https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, no que ademais da información prevista con carácter xeral, identificaranse as novas persoas con discapacidade contratadas con carácter indefinido ou cuxos contratos se transformaron en indefinidos e polas cales se pide subvención, ou, de aínda non se ter celebrado os contratos, relación de postos respecto dos cales se solicita a subvención e se asume o compromiso de contratación.
4. Declaracións responsables e documentación complementaria específica para as subvencións de adaptación de postos de traballo (código de procedemento TR342D, anexo II-Liña 2):
a) Declaración responsable consonte se dispón dun estudo económico-financeiro de viabilidade do proxecto, xustificativo da súa necesidade para a adaptación dos postos de traballo.
b) Declaración responsable consonte se dispón dunha certificación de discapacidade das persoas polas que se solicita a subvención recoñecida fóra de Galicia, se é o caso ou con resolución ou certificación en que figure o tipo ou grao de discapacidade cando esta derive dun recoñecemento de pensión por incapacidade permanente.
c) Presentación da certificación asinada dixitalmente e, así mesmo, o mesmo documento en formato editable (folla de cálculo), previsto no número 2 deste artigo consonte co modelo específico previsto para este suposto na web https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, no que ademais da información prevista con carácter xeral, se incorporará o orzamento previsto para a actuación e as persoas con discapacidade para as que se adapten os postos de traballo.
5. Declaración responsable para as axudas de asistencia técnica (código de procedemento TR342D-anexo II-Liña 3):
Declaración responsable do cumprimento pola persoa que vaia prestar o servizo das esixencias previstas nesta orde para tal fin, dispondo ou podendo dispoñer o CEE solicitante da documentación xustificativa do seu currículo.
Artigo 33. Requisitos comúns ao financiamento do Programa II
1. Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido ou, se é o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.
2. Cando o importe do gasto que se toma como referencia da subvención supere a contía establecida para os contratos menores na normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude de ofertas, o CEE estará obrigado a solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes entidades provedoras, con carácter previo á realización da obra, entrega do ben ou prestación do servizo, agás que se xustifique debidamente a imposibilidade de obtelas. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente a elección cando esta non recaia na oferta economicamente máis vantaxosa.
3. No caso de que o CEE teña algunha vinculación societaria coa empresa/entidade que realice a obra ou subministración será requisito imprescindible obter a autorización previa do órgano concedente. Así mesmo, deberá presentar coa solicitude unha memoria xustificativa dos beneficios da contratación con esa entidade/empresa en que se exprese que a contratación se realiza conforme as condicións normais de mercado, así mesmo, e en todo caso, calquera que sexa o importe, presentarán tres presupostos, dous deles de empresas que non teñan ningún tipo de relación co CEE. A elección entre as ofertas presentadas axustarase aos criterios sinalados no parágrafo anterior.
CAPÍTULO V
Programa III. Programa de axudas para o mantemento do custo salarial
das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego
(código de procedemento TR341M)
Artigo 34. Obxecto, conceptos subvencionables e alcance do programa
1. O obxecto deste programa é axudar aos CEE cunha liña de axuda (código de procedemento TR341M) que financia o custo salarial de todas as persoas traballadoras con discapacidade contratadas en centros de traballo do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Poderán ser obxecto de subvención os contratos de traballo das persoas con discapacidade que, ademais de cumprir coa lexislación vixente, cumpran os seguintes requisitos:
– No caso dos contratos indefinidos, incluíndo os fixo-descontinuos, ter unha prestación de traballo efectivo mínima de dous (2) meses consecutivos.
– No caso de contratos de traballo de duración determinada, a duración mínima será dun (1) mes.
– No caso de contratos a tempo parcial, deben formalizarse por un mínimo do 25 % da xornada a tempo completo.
Artigo 35. Importes subvencionables
1. Subvencionarase o salario mínimo interprofesional correspondente ás mensualidades indicadas na convocatoria, para as persoas con discapacidade contratadas nos centros especiais de emprego que estean de alta na Seguridade Social, de acordo coas seguintes porcentaxes:
– 65 % do SMI: persoas traballadoras con especiais dificultades de inserción segundo o artigo 3.2 das bases reguladoras.
– 50 % do SMI: resto de persoas traballadoras con discapacidade con contrato temporais de duración mínima dun (1) mes segundo o artigo 34.2 e para o resto de persoas traballadoras con discapacidade cun contrato indefinido.
En ningún caso, o importe das axudas poderá superar o importe total do custo ocasionado por cada concepto subvencionable.
No suposto de contratos de traballo a tempo parcial, a contía da subvención reducirase proporcionalmente. No caso de que nun mesmo mes se produzan variacións na duración da xornada, soamente se terá en conta para calcular a contía que se concederá nesa mensualidade a porcentaxe da xornada laboral inferior.
2. Non se subvencionará máis do 100 % da xornada laboral dunha mesma persoa traballadora en cómputo mensual. Para a aplicación deste límite teranse en conta as seguintes regras:
– No caso de que unha persoa traballadora con discapacidade estea contratada por varios centros especiais de emprego, descontaríase a porcentaxe excedente do 100 % da xornada ao centro de traballo que a contratase en segundo ou sucesivo lugar.
– Se a persoa está contratada ao mesmo tempo nunha empresa de traballo común e nun CEE, a porcentaxe excedente do 100 % da xornada traballada descontaráselle ao centro especial de emprego.
3. Son subvencionables os días efectivamente traballados, incluídas as vacacións. Nas situacións de incapacidade temporal, son subvencionables exclusivamente os doce (12) días en que o pagamento corresponda integramente ao centro especial de emprego, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social.
4. É subvencionable o período de vacacións anuais retribuído e cotizado. No suposto de cesamento da relación laboral, as subvencións incluirán as liquidacións que correspondan pola parte proporcional das vacacións non gozadas.
5. O importe da subvención incluirá a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias ao ano rateadas en doce (12) mensualidades.
6. A contía máxima por cada centro de traballo solicitante que se poderá conceder será de 2.900.000 €.
Artigo 36. Substitución e cesamento das persoas traballadoras con discapacidade
1. No caso de incapacidade temporal ou baixa por causa xustificada, poderá procederse á substitución da persoa con discapacidade para cuxo posto solicitase a subvención no prazo de dous (2) meses desde a data de baixa ou desde o inicio da incapacidade.
Para ser subvencionable, a substitución por baixa xustificada, os contratos das persoas con discapacidade que substitúan a persoa que causase baixa xustificada deben cumprir coa lexislación vixente e conservar as mesmas características que o contrato da persoa substituída e pola que se concedeu a axuda no que respecta ao tipo de xornada e contrato, sendo a permanencia da persoa substituta como mínimo o período que restase do contrato da persoa substituída.
Serán subvencionables os contratos de substitución por incapacidade temporal a partir do día seguinte ao último día en que o pagamento da incapacidade temporal corresponda ao centro especial de emprego de conformidade coa normativa da Seguridade Social, ata a reincorporación da persoa traballadora subvencionada ao seu posto de traballo, non estando, polo tanto, suxeitas á duración mínima dos contratos indicados no artigo 34.
Os contratos deben cumprir coa lexislación vixente e conservar as mesmas características que o contrato da persoa substituída.
2. Considéranse causas de cesamento xustificadas a renuncia voluntaria o recoñecemento da incapacidade laboral permanente total ou absoluta ou grande invalidez, a xubilación, a baixa por defunción, as modificacións por redución voluntaria do tempo de traballo ou polo despedimento disciplinario procedente, as subrogacións polas causas legais estipuladas ou a transición á empresa ordinaria.
O despedimento improcedente dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda recibida polo devandito traballador.
Artigo 37. Declaracións responsables e documentación complementaria
1. A acreditación dos requisitos indicados nestas bases faranse por medio de declaracións responsables, que figuran incorporadas nos correspondentes formularios de solicitude. Estes formularios incluirán, ademais doutros compromisos previstos nas bases, os seguintes:
a) Declaración responsable de que a persoa asinante da solicitude dispón de poder suficiente en dereito para actuar en nome e representación da persoa xurídica solicitante e pola cal asume todas as responsabilidades que poidan derivar da dita solicitude, así como de que a entidade cumpre no pagamento dos salarios tanto co convenio de aplicación como co SMI aplicable en cada momento.
b) Declaración responsable consonte é veraz a totalidade de información remitida xunto coa solicitude, con mención específica á contida no documento en formato folla de cálculo asinada dixitalmente á que se fai referencia no número 2 deste artigo.
2. Igualmente, xunto coa solicitude presentarase unha certificación asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE e así mesmo o mesmo documento en formato editable (folla de cálculo), e adaptado ao modelo que consta na páxina https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, no que se relacionarán:
i. A titularidade do centro e direccións dos centros de traballo.
ii. A relación de postos de traballo en función de que se vai a realizar o cálculo da resolución de concesión, tanto dos xa cubertos como dos aínda non creados respecto dos que no momento da solicitude o centro se compromete á contratación, especificando as porcentaxes da xornada de cada posto e a cantidade de meses polos que se vai contratar a persoa con discapacidade para a cobertura de cada posto de traballo (que poderán ser consecutivos ou non consecutivos) e porcentaxe e tipo de discapacidade da persoa que se prevé que cubra o devandito posto de traballo, así como o importe da subvención que se solicita.
CAPÍTULO VI
Xustificación e pagamento
Sección 1ª. Documentación xustificativa
Artigo 38. Disposicións comúns aos tres programas
1. Para os efectos de proceder ao pagamento final da subvención, o CEE beneficiario deberá presentar a conta xustificativa, segundo o anexo IV, V ou VI, segundo corresponda, no que se inclúe a declaración de axudas solicitadas e/ou concedidas, así como a declaración responsable da persoa representante do CEE da veracidade e exactitude do conxunto de datos incorporados ao dito anexo, con mención específica á contida nos documentos en formato folla de cálculo asinada dixitalmente aos que se fai referencia nos artigos seguintes. A xustificación realizarase conforme o artigo 45.5 do Decreto 11/2009 dentro do exercicio orzamentario.
Ademais, o dito anexo incluirá, entre outras, as seguintes declaracións responsables:
a) Declaración responsable de dispoñer de contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida, con documentación contable que inclúa as contas ou subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados; no suposto de que nos traballos de verificación ou control a Administración requirise ao CEE a presentación desta documentación, deberá achegarse no prazo sinalado xunto cunha breve descrición sobre a sistemática de contabilización dos gastos.
2. A data máxima de xustificación será o 31 de outubro de 2026 ou, de ser o caso, o prazo que se fixe na resolución de concesión. Con todo, se o prazo desde a notificación da resolución ata a data establecida como límite para xustificar resulta ser inferior a dez (10) días, o prazo será de dez (10) días contados desde a dita notificación.
Transcorrido o prazo establecido para a xustificación sen ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa ou entidade beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez (10) días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste apartado comprobará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Excepcionalmente, e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido par a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá serlles notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.
3. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Considerarase gasto realizado o que corresponde a actuacións levadas a cabo no período de execución sinalado na convocatoria e que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación.
As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que regula as obrigas de facturación, e estarán emitidas a nome do centro especial de emprego beneficiario das axudas.
4. Só se admitirá como documentación xustificativa do pagamento dos gastos a certificación bancaria ou extracto bancario identificado e selado. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.
Na certificación/extracto bancario deberán constar o número de conta e a titularidade das persoas ou entidades receptoras e emisoras dos pagamentos (estas últimas deberán coincidir coas beneficiarias das axudas), así como o concepto e o importe (IVE incluído) do pagamento. Os mesmos datos deberán constar no caso de xustificantes bancarios emitidos a través da internet. Os datos dos xustificantes bancarios de pagamento deberán coincidir exactamente cos da factura ou os do recibo de salarios, segundo a axuda de que se trate.
Se o importe reflectido no documento bancario non coincide por existiren varios pagamentos agrupados, deberá presentarse unha desagregación onde se poidan identificar os pagamentos en cuestión.
5. Para a determinación dos gastos subvencionables teranse en conta as particularidades exixidas para cada un dos programas de axudas.
Artigo 39. Disposicións específicas aplicables ao Programa I
1. Para os efectos de proceder ao pagamento final da subvención, o CEE beneficiario do Programa I deberá presentar a conta xustificativa que, ademais do indicado no correspondente documento de presentación elaborado consonte co indicado no artigo 38, incluirá a seguinte documentación:
a) Documento de achega da documentación xustificativa segundo o anexo IV, que inclúe a declaración de axudas solicitadas e/ou concedidas, así como as declaracións responsables da persoa representante do CEE do conxunto de datos incorporados ao dito anexo, e de veracidade da totalidade da información remitida xunto coa xustificación, con mención específica a contida no documento en formato folla de cálculo asinado dixitalmente a que se fai referencia na letra c).
b) Memoria descritiva do cumprimento da finalidade das actuacións, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, congruente coa información facilitada coa solicitude, na cal se reflictan os seguintes datos:
1º. Descrición detallada das accións de apoio que cada unha das persoas traballadoras da unidade de apoio á actividade profesional prestaron ás persoas con discapacidade, indicando o tempo e a xornada de traballo destinados a estas funcións.
2º. Cumprimento ou non dos obxectivos previstos e recursos destinados á consecución dos obxectivos.
c) Certificación asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE e, así mesmo, o mesmo documento en formato editable (folla de cálculo), e adaptado ao modelo que conste na páxina web https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, en que se relacionarán as persoas con discapacidade atendidas pola unidade de apoio e as persoas que compoñen a unidade de apoio á actividade profesional, indicando as variacións producidas respecto da resolución inicial durante o período subvencionable para acreditar as baixas e as correspondentes substitucións conforme o establecido no artigo 26; no caso de persoal das unidades de apoio subvencionado, incluirase na folla de cálculo a imputación da súa xornada á dita unidade.
d) Certificación de discapacidade recoñecida fóra de Galicia, se é o caso, das persoas con discapacidade contratadas no caso de producirse substitucións consonte co establecido no artigo 26 e se procede atendendo ao caso concreto, ou da resolución en que figure o tipo ou grao de discapacidade cando esta derive dun recoñecemento de pensión por incapacidade permanente.
e) Respecto do persoal das unidades de apoio subvencionado deberán presentar, igualmente, a relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social de todas as mensualidades incluídas no período subvencionable, e o recibo de liquidación das cotizacións (RLC) e os correspondentes xustificantes de pagamento. A entidade deberá estar ao día nos seus pagamentos á Seguridade Social, e presentar as nóminas mensuais incluídas no período subvencionable, así como os xustificantes bancarios de pagamento.
f) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas de difusión a que se refire o artigo 9.h) desta orde (colocación do rótulo).
Artigo 40. Disposicións específicas aplicables ao Programa II
1. Para os efectos de proceder ao pagamento final da subvención, o CEE beneficiario deberá presentar a conta xustificativa que ademais do correspondente documento de presentación elaborado consonte co indicado no artigo 38 e o modelo do anexo do correspondente procedemento TR342D (anexo V) incluirá:
a) Memoria descritiva do cumprimento da finalidade das actuacións, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, congruente coa información facilitada coa solicitude.
b) Certificación asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE e, así mesmo, o mesmo documento en formato editable (folla de cálculo), e adaptado ao modelo que conste na páxina web https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, en que se relacionarán as facturas ou outros documentos xustificativos dos gastos realizados; no caso das axudas para a creación de postos de traballo estables, recollidas no artigo 28 (procedemento TR342D-Liña 1), o dito documento incluirá a relación das novas persoas contratadas con carácter indefinido, ou cuxos contratos se transformaron en indefinidos e polas cales se pide subvención, incluíndo as substitucións que ocupen os postos de traballo que, conforme o acreditado no artigo 3.1 e 3.2, debe manterse durante un prazo mínimo de dous (2) anos, se non foi presentada con anterioridade. No caso do procedemento TR342D-Liña 2, a relación será a das persoas con discapacidade para as que se adapten os postos de traballo.
c) Facturas ou outros documentos xustificativos do gasto, así como xustificantes bancarios de pagamento, identificadas e ordenadas segundo a relación a que se refire o punto anterior. Nos xustificantes bancarios deberán constar, claramente, a persoa emisora e perceptora e o concepto do gasto.
d) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigacións de difusión a que se refire o artigo 9.h) desta orde (colocación de rótulo).
2. Cando se trate dalgunha das axudas para a creación de postos de traballo estables, recollidas no artigo 28 (códico de procedemento TR342D-Liña 1), deberán presentar a seguinte documentación xustificativa específica:
a) Declaración responsable asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, na cal constará os datos do total do cadro de persoal con discapacidade con contrato indefinido que tivese o CEE antes das contratacións obxecto da subvención, así como do que teña logo da contratación das indicadas persoas.
b) Certificación de discapacidade recoñecida fóra de Galicia, se é o caso, das persoas con discapacidade contratadas con carácter indefinido ou cuxos contratos se transformaron en indefinidos e polas que se solicita a subvención e das substitucións que ocupen o posto de traballo de persoas polas que se solicitou a subvención, que conforme o acreditado no indicado artigo 28, debe manterse un prazo mínimo de dous (2) anos.
c) Resolución ou certificación en que figure o tipo ou grao de discapacidade cando esta derive dun recoñecemento de pensión por incapacidade permanente, se é o caso.
d) No caso de que se dea algunha das circunstancias sinaladas na letra b) do artigo 28.6 deberá achegarse declaración responsable referente a, segundo corresponda:
1º. No caso de persoa emigrante retornada, que se oficializou ante a respectiva embaixada ou consulado español a baixa consular, dispondo ou podendo obter certificación ao respecto, ou que se conta con outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España; e, de se alegar algunha relación de parentesco coa persoa nada en Galicia, que se acredita a dita circunstancia consonte coa documentación da que dispón o CEE.
2º. No caso de persoa trans, que figura inscrita no Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou do cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.
3º. No caso de persoas en situación ou risco de exclusión social, que se atopan na dita circunstancia, dispondo ou podendo achegar certificación xustificativa.
e) Adquisición de bens inmobles: acompañarase certificado de taxador independente, debidamente acreditado e rexistrado no correspondente rexistro oficial, en que se acredite que os fondos que se van xustificar corresponden á adquisición de bens inmobles, se é o caso.
3. Cando se trate dalgunha das axudas de asistencia técnica, recollidas no artigo 30 (código de procedemento TR342D-Liña 3), deberán presentar a seguinte documentación xustificativa específica:
a) Na modalidade de contratación de persoal de dirección, establecida no artigo 30.1.a), presentarase unha declaración responsable na que se identifique para cada persoa traballadora incluída na xustificación, o importe dos salarios correspondentes e da cotización á Seguridade Social, das mensualidades a que se refire o período subvencionado; no caso de que fose requirido pola Administración en calquera momento dos procesos de verificación e control das axudas, o CEE deberá presentar copia dos recibos de salarios, xustificantes bancarios de telos aboado e recibo de liquidación de cotizacións fronte á Seguridade Social da totalidade ou da parte de mensualidades que a Administración demande, sendo causa de revogación e reintegro da subvención a súa non presentación.
b) Para as asistencias técnicas do artigo 30.1.b), presentaranse as certificacións de calidade obtidas.
c) Para as asistencias técnicas do artigo 30.1.c), presentarase copia dos estudos, informes, asesoramento ou auditoría realizados, se é o caso.
d) Para as asistencias técnicas do artigo 30.1.d), presentarase copia dos informes realizados.
Artigo 41. Disposicións específicas aplicables ao Programa III
1. No prazo de corenta (40) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación das bases reguladoras, presentarase a seguinte documentación:
a) Certificación asinada dixitalmente polo responsable do CEE e, así mesmo, o mesmo documento en formato editable (folla de cálculo), no que con desagregación mensual, referida a todos os meses subvencionables previos á presentación da solicitude, da relación das novas persoas con discapacidade contratadas respecto das que se pretende a xustificación da subvención e o seu pagamento, segundo os modelos que constan na páxina https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego
b) Relación nominal das persoas traballadoras incluídas na cotización á Seguridade Social (RNT) referidas aos meses subvencionables previos á presentación da solicitude, así como todas as variacións de datos á Seguridade Social. O recibo de liquidación das cotizacións (RLC) dos meses subvencionables previos á presentación da solicitude e os correspondentes xustificantes de pagamento.
c) As nóminas mensuais das persoas traballadoras subvencionadas dos meses subvencionables previos a presentación das solicitudes e os xustificantes bancarios do seu pagamento.
Nas ditas nóminas deberán constar os diferentes conceptos de aboamento (salario, vacacións, días de absentismo, pluses e complementos), así como o número de días que se retribúen por cada concepto.
Non se subvencionarán os traballadores en cuxas nóminas non conste esta información desagregada ou que, alternativamente, non a acheguen mediante unha declaración responsable asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE.
No caso de traballadores de baixa médica por enfermidade común ou accidente non laboral, a nómina deberá especificar:
– O número de días que se pagan a cargo da empresa, diferenciando o pagamento dos tres (3) primeiros días (segundo convenio de aplicación) e os doce (12) días restantes (segundo normativa da Seguridade Social).
– O complemento de IT (segundo convenio colectivo).
Será causa de revogación e reintegro da subvención a súa non presentación.
Así mesmo, deberán enviar o Informe de datos para a cotización (IDC) individual do traballador en situación de incapacidade temporal desde principios de ano e tamén o ficheiro FIE da Seguridade Social onde se reflictan os datos da incapacidade.
d) Informe de datos para a cotización (IDC) das persoas traballadoras con discapacidade do CEE polas que se solicita a subvención, contratadas con respecto á convocatoria anterior en que se recibiu subvención por este programa, para todos os meses que se xustifican.
e) Os contratos de traballo asinados e comunicados en prazo. A comunicación dos contratos de traballo ao Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) fóra de prazo implicará a denegación da axuda.
f) Certificación de discapacidade das persoas traballadoras con discapacidade do CEE recoñecida fóra de Galicia, se é o caso.
g) Resolución ou certificación en que figure o tipo ou grao de discapacidade cando esta derive dun recoñecemento de pensión por incapacidade permanente e corresponda a algunha das sinaladas no artigo 3.2, letras a) e b).
h) Declaración responsable, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, referida aos meses subvencionables previos á presentación, onde se indique:
– O número total de traballadores do CEE.
– O número de traballadores con discapacidade do CEE.
– O número de persoas que formen parte da unidade de apoio que presta servizo de apoio ás persoas traballadoras con discapacidade pertencentes ao CEE.
Os datos recollidos nas devanditas declaracións responsables poderán ser comprobados de oficio por parte do órgano xestor. En caso de non presentarse esta declaración responsable, o órgano xestor dará traslado ao Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia para que este proceda ás investigacións correspondentes, e teranse por correctos os datos achegados polo Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia.
2. Finalmente, dentro do prazo establecido para a xustificación, presentarase a seguinte documentación:
a) Documento de achega da documentación xustificativa segundo o anexo VI, que inclúe a declaración de axudas solicitadas e/o concedidas e a solicitude de modificación da resolución inicial, se é o caso.
b) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigacións de difusión a que se refire o artigo 9.h) desta orde (colocación de rótulo).
Sección 2ª. Pagamento
Artigo 42. Pagamento da subvención
1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa da realización da actividade para a cal se concedeu a subvención.
2. A unidade administrativa responsable da instrución analizará a documentación xustificativa acreditativa da realización da actividade obxecto da subvención e emitirá unha proposta de pagamento que se elevará ao órgano competente para resolver. Só se tomarán en consideración para os efectos da presente subvención os contratos de traballo que cumpran a legalidade vixente.
3. O pagamento da axuda efectuarase de forma nominativa a favor das persoas ou entidades beneficiarias.
4. Poderán realizarse pagamentos anticipados do gasto do 90 % da subvención (que serán do 100 % no caso do Programa III), con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes ás subvencións recollidas nesta orde, sempre que a entidade beneficiaria o solicite marcando esta opción no anexo de solicitude,
Para realizar estes pagamentos anticipados, as entidades beneficiarias quedan exentas da obriga de constituír garantías, consonte co disposto no artigo 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
5. A liquidación da axuda terá lugar cando se liquide o expediente, unha vez xustificada a totalidade da axuda concedida e despois de ditar as resolucións complementarias ou revogatorias que procedan segundo o previsto no artigo 11.
Se a vista da documentación presentada pola entidade beneficiaria, para o pagamento da axuda resulta xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada e declararase a perda do dereito ao cobramento das contías non xustificadas.
Se a contía xustificada é inferior á anticipada procederá o reintegro das cantidades cobradas indebidamente, que a entidade poderá ingresar de maneira voluntaria segundo o previsto no artigo 12. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e coa Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.
6. Non procederá o pagamento final da subvención mentres o CEE non estea ao día no cumprimento da obriga de presentar, ante o Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a memoria anual prevista no artigo 8 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento. O cumprimento desta obriga será comprobado de oficio polo órgano xestor das subvencións.
Artigo 43. Pagamentos e anticipos no Programa II
1. Sempre que así o solicite a entidade beneficiaria, efectuarase o pagamento anticipado da subvención concedida de acordo coas porcentaxes que se indiquen en cada convocatoria de axudas, que serán do 90 % da contía concedida.
2. Será requisito necesario para proceder ao pagamento anticipado das axudas recollidas no artigo 28 que se fixeron efectivas as contratacións indefinidas e que o CEE beneficiario presentase a seguinte documentación:
a) Certificación asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, e adaptado ao modelo que conste na páxina web https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego , no que se relacionarán as persoas con discapacidade con contratación indefinida ou cuxos contratos se transformaron en indefinidos e polas cales se pide subvención.
b) Unicamente serán subvencionables aqueles novos postos de traballo que sexan cubertos por persoas con discapacidade con contrato indefinido e que supoñan un incremento neto do persoal dixo das persoas traballadoras con discapacidade da entidade beneficiaria. Para tal fin, achegarán unha declaración responsable onde a sociedade achegue os datos do total do cadro de persoal con discapacidade con contrato indefinido que tería a sociedade antes das contratacións que dan lugar a subvención, e outra das persoas traballadoras con discapacidade con contrato indefinido que ten a sociedade con data posterior a contratación das persoas que dan lugar á contratación.
c) Certificacións de discapacidade, no caso de que a discapacidade fose recoñecida fóra de Galicia, das persoas con discapacidade con contratación indefinida ou cuxos contratos se transformaron en indefinidos e polas cales se pide subvención, se non se anexou con anterioridade.
d) No caso de que se dea algunha das circunstancias sinaladas no artigo 28.6, deberá acreditarse, cando cumpra, as circunstancias de:
1º. Persoa emigrante retornada, mediante certificado expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España. No caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nada en Galicia, documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e, ademais, documentación que acredite o vínculo con esta.
2º. Persoa trans, mediante a documentación xustificativa de obter ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.
3º. Situación ou risco de exclusión social, mediante certificado en que conste dita situación ou risco.
3. As axudas para a adaptación de postos de traballo reguladas artigo 29 precisarán, para o aboamento do pagamento anticipado, o informe favorable da Inspección de Traballo sobre a necesidade da adaptación ou de medios especiais de protección persoal. No caso de que devandito informe non sexa favorable, ditarase unha resolución revogatoria.
4. Se, á vista da documentación xustificativa presentada pola entidade beneficiaria para o pagamento final da axuda, queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, ditarase resolución de perda parcial do dereito á cobranza por minoración da contía non xustificada, e o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía efectivamente xustificada.
Artigo 44. Disposicións específicas e anticipos aplicables ao Programa III
1. Sempre que así o solicite a entidade beneficiaria, efectuarase o pagamento anticipado da subvención concedida de acordo coas porcentaxes que se indiquen en cada convocatoria de axudas, que serán do 100 % da contía concedida.
2. Poderá modificarse a resolución inicial cando a contía xustificada sexa superior ou inferior á concedida por existir variacións respecto da estimación realizada na resolución inicial.
No caso de que a contía xustificada sexa inferior á concedida, ditaranse as resolucións revogatorias que procedan.
Se a contía xustificada é superior á concedida, poderán ditarse resolucións complementarias.
3. As resolucións complementarias estarán supeditadas a que se cumpran todas e cada unha das seguintes condicións:
a) Que exista crédito adecuado e suficiente.
b) Que o CEE beneficiario solicite a modificación da resolución de concesión.
4. As resolucións complementarias poderanse solicitar nos seguintes casos:
a) Que se crearon novos postos de traballo non recollidos na solicitude inicial, ocupados por persoas con discapacidade. En todo caso, os novos contratos deben cumprir cos requisitos exixidos nos artigos 34.2 e 36.
b) Que se incrementou o número de meses de traballo previstos para cada posto recollido na solicitude inicial, ou que se incrementaron as porcentaxes de xornada recollidas na solicitude inicial (tendo en conta o ditado no artigo 35, onde se recolle que, no caso de que nun mesmo mes se produzan variacións na duración da xornada, soamente teranse en conta para calcular a contía que se concederá nesa mensualidade a porcentaxe de xornada laboral inferior). En todo caso, os novos contratos e as prórrogas deberán cumprir cos requisitos exixidos nos artigos 34.2 e 36.
c) Cambios sobrevindos no tipo ou grao de discapacidade da persoa traballadora con discapacidade que ocupe o posto de traballo recollido na solicitude inicial e que supoñan un incremento da porcentaxe subvencionable.
Nestes casos, e só no caso de que exista crédito adecuado e suficiente, abrirase un período de presentación de solicitudes do 18.8.2026 ao 18.9.2026. As solicitudes presentaranse de acordo co estipulado no artigo 5.2 e 5.3 para a presentación de documentación complementaria, mediante o modelo xenérico de modificación ou mellora voluntaria da solicitude que se encontra na sede electrónica da Xunta de Galicia, na ligazón https://sede.xunta.gal/ficheiros/modelos-normalizados/MelloraSolicitude-C.pdf
A orde de prelación farase en función da orde de entrada da solicitude de modificación ou mellora voluntaria no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (terase en conta a data e hora de presentación da solicitude de modificación ou mellora voluntaria), ata o esgotamento do crédito orzamentario destinado a cubrir as solicitudes complementarias.
Estas resolucións complementarias están suxeitas a un crédito de 1.000.000 € cuxa distribución será a seguinte:
– CEE de iniciativa social: 700.000 €.
– CEE de iniciativa empresarial: 300.000 €.
O crédito de 1.000.000 destinado ao pagamento de resolucións complementarias utilizarase para cubrir as solicitudes iniciais en caso de esgotamento de crédito. Con todo, poderá ampliarse a contía máxima do crédito dispoñible de 1.000.000,00 €, condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito. Todo isto, de acordo co estipulado no parágrafo cuarto deste artigo.
O órgano xestor comprobará que se cumpren todos os requisitos e, de non cumprirse, procederá a revogación correspondente pola parte proporcional da subvención indebidamente percibida, así como o reintegro da devandita cantidade e a exixencia dos xuros de demora correspondentes desde o pagamento da porcentaxe cobrada indebidamente ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.
5. O importe do SMI que se terá en conta nesta convocatoria para a concesión das axudas deste programa para as mensualidade do 2025 é o fixado polo Consello de Ministros para o ano 2025, aprobado mediante o Real decreto 87/2025, do 11 de febreiro. Para o resto de mensualidades, terase en conta o SMI fixado polo Consello de Ministros para o ano 2026, aprobado mediante o Real decreto 126/2026, do 18 de febreiro. No caso de que o SMI para o 2026 varíe nalgún momento, calcularase a variación automaticamente e ditaranse as resolucións complementarias ou revogatorias que proceda, que terán carácter retroactivo ao momento en que se produza a dita variación, sen necesidade dunha solicitude previa por parte do centro.
Disposición adicional primeira. Órganos competentes
1. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social o exercicio das facultades para resolver sobre as solicitudes de concesión e pagamento das subvencións previstas nesta orde referentes aos programas I e II, e na persoa titular da departamento territorial desta consellería na provincia en que radique o respectivo centro solicitante, para as mesmas actuacións referentes ao Programa III, sen prexuízo das facultades de coordinación, interpretación e desenvolvemento da orde que, tamén respecto deste programa se delegan na persoa titular da indicada dirección xeral.
Nas delegacións previstas na liña anterior inclúense as facultades para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolución de concesión de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.
Así mesmo, apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social para a tramitación e resolución dos expedientes de desconcentración dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.
2. As persoas titulares da Subdirección Xeral de Economía Social e dos Servizos de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social dos Departamentos Territoriais serán os órgano competentes para instruír os procedementos de concesión das subvencións correspondentes, respectivamente, aos programas I e II e ao Programa III. Como tal, correspóndelles o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. De conformidade co previsto na disposición adicional segunda do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no suposto de vacante, ausencia, enfermidade, abstención ou recusación da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, as competencias serán exercidas polas persoas titulares da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais e da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego por esta orde.
Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do citado artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións.
Disposición adicional terceira. Impugnación da convocatoria
Contra esta orde poderá interporse recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interporse directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional cuarta. Incorporación de aplicativos e sistemas tecnolóxicos
A Administración convocante prevé a incorporación progresiva de aplicativos e sistemas tecnolóxicos que permitan a carga e procesamento da información referente ás solicitudes, achega de documentación e xustificación, sistemas que serán de utilización obrigatoria para os solicitantes e os beneficiarios das axudas a partir da súa progresiva implantación, substituíndo a cobertura daquela documentación que nesta orde se prevé que se presente segundo modelos normalizados.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo
Autorizase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social para ditar as instrucións e os actos que sexan necesarios para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de abril de 2026
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
