DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 17 de abril de 2026 Páx. 23564

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Orde do 13 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR341K, TR342D e TR341M).

BDNS (Identif.): 899335.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/899335

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren rexistrados como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda nesta orde.

Igualmente, os centros de traballo para os cales se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do dito decreto. Para os efectos desta subvención, admitiranse os centros de traballo que presentasen a solicitude ao rexistro competente para outorgar a autorización administrativa.

En todo caso, para o pagamento das axudas será necesario acreditar a dita cualificación e a inscrición da entidade e dos centros de traballo no Rexistro de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a condición de CEE de iniciativa social cando cumpra.

A integración laboral por medio de centros especiais de emprego vai dirixida a persoas desempregadas ou ocupadas que teñan un grao de discapacidade recoñecido superior ou igual ao 33 %, que teñan un contrato laboral co CEE ou que sexan persoas socias traballadoras, no caso de que o CEE sexa unha cooperativa, e que desempeñen o seu posto de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

No Programa I (Procedemento TR341K) as persoas destinatarias finais son as persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción sociolaboral, tal e como se definen no artigo 3.2.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das subvencións aos centros especiais de emprego (CEE), mediante axudas aos ditos CEE consonte cos seguintes programas:

a) Programa I: unidades de apoio á actividade profesional (código de procedemento TR341K).

b) Programa II: creación de postos de traballo estables para persoas con discapacidade, adaptación de postos e asistencia técnica (código de procedemento TR342D).

c) Programa III: custo salarial das persoas con discapacidade (código de procedemento TR341M).

Mediante a presente orde, procédese á convocatoria das referidas axudas para o ano 2026.

As axudas establecidas nesta orde teñen como fin de utilidade pública garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade.

Terceiro. Importe

O orzamento total das subvencións previstas nesta orde ascende a 27.040.000,00 €, que se financiarán con cargo ao código de proxecto 2018 00099, distribuído nas seguintes aplicacións orzamentarias:

Programa

Aplicación orzamentaria

Orzamento

Programa I (TR341K)

14.04.324C.470.3

1.350.000 €

14.04.324C.481.3

234.000 €

Programa II (TR342D)

14.04.324C.470.3

900.000 €

14.04.324C.481.3

156.000 €

Programa III (TR341M)

14.04.324C.470.4

22.700.000 €

14.04.324C.481.4

1.700.000 €

Total

27.040.000,00 €

Cuarto. Bases reguladoras

Orde do 13 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento TR341K,TR342D, TR341M).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o oitavo día hábil ao da súa publicación no DOG, ás 9.00 horas ata o día do fin de prazo ás 20.00 horas.

Sexto. Procedemento de concesión e período subvencionable

O procedemento de concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva.

O período subvencionable comprenderá desde o 1 de outubro de 2025 ata o 30 de setembro de 2026.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2026

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración