DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 22 de abril de 2026 Páx. 24295

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2026, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso mediante o sistema de oposición, pola quenda de acceso libre, na agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal subalterno, convocado mediante a Resolución de 24 de novembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 233, do 2 de decembro), pola que se lles dá publicidade ás puntuacións do primeiro exercicio.

En sesións que tiveron lugar o 26 de marzo e o 10 de abril de 2026, o tribunal nomeado pola Resolución do 24 de novembro de 2025 (DOG núm. 233, do 2 de decembro), modificada pola Resolución do 9 de decembro de 2025 (DOG núm. 241, do 15 de decembro), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso mediante o sistema de oposición, pola quenda de acceso libre, na agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal subalterno, convocado mediante a Resolución do 24 de novembro de 2025 (DOG núm. 233, do 2 de decembro),

ACORDOU:

Primeiro. Anular a pregunta número 19 ao abeiro do previsto na base II.1.1.1 da convocatoria. O seu lugar pasa a ser ocupado pola pregunta de reserva 81 correspondente á parte xeral do programa.

Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, superan o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

O exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de cincuenta (50) puntos. Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

Asignaráselles unha valoración de 50 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte. 0 resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 50 e os 100 puntos, proporcional ao número de respostas acertadas. Do mesmo xeito, asignaráselles a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas. Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela que marque a nota de corte establecida de acordo cos criterios anteriores se considerarán igualmente aprobadas.

Terceiro. Realizada a corrección de acordo coas normas e criterios anteriores, obtivo a puntuación mínima de 50 puntos un total de 144 persoas aspirantes e fixouse en 48,75 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación unha vez feitos os descontos correspondentes.

Cuarto. Publicar no portal web corporativo funciónpública.xunta.gal as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes do primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario subalterno da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. De conformidade coa base II.1.1.2 respecto ao segundo exercicio, estarán exentas da súa realización as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia deste acordo, o Celga 2 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Non terá que presentar a documentación xustificativa de exención quen xa teña acreditada a posesión do Celga requirido e así conste na listaxe de persoas aspirantes publicada, xunto con esta resolución, pola Dirección Xeral da Función Pública no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Sétimo. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2026

María José Duro Regos
Presidenta do tribunal