DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Venres, 24 de abril de 2026 Páx. 25014

III. Outras disposicións

Axencia Tributaria de Galicia

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 2026 pola que se aproban os criterios xerais do Plan xeral de control tributario de 2026.

A Axencia Tributaria de Galicia (en diante, Atriga), no exercicio das funcións que ten atribuídas para a aplicación dos tributos ao servizo dos intereses da Comunidade Autónoma de Galicia, orienta a súa actuación ao efectivo cumprimento do deber constitucional de contribuír ao sostemento dos gastos públicos conforme a capacidade económica de cada obrigado tributario.

Con este propósito, o Plan de control tributario constitúe o instrumento básico de planificación anual das actuacións de prevención, comprobación, investigación, valoración e recadación, así como das actuacións de colaboración con outras administracións públicas dirixidas á detección e regularización de incumprimentos tributarios.

De acordo co disposto no artigo 116 da Lei 58/2003, xeral tributaria (LXT), este plan ten carácter reservado, sen prexuízo da publicidade dos seus criterios xerais, e nel intégranse os plans parciais de inspección previstos no artigo 170 do Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria, aprobado polo Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo.

A súa finalidade é garantir, na práctica, a efectividade dos principios de xustiza, xeneralidade, igualdade e capacidade económica, mediante unha planificación coherente que combine a continuidade das liñas de actuación xa consolidadas coa incorporación de medidas novas, adaptadas á evolución normativa e tecnolóxica.

O estatuto da Atriga, aprobado polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro, establece no seu artigo 16.2.j) que corresponde á Dirección da Atriga aprobar o Plan de control tributario anual. En cumprimento das obrigas establecidas nestas disposicións, publícanse as directrices xerais que o informan.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobación das directrices xerais do Plan xeral de control tributario de 2026

Apróbanse as directrices xerais que informan o Plan xeral de control tributario de 2026, que figuran como anexo á presente resolución.

Segundo. Publicación das directrices xerais para o seu xeral coñecemento

Ordénase a publicación das citadas directrices xerais no Diario Oficial de Galicia, así como a súa difusión por calquera medio que resulte adecuado para o seu xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2026

Sonia Lafont Sendino
Directora da Axencia Tributaria de Galicia

ANEXO

Directrices do Plan xeral de control tributario
da Axencia Tributaria de Galicia para o ano 2026

1. Obxectivos estratéxicos do Plan 2026.

Os obxectivos estratéxicos do Plan xeral de control tributario da Axencia Tributaria de Galicia para o ano 2026 son os seguintes:

– Incrementar o grao de cumprimento voluntario das obrigas tributarias avanzando cara a unha asistencia omnicanal, personalizada e apoiada en ferramentas dixitais avanzadas.

– Consolidar un modelo de Administración tributaria centrado no contribuínte, accesible, inclusivo e con linguaxe clara, que reduza cargas indirectas e mellore a seguridade xurídica.

– Profundar na cooperación coa AEAT e outras administracións tributarias, así como outros organismos e entidades da Administración autonómica galega, estatal e local para a aplicación dos tributos cedidos, tributos propios e outros ingresos de dereito público.

– Reducir a fenda fiscal nos tributos xestionados pola Atriga, concentrando os recursos de control nas áreas de maior risco fiscal e nas formas máis graves de fraude.

– Mellorar a calidade, integración e explotación da información tributaria orientando as actuacións cara á utilización de técnicas de analítica de datos avanzada e intelixencia artificial, tanto na fase de selección de riscos como na tramitación de expedientes.

– Reforzar a eficacia da cobranza das débedas tributarias, intensificando as actuacións de investigación patrimonial e de aseguramento do crédito público e anticipando o control do risco recadatorio.

2. Estrutura do Plan.

O Plan xeral de control tributario de 2026 articúlase en cinco grandes ámbitos de actuación:

– Control preventivo e fomento do cumprimento voluntario.

– Actuacións de comprobación, control e investigación da fraude tributaria.

– Actuacións de control da fraude en fase recadatoria.

– Colaboración e cooperación interadministrativa e cos colaboradores sociais.

– Innovación tecnolóxica, intelixencia artificial e mellora organizativa.

Cada ámbito desenvolverase mediante plans operativos internos de xestión, inspección, valoración e recadación, de carácter reservado, que concretarán as actuacións e obxectivos cuantitativos asociados.

3. Control preventivo e fomento do cumprimento voluntario.

3.1. Información e asistencia omnicanal.

As actuacións de información e asistencia terán como finalidade reducir as cargas administrativas e facilitar o cumprimento voluntario, tendo en conta que unha significativa porcentaxe das continxencias fiscais non obedece a unha vontade elusiva deliberada. Por tanto, orientarase o modelo de atención multicanal cara a un modelo de servizo omnicanal apoiado nos seguintes eixes:

– Consolidación da Oficina Virtual Tributaria (OVT) como canle principal de relación electrónica, con redeseño orientado á usabilidade, simplificación de fluxos e ampliación de formularios web intelixentes para os principais tributos cedidos e propios.

– Desenvolvemento dun centro de atención integral ao contribuínte que integre atención presencial (estendendo a axuda á confección de autoliquidacións a outros modelos de impostos), telefónica, videoasistencia e canles dixitais, garantindo tempos de resposta reducidos e unha xestión centralizada de citas e consultas. Para iso é fundamental que o sistema unifique as interaccións do contribuínte con independencia dos medios utilizados garantindo a rastrexabilidade das súas actuacións.

– Impulso de asistentes virtuais e chatbots baseados na intelixencia artificial para resolver consultas frecuentes, que guíen o contribuínte na confección e presentación de autoliquidacións sinxelas e na comprensión de notificacións e requirimentos.

– Reforzo da atención personalizada a colectivos vulnerables ou con fenda dixital, mediante canles específicas, acompañamento en trámites electrónicos e adaptación da accesibilidade física e dixital. Para estes efectos, impulsarase a creación da figura do funcionario público habilitado que asistirá as persoas interesadas non obrigadas a relacionarse por medios electrónicos coa Administración.

3.2. Educación cívico-tributaria e comunicación pública.

Reforzaranse as iniciativas de concienciación fiscal e de pedagoxía tributaria, en particular:

– Programas de educación cívico-tributaria en centros educativos de Galicia (secundaria, bacharelato, formación profesional e universidade), en coordinación coa consellería competente en materia educativa, mediante charlas, materiais didácticos e actividades participativas. No ámbito universitario informaranse os estudantes das posibilidades de traballo na Administración tributaria como saída profesional.

– Mantemento e ampliación de contidos divulgativos na páxina web e en redes sociais institucionais (guías breves de impostos, vídeos, preguntas frecuentes, simuladores), con especial atención a tributos cedidos, tributos ambientais e procedementos recadatorios.

– Mantemento constante da revisión, adaptación e simplificación da linguaxe das comunicacións máis habituais (requirimentos, propostas de liquidación, notificacións recadatorias), incorporando resumos iniciais claros que expliquen o contido, a finalidade do documento e as opcións de actuación do contribuínte.

– Revisión e simplificación da linguaxe das comunicacións máis habituais (requirimentos, propostas de liquidación, notificacións recadatorias), incorporando resumos iniciais claros que expliquen o contido, a finalidade do documento e as opcións de actuación do contribuínte.

– Reforzo da transparencia mediante a publicación das memorias de actividade periódica con resultados agregados de actuacións de control, servizos prestados, boas prácticas tributarias e enquisas de satisfacción.

3.3. Prevención do incumprimento involuntario e invitación á autocorrección.

En liña co dereito ao erro e coas prácticas máis modernas de xestión do risco, potenciaranse actuacións preventivas dirixidas a que sexa o propio contribuínte quen regularice voluntariamente a súa situación antes da apertura de procedementos formais, tales como:

– Avisos a contribuíntes con incumprimentos involuntarios (non presentación de autoliquidacións, erros frecuentes en beneficios fiscais, discrepancias con información de terceiros), facilitando a regularización de modo voluntario.

– Impulsarase a implantación progresiva dun sistema de comunicacións proactivas e personalizadas dirixido aos obrigados tributarios, aos seus representantes e aos colaboradores sociais, mediante o cal sexan informados, por medios electrónicos, da proximidade dos vencementos relevantes vinculados aos tributos periódicos xestionados pola Administración tributaria galega.

– Accións específicas de prevención en materia de declaracións informativas e obrigas censuais a través de comunicacións previas.

3.4. Gobernanza de datos e calidade censual.

O censo de obrigados tributarios e a calidade da información dispoñible constitúen a base dun control eficaz, polo que se desenvolverán as seguintes liñas:

– Programas continuos de depuración e actualización censual relativos aos obrigados tributarios persoas físicas, persoas xurídicas e entidades sen personalidade, que permitan dispoñer dun censo permanentemente actualizado no que respecta a domicilios fiscais, actividades económicas, titularidade de bens inmobles e títulos valores, obrigas formais e réxime de tributación. Estas actuacións estenderanse, en particular, aos rexistros específicos vinculados a tributos propios e cedidos de carácter ambiental, co obxectivo de garantir a correcta identificación dos suxeitos pasivos, o adecuado encadramento nos distintos réximes e a coherencia entre a información censual e as autoliquidacións presentadas.

– Impulso de campañas sistemáticas de contraste e depuración de datos mediante o cruzamento da información censual con outras fontes internas e externas, a revisión de situacións de alta e baixa, a detección de non declarantes e a regularización de incongruencias, incluíndo, de ser o caso, actuacións e requirimentos de información dirixidos á corrección das incidencias detectadas.

– Detección temperá de riscos censuais asociados a novas altas, de forma que se acompañe o contribuínte desde o inicio da súa actividade e se eviten situacións de incumprimento recorrente.

– Integración e coherencia entre os datos censuais da Atriga e os procedentes da AEAT, outras comunidades autónomas, entidades locais e rexistros administrativos (Catastro, rexistros da propiedade, rexistros sectoriais…).

4. Actuacións de control, comprobación e investigación da fraude tributaria.

4.1. Enfoque xeral e xestión do risco fiscal.

As actuacións de control basearase na identificación, avaliación, clasificación e tratamento dos riscos de incumprimento, combinando control extensivo (masivo) e control intensivo (selectivo), cos seguintes criterios xerais:

– Uso intensivo de técnicas de análise de datos, aprendizaxe automática e intelixencia artificial para a selección de expedientes de maior risco, mediante modelos que integren información interna e externa (notarial, catastral, financeira, rexistral, redes sociais, datos abertos e outras fontes).

– Segmentación de riscos por figuras impositivas, sectores económicos, territorios e perfís de contribuíntes, priorizando aqueles con impacto recadatorio relevante ou con especial reproche social (economía mergullada, deslocalizacións ficticias, tramas societarias…).

– Revisión periódica dos mapas de risco e dos criterios de selección para adaptalos a cambios normativos, económicos e tecnolóxicos, e para incorporar leccións aprendidas de exercicios anteriores.

4.2. Actuacións de comprobación de xestión tributaria (control extensivo).

No ámbito da xestión tributaria desenvolveranse actuacións masivas de verificación, comprobación limitada e comprobación de valores orientadas a:

– Verificar a coherencia interna das autoliquidacións e declaracións, detectando erros aritméticos, incoherencias entre partidas e omisións de datos relevantes.

– Contrastar os datos declarados coa información que xa consta en poder da Administración tributaria ou subministrada por outras administracións ou obrigados a proporcionar información (índices notariais, información rexistral e catastral, datos subministrados pola Administración galega e outras administracións).

– Comprobar a correcta aplicación de tipos de gravame, reducións, bonificacións e demais beneficios fiscais que se reflictan na propia autoliquidación.

Sen prexuízo do detalle reservado aos plans parciais, considéranse prioritarias as seguintes comprobacións extensivas:

– Imposto sobre sucesións e doazóns (ISD): detección de non declarantes a partir de índices notariais, rexistros civís e bases de datos de patrimonio; comprobación de masas hereditarias, valores declarados e correcta aplicación de reducións e bonificacións, con especial atención ás reducións por parentesco, empresa familiar, vivenda habitual e seguros de vida.

– Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (ITP-AXD): control de presentación de autoliquidacións, detección de feitos impoñibles non declarados, revisión de valores declarados en transmisións inmobiliarias e operacións societarias, e verificación dos requisitos para a aplicación de exencións, tipos reducidos, deducións bonificacións e calquera outro beneficio fiscal.

– Imposto sobre o patrimonio: control de non declarantes a partir de información patrimonial e de renda, comprobación da correcta identificación e declaración de bens e dereitos, da procedencia de exencións (activos afectos a actividades económicas e participacións en entidades), así como da dedución por débedas ou a aplicación do límite conxunto.

– Tributos sobre o xogo: verificación e comprobación das autoliquidacións, en especial no que se refire ao cumprimento dos requisitos para gozar dos beneficios fiscais, e detección de feitos impoñibles non declarados.

– Tributos ambientais: verificación e comprobación das autoliquidacións, en especial no que se refire ao cumprimento dos requisitos para gozar dos beneficios fiscais, e detección de feitos impoñibles non declarados.

– Taxas e prezos: análise da información fornecida polos órganos xestores, colaboración con eles en relación cos procedementos de control que se vaian desenvolver, e estudo da posibilidade de asumir procedementos de xestión en determinados casos.

4.3. Actuacións de inspección tributaria (control intensivo).

O control intensivo comprenderá as actuacións selectivas e de maior intensidade, orientadas ao descubrimento e regularización das formas máis graves ou complexas de fraude fiscal e de economía mergullada, especialmente no ámbito dos grandes patrimonios, estruturas societarias e operacións de planificación fiscal agresiva. Desenvolverase principalmente a través de procedementos de inspección, con posibilidade de actuacións presenciais, análise patrimonial e utilización de técnicas avanzadas de investigación. As actuacións da inspección tributaria dirixiranse, con carácter prioritario, ás formas máis graves e complexas de fraude, con especial atención a:

– Investigación de obrigados tributarios que, pola contía do seu patrimonio ou das súas rendas, deban presentar declaración do imposto sobre o patrimonio ou que presenten signos externos de riqueza non acordes coa ausencia de declaración ou co patrimonio declarado.

– Estruturas artificiosas de deslocalizacións de residencia fiscal entre comunidades autónomas para aproveitar diferenzas en beneficios fiscais en ISD e imposto sobre o patrimonio, mediante a análise conxunta de indicios obxectivos (tempos de permanencia, núcleo principal de intereses, domicilio da unidade familiar, etc.).

– Revisión de operacións que, pola súa estrutura ou reiteración, poidan encubrir doazóns non declaradas ou negocios simulados.

– Tramas societarias e utilización abusiva de sociedades instrumentais ou de mera tenza de bens para aproveitar indebidamente beneficios fiscais.

– Operacións inmobiliarias de especial relevancia económica, incluídas adquisicións indirectas mediante transmisións de valores representativos de entidades con activo inmobiliario maioritario, aplicando as regras da normativa do mercado de valores.

– Verificación das operacións inmobiliarias realizadas por empresarios, analizando a correcta delimitación entre tributación por ITP-AXD e por IVE, a condición real de empresario e a procedencia de tipos incrementados.

– Aplicación indebida de beneficios fiscais condicionados a requisitos de mantemento ou permanencia (empresa familiar, vivenda habitual, determinadas explotacións económicas), incluíndo a verificación a posteriori dos devanditos requisitos.

– Novos modelos de negocio baseados en plataformas dixitais, redes sociais, contidos en liña e economía colaborativa, analizando a coherencia entre signos externos de capacidade económica e rendas ou bases declaradas.

4.4. Valoración tributaria de bens e dereitos.

En materia de valoración darase prioridade a:

– Coordinación coa Dirección Xeral do Catastro para o seguimento dos valores de referencia aplicables como base impoñible en ISD e ITP-AXD, así como para a detección de inmobles con características non reflectidas na información catastral.

– Desenvolvemento e mellora de ferramentas internas de valoración incorporando criterios técnicos homoxéneos e rastrexabilidade das fontes de información empregadas.

– Selección automatizada de inmobles para que valoren peritos da Administración en función do seu potencial impacto recadatorio, tipoloxía, localización e discrepancia esperada entre o valor declarado e o valor comprobado.

– Reforzo da motivación dos informes periciais e das comunicacións de inicio de procedementos de comprobación de valores, de acordo coa doutrina xurisprudencial.

5. Control da fraude na fase recadatoria.

5.1. Avaliación e anticipación do risco recadatorio.

O control na fase recadatoria perseguirá non só a cobranza efectiva das débedas, senón tamén un efecto preventivo xeral, mediante:

– Desenvolvemento de modelos de avaliación do risco recadatorio que permitan identificar debedores con alta probabilidade de falta de pagamento, promovendo actuacións e medidas que comporten reducir o dito risco de cobranza e fomentar a regularización voluntaria.

– Intensificación do seguimento temperán de débedas de importe significativo ou debedores identificados como de alto risco cobratorio desde a súa entrada no período executivo, para adoptar sen demora as medidas de aseguramento necesarias.

– Seguimento e control do procedemento de ingreso en todas as súas fases respecto dos recursos de dereito público cuxa xestión recadatoria vaia asumindo a Atriga co obxectivo de favorecer ao máximo o cumprimento voluntario dos contribuíntes ofrecendo todas as posibilidades de pagamento dispoñibles.

5.2. Medidas de investigación patrimonial e aseguramento do crédito.

Potenciaranse as actuacións de investigación patrimonial e aseguramento do crédito público, entre outras, mediante:

– Uso extensivo de embargos masivos e selectivos sobre contas bancarias, soldos, salarios, pensións, créditos comerciais e devolucións tributarias, coordinando a actuación con outras administracións tributarias e utilizando, cando sexa posible, plataformas comúns de embargo.

– Intensificación das actuacións de derivación de responsabilidade (solidaria e subsidiaria), en particular fronte a administradores, partícipes e terceiros que colaboren en operacións de baleiramento patrimonial ou na ocultación de bens.

– Adopción de medidas cautelares en supostos de risco certo de frustración da execución, incluíndo anotacións preventivas, prohibicións de dispoñer e outras previstas na normativa tributaria e procesual.

– Revisión sistemática das situacións de insolvencia e falidos, para detectar solvencias sobrevidas e reactivar actuacións recadatorias cando proceda.

– Reforzo do seguimento de débedas suspendidas e paralizadas por recursos ou reclamacións, axilizando a execución de resolucións e sentenzas firmes.

5.3. Facilidades de pagamento e atención recadatoria.

Co fin de compatibilizar a eficacia recadatoria coa viabilidade económica dos obrigados tributarios e a prevención da economía mergullada, impulsaranse:

– A axilización e a simplificación dos procedementos de aprazamento e fraccionamento, con especial atención a contribuíntes de menor dimensión, evitando a súa utilización como instrumento puramente dilatorio.

– A potenciación de medios de pagamento electrónicos seguros, en particular os de máis recente implantación (pasarela de pagamentos con tarxeta, domiciliación, bizum, transferencia, caixeiros de entidades bancarias), tanto na sede electrónica como a través da atención telefónica e presencial asistida.

– O reforzo de actuacións de información e asistencia aos contribuíntes coa finalidade de concienciar sobre a importancia do cumprimento voluntario das obrigas de pagamento evitando recargas e custas innecesarias, dando a coñecer todas as facilidades dispoñibles para alcanzar o dito cumprimento.

6. Colaboración e cooperación interadministrativa e cos colaboradores sociais.

6.1. Colaboración coa AEAT e outras administracións tributarias.

Reforzaranse os mecanismos de colaboración coa AEAT e coas administracións tributarias doutras comunidades autónomas, en particular mediante:

– Intercambios de información censual e económica a través do censo único compartido e outras canles establecidas, con actualización periódica e atención especial a cambios de domicilio fiscal.

– Programas coordinados de selección e control en materia de ISD, imposto sobre o patrimonio, ITP-AXD, tributos sobre o xogo e tributos ambientais, con especial atención a deslocalizacións ficticias e estruturas de planificación fiscal agresiva.

– Transmisión recíproca de información relevante detectada en procedementos de control (dilixencias de colaboración) que poida ter incidencia en tributos xestionados por outra Administración.

6.2. Cooperación con entidades locais e outros organismos da Comunidade Autónoma.

Co fin de incrementar a eficacia da xestión tributaria e recadatoria no ámbito territorial de Galicia, impulsaranse:

– Convenios de colaboración con entidades locais para o intercambio de información sobre taxas, impostos locais e padróns que poidan resultar relevantes como indicios de capacidade económica ou para a xestión dos tributos aplicados pola Atriga.

– Mecanismos de coordinación con órganos da Administración autonómica con competencias sectoriais (vivenda, ambiente, enerxía, industria, sanidade, servizos sociais, …) para a subministración de datos con transcendencia tributaria.

6.3. Colaboración social organizada.

Potenciarase a colaboración con colexios profesionais, asociacións empresariais e outros intermediarios fiscais a través de:

– Convenios que faciliten a presentación electrónica de autoliquidacións, nun marco de cumprimento reforzado e de difusión de boas prácticas tributarias.

– Canles estables de diálogo técnico (foros de expertos, grupos de traballo) para contrastar criterios interpretativos, anticipar problemas de aplicación de novas figuras tributarias e solicitar propostas de mellora na xestión.

– Desenvolvemento dunha nova xornada tributaria, consolidando a iniciada o ano pasado, coa participación de representantes, tanto das administracións tributarias como da xudicatura, asesoría fiscal ou do ámbito universitario, coa finalidade de comentar temas de interese na aplicación de tributos.

7. Innovación tecnolóxica, intelixencia artificial e mellora organizativa.

7.1. Intelixencia artificial e analítica avanzada.

A Atriga continuará impulsando un modelo de Administración tributaria intensiva en datos dentro dos obxectivos do Programa galego de intelixencia artificial 2026-2028, incorporando:

– Modelos de selección de riscos apoiados en técnicas de aprendizaxe automática e análise preditiva, integrados nos sistemas de xestión de expedientes de xestión, inspección e recadación.

– Ferramentas de análise automatizada de documentos (escrituras notariais, contratos, facturas e outros) capaces de identificar patróns semánticos asociados a riscos fiscais e de propoñer casos para a revisión humana.

– Sistemas de recomendación internos que asistan o persoal na toma de decisións con rexistro de decisións e análises de resultados para retroalimentar os modelos.

7.2. Automatización e simplificación de procesos.

Profundarase na automatización de procedementos de menor complexidade, mantendo sempre o control humano nas decisións con impacto xurídico ou económico, mediante:

– Tramitación electrónica de determinados procedementos masivos sobre todo asociados a requirimentos, informacións, asistencia, etc., sempre e cando a casuística o permita.

– Integración da sinatura biométrica na oficina e da sinatura electrónica avanzada na sede, reducindo o uso de papel e acelerando a formalización de actuacións, reducindo os tempos de resposta e achegando cada vez máis os tempos de actuación ao momento da devindicación dos impostos.

– Reenxeñaría de procesos internos para eliminar tarefas redundantes, mellorar a rastrexabilidade de expedientes e homoxeneizar criterios de actuación en todo o territorio de Galicia.

7.3. Organización interna e xestión do talento.

A eficacia do Plan de control tributario exixe unha organización flexible e especializada, para o que se prevé:

– A consolidación de unidades especializadas en análises de riscos, economía dixital, bases impoñibles relevantes e tributos ambientais.

– Programas de formación continua do persoal en materias técnicas tributarias, ferramentas dixitais, protección de datos e ética no uso da intelixencia artificial.

– Sistemas de avaliación do desempeño vinculados a obxectivos do Plan de control tributario, que valoren tanto resultados cuantitativos (recadación derivada de actuacións de control) como cualitativos (calidade das resolucións, respecto de prazos, redución de litixiosidade).

8. Seguimento, avaliación e revisión do Plan.

No contexto do contrato de xestión aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 13 de abril de 2026, onde se establece o marco de relacións entre a Atriga e a Xunta de Galicia, así como os compromisos asumidos para a consecución dos obxectivos e a efectiva realización das súas funcións, a Dirección da Atriga realizará un seguimento periódico do grao de execución das actuacións previstas neste plan. Este seguimento realizarase de forma integrada co plan anual de obxectivos e avaliará os seus resultados mediante indicadores cuantitativos e cualitativos, tales como:

– Importes e bases regularizadas por tipo de actuación e figura tributaria.

– Evolución da débeda en período executivo e das porcentaxes de cobranza e emprego das facilidades de pagamento.

– Indicadores de calidade do servizo de información e asistencia (tempos de resposta, nivel de satisfacción, uso de canles electrónicas).

– Evolución dos principais riscos fiscais e da litixiosidade asociada ás actuacións de control.

Os resultados desta avaliación servirán para axustar, de ser o caso, as prioridades e os recursos asignados en exercicios posteriores, garantindo a mellora continua do modelo de control tributario da Atriga.