DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 27 de abril de 2026 Páx. 25288

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 22 de abril de 2026 pola que se publica o acordo da Mesa Sectorial sobre a incentivación e o exercicio das opcións de prestación de xornada complementaria voluntaria nos puntos de atención continuada (PAC).

O Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do 20 de abril de 2026, aprobou a modificación do Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de urxencias extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia, e autorizou o programa incentivado de voluntariedade. Estas medidas teñen a súa orixe no Acordo da Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Estatutario do 27 de marzo de 2026, que ratifica os compromisos alcanzados previamente co comité de folga para a mellora da atención primaria.

A necesidade de garantir a cobertura asistencial nas áreas sanitarias exixe a inmediata publicidade deste acordo e a apertura dos procesos de adscrición voluntaria.

De conformidade co que antecede,

DISPOÑO:

Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo da Mesa Sectorial, do 27 de marzo de 2026, sobre a incentivación e o exercicio das opcións de prestación de xornada complementaria voluntaria nos puntos de atención continuada (PAC), aprobada polo Consello da Xunta, na súa reunión do luns 20 de abril de 2026, así como dos criterios para o cómputo de xornada en ausencias, que se incorporan como anexos a esta orde (anexo I e anexo II).

Segundo. Ábrese o prazo para que o persoal médico e de enfermaría dos PAC, así como o persoal médico de familia, de enfermaría e de enfermaría familiar e comunitaria dos centros de saúde, manifeste a súa opción de prestación voluntaria de xornada complementaria ou atención continuada.

Terceiro.

1. O prazo para presentar as solicitudes empezará a contar desde o mesmo día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 8 de maio de 2026, ambos os dous incluídos.

2. As solicitudes deberán presentarse en soporte papel ante as unidades de persoal das xerencias das áreas sanitarias correspondentes, cubrindo os modelos normalizados incluídos nesta orde:

– Anexo de persoal dos PAC.

– Anexo de persoal das unidades dos centros de saúde.

Cuarto. As melloras retributivas autorizadas polo Consello da Xunta terán os efectos e as contías previstos nos anexos desta orde.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2026

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Acordo da Mesa Sectorial sobre a incentivación e o exercicio das opcións de prestación de xornada complementaria voluntaria nos puntos de atención continuada (PAC)

De conformidade co que establece o artigo 5 do Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de urxencias extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia, na redacción dada polo Decreto 156/2005, do 9 de xuño, os puntos de atención continuada contan con postos de traballo e persoal específico, médico/a de familia e enfermeiro/a, para a cobertura da atención sanitaria que lles resulta propia.

Na práctica, a especificidade deses postos maniféstase xa desde os procesos de selección e os concursos de traslados, pois os destinos en PAC son ofertados como singulares e diferenciados dos destinos nos centros de saúde. Desta forma, son os/as propios/as profesionais os que optan por un ou outro ámbito de prestación e as súas singulares e diferenciadas condicións de traballo e retributivas.

Recentemente, como consecuencia do Acordo da Mesa Sectorial do 20 de abril de 2023, foi reducida a xornada ordinaria do persoal estatutario. Esa redución foi incorporada ao acordo do Consello da Xunta publicado no Diario Oficial de Galicia número 124, do 30 de xuño de 2023.

Sendo así, e ante a grave situación actual de déficit de persoal titulado en Medicina Familiar e Comunitaria, resulta oportuno, como primeira medida, dirixida a garantir a cobertura das presenzas necesarias nos PAC, incentivar que o persoal médico de PAC manifeste ás xerencias a súa disposición para realizar voluntariamente xornada complementaria, cun incremento relevante da retribución desa xornada complementaria. Téñase en conta ademais que a retribución da xornada complementaria do persoal enfermeiro de PAC xa foi recentemente incrementada con efectos do pasado 1 de xaneiro (ver Diario Oficial de Galicia número 18, do 28 de xaneiro de 2026).

Por outra parte, tamén pode contribuír a esa voluntariedade o feito de que con este Acordo se soluciona, así mesmo, e de forma consensuada, a controversia existente co cómputo de xornada, establecendo uns criterios pactados dirixidos a resolver esa controversia e modificar o aplicativo informático que realiza ese cómputo de xornada.

Finalmente, cómpre recordar que, consonte aquel artigo 5 do Decreto 172/1995, tamén debe existir un procedemento, negociado na Mesa Sectorial, para que o persoal médico e enfermeiro dos centros de saúde manifeste a súa opción en canto á prestación voluntaria de gardas nos puntos de atención continuada. Neste acordo, nos seus puntos cuarto e quinto, regúlanse as bases dese procedemento de opción.

Con base no que antecede, as partes asinantes

ACORDAN:

Primeiro. Mellora da retribución da xornada complementaria do persoal médico de PAC

Coa finalidade de incentivar que o persoal médico de PAC realice voluntariamente xornada complementaria, proponse incrementar a retribución desa xornada, así como reducir os tramos existentes de xornada complementaria en tres anos:

Contía actual (desde 140 horas/mes): 32,56 €.

Data do incremento

Incremento

Contía resultante

1 de abril de 2026

2 €

34,56

1 de xaneiro de 2027

3 €

37,57

Nota: non se propón incrementar a retribución da xornada complementaria do persoal enfermeiro, pois, como se fai constar na parte expositiva, xa foi recentemente incrementada con efectos do 1 de xaneiro.

Nova configuración da orde de confección de nóminas en tres anos.

Ano

Tramo existente

Novo tramo

2026

Xornada complementaria entre 160 e 190 horas

Xornada complementaria entre 140 e 190 horas

2027

Xornada complementaria entre 140 e 190 horas

Xornada complementaria entre 130 e 190 horas

2028

Xornada complementaria entre 130 e 190 horas

Xornada complementaria

Segundo. Criterios para o cálculo de xornada (persoal médico e enfermeiro de PAC)

Apróbanse os criterios para o cálculo de xornada que se xuntan a este acordo, os cales serán publicados na intranet para coñecemento das persoas interesadas.

Unha vez establecidos os criterios, faranse as modificacións precisas para que a aplicación de cómputo de xornada se axuste a estes criterios. Con todo, os ditos criterios serán aplicables para computar a xornada desde o pasado 1 de xaneiro, de tal xeito que, unha vez adaptado o aplicativo, se realizarán os axustes e as regularizacións que procedan.

Terceiro. Oferta de voluntariedade (persoal médico e enfermeiro dos PAC)

As xerencias das áreas sanitarias solicitarán ao persoal médico e enfermeiro dos PAC –fixo e temporal de longa duración– que manifeste por escrito a súa opción respecto da prestación voluntaria de xornada complementaria (sobre a súa xornada ordinaria de 1.340 horas), en función das necesidades no propio PAC e, de ser o caso, noutros PAC da área sanitaria distintos ao de destino (distinguindo limítrofes e non limítrofes). Enténdese por limítrofes os PAC da mesma área que lindan xeograficamente co de destino.

Cuarto. Oferta de voluntariedade (persoal médico e enfermeiro das unidades e servizos-centros de saúde)

Cando as opcións do persoal dos PAC respecto da prestación voluntaria de xornada complementaria sexan insuficientes, as xerencias das áreas sanitarias solicitarán ao persoal das categorías de médico/a de familia, enfermeiro/a e enfermeiro/a especialista en Enfermería Familiar e Comunitaria das unidades e servizos (centros de saúde) –fixo ou temporal de longa duración– que manifeste por escrito a súa opción respecto da prestación voluntaria de atención continuada nos PAC.

Ese persoal poderá optar polos seguintes tramos de prestación voluntaria: ata 100 horas; ata 150 horas; ata 300 horas; ata 600 horas.

No que se refire ao ámbito territorial, a oferta de voluntariedade ten como finalidade a cobertura da prestación no PAC da unidade de destino. Porén, o persoal poderá optar expresamente por prestar atención continuada en PAC limítrofes da mesma área sanitaria (enténdese por PAC limítrofes os que lindan xeograficamente co de destino) ou outros PAC do mesmo distrito.

Consonte a dita finalidade, esta opción será efectiva na medida en que a asistencia neses PAC non sexa cuberta pola voluntariedade nestes.

Estes elementos da oferta figuran incorporados ao modelo de solicitude que figura como anexo persoal das unidades-centros de saúde.

Quinto. Incentivo retributivo á voluntariedade do persoal médico de familia das unidades e servizos-centros de saúde

Ante a grave situación actual de déficit de persoal titulado en medicina familiar e comunitaria, ao persoal médico de familia das unidades e servizos (centros de saúde) aplicaránselle os seguintes incentivos por tramos de voluntariedade:

Ata 100 horas/ano: 1.000 €/ano.

Ata 150 horas/ano: 1.500 €/ano.

Ata 300 horas/ano: 3.000 €/ano.

Ata 600 horas/ano: 6.000 €/ano.

Dentro dos tres meses seguintes á presentación da opción de voluntariedade, e unha vez programadas en calendario as gardas do tramo correspondente, percibirase como anticipo o 50 % das referidas contías.

A partir dos seis meses iranse realizando as liquidacións do incentivo que procedan en función das gardas efectivamente realizadas.

O incentivo percibirase igualmente polas gardas programadas, pero non realizadas por causa de situacións sobrevidas de maternidade, paternidade, risco durante o embarazo e demais situacións legalmente protexidas no artigo 6 da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (actualmente, redacción dada pola 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas).

Nota: esas situacións protexidas serían, conforme a lei, maternidade, paternidade, risco durante o embarazo, risco durante a lactación natural, adaptación do posto por causa de embarazo ou da realización da lactación natural e incapacidade temporal derivada do embarazo ou enfermidade oncolóxica grave.

Sexto. Efectos e vixencia das opcións

a) Como principio xeral, a simple presentación dunha opción non xera o dereito a prestar servizos no tramo e demais elementos de cada opción (como sería a prestación de atención continuada noutros PAC).

b) Con carácter xeral, as opcións de voluntariedade terán como vixencia inicial ata o 31 de decembro de 2027. Porén, durante esta vixencia outorgarase relevancia á vontade de reversión total ou parcial formulada polos/as profesionais con base na normativa de conciliación da vida laboral e familiar e os feitos acreditados sobrevidos á data de presentación da opción. Neste caso procuraranse solucións alternativas axustadas ao obxectivo da dita normativa.

Sétimo. Novas incorporacións

As xerencias, en función do resultado das opcións de voluntariedade, dos calendarios xa elaborados e das dificultades de cobertura no ámbito correspondente, poderán solicitar ao novo persoal fixo ou temporal de longa duración dos PAC que manifeste por escrito a súa opción respecto da prestación voluntaria de xornada complementaria.

O mesmo será aplicable ao novo persoal dos unidades e servizos (centros de saúde), cando as opcións de voluntariedade do persoal con destino nos PAC resulten insuficientes.

Oitavo. Participación dos/das representantes do persoal

O plans funcionais dos PAC, co resultado do estudo previo de necesidades (horas estruturais) destinado a determinar os datos básicos para o exercicio das opcións de voluntariedade, así como a propia execución das ofertas de voluntariedade, serán tratados cos órganos de representación do persoal (xuntas de persoal/comisións de centro).

Particularmente, trataranse cos ditos órganos os efectos que poidan ter as opcións de prestar servizos noutros PAC distintos ao de destino ou referencia –baixo o principio destas serán efectivas na medida en que a asistencia neses PAC non sexa cuberta pola voluntariedade nestes– e, no momento en que proceda, o posible exercicio da voluntariedade polo persoal de nova incorporación.

Certifícase como acordo anexo á acta asinada na mesa sectorial do 27 de marzo de 2026.

María del Mar Pousa Cobas, directora xeral de Recursos de Humanos (asinado electronicamente).

Anexo persoal das unidades-centros de saúde

Opción de voluntariedade para prestar atención continuada en PAC

Nome e apelidos ..............................................................................................................

Centro ...............................................................................................................................

Categoría:

□ Médico/a

□ Enfermeiro/a

□ Enfermeiro especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria

Manifesta a súa opción por:

– Prestar atención continuada no tramo que se indica:

□ Ata 100 horas

□ Ata 150 horas

□ Ata 300 horas

□ Ata 600 horas

– Outros PAC: para o suposto de que o tramo solicitado non me poida ser asignado no meu PAC de referencia, e existan en PAC limítrofes ou PAC do meu distrito horas non cubertas:

□ Opto por completar o tramo neses outros PAC.

□ Non opto por completar o tramo neses outros PAC.

Esta opción de voluntariedade esténdese ata o 31 de decembro de 2027 ou ata o remate da miña prestación de servizos no ámbito territorial do actual PAC de referencia.

En ……………………….., ......... de ........................................ de 2026

Sinatura:

XERENCIA DE ………………………………………………………………………….................

Anexo persoal dos PAC

Voluntario para prestar atención continuada en PAC

Nome e apelidos ..............................................................................................................

Centro ...............................................................................................................................

– Categoría:

□ Médico/a PAC

□ Enfermeiro/a PAC

– Manifesto a miña voluntariedade para prestar atención continuada no meu PAC.

– A maiores presento a miña opción para prestar servizos nos PAC limítrofes, para o suposto de que o tramo solicitado non me poida ser asignado no meu PAC de referencia, e existan en PAC limítrofes ou PAC do meu distrito horas non cubertas.

□ Opto por completar o tramo nesoutros PAC.

□ Non opto por completar o tramo nesoutros PAC.

Esta opción de voluntariedade esténdese ata o 31 de decembro de 2027 ou ata o remate da miña prestación de servizos no ámbito territorial do actual PAC de referencia.

En ……………………….., ......... de ........................................ de 2026

Sinatura:

XERENCIA DE ……………………………………………………………………..........................................…….

ANEXO II

Criterios para cómputo de xornada en ausencias nos PAC

En diferentes acordos de fin de folga e de mellora de condicións de traballo de PAC, acordouse establecer un novo sistema de cómputo de xornada nos supostos de ausencias regulamentarias, sen menoscabo da validez normativa do sistema de cómputo vixente ata o de agora.

Este novo criterio de cómputo entraría en vigor no ano 2026 con efectos do 1 de xaneiro.

Dada a gran variabilidade de supostos e incidencias que se poden dar na xestión das carteleiras dos profesionais dos PAC, acordouse establecer un documento con principios xerais e despois elaborar un manual de xestión de cómputo de ausencias igual para todas as áreas, homoxéneo no seu funcionamento e soportado por un programa informático único que torne homoxéneas as diferentes incidencias en todas as áreas de saúde.

Con base nisto acórdanse os seguintes criterios xerais para xestionar o cómputo de ausencias na xornada PAC.

I. Definicións e criterios xerais:

1.1. Criterio de elaboración da carteleira.

As carteleiras elaboraranse cunha distribución na asignación de quendas que leven a unha repartición proporcionada do número de horas mensuais de prestación, coa previsión inicial do mes de vacacións e dos días de libre disposición.

Na súa elaboración debe terse en conta unha distribución proporcional e equitativa entre semanas e meses. Por norma xeral non se deberá acumular xornada entre datas ou por acumulación de xornada en períodos de permiso ou anteriores a estes que desfiguren o cómputo xeral dunha carteleira proporcional.

1.2. Xornada programada en carteleira.

A programación da carteleira conterá, como mínimo, a xornada ordinaria anual e mensual, así como a complementaria que se deduza da voluntariedade e/ou das necesidades de cobertura asistenciais do centro, e computarase a previsión anual das vacacións e dos días de libre disposición.

Programarase unha carteleira anual de cómputo de xornada anual.

Definicións.

Xornada programada anual mínima: 1.504 horas/ano, que corresponde á xornada ordinaria de 1.340 horas/ano máis 122 horas/ano de vacacións máis 42 horas/ano correspondentes a 6 días de libre disposición.

Xornada programada mensual: 126 horas/mes, que corresponden a 1.504:12 = 125,33, programándose o número enteiro seguinte, que é de 126 horas.

Xornada ordinaria axustada para efecto de cómputo por días adicionais persoais:

Por cada día adicional de vacacións: 7 horas menos da xornada ordinaria anual.

Por cada día de libre disposición adicional: 7 horas menos da xornada ordinaria anual.

A carteleira conterá tamén as xornadas complementarias, en función da voluntariedade e das necesidades de cobertura asistencial do centro.

Xornada complementaria: número de horas que realiza o profesional por enriba da xornada ordinaria anual.

Non existirá diferenciación nas carteleiras entre xornada ordinaria e complementaria.

1.3. Horas programadas.

Horas asignadas na carteleira individual para cada profesional.

1.4. Horas computadas.

Horas efectivamente realizadas polo profesional máis horas que se computan como realizadas de acordo cos criterios de cómputo de ausencias.

1.5. Libramentos: días de carteleira que non ten asignada xornada. Non teñen efectos no cómputo de xornada.

II. Criterios de cómputos de xornada en ausencias xustificadas.

2.1. Criterio xeral.

De acordo coas sucesivas leis de orzamentos non se poderá retribuír xornada complementaria ou concepto equivalente cando non exista unha prestación efectiva dos servizos, salvo nos supostos previstos legalmente.

Así, con carácter xeral, para liquidar xornada complementaria deberanse ter efectivamente realizadas ou computadas as 1.340 horas anuais.

Así, expresado desde o punto de vista de cómputo en ausencias, a xornada máxima computable por permiso será de 125,33 horas mensuais ou de 1.340 horas anuais.

2.2. Cómputo de permisos con carácter xeral.

Con carácter xeral os permisos e as ausencias computaranse como xornada realizada, computándose como máximo 7 horas por cada día de permiso.

2.3. Permisos establecidos en días naturais.

Os permisos establecidos en días naturais compútanse por 7 horas por día, salvo as excepcións de cómputo proporcional que se establezan nestes criterios ou, se é o caso, no manual de cómputo de xornada.

A modo de exemplo:

2.3.1. Permiso por traslado de domicilio de 2 días, cunha xornada programada de 17 horas. As horas compensables por este permiso son 14 horas. Quedan pendentes de realizar 3 horas, nas que o profesional se ten que incorporar ou realizar estas horas noutro día.

2.3.2. Os días adicionais restan 7 horas da xornada ordinaria anual.

2.4. Outros permisos nos que se aplican criterios de proporcionalidade.

Permiso excepcional por enfermidade moi grave: o permiso é dun mes natural, polo que se computarán como máximo 122 horas.

Permiso por matrimonio: o permiso é de 15 días naturais, aplícase a proporcionalidade partindo dunha carteleira que debe estar elaborada de acordo co criterio xeral de programación. Así, por 15 días corresponden 61 horas de cómputo de xornada programada, e poderanse compensar 63 horas, como máximo.

2.5. Excepcións ao cómputo xeral:

Computaranse como horas efectivamente realizadas as que corresponda ao:

Permiso para votar, computándose as horas establecidas na regulación xeral.

Permisos sindicais, computáranse as horas programadas na carteleira, ou de ser o caso, o criterio establecido pola xurisdición para este permiso.

2.6. Vacacións desfrutadas no ano natural.

As vacacións están incluídas na carteleira anual de 1.504 horas.

A xornada programada nos días de desfrute das vacacións non computan para os efectos de xornada.

Realizarase o cómputo de xornada antes de fin de ano, preferentemente no mes de outubro, para determinar que se cumpre coa xornada ordinaria que realizará o profesional.

2.7. Días de libre disposición (LD) desfrutados no ano natural.

Os días de libre disposición que desfrutarán no ano en curso están incluídas na carteleira anual de 1.504 horas.

A xornada programada nas horas de desfrute dos LD non computan para efectos de xornada.

Realizarase o cómputo de xornada anual antes de fin de ano, preferentemente no mes de outubro, para determinar que se cumpre coa xornada ordinaria que realizará o profesional.

2.8 . Incapacidade temporal, permisos por nacemento, MAE e asimilados.

Computarase como xornada realizada a carteleira programada ata un máximo de 125,33 horas mensuais ou 1.340 horas anuais.

Nos casos de incapacidades temporais ou procesos derivados do nacemento longos, con carteleiras axustadas, no que o desfrute dos LD e vacacións supoña cómputos de xornada en negativo, estes serán compensados pola Administración.

2.9. Permisos desfrutados ao ano seguinte correspondente ao ano anterior.

2.9.1. Vacacións. As vacacións só se poderán desprazar nos supostos de non poder desfrutarse pola concorrencia de proceso de IT, nacemento ou asimilados legalmente.

Se o desprazamento é da totalidade das vacacións, restaranse da xornada ordinaria anual do ano no que se desfruten (1.340) as 122 horas correspondentes ás vacacións (1.218).

Na liquidación de xornada, que se realizará no ano seguinte, terase en conta o criterio xeral de non pagar como xornada complementaria os días non desfrutados no ano natural, de tal xeito que se desfruten no ano seguinte, restando as horas correspondentes da xornada ordinaria do ano no que se desfruten.

Se o desprazamento é parcial, aplicarase a proporcionalidade de acordo cos exemplos contidos no manual de xestión de cómputo de xornada en ausencias.

2.9.2. Días de libre disposición.

Xa que a normativa actual permite desprazar a totalidade ou parte dos días de libre disposición non desfrutados, descontaranse da xornada anual ordinaria, 1.340 horas, 7 horas por cada día pendente de desfrutar.

Na liquidación de xornada, que se realizará no ano seguinte, terase en conta o criterio xeral de non pagar como xornada complementaria os días non desfrutados no ano natural, de tal xeito que se desfruten no ano seguinte, restando as horas correspondentes da xornada ordinaria do ano no que se desfruten.

No caso de non desfrutarse os LD ao ano seguinte, liquidarase a xornada complementaria correspondente ao ano anterior.

3. Manual de cómputo de xornada en ausencias para PAC e comisión de seguimento ou grupo de traballo.

Dadas as múltiples incidencias que se poden dar na concorrencia dos permisos regulamentarios no cómputo de xornada en PAC, elaborarase un manual de xestión de cómputo de xornada en ausencias, que, de acordo cos criterios xerais establecidos neste acordo, conteña os exemplos máis habituais de incidencia de permisos e IT en cómputos de xornada.

Darase publicidade ao manual e os criterios recollidos neste trasladaranse ao programa informático de xestión de carteleiras coa finalidade de que a dita xestión sexa homoxénea para todas as áreas sanitarias.

Así mesmo, manterase o grupo de traballo constituído coa finalidade de resolver as dúbidas que poidan xurdir na súa aplicación inicial e elevaranse á Mesa Sectorial ou Comisión de Seguimento os criterios que se establezan no mesmo para a súa xeral aplicación e publicidade.

Certifícase como acordo anexo á acta asinada na mesa sectorial do 27 de marzo de 2026.

María del Mar Pousa Cobas, directora xeral de Recursos de Humanos (asinado electronicamente).